Preséntase en Arteixo, por primeira vez, un traballo colectivo e levado a cabo por un grupo de amigos que se xuntaron para render homenaxe ao poeta e tamén amigo Xosé María Díaz Castro, homenaxeado nas pasadas Letras Galegas.
A obra inédita do poeta é unha obra importante que conviña resaltar dalgún xeito. O grupo A Quenlla interpreta 15 poemas do autor, 13 novos e inéditos e dous dos máis coñecidos do seu libro Nimbos.
Apórtase un libro, obra de D. Alfonso Blanco Torrado, amigo persoal do autor e depositario da súa obra literaria, quen fai un percorrido pola súa obra e pola súa personalidade xenerosa e chea de humanismo. D. Xulio Xiz Ramil, amigo do autor e xornalista e coautor da recolla de imaxes e son, aporta un DVD en recorrido pola xeografía vital do autor recitando poemas propios e en conversa con outras persoas da súa contorna.
Todo este traballo amósase no “Concerto Didáctico” especialmente deseñado para Asociacións Culturais sen ánimo de lucro que queiran divulgar a obra poética e tan delicada de Xosé María Díaz Castro.
Estará o grupo A Quenlla e dará un concerto en directo. Estará tamén o autor do Libro, D. Alfonso Blanco, e falará da dimensión do autor en cuestión, e tamén o autor e director da recolla das imaxes e entrevista -D. Xulio Xiz-, que falará e será presentador, aportando algunhas imaxes que van no vídeo sobre Díaz Castro.
Farase en primicia en Arteixo, despois doutras seis exposicións en ámbitos culturais levados a cabo desde organismos oficiais, e será da man da A. C. Lisístrata, que xa asumiu en tempos un concerto (Mini e Mero acompañados por Saxa) e que da man de Ana Hermida, volve dirixir e estimular esta actividade cultural por estas terras.
O concerto será gratuíto, para todos os públicos e terá lugar o venres 10 de xullo, no Auditorio de Arteixo, ás 20:30 h. podendo reservar a entrada pola internet no enderezo lisistrata.asociacion@gmail.com
Comeza en Carballo o curso de verán Mocidade e lingua… non todo é fume
Desde
o Diario Cultural da Radio Galega:
Entrevista a Valentina Formoso no inicio do curso de verán Mocidade e lingua… non todo é fume. Pode escoitarse completa aquí.”
Vigo: actividades destacadas do xoves 9 de xullo na Feira do Libro
O
xoves 9 de xullo continúa a Feira do Libro de Vigo (na Rúa Progreso, xunto ao MARCO), con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados para este día:
– 19:00 h. Antonio García Teijeiro asina Detrás do horizonte, na caseta de Librouro.
– 19:00 h. Agustín Fernández Paz, asinará exemplares da súa obra, publicados por Xerais.
– 20:00 h. Silvestre Gómez Xurxo presenta De cristal, publicado por Xerais, coa participación de Ramón Nicolás e a actuación musical de Magoia e Paulo, de Treixadura.
– 21:00 h. Xabier Paz presenta A galera de Xelmírez, publicada por Xerais. Participará no acto, xunto ao autor, Camino Noia.
Letras de 2016: Manuel María
Desde
o Diario Cultural da Radio Galega:
“Crónica sobre o Día das Letras Galegas 2016, dedicado a Manuel María. Pode escoitarse completa aquí.”
Alberte Ansede: “Que se coñeza a obra de Manuel María e se visite a Casa Museo son obxectivos para o ano do Día das Letras”
Entrevista
de Carme Vidal a Alberte Ansede en Sermos Galiza:
“Se hai un espazo que deberá ser referente o vindeiro ano arredor da conmemoración do Día das Agardaban desde a Fundación que a Academia declarase a Manuel María como autor ao que se lle dedicará o Día das Letras Galegas do 2016?
– Sermos Galiza (SG): Agardaban desde a Fundación que a Academia declarase a Manuel María como autor ao que se lle dedicará o Día das Letras Galegas do 2016?
