Montse Dopico, unha das cinco finalistas do Premio AELG á mellor traxectoria de Xornalismo Cultural

Os premios da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega chegan á décimo quinta edición. As obras finalistas, publicadas en 2013, foron escollidas polos 437 socias e socios da AELG, que nunha segunda fase tamén decidirán as gañadoras, que se darán a coñecer na Gala das Letras, que terá lugar o 3 de maio no Teatro Principal do Concello de Pontevedra.
Tras os votos emitidos na primeira quenda, quedou como unha das cinco persoas finalistas do premio á Mellor traxectoria de Xornalismo Cultural en 2013 Montse Dopico (a foto é de Caroline Maia).

Betanzos: presentación de Politicamente incorreta, de Teresa Moure

A cuarta feira, 23 de abril, ás 20:00 horas, na Libraría Carricanta de Betanzos (Rúa Doutor José Fariña, 1), preséntase Politicamente incorreta. Ensaios para um tempo de pressas, de Teresa Moure, publicado en Através Editora.

Compostela: conferencia Expedicións científicas reais e imaxinarias, por Marilar Aleixandre

O mércores 23 de abril, ás 19:00 horas, na Biblioteca Pública Ánxel Casal (Avenida Xoán XXIII, s/n) de Santiago de Compostela, Marilar Aleixandre, pronunciará a conferencia Expedicións científicas reais e imaxinarias, dentro do programa de charlas de Inspiraciencia.
“A curiosidade pola exploración de lugares descoñecidos guiou sempre os naturalistas. Dende Plinio que morreu no século I por achegarse ao volcán Vesuvio, as viaxes a selvas, illas, mares, o Ártico, os desertos ou a Lúa ampliaron o coñecemento sobre a natureza, aínda que serviron tamén a outros intereses. Falaremos dalgunhas expedicións reais, doutras imaxinarias (como a dos personaxes de Verne ao centro da Terra) e das que están a medio camiño entre o real e o inventado.”

Xabier López: “Non podemos confundir o canon coa lista dos máis vendidos”

Entrevista de César Lorenzo Gil a Xabier López en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): Cadeas é unha novela cunha estrutura que pon en cuestión o propio concepto de novela. Varios relatos van saíndo coma ponlas dun esquelete central: o encontro dun escritor cunha parella de lectores. De onde xorde esa estratexia narrativa?
– Xabier López (XL): Dunha reflexión vital que se fai literaria: a vida é unha novela ou unha sucesión de relatos? E da reflexión ao xogo: cantos relatos caben nunha novela? Cantas novelas caben nun relato? Recoñezo que buscaba acender un debate sobre os límites da narración cos demais escritores e sorprendeume que se crease maior comunicación cos lectores que con outros literatos sobre este aspecto. Ás veces leo cousas sobre a narrativa que me fan pensar que temos un pensamento sobre a novela algo atrasado: novela é todo o que queiramos que sexa unha novela.
– B: A figura do lector está moi presente na novela. Nese esquelete central un escritor atopa unha lectora cun libro seu na praia, acaban por coñecérense e o autor pasa unha noite ceando no chalé dela e do seu home, tamén lector e fan do escritor. Estes lectores da novela son tratados con bastante crueldade.
– XL: Esa parte do libro é unha parodia sobre esa relación entre o escritor e os seus lectores. E recoñezo que tiña certo medo á reacción de quen collese o libro e reparase nesa relación. Mais fiquei moi sorprendido. Primeiro porque a novela gañou o Xerais, que é un premio que dan os lectores e logo porque as persoas que len o libro e mo comentan vexo que entenderon ese punto de vista humorístico e esaxerado.
Eu quería reparar na busca do escritor polo seu lector tipo, esa figura difusa que non sabemos que existe pero que está acompañando o escritor cando escribe. Para quen escribimos? Quen queremos que nos lea? E se, como pasa en Cadeas, o lector que nos encontramos non é quen pensabamos a priori que podería ler os nosos libros? Supoño que os escritores que venden moito acaban por ter algún tipo de coñecemento directo dos seus lectores mais no caso galego, a pregunta xeral é: hai alguén aí? Alguén espera para ler o que temos que dicir?
– B: Alguén hai. Os libros véndese. Mais quizais non tanto coma esperan os escritores.
– XL: Mais ese non é un problema especificamente galego. A maioría, a gran maioría dos libros en español venden unha media de mil exemplares. E vender esa cantidade xa se considera un éxito. Hai unha evidente crise no mercado global do libro, está en cuestión a cadea entre a produción de libros como obxectos e o desexo dos lectores por adquirilos. O problema é que a literatura galega suma a esa crise a súa propia condición de mercado minorizado. Ás veces somos un pouco duros con nós mesmos, as nosas letras como sistema son relativamente novas. Existe literatura galega desde hai 150 anos, máis ou menos. E non tivemos unha ortografía máis ou menos consensuada até a década do 1980. Pensemos en todo o que se leva feito en 35 anos. E en troques estamos sempre cuestionándonos, esixíndonos cousas que noutros contextos moito máis favorables nin se formulan. E esa autoesixencia tamén se trasladou aos lectores. En galego cultivouse un lectorado fiel, militante, que valora os escritores en virtude da súa pertenza, implícita ou explícita, a unhas siglas políticas hexemónicas dentro do nacionalismo. E cando ese autor sae desas coordenadas, os lectores deixan de comprar os seus libros. Nos últimos tempos intentouse facer outro tipo de mercado, independente do proceso de construción nacional. Pareceu por un tempo que si se podía asentar mais hoxe en día xa non teño tan claro que haxa espazo para todos. (…)”