Convocado o VI Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados

“O Departamento de Educación do Concello de Santiago e Kalandraka Editora convocan o VI Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados, cunha dotación económica única de 9.000 euros en concepto de adianto polos dereitos de autor. O prazo de presentación dos traballos concluirá o 1 de marzo de 2013 e o fallo do xurado darase a coñecer arredor do 2 de abril, no marco do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil e das actividades da XIII Campaña de Animación á Lectura do Concello de Santiago.
Ao Premio Internacional Compostela poden optar autores e ilustradores de calquera nacionalidade que presenten obras orixinais e inéditas, escritas en calquera das linguas oficiais da Península Ibérica. As persoas interesadas en presentarse ao certame deberán enviar cinco copias do texto, tres ilustracións orixinais e cinco fotocopias en color de cada unha delas, xunto cunha maqueta acabada de todo o proxecto. O material, asinado baixo lema ou seudónimo, enviarase ao Rexistro Xeral do Concello de Santiago (rúa do Presidente Salvador Allende, 4, 15705 Santiago de Compostela).
Kalandraka publicará a obra premiada nas cinco linguas oficiais peninsulares -galego, castelán, catalán, éuscaro e portugués- en outubro de 2013. A editorial poderá publicar tamén os traballos que reciban unha mención especial. O xurado estará formado por profesionais de recoñecido prestixio na área da literatura e da ilustración infantil. As bases completas de participación no VI Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado pódense consultar aquí.” Desde Kalandraka.

Xosé Luís Méndez Ferrín: “Cos orzamentos actuais a Real Academia quedará estrangulada”

Entrevista de Camilo Franco a Xosé Luís Méndez Ferrín en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): ¿Cal é a situación da Real Academia Galega?
– Xosé Luís Méndez Ferrín (XLMF): A Real Academia está estrangulada. Coas cifras que se ofrecen nos orzamentos da Xunta non podemos manter os seminarios, nin a comisión de toponimia, nin poderemos seguir actualizando o dicionario en web, nin asumir a edición en papel. Coas orzamentos actuais a Academia quedará estrangulada e non poderá asumir os cometidos que ten asignados por lei. (…)
– LVG: ¿A RAG é a academia co orzamento máis humilde das peninsulares?
– XLMF: Igual o problema é ese. Que pensan que o galego é un idioma humilde que non precisa máis e que non merece máis. Que os galegos non merecemos outra cousa. Efectivamente, a RAG é academia co menor presuposto de todas a que hai na Península e isto xa di moito da situación na que estamos. Creo que temos que entender que Galicia non é Murcia.”

É para rir: de Castelao aos Tonechos

Reportaxe publicada en Cultura Galega:
“Moito se ten falado sobre a importancia do humor como elemento definitorio da identidade galega. Desde Castelao a Piñeiro, pasando por Celestino Fernández de la Vega, Paz Andrade ou Siro López, diferentes pensadores analizaron o xeito no que nos rimos os galegos. Agora, Félix Caballero presenta unha obra na que recolle e analiza as opinións ao respecto. Edicións Morgante presentaba o pasado mes de decembro O humor galego alén da retranca, un traballo no que Félix Caballero analiza o xeito que temos de nos rir e repasa as visións que sobre este fenómeno ten dado a cultura do país. No seu traballo atopamos desde análises xa clásicas sobre o humor galego ata comentarios sobre series televisivas actuais e o xeito no que o noso xeito de entender o sorriso se adaptou aos novos tempos. Na obra, a seguir autores como Baldomero Cores ou Paz Andrade que xa teñen tratado a cuestión no noso país, Caballero distingue “catro xéneros ou formas de humor. Está a retranca, que penso que é unha manifestación puramente defensiva onde se actúa con moito disimulo para dicir o que un quere sen que pareza mal, mais sen intención de burla”. Tamén ten este carácter o trasacordo, caracterizado por se desdicir do dito ou mudar de opinión. Fronte a isto, “a sorna é un xeito indirecto de loita, ten unha intención de atacar”. A rexouba, pola súa banda, “ é un tipo de humor claramente expansivo, mesmo ofensivo no mellor sentido da palabra, xoga coa burla e a exaltación”. O interese por analizar este fenómeno non é orixinal de Caballero, quen recoñece que o seu traballo supón unha compilación e unha análise de diferentes achegas que sobre esta materia que xa se teñen feito no país. “Non achega novidades teóricas, o que fixen foi compilar e ordenar o que se ten dito, pretendía facer unha especie de introdución”, sinala. Con O segredo do humor de Celestino Fernández de la Vega como obra de referencia ineludible para quen queira reflexionar sobre o tema, son varios os autores que no país abordaron esta cuestión. Malia ao interese que existiu e existe no noso país, Caballero recoñece que non foi sinxelo compilar a extensa bibliografía que manexou para o seu traballo. “A maior parte son artigos en revistas e referencias dentro de libros que non tratan especificamente a cuestión. De feito penso que o único traballo específico é o de Celestino Fernández de la Vega, que xurdiu como unha encarga para este investigador da man de Piñeiro e dos responsables de Galaxia”, lembra. “Castelao, Piñeiro, Rof Carballo ou máis recentemente Siro, que ten escrito moito, trataron o tema”. (…)”.

