Pechan as editoriais O Figurante e Emerxente, entrevista con Alberte Momán

EntrevistaAlberte Momán de César Lorenzo Gil a Alberte Momán en BiosBardia:
“As editoriais O Figurante e Emerxente, dedicadas maioritariamente a publicar poesía en galego, pechan. Así o comunicou o responsable de ambas, o editor, innovador e escritor Alberte Momán o 8 de xuño. A incapacidade de manter un diálogo estable cos lectores e a imposibilidade de manter economicamente os proxectos son as principais causas para a fin da traxectoria dos selos.
“Para proxectos como os meus, de poesía, non hai un público que lea voluntariamente, ou é moi reducido. Só se venden libros nas presentacións, cando hai público, o que obriga a estar facendo desprazamentos constantes que non son compensados economicamente coas vendas”, explica Momán para ilustrar a dificultade de manter un proxecto estable de publicación poética.
“Non hai lectores nin lectoras. Moita xente está máis preocupada en escribir que en ler, o que di moito das súas producións”, engade Momán, quen considera imposible manter proxectos editoriais coma estes sen ese diálogo cos receptores. “Non é un problema unicamente de distribución porque tampouco temos boas vendas directamente pola internet”.
A distribución é outro dos factores que provoca o final de Emerxente e O Figurante. “En Galiza non existen distribuidoras pensadas para este tipo de proxectos. As que aceptan editoras pequenas non pagan os libros vendidos. A maiores, o seu funcionamento é sempre deficiente, especialmente na xestión dos exemplares distribuídos e da recepción nas librarías”, di.
Sobre as librarías, Momán é crítico tamén. “Realmente hai poucas librerías que vendan libros de editoras pequenas. Os libreiros e libreiras, en moitas ocasións, descoñecen a súa existencia. Se tivera que contar as librerías que, en todo o país, teñen un mínimo interese por este tipo de proxectos, posiblemente sobrarían os dedos de ambas mans”. E destaca: “Unha vez que se asume a distribución propia, resulta verdadeiramente complexo que algunhas librarías cheguen a declarar libros efectivamente vendidos para proceder á liquidación destes”.
O editor recorda as deficiencias que ten arestora a difusión da literatura en galego. “Non temos un sistema literario maduro e crítico. A información cultural case non existe e a que existe non chega. A moitos promotores culturais, se non todos, e aos que din defender a cultura nacional, este eido, en concreto, non lles interesa”.
Como aprendizaxe, Alberte Momán salienta a necesidade de coñcer realmente os custos de produción de proxectos pequenos en temas como o ISBN, a maquetación e a impresión en tiraxes que logo son pequenas. Tamén subliña a imposibilidade de atinxir mercados foráneos aínda no suposto de separar a produción (que se faría en Galicia) e a impresión (que se ha facer no país de recepción). “Os custos son demasiado elevados”.
De cara ao futuro, o editor e escritor coida que cómpre unha concienciación xeral entre o lectorado e os axentes da cultura galega sobre que dimensión real queremos para a literatura propia. “Cómpre normalizar a poesía pero antes cómpre formarnos para sermos lectores e cidadáns maduros”. (…)”

Unha edición de só cincuenta exemplares de balde para quen merque un libro

Desde Alberte Momán Sermos Galiza:
“Editora Emerxente e O Figurante propoñen unha nova oferta editorial para convidar a mercar libros na súa tenda. Publican un libro cunha tirada de só medio cento de exemplares que, por riba, non se pode mercar nin en libraría nin na loxa. A única maneira de se facer con As mil horas, o caderno de poemas de Alberte Momán é realizando unha compra na tenda do Figurante o antes posíbel xa que a oferta está vixente só até esgotar existencias. O catálogo está a dispor na súa tenda virtual. (…)”

José Alberte Corral: “Nengum poeta galego com empatia e raizames com os humildes pode deixar de constatar a dor e o sofrimento em que estám mergulhados”

EntrevistaJosé Alberte Corral Iglesias a José Alberte Corral no Portal Galego da Língua:
“(…) – Portal Galego da Língua (PGL): Afirma Xulio López Valcárcel no prefácio que Gume de Navalha é «um desabafo nascido da “necessidade”». É tanto assim?
– José Alberte Corral (JAC): É. Gume de Navalha nasce da necessidade de me objetivar na veracidade existencial em que me encontrava nos momentos da sua escrita. Na iniludível olhada às esperanças, derrotas, vivências, experimentadas por mim desde as mais fundas cicatrizes que me conformam.
– PGL: Mais umha vez, o neoliberalismo selvagem e o imperialismo som alvo das tuas críticas, e um dos termos que mais se repete no texto é «infámia»…
– JAC: O neoliberalismo é em si mesmo a barbárie mais absoluta em que estamos envolvidos. É a ferramenta ideológica, política e económica do imperialismo anglo-sionista com a qual nom só nos escravizam, senom que também nos conformam na resignaçom e na cegueira. Infámia é a palavra com que descrevo a realidade perversa em que nos mergulham e ainda se chacoteiam de nós. Através dessa expressom pocuro dar um urro de arrebato pola nossa dignidade em tanto que povo e em tanto que classe. (…)
– PGL: A voz lírica de Gume de Navalha afirma que a sua vida decorreu «a golpes de cinzel». É umha mensagem autobiográfica?
– JAC: Todo ser humano existe nom só por razons biológicas, senom também por razons sociais e culturais. Somos em tanto que conhecemos e produzimos. Para conhecer é precisa a «palavra», é o instrumento que nos permite fazê-lo. E estes apetrechos venhem-nos dados de graça polos homens e mulheres que nos precedêrom e com os quais convivemos. Só podemos ser em tanto que é com os demais e nos demais; se nom, nom pode ser.
O que som atualmente é como conseqüência das minhas experiências com os outros e nos outros, das minhas vivências. Por razons que nom venhem ao caso, conhecim grandes traiçons e extraordinárias generosidades. O vivido, o compartido com os demais no transcurso do tempo fai-me ser o que som hoje, e isto manifesta-se na minha poesia e muito mais em Gume de Navalha, que é um livro de olhadas e de reflexons sobre o sonhado e vivido. (…)”