Boicote Cultural a Israel
Desde Saramaganta:
“As reiteradas violacións do dereito internacional e o absoluto desprezo que Israel manifesta polas innumerábeis Resolucións das Nacións Unidas que condenan as súas políticas coloniais, discriminatorias e ilegais; o fracaso das iniciativas emprendidas para que estado sionista acate o dereito humanitario e poña fin á ocupación de Palestina e á opresión das súas xentes; o respaldo que a comunidade internacional deu sempre a formas non violentas de combate contra a inxustiza están na base do apelo que lanzaron en 2005 mais de 150 colectivos palestinos en demanda de solidariedade na súa loita por restaurar os agredidos dereitos do seu pobo.
Boicote, desinvestimento e sancións a Israel
As persoas que asinamos este escrito, traballadoras e traballadores das artes escénicas, a música, a literatura, o audiovisual, o xornalismo e as artes plásticas queremos sumar á nosa voz a esta campaña global que nace da iniciativa da sociedade civil en apoio das demandas de xustiza do pobo palestino.
1.- O fin da ocupación e a colonización e o desmantelamento do Muro que divide Palestina, cuxa construción foi declarada ilegal pola ONU en 2004.
2.- O recoñecemento dos dereitos fundamentais dos palestinos e palestinas residentes no estado de Israel até a total igualdade con o resto das persoas que habitan ese espazo político;
3.- O respecto, a protección e a promoción do dereito ao retorno das persoas expulsadas da súa terra en 1948 polo exército regular e os grupos paramilitares sionistas e a devolución das súas propiedades nos termos estipulados pola resolución 194 das Nacións Unidas.
Comprometémonos a non presentar as nosas creacións en Israel mentres persista a ocupación e a colonización dos Territorios palestinos, mentres se negue a igualdade de dereitos ás cidadás e cidadáns palestinos residentes en Israel e o estado sionista non recoñeza o dereito de retorno a todas as persoas que desexen voltar á súa terra. Unha realidade que denunciaremos sen ceder ás presións que o lobby sionista exerce, aqui como no resto do mundo, sobre a/os profesionais da comunicación.
Galiza, decembro 2012
(Na listaxe final aparecerá o nome dos/as asinantes e a actividade nos ámbitos citados ou afíns).”
Pódese asinar nesta ligazón.
Entrevista a Xosé Ramón Pena, autor de Como en Alxeria, na TVG
Cos Merlín no Porto
Desde
Brétemas, o blogue de Manuel Bragado:
“Foi intensa a xornada na Escola Superior de Educação do Porto participando nos décimo oitavos Encontros Luso-Galaico-Franceses do Livro Infantil e Juvenil. Particular interese para nós tivo a xornada de tarde na que se celebrou un encontro con escritores galegos premiados no Merlín (Fina Casalderrey, Ramón Caride, Antonio García Teijeiro e Marcos Calveiro), senllas sesións arredor de propostas de lectura na aula das novelas xuvenís de Ramón Caride e Agustín Fernández Paz, e un recital poético no que participou Antonio García Teijeiro, xunto a Vergílio Alberto Vieira e João Pedro Mésseder. Abríu o encontro cos escritores galegos Fina Casalderrey que comezou a súa intervención situando a colección Merlín como “imprescindible para tomarlle a temperatura a literatura infantil e xuvenil en Galicia”, afirmando despois que “se nalgún sitio me sentín máis libre foi en Xerais, onde as únicas ataduras son a ética e a estética. Calquera tema pode ser tratado a calquera idade. Na colección Merlín cabe o mundo enteiro”. Tras relatar a súa experiencia como gañadora do Merlín en 1991, cando se concedeu no Círculo das Artes de Lugo, rematou expresando a ledicia que lle proporcionaban esas “cartas de amor” que recibe decote dos lectores e defendendo o valor para todos da literatura infantil. Ramón Caride confesou na súa intervención que “foi un soño recibir o Premio Merlín co primeiro libro infantil que escribira”. Atribuíu o éxito da colección Merlín “a un traballo editorial ben feito” e “á renovación e reinvención constante da colección”. Comezou a súa intervención Antonio García Teijeiro reivindicando ao poeta como “roubaversos” para despois relatar que foi a súa muller quen presentou o orixinal, que rematara na casa de Rafael Alberti, ao premio