Guitiriz: o centenario de Díaz Castro inaugura os actos do ano dedicado ao poeta

Desde Sermos Galiza:
“O ano no que a Academia decidiu adicar o Día das Letras Galegas a Díaz Castro é tamén o do seu centenario. Será o próximo 19 de febreiro a data na que con distintos actos en Guitiriz se conmemore os cen anos do seu nacemento, saída tamén para un ano de festexos arredor do autor de Nimbos, levados adiante pola A. C. Xermolos.
Unha ofrenda poético-floral da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega no cemiterio de Guitiriz ás 17.00 horas iniciará unha sesión de tarde na que se darán cita no concello natal de Díaz Castro algunhas das máis madrugadoras iniciativas do ano no que se lle dedica o Día das Letras Galegas.
Será ocasión tamén para inaugurar a exposición Nimbos de luz da Xunta, que quedará aberta na Casa Habanera e que conta con Alfonso Blanco -amigo e estudoso do autor- como comisario nun acto que contará tamén coa intervención do escritor Luís González Tosar e o investigador e crítico Armando Requeixo, autor a súa vez da primeira biografía do ano arredor do autor titulada Xosé María Díaz Castro. Vida e obra que se presentará a seguir.
A estrea do documental O instante eterno. de Xosé A. Cascudo, porá fin á xornada de homenaxe aberta ao público en Guitiriz, concello no que, desde primeiras horas da mañá, a lembranza será continua, de parte do alumnado da comarca, en especial, do centro que leva o seu nome.
O programa escolar comezará ás 10:30 coa visita á exposición por parte dos CEIP de Parga e Guitiriz. O espectáculo musical Zapatiños para Díaz Castro, de 2naFronteira inclúese tamén nunha xornada e mañá na que desde as 12:30 están convidados os colexios de Friol e o IES Urbano Lugrís da Coruña á festa da aniversario de Díaz Castro.”

O pozo da ferida, de Medos Romero, por Eli Ríos

Artigo de Eli Ríos en A Sega:
“Hai libros que, co paso do tempo, van madurecendo na memoria e, tempo despois, volves encontrarte con eles. Ese instante de redescoberta leva implícito un proceso lector de mudanza no que lemos, sendo unha persoa diferente, as mesmas letras, as mesmas frases, o mesmo poemario pero cun significado diferente. Diferente? Si porque temos unhas experiencias vitais que nos achegan ou nos afastan da primeira lectura.
O pozo da ferida de Medos Romero foi publicado no 2006, pola Deputación da Coruña, despois de acadar o Premio Gonzalez Garcés de Poesía. Este poemario é dunha beleza inusual onde a linguaxe carece de adubos innecesarios e preséntase sen artifícios para denunciar a alienación do ser humano, a dor das mulleres que sofren violencia en toda parte do mundo. A prostitución, as enfermidades de transmisión sexual, os malos tratos, a pobreza, a ligazón á terra, o espolio dos recursos naturais, o desterro, etc, habitan estes versos chamándolle polo seu nome, sen eufemismos, a “ese xeito de sermos/ negadas sen medida” as mulleres en calquera latitude. (…)”

Arteixo: presentación de De Liverpool ás Sisargas, de Xabier Maceiras e Fernando Patricio

O venres 14 de febreiro, ás 20:00 horas, na Libraría Á lus do candil (Rúa Historiador Vedía, 3, baixo) de Arteixo, preséntase o libro De Liverpool ás Sisargas. A derradeira travesía do Priam, de Xabier Maceiras Rodriguez e Fernando Patricio Cortizo, publicado por Edicións Embora.

Elvira Riveiro: “O clamor colectivo que racha diariamente a abulia nas rúas produce rozaduras nos versos”

Entrevista de Montse Dopico a Elvira Riveiro en Magazine Cultural Galego:
“Nómades habitan un paisaxe de cascallos polos que ninguén terma. Un territorio desterritorializado no que non fica lugar para a esperanza. Só para o desacato ao poder. Para a “desobediencia a varrer”. Para a mutación duns corpos, sempre políticos, cara a posicións inexploradas. Así é Corpos transitivos, o novo poemario de Elvira Riveiro, co que gañou o Premio Avelina Valladares do 2013. Falamos con ela deste libro e do resto da súa obra.
– Montse Dopico (MD): Nómades. Desprazados. Trashumantes. Habitantes dun non lugar. Dun territorio desterritorializado. Así son os “nós” de Corpos transitivos. Poderiamos ser os galegos e as galegas. Calquera pobo expulsado da súa terra. Ou as mulleres… Ou calquera minoría excluída. En que nós pensabas ti?
– Elvira Riveiro (ER): Tiña en mente o que coñezo de preto: nós galegas e galegos, pero tamén creo que podería referirse a outros moitos nós, por exemplo os que ti citas. Algunhas das ideas arredor das que foi xurdindo o libro foron o tránsito, a mudanza, a expulsión, a precariedade… dese nós múltiple, diverso. Hai períodos en que me é complicado achegarme ao documento en branco sen que pairen sobre a escrita as circunstancias socio-políticas e económicas baixo as que me (nos) toca vivir. Por dicilo dun xeito máis visual, o clamor colectivo que racha diariamente a abulia nas rúas da cidade produce rozaduras nos versos.
E as rozaduras acaban por provocar palabras en carne viva. Por outra banda, o reflexo desas circunstancias socio-políticas e económicas ás que me veño de referir pode adquirir nos textos poéticos diferentes rostros: podes facer proclamas de ocasión ou tentar algo máis sutil, onde prevaleza o artefacto literario fronte ás boas intencións. Isto último é particularmente complicado, penso. O nós no que penso non é un todo aprehensible de vez, senón unha heteroxeneidade de corpos e, o que eu tento é, dalgún xeito, escribir a carne viva e non un pasquín inflamado. (…)
– MD: Hai outra “sensualidade” nos teus poemas, que é a do estilo: a adxectivación, o léxico rico… Sobe a intensidade dos poemas, e axuda moito a ese sentido de estourido que moitas veces transmites ao texto. É consciente? De que xeito abordaches o estilo en Corpos transitivos?
– ER: Creo que esa é unha das miñas preocupacións maiores á hora de escribir: botar man das posibilidades léxicas e tamén semánticas da lingua. Temos un idioma rico, que ofrece un abano amplo de matices e, ao mesmo tempo, moi eufónico. Construír un poema que funcione é unha sorte de alquimia e a escolla das palabras é unha parte fundamental dese labor. Outra, ao meu ver, sería a sintaxe, a combinación axeitada dos elementos do discurso.
A isto eu engadiría o logos, é dicir, o sentido. No caso de Corpos quixen que os poemas fosen máis espidos de adxectivación, menos nominais e máis verbais do que noutras ocasións. Quixen algo que tendese menos ao lirismo e máis ao prosaísmo, á narratividade. Non sei se o conseguín de todo, porque hai certos estilemas que me acompañan desde hai moito e dos que é difícil desprenderse. (…)”