Ferrol: actos destacados do sábado 14 e domingo 15 na Feira do Libro

O sábado 14 e domingo 15 de xuño finaliza a Feira do Libro de Ferrol (na Praza da Constitución), con horarios de 11:00 a 14:30 h. e de 17:30 a 21:30 h., cos seguintes actos literarios destacados para eses días:

Sábado 14
12:00 h. Firma de Xaquín Marín e Gabriel Tizón na caseta de Central Librera.
13:30 h. O actor e escritor Pepablo Patinho presenta o seu álbum infantil 321, publicado por Edicións Embora.
18:30 h. Un paso (sempre) adiante! Actuación musical do dúo formado por Héctor Lorenzo e Santi Cribeiro, arredor de poemas galegos de diversa autoría.
20:30 h. Presentación do libro – disco Tanto encanto reunido, de Berros do Castro, publicado por Edicións Embora.

Domingo 15
13:00 h. Firma de Ramón Loureiro na caseta de Central Librera.

Vigo: presentación de Chamádeme Eva, de Mercedes Leobalde

O sábado 14 de xuño, ás 20:30 horas, na Asociación Cultural Bou Eva de Vigo (Rúa Terzo de Afora, 11), preséntase Chamádeme Eva, de Mercedes Leobalde, publicada pola A. C. Caldeirón, e que obtivo o VII Certame de poesía erótica Illas Sisargas. No acto participa, xunto á autora, Paco Souto e María José Pérez Carreira.

Ferrol: actos destacados do venres 13 na Feira do Libro

O venres 13 de xuño continúa a Feira do Libro de Ferrol (na Praza da Constitución), con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:30 h., cos seguintes actos literarios destacados para ese día:

11:30 h. Charla coloquio de Xavier Alcalá arredor do seu libro Viaxes no País de Elal. A Patagonia das aventuras, publicado por Galaxia.
19:00 h. Presentación do libro disco Brinca vai!, de Paco Nogueiras, con ilustracións de David Pintor, publicado por Kalandraka.

Propostas con premio: Escarlatina. A cociñeira defunta de Ledicia Costas, premio Merlín de Literatura Infantil 2014

Entrevista de Ramón Nicolás a Ledicia Costas en Caderno da crítica:
“(…) – Ramón Nicolás (RN): Supuxo algún cambio de perspectiva, como narradora, abordar a redacción desta novela?
– Ledicia Costas (LC): Máis que un cambio de perspectiva coido que supuxo unha escrita máis fiel co meu propio imaxinario. Sempre fun unha namorada do mundo macabro e había xa tempo que tiña ganas abordar esta temática.
– RN: Como xurdiu a idea dese xuntoiro entre un receitario e un texto narrativo?
– LC: Pareceume atractivo escribir unha obra que ofrecese dúas lecturas diferentes, pero ao mesmo tempo integradas unha na outra. É un libro co que os nenos e nenas van poder interactuar. Ademais da aventura que se relata, poderán empregalo como receitario e elaborar os seus propios pratos. Cando ideei o libro pensei que ese tipo de deseño era un valor engadido para a obra. (…)
– RN: Boa coñecedora da realidade e das perspectivas de futuro da LIX galega e, como parte activa dela, cal é a súa valoración do momento que arestora atravesa?
– LC: Coido que en Galicia estase escribindo LIX de moita calidade. Ademais, temos a fortuna de contar con mediadoras e mediadores moi implicados. A LIX é un xénero fundamental, porque no seu público temos a oportunidade de gañar lectores e lectoras para o futuro.
– RN: Que supón, finalmente, recibir este galardón para a súa particular traxectoria como narradora?
– LC: Supón a máis grande recompensa. Sempre o considerei o premio de literatura infantil galega por excelencia. Pero tamén implica unha grande responsabilidade, xa que é un galardón cunha nómina de gañadoras e gañadores aos que respecto e admiro.