A Coruña: obradoiro Todo/nada poesía, impartido por Antía Otero

Todo/nada poesía é un obradoiro literario/artístico orientado a aquelas persoas que queiran achegarse ao entramado poético dende unha visión lúdica, interdisciplinar e contemporánea como primeira toma de contacto. No proceso aportaranse chaves que axuden a escoitar e mirar dende o aquí e o agora da cotidianidade, do preciso, do inmediato… facendo fincapé na grandeza do poético. Os obxectivos son:
– Aportar chaves que axuden á elaboración e creación de textos partindo da mirada única de cada participante.
– Poñer en relación o poético co interdisciplinar: cinema, música, vídeo…
– Desmitificar conceptos tradicionalmente asociados a poesía como: o romanticismo, a rima, a puntuación clásica.
– Atopar os silencios no lenzo.
– Bucear nas propias creacións a redor da imaxinación, a escoita, o concreto, os diálogos, o eu e os personaxes, o tempo, o espazo, o silencio.
– Desmitificar a idea de que para escribir un debe ser experto ou grande entendido.
– Plantexar o feito artístico como algo accesible pero complexo, polo que se aconsella implicación presencial.

RESUMO
Nivel: Iniciación.
Duración: Trimestral. Prazas limitadas.
Horario: Todos os luns de xaneiro a marzo, de 18:00 a 20:00 horas.
Prezo: 60 €/mes socios. 80 €/mes non socios de Polisemias.
Inscrición: aquí.

Nivel: Medio (previa entrevista).
Duración: Trimestral. Prazas limitadas.
Horario: Todos os luns de xaneiro a marzo, de 20:30 a 22:30 horas.
Prezo: 60 €/mes socios. 80 €/mes non socios de Polisemias.
Inscrición: aquí.

A Coruña: obradoiro de escrita creativa con Francisco Castro

Francisco Castro dirixe un Obradoiro de escrita creativa dirixido a persoas ás que lles gusta escribir. Está concebido dende unha perspectiva lúdica e moi participativa. Quen acuda terá a oportunidade de plasmar sobre o papel todo o que caiba na súa imaxinación, literaturizar a súa vida, xogar a crear mundos coas palabras… en definitiva, a gozar da experiencia literaria e da creación escrita. Todas as persoas que participen terán a ocasión de, dende o primeiro momento, escribir poemas, relatos, contos… a partir de actividades lúdicas e sorprendentes.
Dende o minuto un do Obradoiro escribiremos, faremos literatura. O director do Obradoiro proporá actividades que actuarán como catalizadores da creatividade. Logo, sobre os resultados obtidos (os poemas, os relatos, a descrición dos personaxes, a literaturización dalgún aspecto da realidade), será o momento de teorizar e amosar como grandes autores e autoras da literatura universal construían o seu universo de ficción. O Obradoiro, que é eminentemente práctico e participativo, ten o seguinte programa:
– A práctica do relato breve.
– Crear personaxes.
– Técnicas básicas de narración literaria.
– Como atopar o teu estilo literario.
Os seus obxectivos son escribir e gozar do feito de crear literatura e aprender as técnicas básicas da creación literaria.

RESUMO
Nivel: Iniciación.
Duración: 8 horas. Prazas limitadas.
Datas de inicio e finalización: 11 e 25 de xaneiro; 8 e 22 de febreiro; e 8 e 22 de marzo.
Horario: venres alternos de 18:00 a 20:00 horas.
Prezo: 60 € socios. 80 € non socios de Polisemias.
Inscrición: aquí.

Ramón Nicolás: Dez anos de letras galegas (2002-2012)

