Sementes de letras

Reportaxe en Cultura Galega:
““Comezamos a traballar en materiais para o fomento da lectura no 2005”, indica Cristina Novoa, asesora das Bibliotecas Escolares de Galicia, “pero atopabámonos co tema de que cando chegas a secundaria o tema dos materiais é secundario. Ou consegues a implicación do profesorado e do alumnado ou non hai nada que facer”.
Os asesores da Consellería de Cultura e Educación propuxeron entón, nunha guía de lectura sobre libros de viaxes, a posta en marcha de Clubes de Lectura. E tres botáronse a andar, en Gondomar, Vigo e Betanzos. A xeito experimental, no ano seguinte a Consellería de Educación lanzou unha convocatoria de axudas para os clubes de lectura de centros de ensino secundario.
Para o ano seguinte, os asesores conseguiron crear unha convocatoria para dar axudas a clubes de centros de ensino secundario. Tratábase dun proxecto secundario, na medida en que se realizarían fóra dos horarios lectivos e laborais, e polo tanto cun importante factor experimental. Pero a resposta dos institutos foi ben exitosa. Nesa primeira convocatoria 2007-2008 chegaron peticións de máis de cen centros. “O que fumos vendo”, asegura Novoa, “é que os clubes de lectura convertéronse nunha peza fundamental para a dinamización da lectura en secundaria”. Na actualidade, Galicia xa dispón de máis de douscentos clubes de lectura, nunha auténtica explosión do que se coñece como “lectura social”, lectores que se acompañan os un aos outros na experiencia de ler un libro completo. Segundo a Consellería de Cultura e Educación, máis de 7.000 mozos e mozas participan nestas experiencias lectoras. (…)
Algúns autores son auténticos trotaclubes de lectura, coma é o caso de Marcos Calveiro e Rosa Aneiros. “Eu creo que despois do que é escribir, nunca agardas o que é a creación dos teus personaxes nas cabezas de quen te le, e iso é o que descubres cando vas aos clubes de lectura. Esa é a verdadeira lectura”, di Rosa Aneiros. “As lecturas deles son moi distintas ás túas, e moitas veces as lecturas da túa obra son contraditorias entre os propios lectores. Eu como escritora vou aos clubes de lectura sobre todo a escoitar”.
“Eu vou a saber de verdade o que son os meus personaxes, ideas que pensaba que estaban moi claras despois non o eran tanto, e ao revés”, continúa Rosa. “Agora, á hora de escribir, iso inflúeme. Eu antes que o 90% da obra literaria era cousa miña, pero agora xa estou nun 30% ou 40%”, hai unha parte da historia que está nas súas cabezas. Eu sigo construíndo as miñas historias igual pero sabendo que unha significativa parte dela vaise montar na cabeza dos lectores”. (…)”

Lugo: presentación de Intensa e quente é a túa humidade azul, de Xulio Pardo de Neyra

O venres 27 de xuño, ás 21:00 horas, n’O Carneiro Alado (Rúa Salvador de Madariaga, 8) de Lugo, preséntase Intensa e quente é a túa humidade azul, de Xulio Pardo de Neyra, publicada por Positivas. No acto, xunto ao autor, participa Francisco Macías.

Xosé Neira Vilas é homenaxeado co Premio Otero Pedrayo

Desde Cultura Galega:
“O xurado do Premio Otero Pedrayo, que convocan anualmente as catro deputacións galegas, acordaba onte outorgallo nesta edición a Xosé Neira Vilas. O galardón, que recoñece contribucións destacadas á cultura galega, valorou o autor de Memorias dun neno labrego como “unha das figuras máis representativa das letras galegas actuais, polo seu inxente labor a prol da cultura galega; por ter contribuído ó longo de toda a súa vida a difundir a cultura e tradición de Galicia e por unir a xeracións durante anos entorno á nosa historia, á nosa lingua e á identidade e características propias”.
O presidente da Real Academia Galega e membro do xurado, Xesús Alonso Montero, definiu o homenaxeado como “o candidato de todos os cidadáns da cultura galega”. Canda a el, facían parte do xurado representantes das deputacións, das secretarías xerais de Cultura e Política Lingüística, da Universidade de Vigo e do CSIC entre outros.”

