Desde Correlingua:
“O Correlingua, que nesta edición terá lugar baixo o lema Galego, chave do mundo, é unha proposta de carácter lúdico-educativo que pretende convidar á mocidade e aos centros de ensino a participar nun acto público de reivindicación do dereito a medrar en galego e tamén a exercer de maneira efectiva como galegos e galegas a través do uso do noso idioma, única forma de garantir o seu futuro.
Xa se poden consultar as bases dos diferentes concursos do Correlingua 2013.
– Banda Deseñada: para o alumnado de Educación Infantil e Primaria.
– Manifesto: Para o alumnado de Educación Secundaria Obrigatoria e Postobrigatoria.
– Vídeo: Para todo o alumnado.
– Cantalingua: Para a escolla dos grupos ou solistas que actuarán nas festas finais do Correlingua 2013.”
Patricia Blanco gaña o certame en twitter arredor de O Principiño
Desde Galaxia:
“Hai dúas semanas a Editorial Galaxia convocaba a través de twitter e do hastag #gustameoprincipiñopor un concurso no que se convidaba aos internatuas a enviar tuits que completasen os 140 caracteres e explicasen por que lles gustaba o clásico de Antoine de Saint-Exupèry. Foron algo máis de douscentas propostas que fixeron ben difícil a escolla. Algúns dos tuiteiros e tuiteiras enviaron ducias de propostas, deixando clara a súa paixón por esta historia que, en galego, chegou xa á viséxima edición. O xurado achou que os traballos de Patricia Blanco, pola súa variedade, carga poética e relación con O Principiño eran os merecentes claros do premio, consistente nun exemplar do libro en tapa dura e un exemplar de todas e cada unha das obras literarias de Carlos Casares, tradutor no ano 1972 do libro cando se publicou por vez primeira na nosa editorial. A foto que ilustra este texto acompañaba unha das propostas de Patricia Blanco.
O tuit dicía: #gustameoprincipiñopor porque mo imaxino así conversando coa súa flor.
Foron moitas fotos máis as que achegou con algunhas das súas propostas. Outros participantes ofreceron ligazóns a novas de prensa ou incluso vídeos. (…)”.
Vigo: edición de febreiro do Círculo Poético Aberto
Centros escolares colaboradores no Día de Rosalía de Castro 2013 (VII)
Dentro das actividades do Día de Rosalía de Castro 2013, organizadas pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, o venres 22 de febreiro terá lugar en múltiples centros de ensino a inclusión, nese día de actividades escolares, de lecturas e gravacións audiovisuais por parte do alumnado de poemas de Cantares gallegos, que serán divulgadas posteriormente no noso espazo web para darlles visibilidade social.
Continuamos coa publicación diaria daqueles centros que participan nesta actividade, aos que agradecemos enormemente o interese e dispoñibilidade das súas comunidades escolares:
– Cando a luniña aparece: Colexio Divina Pastora, O Barco de Valdeorras.
– Si a vernos, Marica, nantronte viñeras: CEP Pilar Maestu Sierra, A Pobra do Caramiñal.
– Como chove miudiño: CEIP de Baño-Xanza, Valga.
– Miña Santa Margarida: CEIP O Ramo, Fene.
– Eu cantar, cantar, cantei: IES Marqués de Sargadelos, Cervo.
Bueu: presentación de Monicreques, de Xosé Daniel Costas
Ribadeo: presentación de Teresa Alvajar. Memorias dunha republicana, de Aurora Marco
María Solar: “Os lectores gáñanse desde pequenos”
Entrevista de Ramón Nicolás a María Solar en Qué Leer, desde o blogue Caderno da crítica:
“(…) – Ramón Nicolás (RN): Como naceu a súa querenza polo xénero da literatura infantil e xuvenil?
– María Solar (MS): Naceu seguramente dunha infancia solitaria e do convencemento de que é un xénero poderoso nas súas posibilidades e nos seus resultados. Os lectores gáñanse desde pequenos e cando aos nenos lles gusta o que len son o público máis apaixonado, entregado e soñador. Devolven moito ao autor. (…)
– RN: Canto hai da súa experiencia profesional n´A verdadeira historia da mosca da tele?
– MS: Naceu dunha vivencia profesional, en concreto dunha mosca moi pesada que tiñamos no estudio de TV onde gravo o meu programa cada día e que se comportaba como unha profesional amolando só cando se acendía a luz vermella. De aí xurdiu unha historia moi divertida e tola contada por un destes insectos en primeira persoa, na que un humano a fai pasar por mil vicisitudes en teles de medio mundo. É un libro moi ecoloxista que non fala nada de ecoloxía.
– RN: O seu traballo na TVG vincúlase con contidos culturais. Dende esta perspectiva, cal é a súa visión sobre a importancia deste tipo de programas?
– MS: Máis que nunca a cultura ten que ter os seus propios programas para amosarse e, á vez, ten que estar tamén no resto da programación. Os libros, as películas, a música son atractivos para o espectador, por iso é imprescindible que haxa programas de cultura accesibles que nos abran os ollos sobre o que se está a facer, que é moito.”
Fina Casalderrey reflexiona sobre a literatura infantil e xuvenil e o seu futuro na Real Academia Galega
Ourense: Acértalle no corazón, con Yolanda Castaño
“Co gallo do día dos namorados e celebración de San Valentín, un dos maiores referentes da respostería tradicional e creativa galega tras 40 anos de exquisito traballo –a casa Fina Rei- asóciase coa poeta Yolanda Castaño para presentar un produto moi especial. Trátase dunha frecha de chocolate rematada nun corazón, e que leva consigo un poema de amor asinado pola poeta actual santiaguesa-coruñesa, nunha saborosa alianza de versos e chocolate dirixidos a esa persoa querida. Baixo o lema Acértalle no corazón, vén de editarse ademais un cartel conmemorativo da frutífera colaboración culinario-literaria.
Para dar a coñecer este produto creativo tan orixinal, convócase unha presentación aos medios para este venres 8 de febreiro na propio establecemento de Fina Rei en Ourense (rúa da Paz, nº 20) ás 12:00 da mañá. Nel contarase coa presencia de Yolanda Castaño, que dará lectura ao poema escollido xunta os artesáns reposteiros que levan apostando polo galego dende os seus comezos. Unha camaradería de elegancia, bo gusto e exquisitez creativa que demostran que non fai falla facer grandes alardes consumistas ou botar man de culturas alleas para lembrarnos daqueles a quen queremos.”
Pontevedra: presentación de Cartas de inverno. Novela gráfica, de Antonio Seijas
O venres 8 de febreiro, ás 20:00 horas, na Escola Profesional de Banda Deseñada “Garaxe Hermético” (Rúa Álvaro Cunqueiro, 4, baixo) de Pontevedra, preséntase o libro Cartas de inverno. Novela gráfica, de Antonio Seijas, publicado en Xerais. No acto participan, xunto ao autor, Kiko da Silva e Manuel Bragado.