Artigo de Ramón Nicolás, desde o seu blogue, Caderno da crítica:
“Este pasado sábado 5 de xaneiro, no seo da entrega especial do suplemento Culturas de La Voz de Galicia, por mor dos seus 500 números publicouse este texto que reproduzo a continuación. Ao tempo tamén se incluíron o que entendo como dez títulos esenciais dunha década, no xénero da narrativa e mais do ensaio, entre outros que ben se poderían escoller, e que incorporarei nun apuntamento posterior.
Hai por volta de dez anos, pouco despois de vivirmos aqueles célebres efectos do cambio do milenio, nas letras galegas vivíase a recente desaparición de Carlos Casares e tamén a do dramaturgo Roberto Vidal Bolaño. Ausencias nunca definitivas pois sempre, afortunadamente, quedan os libros. Non debera converterse este artigo en obituario ningún pero non quixera esquecer que, neste período, tamén nos deixaron, ficando un pouco máis orfos, presenzas ben relevantes na nosa historia cultural máis recente como son -no que é unha nómina inxusta polos esquecementos- Fernández del Riego, Isaac Díaz Pardo e Marcos Valcárcel, ou poetas de percorrido truncado como Xela Arias e Luísa Villalta.
Malia todo a vida segue, tamén as letras galegas claro é, nun período talvez con luces e sombras, sobre todo estas últimas por condicionantes de carácter social e económico que pouco axudan a seguir gañando espazos para a promoción e difusión da literatura galega. A imaxinación, aliada coa crenza de que as letras en galego teñen futuro, deparou, por apenas citar dúas propostas, un proxecto como o “Culturgal”, cada vez máis afortalado como convocatoria anual das denominadas industrias culturais, e mais tamén a revista Biblos. Clube de Lectores, sempre fiel á súa cita bimestral e que supón achegar o libro galego a quen lle queira abrir a porta.
Asemade, ao meu xuízo converxen, nestes dez anos, algunhas liñas de forza  que, na súa medida, contribúen á precisa solidez dun edificio no que cómpren moitas mans mentres que talvez as que deberan non fan todo o que lles correspondería. Entre estas mans encóntranse, quen dubida contemplalas agora como un elemento de normalidade, as das narradoras. Se ben o espertar e mais a incorporación das novelistas resultou sincopado nos derradeiros anos do XX é ben certo que nesta década voces como as de Inma López Silva, Rosa Aneiros, Iolanda Zúñiga ou María Reimóndez, entre outras moitas, explican unha realidade literaria viva, plural e poliédrica malia –todo hai que dicilo- a súa escasa visibilización.
A carón, con todo, da dinámica habitual dun sistema literario como o noso no que conviven, afortunadamente, xeracións e estéticas moi diversas, talvez cómpre subliñar tres factores  que apuntan á necesaria fidelización do lectorado: velaí a presenza, ou promoción nalgúns casos, da literatura galega na rede, que vai dando os seus primeiros pasos na comercialización dos seus produtos; a vontade de estabilizar propostas literarias para un público amplo, sustentadas nunha inequívoca calidade literaria como as que asinan, por exemplo, Domingo Villar ou Pedro Feijoo entre outros e, finalmente, a estabilidade e proxección da literatura infantil e xuvenil en lingua galega, tanto no que se refire ao sector autorial –onde apareceron voces realmente significativas que supoñen unha feliz continuidade respecto doutras ben recoñecidas – como ao propiamente editorial e penso, por exemplo, nos recoñecementos obtidos a todos os niveis por Kalandraka Editora.
E, falando de editoriais, apenas dúas liñas para saudar pequenos proxectos que permiten acceder con garantías a propostas escritas noutros idiomas, entre eles Rinoceronte Editora e a máis recente, pero con resultados excelentes, como é o selo Hugin e Monin. Cómpre, malia todo, ser optimistas, eu son dos que pensan que seguirmos supón unha gran vitoria.”

Manuel Rivas: “A nosa tradición é máis erótica que fúnebre, aínda que ás veces pareza que o país anda un pouco zombi”

Entrevista de Montse Dopico a Manuel Rivas en Praza:
“(…) – Praza: As voces baixas comeza lembrando “o primeiro medo” teu e máis de túa irmá María, do que xa falaras no relato A leiteira de Vermeer. En realidade, a túa infancia está presente en boa parte dos contos de Que me queres, amor?, de Ela, maldita alma ou de As chamadas perdidas. Sitúase neles a orixe de As voces baixas?
– Manuel Rivas: Hai retallos, trazos que aparecen xa neses libros, si. O que ocorre é que o que conto neles non son experiencias biográficas no sentido literal. Hai, si, unha fonte de experiencias que agroman nestes libros e tamén en Os libros arden mal, pero iso non significa que o que aparece nos relatos me pasase necesariamente a min, no sentido máis inmediato. A escrita ten, para min, o xeito dun fío que cose moitas cousas. É como unha ponte entre un nós e un eu, ou entre un eu e un nós. Hai unha sorte de memoria colectiva que herdamos e incorporamos á nosa memoria individual. Así, o de A leiteira non era un relato da miña vida, senón dun personaxe que si tomou cousas prestadas da miña memoria.
A orixe de As voces baixas sitúase, propiamente, na serie Storyboard, que se publicou no suplemento Luces de El País, e que supón como unha cuarta parte do contido do libro. Antes eu non me planteara escribir sobre a materia da infancia e das lembranzas. Cando Xosé Hermida, o coordinador de El País Galicia, recibiu o primeiro artigo, levou unha sorpresa porque, claro, eu escribía sobre temas de actualidade, cuestións conflitivas, polémicas, de crítica cultural e social…
Eu penso que As voces baixas é un proxecto que foi nacendo a medida que o fun escribindo. Acabei decatándome de que era para min como unha estraña obriga en marcha. En realidade non traballo cun esquema estruturado. Só parto de mapas xeográficos que despois moitas veces quedan en mapas ilusorios, porque acabo tirando por outro lado. Se cadra debería escribir en braille, porque escribo como un cego. Con esa conexión entre os dedos e o maxín. É unha escrita moi sinestésica… e non me sae doutra maneira. Un xeito de escribir menos “poético” non sería o que eu quero. Por iso a imaxe do cego, ou a do vagabundo, resúltanme moi acaídas para explicalo. (…)”.

