Encontros da Federación Galeusca: Barcelona, 2014

O sábado 4 de outubro terá lugar en Barcelona (Ateneu Barcelonès. Canuda, 6), a reunión anual da Federación de Asociacións de Escritores/as (Associació d’Escriptors en Llengua Catalana, Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e Euskal Idazleen Elkartea), co apoio de CEDRO (Centro Español de Derechos Reprográficos).
A delegación da AELG estará composta por Cesáreo Sánchez Iglesias, Mercedes Queixas Zas, Ledicia Costas e Suso de Toro; a delegación vasca por Jasone Osoro, presidenta EiE), Maite Toledo e Yolanda Arrieta.

PROGRAMA

11:00 h.
Presentación do estudo realizado polo CoNCA: 36 propostas para a mellora da condición profesional no mundo da cultura, a cargo do bufete de avogados Brun & Guiu: Joan Antoni Borrell Alonso (temas laborais), Lluís Brun Menéndez (temas de contratación e propiedade intelectual) e Josep Guiu Badia (temas fiscais).
Intervención por parte das tres asociacións sobre os temas do estudo (temas do ámbito tributario, laboral, contractual e formativo).

16:00 h.
Presentación do estudo Escribir en catalán: estado da profesionalización. Os efectos da crise económica sobre o colectivo de escritores, a cargo dos sociólogos autores do estudo: Marc Aguilar e Lluís Mangot.
Problemas da profesionalización nas letras vascas e galegas a cargo dun representante de cada asociación.

18:30 h.
Asemblea anual da Federación Galeusca.

19:30 h.
Actuación de Maria del Mar Bonet con Borja Penalba.

As asociacións de escritoras e escritores en catalán, éuscaro e galego formaron a Federación Galeusca o 15 de xuño de 2008, en Poblet, coincidindo co 25 aniversario da reunión anual Galeusca creada para establecer relacións entre os creadores/as de obras literarias na tres linguas minorizadas de España. O obxectivo da súa creación é que as tres asociacións teñan un instrumento legal para a coordinación e a acción conxunta, e tres anos despois, a Federación Galeusca converteuse nunha ferramenta que é esencial para a afirmación da profesión e combater a invisibilidade social dos escritores/as nas tres linguas.

A creación da Federación permitiu establecer cinco obxectivos claros:

1. A representación, a promoción e a defensa dos escritores e escritoras en linguas catalá, galega e vasca.
2. A coordinación das accións en vista a unha maior eficacia na defensa dos dereitos profesionais en todos os seus aspectos.
3. A actuación conxunta ante organismos e institucións da administración pública, tanto no ámbito estatal como autonómico e europeo, e aquelas de carácter privado en calquera destes ámbitos.
4. O impulso da normalización do feito literario nas súas diversas manifestacións, da profesión de escritor e escritora e do uso social e creativo das linguas.
5. O fomento das relacións con outras Federacións ou Asociacións que representen os intereses de escritores e escritoras, así como aquelas que agrupen ás empresas ou axentes que vehiculan a difusión e a comunicación da produción literaria en todos os seus xéneros.

Outeiro de Rei: Diálogos coa obra de Manuel María na Casa de Hortas

Manuel María Manuel Maríafaría 85 anos o vindeiro 7 de outubro e a Fundación que leva o seu nome, presidida pola súa viúva, Saleta Goi, conmemorará a efeméride o sábado 4 de outubro cunha xornada de irmandade na que foi casa natal do escritor, en Outeiro de Rei, hoxe convertida desde hai algo máis dun ano en Casa-Museo. Diálogos coa obra de Manuel María na Casa de Hortas é o nome da xornada de irmandade das amigas e amigos da Fundación Manuel María que se celebrará a partir das 11 da mañá do sábado 4 no auditorio -antiga palleira -da Casa de Hortas, no corazón da vila de Outeiro.
A Fundación Manuel María ten o obxectivo de instituír, de aquí en adiante, con carácter anual este encontro arredor da data do nacemento do poeta, con vocación de o converter en espazo de encontro e diálogo das amigas e amigos da Fundación, para dar conta da actividade fundacional desenvolvida cada ano e abrir ao debate a elaboración de novas propostas e iniciativas a desenvolver no futuro.

