O venres 17 de outubro, ás 20:00 horas, na FNAC da Coruña (Praza de Lugo, s/n), preséntase a segunda edición de Salseiros, de Suso Lista, publicado en Edicións Embora. No acto, xunto ao autor, participan Gustavo Pernas e Miguel Toval.
Vigo: presentación de Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto
O venres 17 de outubro, ás 20:00 horas, na Libraría Cartabón (Rúa Urzaiz, 125) de Vigo, preséntase Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto, publicado en Xerais, nun acto que contará coa participación do autor e Manuel Bragado.
Antón Dobao: “O relato esixe exactitude, contención e disciplina literaria”
Entrevista de Carme Vidal a Antón Dobao en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Os relatos de As ilusións estrañas recrean o mundo da aparencia, dunha realidade normal na súa cotidianeidade que desemboca en episodios desacougantes.
– Antón Dobao (AD): A ilusión é unha palabra polisémica que reflicte ben o que conta o libro. Fai referencia efectivamente a esa primeira aparencia que ten a realidade, con moitas capas das que se ve só unha, fai referencia á ilusión óptica coa que os nosos sentidos se enganan e tamén á fantasía. Na miña escrita hai unha reflexión arredor da necesidade de tomar contacto co que está máis alá da aparencia, do que vemos. (…)
– SG: A condición humana é entón materia literaria privilexiada na súa escrita?
– AD: Os materiais para a construción literaria son múltiples e a maior parte deles inesperados. Son froito da observación e o contacto coa realidade alén da reflexión arredor da nosa condición como humanos, da nosa propia existencia. Supoño que é unha reflexión que moitos autores poden facer en relación coas experiencias máis íntimas. Son materiais moi diversos e procedentes de múltiples lugares, mesmo literarios ás veces, e xogos intertextuais. (…)
– SG: Desde 2008 non publica, mais neste tempo elaborou e dirixiu varios filmes. Como se relacionan na súa traxectoria a creación literaria e audiovisual?
– AD: Compleméntanse ben porque do que se trata é de contar. Proveño do mundo da literatura, como lector e escritor e a miña participación no cine ten moita relación con esa orixe. Síntome moi escritor cando fago o guión, dirixo ou monto unha película. Esas películas formaban parte dun proxecto que relacionaba a literatura, a lingua e o audiovisual. En todas as cinematografías do mundo vemos que a adaptación literaria é un recurso habitual e enriquecedor, as dúas creacións retroaliméntanse.
– SG: Algúns dos relatos son especialmente visuais. A linguaxe do cine meteuse na súa obra?
– AD: A estas alturas non se entende a escrita sen que as imaxes se aparezan como unha pantalla de cine ou televisión porque xa nacemos e nos educamos no cine. En certos relatos nótase de maneira especial desde o punto de vista formal no tratamento de personaxes, en planos superpostos, en escenas que se alternan, en multiperspectivas…”
Cuestionario Proust: Luís Rei Núñez
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Luís Rei Núñez:
“1.– Principal trazo do seu carácter?
– A perseveranza.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A bondade.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Nada.
4.– A súa principal eiva?
– A lentitude para a euforia.
5.– A súa ocupación favorita?
– Ler clásicos.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Unha nación de iguais.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Perder o sentido, ou a vista.
8.– Que lle gustaría ser?
– Mago profesional.
9.– En que país desexaría vivir?
– Neste, sen bispos nin franquistas.
10.– A súa cor favorita?
– O mar de Muros.
11.– A flor que máis lle gusta?
– A rosa.
12.– O paxaro que prefire?
– O paporrubio.
13.– A súa devoción na prosa?
– Eça, Tolstói, Pla.
14.– E na poesía?
– Rosalía, Machado, Yeats.
15.– Un libro?
– Guerra e paz.
16.– Un heroe de ficción?
– Jim Hawkins.
17.– Unha heroína?
– Lisbeth Salander.
18.– A súa música favorita?
– Beethoven e o Alalá das Mariñas.
19.– Na pintura?
– Vermeer, Velázquez, Klee.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Mandela.
21.– O seu nome favorito?
– Atlántico.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A petulancia.
23.– O que máis odia?
– O autoodio dos nosos.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Franco.
25.– Un feito militar que admire?
– A batalla de Stalingrado.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– O sentido da música.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Durmindo, sen dar traballo.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Entre a terra e o ceo.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Os que nacen do asombro.
30.– Un lema na súa vida?
– ¡Ollo á boia!”
Vigo: recital poético en homenaxe a Rosalía de Castro
Compostela: presentación de As ilusións estrañas, de Antón Dobao
Vigo: presentación de Anamnese, de Eli Ríos
Betanzos: recital poético con Manuel Álvarez Torneiro e Luís Rei Núñez
O xoves 16 de outubro, ás 20:00 horas, na Libraría Biblos (Rúa Santiago, 4) de Betanzos, terá lugar un recital poético coa participación de Manuel Álvarez Torneiro e Luís Rei Núñez, quen lerán poemas dos seus libros, publicados en Faktoría K, Os ángulos da brasa e Onde nunca é mañá, e Estrela do norte.
Xornadas Castelao. De onte a hoxe, os 16, 21 e 30 de outubro
Lalín: presentación de Zapatillas rotas, de Xabier Quiroga
O xoves 16 de outubro, ás 20:00 horas, no Salón de Actos do IES Laxeiro de Lalín, preséntase Zapatillas rotas, de Xabier Quiroga, publicada en Xerais. No acto, en que colabora a Libraría Vagalume de Lalín, participan, xunto ao autor, Uxío Grande, Celso Fernández Sanmartín e Manuel Bragado.