– Alberte Ansede (AA): Nin agardabamos nin deixabamos de agardar. Sabiamos que calquera das persoas propostas merecen a celebración das Letras Galegas e, posibelmente, a polémica xerada pola última decisión fixo que a Academia buscase unha persoa con potencial e consenso social para tentar restaurar dalgún xeito unha celebración ampla para as Letras Galegas. Recibimos a decisión moi serenamente e con total humildade, tratando de seguir o espírito de Manuel María que valoraba máis o que permanece no tempo que aquilo máis conxuntural e puntual. Como el dicía, o das modas é o máis efémero. Unha celebración como a das Letras ten que servir para afortalar o que permanece no futuro que é a presenza a súa obra na sociedade e non só unha homenaxe temporal.
– SG: A súa foi unha actividade intensísima, non só percorreu o país en distintas actividades senón promoveu unha morea de iniciativas no ámbito da cultura, desde a Nova Canción a propostas editoriais… Marcará esta condición tamén a dimensión da conmemoración?
– AA: No libro que publicaremos de Camilo Gómez Torres verase iso reflectido porque ten rexistrado como ninguén ese activismo cultural que sinala por data e lugar. Resulta impresionante. Nalgúns anos saen a unha media de dous actos por día fóra da súa localidade e hai que lembrar que el non dispuña de auto. Non puña condicións para nada e poderíamos velo non só en escolas senón nun teleclube, nun espazo cultural institucional, nunha entrevista de radio, nunha asociación de veciños… estaba en toda parte á que o chamaban e iso fai que sexa unha persoa moi querida. A súa desaparición recente fai que moita xente aínda o lembre e iso xunto con moitos lectores que recitaron e memorizaron os seus poemas fai que haxa esa identificación. O propio Convivio da Cultura Galega que se desenvolverá este sábado na Casa Museo será unha homenaxe do asociacionismo de base a súa figura.
– SG: A escritora Mercedes Queixas dicía que moita xente ía querer tentar devolverlle todo o que el deu este ano…
– AA: E a distintos niveis, un do asociacionismo cultural e outro da propia amizade. Moitas das visitas que temos son neste sentido, queren devolverlle a amizade, volver a quedar con el dalgunha maneira e chegan con grande familiaridade, relatando cantidade de episodios como se volvesen revisitar un tempo anterior. (…)”
Manuel Maria: Dia das Letras para um defensor do reintegracionismo
Desde
o Portal Galego da Língua:
“(…) Como já aconteceu em 2012 com Valentín Paz-Andrade, o Dia das Letras de 2016 será dedicado a umha pessoa que defendeu em vida a valia das teses reintegracionistas. (…)
No caso do escritor da Terra Chã, a defesa das teses reintegracionistas nom ficou apenas como declaraçom de intenções, pois publicou três poemários seguindo a normativa da Associaçom Galega da Língua (AGAL), constituída em 1981: Versos do lume e o vaga-lume (1983), A luz ressuscitada (1984) e Oráculos para cavalinhos-do-demo (1986). Precisamente, A luz ressuscitada levou o carimbo da AGAL, pois esta obra inaugurou a coleçom ‘Criaçom’ da editora da AGAL. (…)
Estas obras vírom a luz na década de oitenta. A própria RAG reconhece que nesta etapa literária Manuel Maria publicou «o seu mais rico córpus poético» e indica também que se envolveu «ativamente» em antividades de entidades como a AS-PG ou a AELG.”
Marea teatral: catorce compañías ingresan en “Escena galega” nunha “acción colectiva”
Reportaxe
en Sermos Galiza:
“Chévere, Voadora, Pisando Ovos, Il Maquinario, Redrum, Inversa Teatro, A Panadaría, Borja Fernández, Artesacía, Aporía escénica, Funboa Escénica, Bocaberta, Lamacana e Traspediante decidiron formar parte de Escena Galega ao tempo, nunha “acción colectiva” que definen como un “fito na traxectoria do teatro galego” de cara á confluencia teatral. Afirman querer sumarse así “ao pulo das mareas cidadás que están revolucionando o panorama teatral galego”.