Merlín, “Un premio que ten algo que non teñen os demais, quizais os mellor dos organizados en España”. Rematou as súas palabras apelando ao valor da poesía: “Todos os poetas do mundo fixemos medrar unha gran árbore universal, na que penduramos os nosos poemas, onde cabemos todos. Levo loitando toda a miña vida a prol da poesía. Amade a poesía, non lle teñades medo. Citando ao meu amigo o poeta Fran Alonso ‘a poesía non traba, non morde, sabe a chocolate, sanda as feridas’. Lede poesía”. Por último intervíu Marcos Calveiro que comezou a súa intervención confesando que este ano se presentara ao Merlín “porque xa o perdera noutras ocasións”, “no Merlín está o ADN da LIX galega, coa excepción de Docampo e Martín, que non se presentaron”. A continuación explicou as razóns da súa escrita: “escribo para non perder aquel capitán de quince anos que fun, un lector voraz. Todos os meus libros son un exercicio de nostalxia daquel lector de quince anos, cando un libro podía mudarte a vida. Esa sensación nunca a volvín ter, nunca”. Rematou salientando a súa convicción que que “escribir é unha das cousas máis divertidas do mundo. Escribir e ler son dúas dimensións da mesma realidade. Para escribir hai que ser lector”. Pechou o encontro unha breve intervención de Blanca-Ana Roig Rechou quen definíu “a literatura infantil e xuvenil como aquela que nos acompaña da nenez á vellez”. A pesar de que na viaxe de regreso choveu os sete choveres, volvimos todos moi satisfeitos, unha xornada literaria que pagou a pena. (…)”.
A Coruña: presentación e recital de Versus
O
luns 10 de decembro, ás 19:30 horas, na Biblioteca Municipal do Forum Metropolitano (Rúa Río Monelos) da Coruña, preséntase a escolma poética Versus, con presentación do poeta bergantiñán Óscar de Souto e recitación en directo de parte dos outros autores do libro (Antón Borrazás e Miguel Queipo), actuación poético-musical a cargo do grupo Versus e sinatura de libros ao finalizar o acto.
Manuscritos: Lucía Aldao
Desde o blogue Caderno da crítica, de Ramón Nicolás:
Poesiagalega.org: Un final de etapa
“poesiagalega.org
é unha iniciativa do GAAP que se materializou polo apoio inicial do Consello da Cultura Galega e pola obtención posterior de financiamento público a través dunha convocatoria da Xunta de Galicia (Programas Sectoriais de Investigación Aplicada: Sociedade e Cultura). O 4 de decembro de 2012 remata o ciclo trianual do proxecto de investigación vinculado e ábrese unha xeira nova na que a produción e actualización de contidos do repositorio dixital diminuirá sensibelmente por mor da dispersión do equipo, que nalgúns casos supuxo ademais a perda de postos de traballo.
O anterior non supón que o repositorio e base de datos deixen de estar operativos. Todas as ferramentas de procura e a totalidade de arquivos dispostos seguirán conservando plenamente as súas funcionalidades. A diferenza coa etapa anterior é que non se incrementarán contidos co ritmo que até agora se puido manter. (…)”. Desde poesiagalega.org.”
Viveiro e Ribadeo: presentacións da Axenda Feminista 2013: Escritoras Galegas
O sábado 8 de decembro, ás 12:30 horas, na Libraría Porta da Vila (Rúa Pastor Díaz, 31) de Viveiro, preséntase a Axenda Feminista 2013: Escritoras Galegas. “Libre é a miña alma, e libre é o meu pensamento…”, publicada polo Observatorio da Mariña pola Igualdade, e que conta con aportacións de Teresa Moure, María Xosé Queizán, Begoña Caamaño, Aurora Marco, Marilar Aleixandre, María Reimóndez, María do Cebreiro, Carmen Blanco, Marta Dacosta, Marica Campo, Begoña Paz e Eva Moreda.
O mesmo sábado, ás 20:30 horas, terá lugar a presentación na Libraría Casa das Letras (Rúa Rodríguez Murias, 8) de Ribadeo, onde participará Carmen Blanco.
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega colaborou na elaboración desta Axenda.
Entrevista de Pemón Bouzas a Agustín Fernández Paz sobre O rastro que deixamos
Desde Xerais:
“O programa da TVG O Eirado, que dirixe o xornalista e escritor Pemón Bouzas, emitiu unha entrevista a Agustín Fernández Paz polo seu libro O rastro que deixamos“
Manuscritos: Iolanda Zúñiga
Desde o blogue Caderno da crítica, de Ramón Nicolás:


