O
mércores 15 de maio, ás 12:15 horas, diante do monumento a Manuel Curros Henríquez nos Xardíns de Méndez Núñez da Coruña, a Agrupaçom Cultural O Facho realizará a tradicional ofrenda floral co gallo do Día das Letras Galegas, en lembranza de Roberto Vidal Bolaño. No acto falará o presidente d’O Facho, Xosé Luís Rodríguez Pardo.
Intervencións de Cesáreo Sánchez e Lídia Jorge nos VI Encontros Cidade da Coruña
Finalizamos
a publicación das conferencias que tiveron lugar nos VI Encontros Cidade da Coruña, celebradas no mes de abril e maio deste ano, 2013.
Lídia Jorge, Escritora Galega Universal 2013 pronunciou a conferencia Quem guardará os livros.
Pódense escoitar aquí, completas, a Laudatio da Escritora Galega Universal (Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG)
E a intervención da propia autora:Conferencia (Lídia Jorge)
Carballo: presentación de Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, de Carlos Callón
O
luns 13 de maio, ás 20:30 horas, no Casino de Carballo, preséntase o libro Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, de Carlos Callón, publicado en Xerais. O acto está organizado pola Mesa pola Normalización Lingüística de Bergantiños.
Arteixo e A Coruña: presentacións de Un chapeu negro e un nariz de pallaso, de Montse Pena e Gonzalo Enríquez Veloso
O
martes 14 de maio, ás 17:30 horas, no Centro Cívico de Arteixo, preséntase Un chapeu negro e un nariz de pallaso, de Montse Pena Presas e Gonzalo Enríquez Veloso, publicado en Galaxia. No acto participan o autor do documental e Fran Naveira.
O día seguinte, o mércores 15 de maio, ás 19:30 horas, preséntase tamén na FNAC (Praza de Lugo) da Coruña, coa presenza de Gonzalo Enríquez Veloso e Francisco Castro.
Lugo: acto poético e musical sobre Rosalía de Castro
A Coruña: lectura dramatizada e musicada de obras de Roberto Vidal Bolaño
Rianxo: II Macro-recital ao son das letras vivas, o 18 de maio
Vilagarcía de Arousa: 26ª edición da Mesa das verbas
Pontevedra: presentación de Canitrot. Cen anos de esquecemento, de Carlos Gegúndez
O
martes 14 de maio, ás 20:00 horas, na Galería Sargadelos de Pontevedra (Rúa da Oliva, 24), preséntase o libro Canitrot. Cen anos de esquecemento, de Carlos Gegúndez López, publicado en Alvarellos. No acto, organizado polo Ateneo de Pontevedra, participa, xunto ao autor, Henrique Alvarellos.
A Coruña: presentación pública da asignación do nome do poeta palestino Mahmud Darwix a unha aula da Escola Oficial de Idiomas da Coruña
O
luns 13 de maio, ás 12:00, na Libraría Nova Colón (Rúa Olmos, 9), da Coruña, preséntase publicamente a asignación do nome do poeta palestino Mahmud Darwix a unha aula da Escola Oficial de Idiomas da Coruña, nunha iniciativa conxunta do Departamento de Árabe da E. O. I. da Coruña e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG). O acto contará coa presenza de Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, e de Celeste Seoane Míguez, Xefa do Departamento de Árabe da Escola Oficial de Idiomas da Coruña.
Mahmud Darwix estivo en Galicia no ano 2006 para recibir o Premio da AELG Escritor Galego Universal na súa primeira edición.
Nado en Birwa, aldea de Galilea (Palestina), pasa alí a súa infancia até 1948, data en que a súa familia é forzada ao exilio no Líbano. Cando os seus pais tentan retornar a ela é para constatar que a súa aldea foi destruída e substituída por unha colonia xudaica. Diríxense entón para Dayral-Assad, onde viviron en semiclandestinidade.
Este home, que non pertenceu a ningún partido político, que venerou a patria, tornouse o portavoz de todo un pobo, alén do seu mellor representante no mundo.
Foi o fundador e director dunha das principais revistas literarias árabes, Al-Karmel, cuxos arquivos foron destruídos polo exército israelí, no cerco a Ramallah.
Mahmud Darwix é un dos máis grandes poetas árabes contemporáneos. Soubo mesturar a beleza do verbo e a profundidade do sentido. Soubo describir o sufrimento palestino, mais tamén a determinación do seu pobo a opoñerse, sobrevivir, ser. Recoñecido como a voz da Palestina, a súa pluma soubo deseñar o contorno dos soños e as aspiracións do pobo palestino.
Os seus poemas cruzaron rapidamente as fronteiras palestinas. O poema “Identidade” converteuse nun himno cantado en todos os países árabes. É coñecida a intensidade da súa poesía, constantemente preocupada pola exploración das posibilidades rítmicas e melódicas da lingua árabe. Do mesmo modo, coñecedor da lingua hebrea, a súa poesía alberga constantes referencias á Biblia, ao Corán ou Exipto, e apréciase unha notábel carga simbólica e unha fundamental preocupación estética. Este poeta tendeu coa súa obra pontes entre ámbitos culturais de diversa natureza que habitualmente permanecen arredados uns doutros.
Soubo cantar o amor, a resistencia, o sufrimento e a esperanza, e resumirá en 2002, durante a segunda Intifada, a capacidade de resistencia dos palestinos con estas palabras: «Sufrimos dun mal incurábel que se chama esperanza.»
Faleceu o 9 de agosto de 2008.