Vigo: presentación de Pedras de Plastilina, de Moncho Iglesias

O martes 8 de xaneiro, ás 20:00 horas, na Libraría Cartabón (Rúa Urzaiz, 125) de Vigo, preséntase o poemario Pedras de Plastilina, de Moncho Iglesias, publicado en Toxosoutos. No acto, presentado por Camilo Nogueira, haberá unha actuación musical de Nicolá.

Pemón Bouzas: “O que me traian os reis magos vai ser marabilloso”

Entrevista a Pemón Bouzas en Sermos Galiza:
“Xornalista e escritor, Pemón Bouzas vén de publicar A estrela de Oriente (Xerais), un libro en que re-visita o mito dos Reis Magos. O escritor reconstrúe a viaxe dos tres personaxes en que interpreta como un diálogo e encontro entre culturas. Lembra a maqueta dun tren eléctrico que atopou nos seus zapatos nunha mañá do 6 de xaneiro e desexa que a ilusión de momentos como ese dure toda a vida.
– Sermos Galiza: Un libro sobre os reis magos, a quen llo agasalla?
– Pemón Bouzas: Tardei máis do previsto mais, en primeiro lugar, estaba pensado para a miña filla, para cando, como di Graham Greene, atravesase ese momento na infancia en que se abre unha porta cara ao futuro. A idea era que seguise mantendo a ilusión dos Reis Magos. Escribino nun momento en que, en certa maneira, tamén eu precisaba recuperar esa ilusión. ter cativada na casa volve facer da noite do 5 de xaneiro unha noite máxica, como di a tópica frase.. Ás veces penso que escribín o libro para os país. É como se unha tarde puxeses na tele unha película para todos os públicos.A alegría que dan os Reis Magos pódese compartir, claro que si! (…)”.

Parlamento das Letras: Iolanda Zúñiga

Entrevista de Armando Requeixo a Iolanda Zúñiga no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Iolanda Zúñiga (IZ): Fáltalles franqueza, arrebato, modernidade. Sóbralles tedio, pudor, límites. Coñezo escritores/as que ignoran que o son e autoconfínanse a publicar en twitter. Coñezo escritores/as que darían uns burócratas formidables. O noso decorrer histórico e consecuente memoria colectiva son necesarios para orientarnos con lucidez neste tempo que nos tocou vivir, pero non os concibo como unha ferramenta da que abusar nos meus textos. Teñen máis valor as pequenas accións do día a día (como ir falar ao Corte Inglés nun galego con seseo e gheada) ca unha restra de libros cun claro ton doutrinario que só van interesarlle aos intelectualmente afíns a un. Para seducir as novas xeracións debemos espelirnos. Aos que redactamos fáltanos perspicacia. E atractivo. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– IZ: O seu estado en canto a vocación é óptimo. Pero, insisto, somos pouco arriscados. Queda moito mundo que contar en galego e temos talento para facelo. Deberiamos diversificar máis as temáticas, os estilos, os formatos. Dos fracasos editoriais —entendamos como “fracaso” recuperar o investido sen obter grandes beneficios— tamén se nutre a literatura dun país, que só sostida sobre alicerces bestseller resultaría feble, homoxénea, sen variedade para competir ao carón doutras literaturas sólidas. Aventurémonos a redactar, a publicar, a recomendar, a ler. (…)”.