Pontevedra: Congreso Valentín Paz Andrade

Do 13 ao 15 de decembro, no Pazo de Congresos de Pontevedra (Rúa Alexandre Bóveda, s/n.), terá lugar o Congreso Valentín Paz Andrade, organizado pola Real Academia Galega, coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia e o Concello de Pontevedra.
O comité organizador está formado por Xosé Luís Méndez Ferrín, Xosé Luís Axeitos Agrelo, Manuel González González, Euloxio Rodríguez Ruibal e Francisco Fernández Rei.
A inscrición é gratuíta. Para formalizala cómpre enviar un correo electrónico a secretaria@realacademiagalega.org en que figuren os seguintes datos: nome, apelidos, DNI, enderezo postal completo, correo electrónico e teléfono. Admitirase un número máximo de 100 solicitudes por rigorosa orde de inscrición.
Entregarase un diploma de asistencia aos inscritos que acrediten ter participado en todas as sesións (15 horas computables por créditos ECTS pola Universidade de Vigo).
O programa é o seguinte:

Xoves 13 de decembro
10:00 h. – 10:30 h. Inauguración.
10:30 h. – 11:15 h. Conferencia inaugural. Ramón Villares: Paz Andrade na luz e na sombra
11:45 h. – 12:15 h. Tucho Calvo: Unha mirada de futuro no século XX.
12:15 h. – 12:45 h. Luís Cochón: Valentín, sempre ao seu aire.
12:45 h. – 13:15 h. Emilia García López: Aparición dun inédito: Diarios de viaje.
13:15 h. – 13:45 h. Coloquio.
16:30 h. – 17:00 h. Charo Portela: Valentín Paz Andrade, con Pontevedra ao fondo.
17:00 h. – 17:30 h. Xan Carballa: Os vellos galeguistas nunca morren.
18:00 h. – 18:30 h. Miguel Anxo Seixas: Castelao á luz de Paz Andrade.
18:30 h. – 19:00 h. Manuel Rivas: Paz Andrade: contra o cinismo.
19:00 h. – 19:30 h. Luís Bará: Historia de dúas cidades: Valentín Paz Andrade e o xornalismo pontevedrés e vigués de preguerra.
19:30 h. – 20:00 h. Coloquio.

Venres 14 de decembro
10:00 h. – 10:30 h. Gregorio Ferreiro Fente: A oración da montaña: Valentín Paz Andrade, poeta na Guerra Civil.
10:30 h. – 11:00 h. Ana Acuña: Valentín Paz Andrade e a escola lírica pontevedresa.
11:00 h. – 11:30 h. Xesús Alonso Montero: O poema «Na onde até Rianxo…»: dous antecedentes e uns escolios quizais pertinentes.
11:30 h. – 12:00 h. Luís González Tosar: América, estrela virxe. Achega á presenza de autores iberoamericanos na poesía de V. P. A.
12:30 h. – 13:00 h. Xosé Henrique Monteagudo Romero: A lingua e as ideas lingüísticas de Valentín Paz Andrade.
13:00 h. – 13:30 h. Coloquio.
16:30 h. – 17:00 h. Camilo Nogueira Román: …os anceios mariñeiros de Galiza.
17:00 h. – 17:30 h. Xavier Vence: A persistente marxinación de Galiza e a tarefa económica de Valentín Paz Andrade.
17:30 h. – 18:00 h. Xosé Manuel Beiras Torrado: A Galicia como tarefa en Valentín Paz Andrade.
18:15 h. – 18:45 h. Carlos Ramos Aguirre: Paz Andrade ou a racionalidade disidente: por unha idea activa de Galicia.
18:45 h. – 19:15 h. Xusto Beramendi: Paz Andrade no nacionalismo galego de entreguerras.
19:15 h. – 19:30 h. Coloquio.

Sábado 15 de decembro
10:00 h. – 10:30 h. Xosé Luís Axeitos: A Galicia do Galicia.
10:30 h. – 11:00 h. Carlos Paulo Martínez Pereiro: Valentín Paz Andrade, Guimarães Rosa e o achamento de certo Brasil.
11:00 h. – 11:30 h. Alfonso Álvarez Gándara: O noso Valentín.
11:30 h. – 12:00 h. Coloquio.
12:30 h. – 13:15 h. Conferencia de clausura. Darío Villanueva: O Valle-Inclán de Valentín Paz Andrade.
13:30 h. Clausura. Participación do Coro Tradicional Cantares do Brión (Vincios, Gondomar) que interpretará, entre outras pezas, Tríadas do vento no mar, de Valentín Paz Andrade.

