Diego Conde, gañador da IX edición do premio de ensaio Manuel Murguía

Desde a Deputación da Coruña:
“Diego Conde é o gañador do IX Premio de Ensaio Manuel Murguía coa obra Canto val unha vaca? Da cuestión agraria á cuestión pecuaria en Galicia. O traballo de Conde alzouse co premio do xurado despois de estudar os 24 exemplares presentados este ano, o que supón unha nova marca de participación multiplicando por dous a anterior marca.
O xurado, cuxo comisario é Elisardo López Varela, reuniu a Rosario Sarmiento, Gonzalo de la Huerga Fidalgo e Xosé Ramón Freixeiro Mato. O tribunal sinalou na súa acta que o traballo premiado “ofrece unha información completa sobre o papel que cumpre a vaca na historia social e económica galega. Por tanto, a temática que trata é de grande interese para o conxunto da comunidade”.
O premio de Ensaio Manuel Murguía está dotado con 6.500 euros e a publicación da obra. “A obra destaca pola súa boa estruturación e polo rigor metodolóxico, cunha ampla documentación bibliográfica”, explicou o xurado, para engadir que “destaca a boa presentación, enriquecida coa incorporación dun amplo abano de gráficas e imaxes ilustrativas”. Outro dos puntos destacados polo xurado foi “o estilo áxil e fresco co que está escrita a obra, de grata e amena lectura para un público amplo, sen perder o rigor investigador”. (…)”

Cuestionario Proust: Fina Casalderrey

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Fina Casalderrey:

“1.– Principal trazo do seu carácter?
– Sentimental, romántica e creo que de fiar.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A bondade.
3.– Que agarda das súas amizades?
-Que nunca estean lonxe aínda que haxa quilómetros por medio.
4.– A súa principal eiva?
– Doulle demasiadas voltas ás cousas.
5.– A súa ocupación favorita?
– Descubrir anaquiños novos do mundo en boa compaña.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Inspirar profundamente, botar o aire amodo e, mesmo cos ollos pechados, estar confiada, con ganas de sorrir.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Sobrevivir a un fillo.
8.– Que lle gustaría ser?
– Fada sabia e bondadosa, con poderes para cambiar algunhas cousas.
9.– En que país desexaría vivir?
– No país de Nunca Máis (aquí, pero sen inxustizas, guerras…).
10.– A súa cor favorita?
– Hoxe, azul (ceo e mar).
11.– A flor que máis lle gusta?
– As rosiñas que nacen espontáneas nos valados, polo recendo.
12.– O paxaro que prefire?
– Se é para me volver paxaro eu, a aguia, se é para contemplar, a curuxa. Gústame ver o seu corazón reflectido no rostro.
13.– A súa devoción na prosa?
– Non son de devoción única: Delibes, José Luis Sampedro, Castelao.
14.– E na poesía?
– Miguel Hernández, Manuel Álvarez Torneiro
15.- Un libro?
La catedral y el niño, de Eduardo Blanco Amor.
16.– Un heroe de ficción?
Ramón Lamote.
17.– Unha heroína?
– Lisbeth Salander.
18.– A súa música favorita?
– Blues para escoitar, boleros para cantar, clásica para relexarme, silencio para pensar…
19.– Na pintura?
– De hoxe, Carmen Pernas (aínda non todo o coñecida que merece). A súa pintura é poesía en cores.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Meu pai.
21.– O seu nome favorito?
– O do fillo, o da filla, porque cando alguén anuncia que chegan, inconscientemente, algo me muda por dentro.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– Que sempre cheguen tarde a unha cita acordada.
23.– O que máis odia?
– O da hipocrisía.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Nerón, Hitler, Franco…
25.– Un feito militar que admire?
– Sei dun Xeneral de División, amigo da infancia, que por querer darlle un aire novo ao Corpo, por ser dos que avogaba polo de “adeus ás armas”, por defender á muller… sufriu cambadelas abondo. Admiro o que fixo, por iso o lembro (finou) como un “capitán de conto”.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– O do paraugas amarelo que aparece en Merlín e familia, e dominar todas as linguas do mundo.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– De vella e dun ataque de risa, quizais. A verdade é que, cando de nena, me dixeron que ás tres da tarde chegaría a fin do mundo, funme aterrorizada a durmir a sesta, para que a morte me pillase soñando, e sigo a pensar o mesmo.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Contáxiame bastante o estado de ánimo da miña xente.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– A ignorancia que abrolla da falta de oportunidades.
30.– Un lema na súa vida?
– Vagariño, que levo présa.”