Eis o programa da xornada:
11:00 h. Encontro de amigas e amigos da Fundación Manuel María de Estudos Galegos. Información sobre a actividade da Fundación e iniciativas para o 2015, a cargo de Alberte Ansede (Secretario da Fundación)-
11:30 h. Coloquio e propostas.
12:00 h. Segredos da Casa Museo Manuel María (unha visita para descubrir algúns dos fondos máis valiosos da Casa-Museo).
13:00 h. Presentación das últimas publicacións da Fundación (Sonetos á Casa de Hortas e Correspondencia entre Manuel María e Ramón Otero Pedrayo), a cargo de Xosé Ramón Freixeiro Mato, Estefanía Mosquera Castro e Xosé Manuel Sánchez Rei, responsábeis das edicións (as persoas que asistan ao acto recibirán un destes libros editados pola Fundación e un exemplar do Terra Chá editado pola Irmandade dos Vinhos ou polo xornal chairego Terra Chá Xa!).
14:00 h. Peche do acto.
14:30 h. Xantar de irmandade.
17:00 h. Visita guiada á Lagoa de Cospeito e lectura de poemas de Manuel María.

A Bandeira lembra a Ramón de Valenzuela no seu centenario

DesdeRamón de Valenzuela Sermos Galiza:
“O venres 3 de outubro, ás 20:30 horas, terá lugar no Salón de Actos do Centro Cultural “Vista Alegre” da Bandeira a conmemoración do centenario do escritor Ramón de Valenzuela, autor, entre outras, das obras Non agardei por ninguén e Era tempo de apandar, pioneiras no tratamento literario do golpe militar do 1936.
Unha mesa redonda na que participaran os investigadores Xosé Manuel Maceira e Xoán Carlos Garrido Couceiro moderada por Matías Rodríguez da Torre achegarase á figura do escritor despois do saúda da presidenta da A. C. Vista Alegre, Dolores Sangiao, e a presidenta de Adellis, Rosa Fernández. Unha proxección sobre o autor ademais da interpretación dun fragmento da súa obra continuarán o programa antes do peche da xornada no que intervirán o escritor Xosé Neira Vilas e o fillo do autor José Ramón Valenzuela.”

Ponte en forma (poeticamente) no Ximnasio de Academo de Manuel Forcadela

DesdeManuel Forcadela BiosBardia:
“O escritor, crítico e investigador literario Manuel Forcadela, mantén unha das páxinas web máis interesantes das dos nosos creadores. N’O Ximnasio de Academo pode lerse poesía a diario e tamén descargar o último libro do autor: Nunca se sabe.
Manuel Forcadela é un dos nomes da literatura galega que máis rápido entendeu a relación que se podía crear entre a informática e as letras. Seguindo a longa tradición das máquinas que escriben, ideou algúns programas que experimentaban sobre a poesía automática. (…)
O espazo de Forcadela na rede ten unha clara vocación literaria, concretamente poética. Aínda que moitos dos textos que aparecen son diarios de viaxe, álbumes fotográficos ou reflexións non necesariamente relativas ás letras, o corpo central, a esencia que move o Ximnasio é a poesía. Especialmente a través da creación. O escritor publica directamente textos inéditos, o que lle dá unha substancia especial ao visitante que esculque. “eu son, dixo por fin/ a escura pega ida,/ a ave que alimenta as néboas na distancia” (do poema “portrait of a lady”); “Un vintetrés de outubro, alá polo ano catro,/ Na lancha de vapor chamada María Pita/ Na grata compañía de Oxea, de Carré,/ Do outono e de Murguía,/ Manuel Curros Enríquez embarca para o ocaso” (do poema “Embarque para Citerea”).
Forcadela, tras varios anos de publicación, tivo tempo de ensaiar diferentes estilos e temas mais son varias as constantes que van discorrendo verso tras verso ano tras ano. O gusto pola palabra: a degustación do adxectivo. A voz vocativa, que envolve o lector no universo lírico, que pasa a ser así coma unha buguina na que o escritor proxecta o eco da súa intimidade.
Nas pasadas semanas, o autor deu un paso máis no seu blog poético. A publicación en liña e de balde de Nunca se sabe é unha moi boa oportunidade para aqueles interesados na poesía en achegarse ao universo de Forcadela. E a resposta lectora a este seu traballo tamén lle ha valer a el para calibrar se hai vida para a poesía fóra das canles canónicas do libro e as editoriais.