A acción responde á que cualifican como “crítica” situación do sistema escénico galego, cun modelo de subvencións “obsoleto e inoperante”, continuos recortes e o desmantelamento da Rede Galega de Teatros e Auditorios. “Por tanto, para reconstruír o sistema escénico galego, dar respostas fronte á crise e dotarnos dunha cultura viva, participativa e con futuro, comezamos por fortalecer o espazo asociativo profesional”, afirman, nun comunicado pendurado na páxina de algunhas das compañías no que anuncian a vontade de “cociñar proxectos ilusionantes en común”.
Confían en aproveitar a oportunidade dos novos gobernos municipais e deputación para “levar adiante as políticas necesarias para superar a crise que o goberno da Xunta foi incapaz de deseñar e xestionar”.
Escena Galega, que agrupa a grupos de teatro, danza, circo e títeres, suma agora 33 compañías. A recén nomeada directiva composta pola presidenta de Escena Galega, Belén Pichel (Abrapalabra); a vicepresidenta, Merce Castro (Eme2); o secretario, Xoque Carbajal (Malasombra); o tesoureiro: Tatán Cuña (Tanxarina); e os vogais Xesús Ron (Chévere), Areta Bolado (A Panadaría) e Artur Trillo (Talía) convocaron a unha roda de prensa en Compostela a terza feira -Teatro principal ás 11:30 horas- para presentar os seus obxectivos e a estratexia que deseñan para acadalos. Entre os fins que se marca Escena Galega está “reconstruír o sistema escénico galego e sacalo da súa crítica situación actual, plantexar un novo modelo de subvencións e abrir novas dinámicas de traballo entre as compañías”.”
Eli Ríos: “Luces e sombras no diario”
Artigo
de Eli Ríos na Plataforma de Crítica Literaria A Sega:
“Achegarse á lectura dun diario é complexo. Máis aínda se nos fala dunha enfermidade que, a día de hoxe, continúa roubándonos momentos coas compañeiras e amigas porque as quendas, para esta viaxe, non van pola toca, van pola leva.
No Diario da luz e a sombra a mesma diarista, María Victoria Moreno, convértese nesa personaxe literaria que proxecta unha forma de entender o mundo entre o íntimo e o público: a intimidade do monólogo que as demais escoitan… e debullan! Desde a primeira páxina! A autora vainos procurar e ” obrigarnos” a participar porque estas liñas “O meu desexo sería que, xa feitas libro, caesen nas mans de persoas que padecen cancro que que lles servisen para coller azos” e “a quen non teña ningunha relación co cancro e lea este diario, quero dicirlle que é mortal -amólate, curioso lector-“(p. 15). E entramos nese proceso de escrita (sen as regras tan estrictas como poden ter outros xéneros), nesa escusa de caracter aleatorio e inmediato que realiza o truco de maxia para transfomar o invisible en visible grazas á complicidade porque “o meu descubrimento é que, compartindo ledicias, todos os que entramos no reparto tocamos a máis” (p. 89). Si, querida persoa lectora, “ledicias” porque o cancro de mama é unha enfermidade que afecta, neste caso, a unha muller, non a define. Así, a través das páxinas, coñecemos “a filla que calquera nai desexaría ter”(p. 103), a cadeliña Alma que comparte as súas dores, as cartas de Pedro Ferriol que lle chegan desde o outro lado do océano, etc Unha vida completa que a autora nos vai mostrando cómo mirar desde todos os prismas posibles: os días que se encontra mellor, os días que a dor a posúe, os días que ten que facer un esforzo inxente para dirixirse cara o seu traballo ou o día que descobre que un viño cos amigos cura moitos padecementos. Todos os anaquiños que acaen á perfección para formar o todo.
