Entrevista de Montse Dopico a Xosé María Lema Suárez en Magazine Cultural Galego:
“(…) – Montse Dopico (MD): Publicaras antes moitos libros. Pero nunca unha novela de aventuras [Costa do Solpor]. Como foi o proceso de creación?
– Xosé María Lema Suárez (XMLS): O proceso foi longo. Disque García Márquez botara 17 anos pensando a súa obra mestra Cien años de soledad e 14 meses escribíndoa; pois eu seguro que botei ese mesmo tempo ou máis pensando Costa do Solpor e poucos menos escribíndoa, aínda que non de maneira continua, claro.
A idea dunha novela longa de aventuras de mar e terra, con piratas nun escenario tan acaído como a illada Costa da Morte, foi algo que durante anos me andaba buligando na cabeza. Confeso que a miña pretensión era facer unha narración de certo valor, cun léxico e cunha fraseoloxía o máis enxebres posibles, e non me importaba a demora. Se dei feito algo que valese a pena é cousa dos lectores. Teño para min que ó final tanta espera lle veu ben á novela, que con toda a información paralela que ten nunca a podería escribir ós 30 anos, nin tampouco ós 40, e estou seguro que tampouco ós primeiros 50. Iso explícase porque nela hai boa parte dos meus estudos e investigacións de toda a vida, propios e alleos: de historia, historia da arte, de etnografía e antropoloxía, de onomástica e toponimia e, loxicamente, de lexicografía. (…)
– MD: A través do pai de Mariña, transmítesenos a idea dunha Galicia pobre, atrasada, instalada na ignorancia e na resignación ante o poder. Mais, ao mesmo tempo, temos personaxes que se rebelan, precisamente comandados por Don Cristovo. Sospeito que é un dos principais obxectivos do libro: contestar o tópico da Galicia submisa, atrasada. Pode ser?
– XMLS: En todas partes hai cans descalzos, e non hai que se deixar levar polos tópicos -o andaluz gracioso, o catalán agarrado, o galego parvo e submiso…-. Nun lance da novela o indeciso na metade da escaleira é un inglés, non un galego. Xa advertín que tentei fuxir do maniqueísmo, pois na narración hai galegos tanto no bando dos bos coma no dos malos. Unha vila de infausto nome, habitada por xente covarde, guiadiña, que acepta de bo grao as migallas que os poderosos lles deixan caer da mesa, é a que recibe peor trato.
Ó final dise que esta vila maldita desapareceu da faz da terra, pero tamén que por desgraza deixou sementeira por Galicia adiante perpetuando o espírito servil, motivo polo que este noso país estea condenado a dar un paso adiante e outro (ou outros) atrás eternamente. A nosa esperanza é que fronte a esta masa abaixadiza, servil, hai en cada período histórico unha minoría rebelde que se ergue contra os abusos dos poderosos, reclama os seus dereitos e abre vieiros para o progreso. Na novela está liderada por un fidalgo e a súa filla, un crego e un mozo pegureiro, pero o protagonismo acábao levando a mocidade unida de tres colectivos parroquiais; mesmo os dous principais heroes –o Chavián e Mariña- renuncian ó seu liderado a prol da vitoria colectiva. (…)”
Moaña: preestrea de Zapatiños para Díaz Castro
Manuscritos: Yolanda Castaño
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica.
Lugo: presentación de Lusocuria, de Verónica Martínez Delgado e Outra Vida, de Mário Herrero
A Coruña: estrea de Romano, obra de Lino Braxe, representada por Espello Cóncavo, o venres 17 e sábado 18
O venres 17 e o sábado 18 de xaneiro, ás 20:30 horas, no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, a Compañía de teatro Espello Cóncavo estrea a obra Romano, escrita por Lino Braxe. Interveñen os actores Miguel Pernas, Xosé Vilarelle e Manuela Varela, contando nesta estrea coa colaboración de Antonio Simón, Laura Sarasola, Sabela Amado e Felipe Cotelo. A música en directo corre a cargo da trompista Alma Sarasola e a mezzosoprano Rita Gasalla.
Lugo: acto de homenaxe a Benxamín Casal
O venres 17 de xaneiro, ás 20:00 horas, no Círculo das Artes de Lugo (Praza Maior, 23), terá lugar un acto de homenaxe a Benxamín Casal, baixo o nome de A forza da intelixencia, organizado conxuntamente pola Editorial Galaxia, o Club Cultural Valle-Inclán e o Círculo das Artes. No acto intervirán:
– Víctor F. Freixanes (Editorial Galaxia).
– Tonina Gay e Felipe Arias Vilas (Club Cultural Valle-Inclán).
– Jesús López-Domínguez López (Círculo das Artes).
– Ramón Villares Paz (Consello da Cultura Galega).
– Xesús Alonso Montero (Real Academia Galega).
– Xosé López Orozco (Concello de Lugo).
– Alberto Núñez Feijóo (Xunta de Galicia).
– Xulián Parga Rodríguez.
– Familia de Benxamín Casal Vila.
– Música a cargo de Najla Shami.
Arteixo: contacontos con Francisco X. Fernández Naval e Ali Ali
O venres 17 de xaneiro, ás 18:00 horas, na Libraría Á lus do candil (Rúa Historiador Vedía, 3, baixo) de Arteixo, terá lugar unha sesión de contacontos arredor da obra Suleimán y Salúa, de Francisco X. Fernández Naval e o ilustrador sirio Ali Ali, publicada en Trifolium, coa presenza dos dous coautores. A entrada será libre e gratuíta, mais para asistir é preciso reservar asistencia no teléfono 881-969745, ou ben no e-mail: luscandil@gmail.com.