Xulio Pardo de Neyra: “Aposto por un nacionalismo galego rigoroso, fóra do roteiro indecente que criticamos no españolismo”

Entrevista de Marcos Pérez Pena a Xulio Pardo de Neyra en Praza:
“(…) – Praza (P): Por que Margarida a da sorrisa d’aurora é “o primeiro conto infantil galego de autor”?
– Xulio Pardo de Neyra (XPN): Aínda que eu mesmo xa expliquei que foi Risco quen, de xeito anónimo, en 1921 publica O Rei avarento, o primeiro conto infantil da nosa traxectoria cultural –eu mesmo editeino e nun volume analicei o seu tempo mercé ao Servizo de Publicacións da Universidade de Compostela— ; con efecto, Margarida a da sonrisa d’aurora é “o primeiro conto infantil galego de autor”. Publicouse por Nós en 1927 e mesmo poderiamos apuntar que é simplemente o primeiro se consideramos que nese 1921, o propio Evaristo Correa Calderón e o voceiro nacionalista en que tan ben se lle trataba, A Nosa Terra, anuncian a inminente saída do contiño A Princesa do Sorriso d’Ouro.
– P: Resultan interesantes as relacións e o interese que nese tempo esperta o galeguismo en moitas persoas próximas ás vangardas. A que cres que se debeu?
– XPN: Evidentemente, a Galiza das vangardas históricas e, especialmente, a Galiza da Época Nós que tan ben define Carlos Baliñas, é o momento auroral en que, por vez primeira, a nación se constitúe como tal entidade. Daquela, e por iso é tan importante, cando se produce a institucionalización do nacionalismo –falo da I Asemblea Nacionalista de 1918, celebrada en Lugo— , a Galiza chega á maioría de idade. Non é estraño, pois, que un fato de vangardistas, con Correa á cabeza, decidise agasallar á cultura galega coas primeiras probas da estética máis rompedora de entón. E, en boa lóxica, naqueles tempos onde a formación comezaba a se estender a máis capas dunha sociedade pechada e inzada polo levitismo máis reaccionario, chegou a xoves que, conscientes da súa pertenza a unha comunidade como a galega, se deixaron engaiolar polos ismos tan en boga naqueles anos. Evidentemente, daquela ser galeguista, ser nacionalista, podía implicar ás veces e en casos compromiso coa renovación, apertura e ilusión polo descoñecido, piares básicos no desenvolvemento de todas as persoas e os grupos. (…)”

Lugo: presentación de O bosque é grande e profundo, de Manuel Darriba

O mércores 27 de novembro, ás 20:00 horas, na Libraría Trama (Avenida da Coruña, 21), de Lugo, preséntase O bosque é grande e profundo, de Manuel Darriba, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Fran Alonso e Xabier Cordal.

Parlamento das Letras: Manuel Veiga

Entrevista de Armando Requeixo a Manuel Veiga no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo: ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Manuel Veiga (MV): A maiores do que todo o mundo xa sabe, creo que deberiamos aproveitar a crise para mellorar. A técnica facilitounos demasiado todo e hoxe temos unha crise de sobreprodución, tamén en canto a títulos literarios. Penso que as dificultades presentes representan unha boa oportunidade para que os autores traballemos máis e presentemos mellores textos. Vexo que a xente escribe moi rápido. Posto que non imos renunciar ao ordenador para volver á pluma de ave, aí vai un consello que me fago, en primeiro lugar, a min mesmo: profundemos máis e repasemos máis antes de ir correndo ao editor. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– MV: Ía dicir que mediocre, pero cando leo os analistas literarios doutras épocas sempre comprobo que se refiren ao seu tempo como mediocre, aínda que sexan coetáneos de Flaubert, de Faulkner ou de Proust. Así que calo a boca para non caer nese defecto tan xeneralizado do presentismo. (…)”

Pedro Feijoo: “Adriano é un Hannibal Lecter do país”

Entrevista de Ramón Nicolás a Pedro Feijoo no seu blogue, Caderno da crítica:
“(…) – Ramón Nicolás (RN): Como se concibiu esta novela [A memoria da choiva]?
– Pedro Feijoo (PF): O proceso foi longo, vén xa de moi atrás. Sempre sospeitei que en Rosalía había moito máis do que se contaba e supoño que comecei a darlle voltas hai ben de tempo. Sempre pensei que hai páxinas e páxinas sobre o Inferno de Dante e nós temos ese inferno aquí.
A raíz da publicación de Os fillos do mar brindóuseme a oportunidade de ter certa tranquilidade e paz para abordar este proxecto que se estendeu ao longo de algo máis de dous anos.
– RN: O proceso de documentación para a elaboración da novela sospéitoo longo e intenso…
– PF: Cousas deste tipo xa non é que non se poidan facer sen documentarse senón que hai que ser moi insistente con moita xente…. Alonso Montero ou Axeitos axudáronme moito a establecer contactos e obter información. Era complicado porque, ademais, sendo Rosalía quen é resulta incrible a pouca información que hai…, por exemplo: se quería rañar na árbore xenealóxica era como ter un crebracabezas coas pezas moi afastadas e o labor consistía en ir dun sitio a outro e facer preguntas incómodas… Todo este traballo previo, en xeral, púidome levar seis meses intensos de dedicación case exclusiva. (…)”