A letra da literatura

Reportaxe de Carme Vidal en Sermos Galiza:
“Ao pegar nun libro, unha novela, ou un poemario, case xa non evocamos a xénese, o instante no que o autor ou autora escribiu as primeiras palabras. A man, a maior parte das veces. A ese momento remítese o crítico Ramón Nicolás que botou a andar hai un ano a sección Manuscritos e agora conta cun singular arquivo que nos ofrece as letras de quen escribe a través da rede, un mundo que, en certa medida, contribuíu á perda de vista da caligrafía. (…)
As imaxes son abondo evocadoras. Aí está a letra feita a man nas fotografías tiradas para que a letra saia na pantalla, de maneira ben distinta á arial ou times que o procesador ofrece. “Certamente hai algo inquedante ver a letra manual escrita na pantalla. Trátase, en certa medida, dunha faceta máis íntima e humana de quen escribe” explica Ramón Nicolás, que engade á imaxe do manuscrito un texto arredor da escrita e os hábitos á hora de crear, ás veces con confesións da persoa protagonista. (…)”

A Coruña: obradoiro de poesía impartido por Yolanda Castaño

Yolanda Castaño impartirá un Obradoiro de poesía no Museo de Arte Contemporánea Gas Natural Fenosa da Coruña (Avenida de Arteixo, 171, s/n).
Terá lugar os mércores 6, 13, 20 de febreiro, 6, 13, 20 de marzo, 3 e 10 de abril de 2013, de 19:30 a 21:30 horas (16 horas presenciais en 8 sesións de 2 horas). O prezo do curso completo, matrícula incluída, será de 90 euros e pagarase por anticipado. As prazas son limitadas (máximo 15 persoas).
Débese encher a folla de inscrición e entregar no momento de efectuar o pagamento en efectivo na recepción do Museo de Arte Contemporánea Gas Natural Fenosa (Avenida de Arteixo, 171), en horario de apertura ao público (martes a sábado de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:30 h., domingos e festivos de 11:00 a 14:00 h.) e antes do 3 de febreiro de 2013.
“Este obradoiro poético de enfoque pragmático e participativo, e estruturado en oito sesións, concibe a escrita de poesía coma un acto de coñecemento e de comunicación, procura o vínculo coas emocións e o pracer da estética literaria. Unha maneira non só de exercer o gusto pola literatura vivido dun xeito activo e en primeira persoa, senón de facelo contando coa ocasión e o espazo, o impulso e o guieiro, a sistematización e a dinámica axeitada para desenvolvelo co mellor dos rendementos. Propoñemos pois un espazo de encontro para aqueles/as aos que lles fascina o misterio da poesía pero que non teñen con quen compartilo nin tampouco a alguén dotado de recursos para encarreiralo. Un obradoiro onde perfeccionar as súas composicións poéticas afeccionadas, baixo a tutela amiga e sempre respectuosa dunha escritora profesional de recoñecido prestixio. Unha actividade estimulante e prestosa que axudará ao crecemento persoal e ó desenvolvemento da creatividade como valor do noso benestar emocional e maduración intelectual.”

A edición privada en galego baixa un 26,37 por cento

Desde Cultura Galega:
“As editoras galegas non institucionais publicaron en 2012 un total 2.190 títulos, 800 menos do que no período anterior. O descenso supón tamén unha mingua do peso da edición galega no conxunto do estado, onde pasa de supor un 2,91% ao 2,58%. A edición na nosa lingua é a que sofreu especialmente a mingua, xa que se pasou de editar 1.855 títulos en 2011 a só 1.340 no pasado ano, un 26,37% menos. A cifra supón que dos 800 títulos que se deixaron de editar neste período, 515 foron obras en galego. Medra ademais o peso do libro electrónico, 280 títulos, que supoñen xa o 12,7% da oferta editorial.
Achegamos, coa colaboración do Observatorio da Cultura Galega do Consello da Cultura un resumo das táboas da produción editorial dos últimos anos. (…)”.

A Coruña: presentación de Nântia e a Cabrita d’Ouro, de Concha Rousia

A cuarta feira 23 de xaneiro, ás 20:30 horas, na Livraria Suévia (Rúa Vila de Negreira, 32), da Coruña, preséntase Nântia e a Cabrita d’Ouro, de Concha Rousia, publicado en Através Editora. No acto, xunto á autora, participa Manuel Miragaia.

Fina Casalderrey, nova académica electa

Fina Casalderrey foi nomeada membro de número da Real Academia Galega o venres 19 de xaneiro. Segundo informa a Real Academia, a súa incorporación supón, asemade, un recoñecemento da importancia da produción destinada aos máis novos no desenvolvemento e normalización da nosa literatura.
Na mesma sesión do plenario, acordouse nomear académico correspondente ao historiador da ciencia, Xosé Antón Fraga Vázquez.

Marín: presentación de Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, de Carlos Callón

O luns 21 de xaneiro, ás 20:00 horas, na Casa da Veiguiña (Praza da Veiguiña) de Marín, preséntase o libro Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, de Carlos Callón, publicado en Xerais.