Lugo: comeza a Feira do Libro

O martes 14 de maio bota a andar a Feira do Libro de Lugo (na Praza Maior, de 11:30 a 14:00 horas e de 17:30 a 21:00 h.), cos seguintes actos literarios destacados nestes dous días:

Martes 14
19:00 h. Inauguración da feira. Actuación dos alumnos do Conservatorio de Música de Lugo. Intervencións institucionais. Dentro da programación inaugural, actuación de María Lado e Lucía Aldao, co seu espectáculo de poesía, historias e música Con dez poemas por barba.
20:00 h. Urdime Teatro representa Vida e obra de Roberto Vidal Bolaño, charla posta en escena entre a actriz Laura Ponte e o dramaturgo e fillo do autor, Roi Vidal Ponte.

Mércores 15
19:00 h. Presentación do libro Feminismos, da escritora María Reimóndez, publicado por Edicións Xerais. Xunto coa autora do libro, participará no acto Encarna Otero. Ao remate da presentación, a escritora asinará exemplares da súa obra na caseta da Libraría Trama.
20:00 h. Coloquio con humor: Contos das 3.651 noites. Divertidos relatos a cargo de Lois Pérez.

Dores Tembrás gaña o XVI Premio de Poesía Concello de Carral

Dores Tembrás, coa súa obra Cronoloxía da urxencia resultou gañadora do Concurso de Poesía Concello de Carral do presente ano.
O xurado resalta da obra gañadora que é un poemario esencial, emocionado e emocionante, enfiado arredor do amor e a paixón cun sentido positivo da existencia, poñendo en valor a simboloxía dos traballos da casa e do campo, resultando unha poética con raíces. A autora emprega unha depurada linguaxe conceptual, con poemas breves e limpos, resultando un libro equilibrado e unitario de principio a fin.
O xurado estivo formado por Mercedes Queixas Zas, Francisco X. Fernández Naval e Roi Vidal, baixo a presidencia da Concelleira de Cultura, Isabel López Pérez, e asistidos en calidade de secretario, polo técnico municipal de Cultura e coordinador do premio, Carlos Lorenzo Pérez.
Ao certame presentáronse un total de 38 libros. O premio de Carral está dotado con 2000 euros e a publicación da obra.
O acto de entrega do premio terá lugar o 31 de maio, na Casa da Cultura de Carral, dentro da programación de Letras Galegas 2013. O mesmo acto servirá para a presentación do poemario que gañou na pasada edición, Teatro, de Roi Vidal. Para a publicación do libro o Concello de Carral contou coa colaboración económica da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia.”

Betanzos: recital poético e musical na Libraría Carricanta

O mércores 15 de maio, ás 20:30 horas, na Libraría Carricanta (Rúa Doutor José Fariña, 1) de Betanzos, terá lugar un recital coas intervencións poéticas de Pedro Casteleiro, François Davo, Eduardo Estévez, Tati Mancebo, Luís Mazás e Ramiro Torres, en diálogo coa música en directo de César Morán.

Photo-call do Día das Letras Galegas na Rede Museística Provincial de Lugo

BASES

Esta actividade pretende render unha homenaxe simbólica a Roberto Vidal Bolaño a través das palabras e da caracterización que mellor o identificou: o chapeu e o nariz de pallaso. O photo-call levarase a cabo do 14 ó 19 de maio. Durante toda esa semana, os nosos visitantes terán á súa disposición un pequeno escenario no que farán un posado ataviados co sombreiro, o nariz de pallaso e un cartelón no que escribirán unha palabra en galego, a que máis lles guste. Todas estas imaxes iranse colgando nas redes sociais de cada un dos museos da Rede (facebook, twitter).
Con tódalas palabras recollidas, invitámosvos a que elaboredes con elas un texto literario, que ben poden ser relatos, microrrelatos, poemas, cancións, videocreacións, twitts (140 caracteres), etc., para que as compartan nos espazos web do museo.
Desde o 20 ó 31 de maio, abrimos as nosas redes para que colguedes as vosas creacións e entre todas elas, vós mesmos decidiredes un gañador para cada unha das categorías. As obras que sume máis “Gústame” ata o 16 de xuño, nas redes sociais de cada un dos museos pertencentes á Rede Museística Provincial, recibirá un lote de libros.

BASES DE PARTICIPACIÓN:
– Cada usuario pode participar indistintamente en cada unha das redes sociais de cada un dos museos que forman parte da Rede Museística Provincial: Museo Provincial de Lugo, Pazo de Tor, Museo Provincial do Mar de San Cibrao e Museo Fortaleza San Paio de Narla. Haberá un gañador por categoría en cada un dos museos da rede.
– Cada persoa pode participar cun número ilimitado de creacións.
– As categorías son as seguintes: relatos, microrrelatos (máximo 150 palabras), poesía, canción, videocreacións, Tuits (somentes para Twitter, máx. 140 caracteres) e creación libre (nesta categoría admítense formatos que destaquen pola súa orixinalidade e que non se poidan inscribir nas categorías citadas previamente).
– As obras gañadoras serán aquelas que sumen máis votos ou “gústame” entre o facebook e o twitter de cadanseu museo.
– As votacións permanecerán abertas desde o 20 de maio ó 16 de xuño.-O nome e as obras dos gañadores serán colgadas novamente nas redes sociais de cada museo, ó longo da semana seguinte ó peche das votacións.
– Ós premiados entregaráselles un lote de libros editados pola Rede Museística Provincial de Lugo.