Ferrol: presentación de Verde oliva, de Xavier Alcalá

O mércores 9 de xaneiro, ás 20:00 horas, na Galería Sargadelos de Ferrol (Rúa Rubalcava, 30-32), preséntase Verde oliva, de Xavier Alcalá, publicada en Galaxia. No acto, xunto ao autor, participan Víctor F. Freixanes e Alfredo Ferreiro, quen manterá unha conversa co autor.

Tabela dos Libros de xaneiro, por Armando Requeixo

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Velaquí a Tabela dos Libros do mes de xaneiro. Nela figuran seleccionados os volumes que, ao ver d@s crític@s participantes, son estimados como os máis recomendables de entre os publicados nas últimas semanas.”

Bases do I Premio Muíño do vento de textos de contraportada

I PREMIO MUÍÑO DO VENTO DE TEXTOS DE CONTRAPORTADA

1. Con obxecto de promover a calidade dos textos que acompañan o libro na contraportada ou lapelas e mais de resaltar a súa importancia pola información que transmite ao futuro lector, así como de darlle visibilidade ao traballo asociativo realizado nos barrios -a parte menos visible das cidades-, a Asociación Cultural Muíño do Vento do barrio de Canido (Ferrol) convoca o I Premio Muíño do Vento de Textos de Contraportada para obras de Literatura Infantil e Xuvenil editadas en galego.
2. Poderán presentarse ao premio todos os libros de literatura infantil e xuvenil publicados no ano 2012, calquera que sexa o seu xénero literario.
3. Establécese un único premio, que consiste nun cadro do pintor ferrolán Poldo Rapela.
4. Entregarase o premio ao autor do libro, independentemente da autoría do texto presentado.
5. O premio outorgarase por maioría de votos e poderá ser declarado deserto.
6. O xurado será escollido pola Xunta Directiva da Asociación Muíño do Vento, e a súa decisión será inapelable.
7. Non poderán presentarse ao premio autores/as socios/as da Asociación Muíño do Vento.
8. As persoas que concursen deberán remitir, antes do día 15 de febreiro de 2013, unha fotocopia da portada e da contraportada da obra, así como o seu enderezo, teléfono de contacto e dirección de correo electrónico, a:
Asociación Cultural Muíño do Vento
Rúa Pintor Máximo Ramos nº 7-9, 2ºC
15401, Ferrol
No caso de que opten polo envío mediante correo electrónico, deberán achegar a portada e a contraportada escaneadas nun documento PDF, ademais do enderezo, teléfono de contacto e dirección de correo electrónico, a directiva@muinhodovento.es.
9. Na primeira quincena de marzo, daranse a coñecer os títulos das obras finalistas mediante a publicación na páxina web. Os autores/as deberán remitir un exemplar da obra antes do día 25 de marzo de 2013, ou, en todo caso, dentro dos 15 días seguintes a seren avisados por parte da asociación convocante.
10. A entrega do premio terá lugar o día 4 de maio no transcurso dun acto músico-festivo no lugar do barrio onde estean presentes os maios participantes na Festa dos Maios, tradicional no barrio de Canido.
A persoa premiada recibirá o seu recoñecemento da man do alumnado premiado no concurso Inventa unha flor, convocado en centros educativos de Canido. Do mesmo modo, o autor ou autora entregará cadanseu recoñecemento ás autoras e autores escollidos por cada escola participante.
11. Despois da entrega do premio, a documentación achegada polos participantes será destruída.
12. Os libros presentados polos finalistas entregaranse ás bibliotecas correspondentes dos centros educativos do barrio, a menos que, canda o envío por parte dos autores/as, estes soliciten a súa devolución.
13. A aceptación do premio por parte do gañador/a implica a súa conformidade para que a Asociación Muíño do Vento poida utilizar publicitariamente o seu nome en relación co premio.
14. A participación neste certame presupón a aceptación destas bases. O xurado estará facultado para resolver todas aquelas cuestións que non se establezan nelas.

Canido-Ferrol, decembro de 2012