A luz é un elemento fundamental neste diario pero tamén hai sombras. E para elas ten reservadas unha arma moi potente: o humor. O cotiá dos procesos médicos mostran unha beleza afectiva que nos sorprende (e axuda a relativizar moitas cousas). Coa mestría dunha fascinante narradora, nas primeiras páxinas descubrimos que na sala da quimioterapia “había un paisano que flipaba por min”(p. 40) e queremos saber máis. O diario dosifica os tempos, as sombras e os soños de montar unha granxa de vacas desde as butacas do hospital. E a historia evolúe cos retallos daqueles que saben que ” o cancro no é un regalo. É, falando claro, unha putada”(p. 21)” e enceréllase coa imaxe no espello, coas lembranzas do pasado, coas promesas de futuro desde Cuba, coas aventuras dos seus alumnos ou descubrimentos como ” agora vexo que fixen o ridículo preocupándome polo que podía ser e non foi”(p. 74). (…)”
Entrevista a Charo Lopes no Diario Cultural
Desde
o Diario Cultural da Radio Galega:
“Entrevista a Charo Lopes, gañadora do Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño co libro De como acontece a fin do mundo. Pódese escoitar completa aquí.”
Entrevista a Helena Villar Janeiro
Entrevista
a Helena Villar Janeiro na revista Palavra Comum:
“(…) – Palavra Comum (P): Que é para ti a literatura?
– Helena Villar (HV): Despois de pensar tantos anos neste tema, hoxe considero que a literatura é un poder que me foi configurando como son e que forma xa parte de min. Xa que logo, vén a ser a mellor forma de expresar os contidos das miñas emocións, dos meus soños e da miña consciencia, e tamén a de facer calquera manifestación á que lle queira dar un relevo de estilo. Mediante o seu gozo primeiro e da creación despois, a literatura sumoume ao herdo que foi elaborando a humanidade, moi particularmente o meu pobo, a través das palabras máis creativas e menos suxeitas ás necesidades elementais da comunicación. O feito de ter traballado coa literatura asiduamente aínda que non fose a miña profesión -á que tamén me entreguei todo o que puiden- marcoume o xeito de me situar fronte á vida e fronte a min mesma. Éme moi difícil ver momentos e situacións sen facelo cos ollos da escritora. Non me dou subtraído á tentación de escoitar unha conversa como se estivese ante un diálogo narrativo nin de vivir unha situación de tensión emocional, propia ou allea, que non se encadre na atmosfera na que se desenvolve a lírica. Por un lado, isto convértese nunha forte imposición á que cada vez me resisto menos, pero tamén é nunha fonte de riqueza gorentosa e de distanciamento útil para mirar as cousas con perspectivas diferentes, para enfrontarse a unha e ao mundo doutra maneira. A experiencia pasou de ser preocupante a ser interesante.
– P: Como entendes o processo de criação artística e literária?
– HV: Traballo sempre moi motivada e simultaneando cousas que podo ou debo compaxinar. Son constante, pero tamén podo abandonar proxectos iniciados con interese, ou cando menos, pospoñelos para entregarme a outros que me urxen desde dentro ou que me solicitan desde fóra. Crear esixe unha dose de disciplina, máis dura para a narración que para a lírica, e tamén precisa dun oficio de estilo acumulativo que hai que ir conquistando día a día. Sempre estou disposta a ser crítica co que fago, polo que non escatimo tempo para reler e rescribir todas as veces que considero precisas nin para deixar que repouse o suficiente aquilo que dei por acabado. Sei que é necesario superar con distancia os momentos intensos do feito creativo para enfrontarse á obra con menos carga de proxección que a que se acumulaba no momento de escribila. Se aguanta a merma de carga emotiva, pode considerarse aceptablemente terminada. (…)
– P: Que caminhos (estéticos, de comunicação das obras com a sociedade, etc.) estimas interessantes para a criação literária hoje -e para a cultura galega, em particular-?
– HV: Estamos vivindo cambios transcendentais aos que non é allea a literatura, que debe convivir tamén co fenómeno da rede. Vivimos unha democratización da literatura que aumenta o número de cultivadores, posto que poden publicar os seus textos, e dos lectores, que nos obriga a adaptar mellor ás mensaxes ao medio, por exemplo coa ilustración que atrae a vista e coa dimensión que chama á lectura. O uso que eu fago da literatura complementada coa imaxe está destinada ás redes. A cultura galega non pode quedar á marxe destes cambios. Xa perdemos trens dabondo. Pero é moi estimulante comprobar que as creadoras e os creadores galegos son conscientes deste feito e están facendo un bo traballo en todos os niveis. (…)”