Compostela: actos relacionados co Día das Letras Galegas no Conservatorio Profesional de Música
Entrevista a Xosé Vázquez Pintor, por Camilo Camaño Xestido
Pontevedra: presentación de Conciencia política e literatura galega en Madrid (1950-2000), de Ana Acuña
O mércores 14 de maio, ás 20:00 horas, na Casa das Campás (R/ Don Filiberto, 9-11), en Pontevedra, preséntase Conciencia política e literatura galega en Madrid (1950-2000), de Ana Acuña, publicado en Xerais. No acto, coorganizado co Ateneo de Pontevedra, participan, xunto á autora, Xesús Alonso Montero, Daniel Pino e Manuel Bragado.
Ferrol: presentación de Río Alzheimer, de Carlos Pereira
A Coruña: Xosé Ramón Freixeiro Mato no programa Recendo, en CUAC FM
O martes 13 de maio, no programa de radio Recendo da A. C. Alexandre Bóveda, transmitido en CUAC FM, estará como convidado Xosé Ramón Freixeiro Mato, que falará sobre o seu libro Estilística da lingua galega, entre outros apartados. O programa, que se emite todos os martes de 19:00 a 20:00 horas, pódese escoitar no 103.4 FM na comarca da Coruña, e en directo en internet, na web da emisora, pulsando o botón En directo. En diferido, pódense escoitar todos os programas xa emitidos, en Recendo blog.
Cento sete orixinais compiten nos Premios Xerais 2014
“Este ano 2014 compiten un total de 107 orixinais para os Premios Xerais 2014: 39 na XXXIª edición do Premio Xerais de Novela, 24 na VIª do Premio Jules Verne e 44 na XIXª do Premio Merlín.
Os xurados declararán as obras finalistas na súa primeira reunión, que se celebrará o venres, 30 de maio. Os premios serán fallados o sábado 7 de xuño na illa de San Simón.
O xurado da XXXI edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 10.000 euros e no que concorren trinta e nove obras, está formado por: Avelina Rodríguez Gil (Profesora), Susana Pedreira Buján (Xornalista), Montserrat Dopico (Xornalista), Marta Fernández Alberte (Profesora), Benxamín Rioboo Sanluís (Libreiro) e Fran Alonso (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto.
Neste ano 2014 recuperamos o Premio de Literatura Xuvenil grazas á colaboración de Ámbito Cultural-El Corte Inglés.
O xurado da VI edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil, dotado con 10.000 euros e no que concorren vinte e catro obras, está formado por: Cristina Novoa Fernández (Asesora de Bibliotecas Escolares da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria), Dolores Sans Boga (Profesora), Mariña Castro Fontao (Alumna de 3º da ESO), Minia Monteagudo Vilavedra (Alumna de 4º da ESO), Sabela Salgueiro Couto (Alumna de 1º de Bacharelato) e Xosé Manuel Moo Pedrosa (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto.
O xurado da XXIX edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros e no que concorren corenta e catro obras, está formado por: Eulalia Agrelo (profesora e Presidenta de ELOS-Galicai), Romina Bal Botana (licenciada e filoloxía galega e blogueira), Nuria Díaz Berride (Ilustradora), Miguel Vázquez Freire (profesor), Mª Isabel Vázquez Rosales (mestra) e Helena Pérez Fernández (secretaria do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto.
Os dous xurados determinarán as obras finalistas na súa primeira reunión, o venres 30 de maio, e as gañadoras, na segunda, a celebrar o sábado 7 de xuño. A festa de fallo dos premios terá lugar ese mesmo día na illa de San Simón grazas á colaboración da Xunta de Galicia que cede as instalacións da illa.”
Carballo: actividades de Contos de taberna
Continúa en Carballo a actividade, organizada polo Concello, dos Contos de taberna, co seguinte programa para esta semana:
– Martes 13 ás 20:00 horas, na Pedra, Paco Souto e Emi de las Heras.
– Mércores 14 ás 20:30 horas, na Bombonera, Xosé Antonio Andrade.
– Xoves 15, ás 20:30 horas, no Bodegón O Pescador, María Canosa e O’Mighelo no Bodegón o Pescador (xoves 15).
Até o 17 de maio, Día das Letras Galegas, as persoas que acoden a un dos 14 bares participantes no proxecto e fan un gasto mínimo de 15 euros -ou completar un vale de tres almorzos no caso das cafetarías-, levan de agasallo o texto e a ilustración propia dese bar (cada un dos bares ten o seu relato, e a súa ilustración, personalizados).
Oriana Méndez gaña o XVII Certame de Poesía Concello de Carral
“Oriana Méndez, coa súa obra O que precede a caída é branco resultou gañadora do XVII Certame de Poesía Concello de Carral.
O xurado escolleu esta obra pola unidade de contido e forma, na qua se detecta que foi concibida como un todo, tendendo fíos entre a macroestrutura e os versos. O libro conta cunha linguaxe moi coidada e suxestiva prestando especial atención ao feche dos poemas. A autora crea un espazo lírico cheo de luz e establece numerosos xogos metaliterarios con diferentes escollas plásticas e artísticas. Así mesmo debemos destacar o traballo de tensión-distensión poética e o ritmo.
O xurado estivo formado por Dores Tembrás, Olga Patiño Nogueira e Eli Ríos, baixo a presidencia da Concelleira de Cultura, Isabel López Pérez, e asistidos en calidade de secretario, polo técnico municipal de Cultura e coordinador do premio, Carlos Lorenzo Pérez. Ao certame presentáronse un total de 36 libros. O premio de Carral está dotado con 2000 euros e a publicación da obra.
O acto de entrega do premio terá lugar o 30 de maio, na Casa da Cultura de Carral, dentro da programación de Letras Galegas 2014. O mesmo acto servirá para a presentación do poemario que gañou na pasada edición, Cronoloxía da urxencia, de Dores Tembrás. Para a publicación do libro o Concello de Carral contou coa colaboración económica da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia.”