Santiago: presentación de Aquiltadas, de Susana Sánchez Arins

A quinta feira 13 de decembro, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase o libro Aquiltadas, de Susana Sánchez Arins, publicado en Estaleiro Editora. No acto acompañarán á autora Vítor Suárez e Hortensia Fernández.

Do río Eume, sombras nos camiños: Polafía en Pontedeume, o sábado 15 de decembro

O sábado 15 de decembro, ás 19:00 horas, na Casa da Cultura de Pontedeume, e con entrada libre, terá lugar unha nova edición das Polafías, baixo o título Do río Eume, sombras nos camiños (dun verso de Ramiro Fonte), coa colaboración do Colectivo Terra, 8 mares, Investigación e Divulgación Cultural, Ardóbriga, Asociación Cultural para a protección do Patrimonio, e o patrocinio da Deputación Provincial da Coruña.

Coa participación de:
– Juan Permuy e Manolo Domínguez [memoria dos fuxidos].
– Lolo Placer [pescar na ría].
– Constantino Arnoso [a vida na fraga].
– Xavier Brisset [Fondo de Documentación do Territorio: Zona Eume].
– Carola Macedo Cordal [alcumes e curtidores].
– Alexandre Caínzos [revista Cátedra].
Isidro Novo [poesía: Nicolás Varela Cabana e Ramiro Fonte].
– Maruxa A Chevarría [contos, lendas, cancións].
– Carmen A Maceira [contos, lendas, cancións].
– Xosé Paz Fernández Pepucho [música].

As polafías son un proxecto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), coordinado polo vogal de Literatura de Tradición Oral, Antonio Reigosa, e que conta coa colaboración de diversas asociacións e co patrocinio de institucións públicas.
A palabra polafía é un neoloxismo referido ás reunións ou veladas de carácter festivo con contidos literarios e musicais, e ten como obxectivo primordial o de poñer en valor e rescatar do esquecemento o valioso patrimonio oral, literario e musical, galego. O termo polafía quere reunir no seu significado o mellor dos diferentes matices e acepcións de vellas palabras (polavilas, fías, fiadas, fiandóns, seráns,…) con semellantes contidos. A principal diferenza, en canto ao desenvolvemento, daquelas xuntanzas de antigo co desta nova proposta é que agora podemos, e debemos, axudarnos das novas tecnoloxías, desde os aparellos de gravación, que favorecen o arquivo e estudo do recompilado, ata o uso de novas tecnoloxías, caso de internet, que poden contribuír a unha ampla difusión deste patrimonio.
O formato das polafías require a presenza dun mantedor, divulgador ou especialista que introducirá e comentará as principais características das pezas e xéneros literarios amosados, dun recitador de poesía anónima ou de autor de feitío popular; dun músico, que interpretará romances, coplas ou cantares de raiceiras tradicionais. Sen embargo, o elemento humano transcendental e imprescindible no desenvolvemento de cada polafía constituírano os homes e mulleres, narradores, cantadores, romanceadores…etc, veciñas e veciños de cada lugar onde se desenvolva a polafía, pois eles son os auténticos protagonistas, os que xenerosamente transmiten o seu saber.
O que suceda nas polafías será gravado e logo difundido a través da web da AELG. As polafías teñen unha duración aproximada de 90 minutos.

Santiago: presentación de Verdedades, de Yolanda Castaño

O mércores 12 de decembro, ás 18:30 horas, na Biblioteca Ánxel Casal (Avenida Xoán XXIII) de Santiago de Compostela, preséntase Verdedades, de Yolanda Castaño, ilustrado por Xosé Tomás e publicado por Biblos Clube.
Ás 20:30 horas, no Auditorio Obradoiro do Centro Social Novacaixagalicia (Rúa Nova, 33), tamén en Santiago, terá lugar un recital poético da escritora fracófona canadense Carole David, chegada do Quebec por vez primeira a Galicia, en colaboración coa Universidade de Santiago, a Alianza Francesa e a Escola Oficial de Idiomas.