Inma López Silva: “Hoxe en día queremos ‘crer’ no que lemos aínda que saibamos que é ficción”

Entrevista de César Lorenzo Gil a Inma López Silva en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): En Maternosofía converte en libro a súa experiencia como embarazada. Como nace o proxecto. Foi paralelo á gravidez, tiña idea de facer un diario antes…?
– Inma López Silva (ILS): Nace no mesmo momento no que comezo a escribir, tal e como se conta no primeiro capítulo, cando xa sei que estou embarazada e asisto a un acto do meu partido político. E así continúa até o momento do parto. Evidentemente, hai unha revisión posterior, cando xa a editorial decidira a publicación do libro, mais foi só unha relectura esencialmente formal e unificadora. Coido que Maternosofía é o produto da miña pulsión literaria a modo de necesidade. Dun xeito ou doutro, creo que todas as escritoras e escritores posuímos ese impulso por indagar nas emocións, por compartilas cos lectores, por contar, por levantar acta literariamente daquilo que nos poboa o maxín. Neste caso, trátase dunha experiencia persoal aínda que quizais nos deberiamos preguntar se iso non ocorre en todos os libros, que nacen dun punto de vista propio.
– B: O libro acaba por ser unha crónica íntima, con moita información non só da súa propia evolución senón tamén sobre a familia. Como se xestiona o pudor nestes casos? Como reaccionaron os personaxes “secundarios” cando se viron no libro?
– ILS: Se digo a verdade, só pensei na posible reacción desas persoas convertidas en personaxe no momento no que tiven o libro fisicamente nas miñas mans. Ademais, non pensei directamente nos familiares senón na propia Sofía, a miña filla. Que pensará cando o lea? Como será saberse o produto literario das emocións da súa nai? Supoño que, como todas as mozas, hame castigar con iso nalgún momento como podería castigarme por outra cousa, pero confío en que nalgún momento saiba entender o que hai de legado ideolóxico para ela, e só para ela, neste libro. Os demais, obnubilados como están coa experiencia de ser pai, avós, avoas, tíos, tías e amigos… creo que relativizaron o exhibicionismo en virtude da fermosura da experiencia. Con todo, si hai unha xestión do pudor, un control, por así dicilo, que aparece por si só como forma de autocontrol no momento no que unha sabe que non escribe para si, e eu iso sóubeno desde o primeiro momento. Aínda que tamén é verdade que fun consciente desde moi cedo de que o interese que podería ter este libro era xustamente esa parte exhibicionista na que se fala de cousas das que non sempre se fala, e menos nun libro “literario”. (…)
– B: Nas súas novelas as personaxes históricas teñen gran relevancia, en especial as femininas.
– ILS: O punto de vista das mulleres é unha desas parcelas da historia ausentes do relato oficial. A literatura achega puntos de vista enriquecedores sobre feitos nos que a historia pula: as emocións, as relacións entre as persoas, os desexos, os impulsos e todas esas cousas que xamais sairán nos libros de historia pero que todos sabemos que moven as decisións históricas ou, simplemente, as vidas das persoas que aparecen na historia. As novelas si poden entrar niso, e mesmo deben! Iso é para min o fascinante de partir da historia para escribir novelas e, en definitiva, o que permite que nos definamos na actualidade desde a historia e que poidamos enxuiciar o pasado e, sobre todo, determinadas visións canónicas sobre o pasado que condicionan dun xeito terrible o noso presente. (…)”

Ourense: presentación de Chovida do ceo, de Alfredo Conde

O luns 30 de xuño, ás 20:15 horas, no Centro Cultural Marcos Valcárcel (Rúa do Progreso, 30) de Ourense, o Foro La Región e Edicións Xerais organizan a presentación de Chovida do ceo, de Alfredo Conde. No acto, xunto ao autor, participan Gonzalo Iglesias Sueiro e Manuel Bragado.