Expectativas fanadas, por María Reimóndez
Artigo de María Reimóndez en A Sega:
“Unha das estratexias máis interesantes de neutralización da escrita das mulleres tende a ser a presentación que editorialmente se fai dos seus libros. As contracapas, as fotos, as biografías todas contribúen a presentar unha imaxe e non outra, a inclinar unha lectura e non outra. Pode semellar que estas ferramentas son pequenos artefactos sen importancia, adornos «do principal», mais no fondo, como teñen demostrado de forma pertinaz as investigadoras como a Dra. Martín Lucas para o caso de autoras racializadas en lingua inglesa, este tipo de cuestións pode amosar da forma máis clara as expectativas (a miúdo patriarcais e racistas) que se teñen ao redor do texto. Se cadra por iso é tan importante, e no caso de Galicia unha vantaxe que podemos usar ao noso favor, ser donas tamén da maneira en que os nosos libros se presentan ao público, e non só do que vai entre capa e capa.
Esta longa introdución vén á maneira en que se nos presenta a novela de Anna Gavalda Xuntos e máis nada, que foi Premio de Novela Europea no ano 2005. O volume preséntasenos como a histora de «catro vidas perdidas», «catro sobreviventes» e ponse sobre todo énfase no feito de que Gavalda escribe «dende a experiencia da fraxilidade do ser humano». Unha vez lida a novela, esta descrición quedou prendida en min cun punto de desconcerto. Efectivamente, Xuntos e máis nada narra a historia de catro persoas que se enfrontan a diversas dificultades para atopar un espazo no que ser aceptadas, sobre todo por elas mesmas. De aí que iso signifique que sexan «vidas perdidas» creo que dista un treito bastante longo. Se cadra unha ten esa sensación só se observa as personaxes desta novela dende a suposta «normalidade» dunha sociedade na que se supón que a xente, incluída a ficcional, vive en marcos predeterminados en canto a traballo, relacións familiares ou espazos. Mais se unha non parte da base de que existe tal «normalidade», as lecturas de Xuntos e máis nada viran bastante diferentes. (…)”
Compostela: presentación de Caderno do Nilo, de Cesáreo Sánchez Iglesias
O xoves 16 de xaneiro, ás 20:00 horas, na Libraría Pedreira (Rúa do Home Santo, 55) de Santiago de Compostela, preséntase Caderno do Nilo, de Cesáreo Sánchez Iglesias, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Berta Dávila, Carlos Negro e Manuel Bragado.
Falece Juan Gelman
Desde Sermos Galiza:
“Cando Juan Gelman se atopa en Uruguai coa súa neta 23 anos despois da desaparición e morte por parte da ditadura arxentina do seu fillo Marcelo e a súa nora Claudia, preñada entón, a súa imaxe percorreu o mundo enteiro. Gelman alzábase como a figura da dignidade, da loita contra a represión e unha memoria que non descansa diante das atrocidades dunha ditadura que conmocionou ao mundo e que a el o convertería en exiliado durante boa parte da súa vida. Poeta inmenso, a imaxe de Gelman era a do pai que, máis de dúas décadas despois, abrazaba á filla do fillo asasinado, como tantas nais, como tantos pais na Arxentina que non acougaron ate dar cos seus netos roubados ou nacidos no cativerio dos seus fillos.
Gelman nacera en Bos Aires en 1930, fillo de emigrantes xudíos ucrainos e a súa traxectoria, despois de varios oficios, habíase de encamiñar cara ao xornalismo, a tradución e a poesía. Roma, Madrid, Managua, París, Nova Iorque ou o México, no que morreu, serían algunhas das cidades do seu longo exilio, que comezaría en 1975 cando, pola súa militancia política nos Montoneros, se viu na obriga de fuxir da ditadura, que marcaría de maneira intensa a súa vida. A desaparición do seu fillo Marcelo e a súa nora Claudia, e o descoñecemento do paradoiro da neta, deixaría unha ferida aberta na súa biografía da que confesaba que non sanaría nunca. No ano 2000, dous despois de que finalmente puidera enterrar os restos de seu fillo, Gelman escribía en Página 12 -o xornal no que colaborou durante boa parte da súa vida- o artigo “Elogio de la culpa” na que se definía como “orfo de fillo: “Agora ten sepultura e é este un feito sumamente importante para un pai orfo de fillo, como son, porque o rescate dos seus restos foi o rescate da súa historia”.
Autor de obras como Violín y otras cuestiones, El juego en que andamos, Gotán, Sefiní, Valer la pena, Oficio Ardiente ou Miradas nunha conta ampla de libros que pecharía Hoy, Gelman fíxose cos máis relevantes premios literarios para autores en español, entre eles, o Cervantes, o Juan Rulfo ou o Reina Sofía de Poesía Latinoamericana.
En 2010 recollía na Galiza o recoñecemento como Escritor Galego Universal e entón, a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), entidade que lle outorgaba o premio, lembraba as palabras de Julio Cortázar nas que defendía que “o máis admirable na súa poesía é a súa case impensábel tenrura alí onde máis se xustificaría o paroxismo do rexeitamento e a denuncia, a súa invocación de tantas sombras desde unha voz que sosega e arrola, unha permanente caricia de palabras sobre tumbas ignotas”.”