Panamá: participación de Moncho Iglesias no Festival de Poesía Ars Amandi

O venres 29 de novembro, dentro do Festival de Poesía Ars Amandi, de Panamá, terá lugar o recital + Poesía (-) Policía, recitando en galego e castelán, Moncho Iglesias.
Na mesma data, presentará a súa obra Avoíña/Abuelita, publicado por Parnass Ediciones.

Campaña de captación de socios do Museo do Pobo Galego

Os socios e socias constitúen a base social do Museo do Pobo Galego sendo a canle de participación dos galegos no museo. Se coas súas cotas a contribución ao mantemento económico é importante non o é menos a súa función de inserir o museo na sociedade galega, dándolle a vez pluralidade, independencia e fortaleza coma institución.
Na actual situación de crise social e económica, onde as institucións culturais son vítimas dos recortes provocados por una visión da cultura como algo secundario, é preciso reforzar o museo como institución de toda a sociedade galega como referente dos elementos de identidade que nos definen como pobo.
Este reforzamento do Museo do Pobo Galego só pode vir dunha maior implicación na sociedade galega a través dos socios e socias, polo que canto maior sexa o seu número e a súa participación na vida do museo, máis se conseguirá un museo forte, independente e plural, un museo máis noso.
Para dar pasos neste obxectivo, os representantes de socios e socias co apoio da Xunta Rectora do Museo do Pobo Galego (MPG), consideramos necesario facer unha campaña de captación de novos socios e socias, nos que os que xa o son participen activamente.
Pódese obter máis información no apartado de Socios da páxina web e neste arquivo: Campaña socios Museo do Pobo Galego 2013.
A inscrición pódese realizar cubrindo esta ficha: Museo do Pobo Galego. Ficha de socio.

Marín: presentación de Pontevedra nos anos do medo, de Xosé Álvarez Castro

O venres 29 de novembro, ás 20:00 horas, no Salón de Actos da Biblioteca Municipal de Marín (Avenida de Ourense, 6), preséntase Pontevedra nos anos do medo. Golpe militar e represión (1936-1939), de Xosé Álvarez Castro, publicado por Xerais. No acto, coorganizado pola Asociación de Memoria Histórica de Marín e a editra, participan, xunto ao autor, José Luis Pallín Justo e Manuel Bragado.

Vigo: presentación de Vento e chuvia, de Manuel Gago e Manel Cráneo

O venres 29 de novembro, ás 20:00 horas, na Libraría Andel (Avenida das Camelias, 102) de Vigo, preséntase o libro Vento e chuvia. Mitoloxía da Antiga Gallaecia, de Manuel Gago e ilustrado por Manel Cráneo, publicado en Xerais. No mesmo acto, os autores, acompañados por Ramón Domínguez, contarán o making of do proxecto.

Cuestionario Proust: Xavier Alcalá

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Xavier Alcalá:

“1.– Principal trazo do seu carácter?
– A curiosidade por todo.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A coherencia.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Non as ter que cultivar.
4.– A súa principal eiva?
– A impertinencia.
5.– A súa ocupación favorita?
– Escribir.
6.– O seu ideal de felicidade?
– A saúde de corpo e mente.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Ser cego.
8.– Que lle gustaría ser?
– Escritor.
9.– En que país desexaría vivir?
– No impaís en que vivo.
10.– A súa cor favorita?
– A do mar.
11.– A flor que máis lle gusta?
– As flores parécenme ridículas.
12.– O paxaro que prefire?
– A aguia.
13.– A súa devoción na prosa?
– As historias que foron ou puideron ser certas.
14.– E na poesía?
– A completa, ou sexa: con rima.
15.- Un libro?
O Crime do Padre Amaro.
16.– Un heroe de ficción?
– O Capitán Nemo.
17.– Unha heroína?
– Walkíria (dunha novela que estou a escribir).
18.– A súa música favorita?
– A de Vinícius de Moraes.
19.– Na pintura?
– Velázquez.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– O piloto Vilariño.
21.– O seu nome favorito?
– Luís.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A repetición de chistes.
23.– O que máis odia?
– Que non me entendan cando digo as cousas claras.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Franco (“Cerillita”).
25.– Un feito militar que admire?
– A batalla de Midway.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Cantar ben.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Lendo.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– A ansia de facer.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– A falta de intelixencia.
30.– Un lema na súa vida?
– Vivir para escribir.”

Radiocrítica, por Armando Requeixo

Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Dou comezo hoxe a unha nova sección do Criticalia á que decidín chamar Radiocrítica. Nela irei recuperando as emisións que se inseriron no espazo de comentario de libros de Ames Radio (107.2 FM).
En conversa coa xornalista Nazaret López e baixo o control técnico de Juan Luis Silva, en luns alternos co bo amigo e investigador Xosé Antonio López Silva, trazo unha panorámica do máis salientable, para o meu gusto, entre os títulos recentes e, cando a actualidade así o demanda, comento tamén outro tipo de circunstancias literarias
Desta volta, na emisión do 11 de novembro, quixen determe en textos de Manuel Álvarez Torneiro, Berta Dávila (Parte I, 7’), Olalla Cociña (I, 8’15), Xavier Seoane (I, 9’20), Luís Rei Núñez (I, 9’50), Miguel Anxo Fernández (I, 12’30), Manuel Veiga (II, 0’45), Raúl Dans (II, 2’10), Xosé Ramón Pena (II, 3’25), Suso de Toro (II, 4’15), Valente (II, 5’), a revista Oink! (II, 6’15), Ramón Caride Ogando (II, 9’20) e Antonio García Teijeiro (II, 10’).”

Ramón Sandoval recibiu o VI Premio de Poesía Victoriano Taibo-Entidade Local de Morgadáns

Desde o Instituto de Estudos Miñoranos:
“Coa presenza de membros da familia do mestre Victoriano Taibo, autoridades da Entidade Local de Morgadáns e o Concello de Gondomar tivo lugar o pasado sábado a entrega ao escritor Ramón Sandoval dos galardóns correspondentes á VI edición do Premio de Poesía Victoriano Taibo – ELM de Morgadáns, pola súa obra Territorio Estraños. A gala cultural que deu marco ao acto contou cunha gran asistencia que encheu o local da Escola de Guillufe, onde Taibo desenvolveu boa parte do seu maxisterio na parroquia. (…)
Visiblemente emocionado, o galardoado co VI Premio de Poesía Victoriano Taibo – ELM de Morgadáns, Ramón Sandoval, agradeceu ao xurado e ao IEM polo veredicto. Antes de proceder á lectura dalgúns dos textos de Territorios Estraños, manifestou a súa certeza do valor das obras dos outros finalistas do certame, aos que dedicou o premio. De mans de Urbano Esmerode, recibiu a escultura de Fino Lorenzo que dende os inicios do certame premia aos gañadores, o libro Territorios Estraños publicado polo IEM, máis o premio en metálico. (…)”