Marcos Calveiro: “Queren que deixemos de ser cidadáns para volver ser vasalos”

Entrevista de Montse Dopico a Marcos Calveiro en Praza:
“(…) – Praza (P): O tema de fondo [Palabras de auga] é a loita pola supervivencia dunha tribo á que lle quitaron as súas terras…
– Marcos Calveiro (MC): É que nós tamén pertencemos a unha cultura ao bordo da extinción. Cada vez temos máis problemas e o tema da lingua é un bo exemplo. A min aínda me seguen preguntando por que escribo en galego. Por iso o libro pode ter algo de reflexo de como me sinto ás veces. Ademais, no fondo todas as culturas minorizadas se parecen, viven dificultades semellantes. O que pasa é que eu teño certa tendencia a escapar de Galicia para falar dela. Digamos que o meu camiño vai do global ao local, e non ao revés. Cando falo de que as mulleres africanas son o alicerce do clan malia estaren relegadas socialmente, tamén estou falando das mulleres da sociedade rural tradicional galega. Todos somos seres humanos, e non somos tan diferentes. (…)
– P: Falabas antes das mulleres, representadas no libro pola nai de Amadou. Non teñen voz nas decisións, malia o importantes que son na súa sociedade.
– MC: As mulleres non tiñan por exemplo capacidade de decisión legal ata hai pouco, malia ser elas as que sustentaban a familia. Meu avó era a típica figura patriarcal de autoridade, pero miña avoa era quen organizaba todo… E, como dicía antes, nisto e en moitos outros aspectos as sociedades rurais son moi semellantes. A miña infancia estivo, ademais, rodeada de mulleres: eu pasaba moito tempo coas miñas tías mestras, que me ensinaron moitas cousas. De todas maneiras, cústame explicar con detalle os meus personaxes. Porque a miña escrita é bastante caótica, non sigo un plan predefinido.
– P: Outro dos piares do libro é a preocupación polo medio natural: os incendios, a destrución da paisaxe coas minas. E a ruptura desa relación tan estreita coa natureza que tiñan as sociedades rurais.
– MC: Iso é unha preocupación persoal tamén. O mundo labrego é de onde nacen as culturas. E ese mundo está esmorecendo, como tan ben contaron John Berger e outros autores. Hai rapaces de Vigo que xa perderon o contacto con ese mundo rural. E se ese mundo esmorece vanse con el moitas partes importantes da nosa cultura. Só hai que pensar por exemplo en todo o vocabulario que se perde. Ademais, é certo que sempre estamos contando a mesma historia, entón reflectimos o que nos preocupa. É o que fai Philip Roth, ou Paul Auster -e non me estou comparando con eles literariamente-. Cando escribimos non podemos ser outros, só podemos ser nós, e escribimos desde as nosas circunstancias. (…)”

Parlamento das Letras: Marta Dacosta

Entrevista de Armando Requeixo a Marta Dacosta no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Marta Dacosta (MD): Evidentemente á nosa literatura e á nosa cultura fáltalles normalidade, ter o apoio institucional e social que calquera literatura merece. Mais estes volven ser malos tempos para a lírica, a crise, as agresións ao noso idioma, son como mordidas de ratas que van rillando nos libros até que as historias desaparecen. Recoñezo que os tempos son malos en todas as latitudes e lonxitudes, mais non os criterios que fan da cultura un elemento esencial. E así no noso país redúcese a industria ligada á cultura, contribuíndo ao empobrecemento da sociedade, mentres vemos como noutras latitudes os libros teñen prezos moi económicos, permitindo que a literatura chegue a todas e a todos.
Por iso considero que sobran preconceptos como o de que a cultura non debe estar subvencionada. Ao contrario, cómpre que conte con apoio económico para chegar a todas partes, para ser accesíbel a todas e a todos. Porque entendo que unha sociedade máis culta é unha sociedade máis rica, máis dona de si. Aínda que, se cadra, é isto o que non se quere, o que non queren. Tamén sobran prexuízos. Hoxe por hoxe a literatura galega articúlase ao redor de diferentes eixes, que deixan fóra as persoas incómodas. Ao final isto repercute na imaxe que ofrece a literatura, en tanto en canto non son exclusivamente criterios e méritos literarios os que imperan á hora de explicar as posibilidades de proxección da obra dunha autora ou autor.
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– MD: Como poeta é insatisfactoria, porque seguimos padecendo as mesmas dificultades de publicación e proxección da obra poética, cuestións que entran en contradición co número de autoras e de poemas que agardan a seren lidos. As redes sociais serven para desbloquear esta necesidade, mais é algo efémero, que obriga á brevidade para captar a atención e que logo se perde no hiperespazo. Cómpre seguir levando a poesía a todas partes, como sempre se fixo, e como seguen facendo moitas persoas.
E a poesía galega, como sempre, dando mostras da súa grandísima calidade. (…)”.