O
mércores 12 de decembro, ás 20:00 horas, na Biblioteca Central Rialeda (Perillo, Oleiros), terá lugar un acto de conmemoración do Centenario de Rialeda, cunha mesa redonda coa participación de:
– O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane.
– O arquitecto, Henrique Seoane, coa presentación titulada Rafael González Villar e a súa elegante arquitectura.
– O escritor Manuel Rivas, co relatorio titulado Resistencia erótica do libro.
– Actuación do trío de vento de alumnos/as da Escola Municipal de Música.
Santiago: Homenaxe a Celso Emilio Ferreiro
O mércores 12 de decembro, ás 20:30 horas, no Restaurante Rúa de Santiago de Compostela (Rúa de San Pedro, 24), terá lugar un acto de homenaxe ao poeta Celso Emilio Ferreiro no que se combinará unha mesa redonda sobre o autor cun recital de poesía e actuacións musicais. A homenaxe Lembrando a Celso Emilio Ferreiro comezará coa intervención do crítico Ramón Nicolás e de Aser Álvarez. Acto seguido, a mesa redonda daralle paso ao recital. Xiana Arias, Xabier Xil Xardón e Luz Fandiño, entre outros, recitarán poemas do escritor celanovés nun acto aberto ao público no que cada asistente, se quere, ten a posibilidade de recitar ao seu xeito a Celso Emilio. Finalmente, o tributo rematará coa intervención de O Leo, quen actuará para poñerlle o broche final a este acto.
Xosé Monteagudo: “Asumir o punto de vista de Agapito Pazos para esta novela foi un reto como escritor”
Entrevista
a Xosé Monteagudo en Diario de Pontevedra:
“(…) – Diario de Pontevedra (DP): Como coñeceu a historia de Agapito Pazos?
– Xosé Monteagudo (XM): Pois como moita outra xente, cando faleceu e apareceu nos xornais. Máis tarde escoitei dicir que, en realidade, se levara con moita discreción o que foi a súa estancia no Hospital Provincial, o que eran as súas circunstancias particulares, para non perturbarlo con interferencias do mundo exterior na súa rutina.
– DP: E quedou impactado.
– XM: Dende o primeiro momento. Pareceume absolutamente sorprendente, conmovedor, que unha persoa pasase 77 anos da súa vida nun hospital, metido nun cuarto e vendo a vida pasar, dende que era un cativiño ata que morreu, nese espazo. Empecei a reflexionar inmediatamente sobre que perspectiva histórica podía ter esa persoa cunha existencia tan impresionante.
– DP: Precisamente di a editorial (O curioso mundo das persoas normais, publicado en Galaxia) que fai «un repaso a boa parte do século XX». Sen saír dun cuarto?
– XM: Claro. Agapito Pazos seica ingresou arredor do ano 33. O meu personaxe faino un pouquiño antes porque quería que tivese certa consciencia a mediados desa década, que puidese percibir cousas que pasaban digamos por exemplo no 36, ao comezo da Guerra Civil. Con el o lector vai vivir todos os cambios sociais e históricos que se produciron ao longo de todo o século XX, que foron brutais. E sen saír á rúa. O reto para min era tamén este: ser quen de contar a historia sen resultar… (…)”
Santiago: recital Picaversos, Lunáticos
O
martes 11 de decembro, a partir das 21:00 horas, no Modus Vivendi (Praza de Feixoo) de Santiago de Compostela, chega outra edición do ciclo de lecturas poéticas Picaversos, baixo o título Lunáticos, coa participación de Mariña Pérez Rei, Ana Gorria e Xesús Ron. A entrada custa 2 euros.
Barcelona: conferencia O best seller como elemento normalizador dun sistema literario en crise, por Pedro Feijoo
O
mércores 12 de decembro, ás 11:30 horas, na Sala de Professors (Edifici Josep Carner, andar 5) da Facultat de Filologia da Universitat de Barcelona (Carrer Aribau, 2), terá lugar unha conferencia de Pedro Feijoo sobre O best seller como elemento normalizador dun sistema literario en crise, organizada por Estudis Gallecs i Portuguesos.
RecitandoCelsoemiliO, para que Deitado frente ao mar soe en milleiros de voces
Desde
Sermos Galiza:
“Recoller a forza da palabra de Celso Emilio. Este é o obxectivo da Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENDL) que preparan para o próximo mércores día 12 do mes 12 do ano 2012 unha acción colectiva nos centros de ensino que consistirá en recitar Deitado fronte ao mar. O programa RecitandoCelsoemiliO convida tamén a mover as redes sociais na lembranza do poeta.
Deitado fronte ao mar é o poema escollido para un recitado que pode chegar a bater marcas no número de voces. A CGENDL convida a participar a todos os centros educativos mais a calquera persoa ou entidade nesta homenaxe colectiva que terá lugar o día 12 ás 12 do mediodía. Alén do recitado público do poema que foi publicado no libro Longa noite de pedra, o proxecto recolle tamén un envío masivo a través das redes sociais da lenda recitandocelsoemilio xunto co poema protagonista da xornada.
A CGENDL recomenda que todos os centros educativos organicen un acto conxunto nun espazo común e solicitan que se inscriban no proxecto a través dun correo electrónico remitido á coordinadora.
O obxectivo da acción colectiva é “manter viva a memoria dun dos grandes poetas galegos do século XX a través da posta en valor dun dos seus poemas máis emblemáticos”. Para alén deste recoñecemento do autor no seu centenario, a CGENDL quere manifestar tamén de maneira festiva e colectiva o seu “compromiso cívico cara a lingua galega, porque si, porque nos peta”.”
Santiago: Castelao. Símbolo de Galicia, no ciclo Galicia, ceo das letras
O
sábado 15 de decembro, dentro do Ciclo Galicia, ceo das letras, que se desenvolven na Biblioteca da Cidade da Cultura, o protagonista será Castelao. O programa é o seguinte:
– 12:00 h. Relatorio, por Miguel Anxo Seixas Seoane.
– 13:00 h. Cousas da vida (35 minutos). Espectáculo de transparencias e sombras realizado por Títeres Cachirulo e inspirado nas personaxes das viñetas de Castelao. Narra a aventura de dous rapaciños que deciden visitar o estaleiro onde se está a construír un barco para emigrar ás Américas.
– 13:35 h. Alba de Gloria. Recitado do célebre discurso de Castelao a cargo de Xurxo Souto, escritor, xornalista e músico bravú.
Presenta: Alfonso Paz Andrade.
Para acceder á actividade é preciso reservar previamente aquí.
Pontevedra: sinatura de libros de Xosé Monteagudo
O
martes 11 de decembro, ás 20:00 horas, na Librería Cronopios (Rúa Frei Xoán de Navarrete, 5) de Pontevedra, o escritor Xosé Monteagudo asinará exemplares da súa nova novela, O curioso mundo das persoas normais, publicado en Galaxia.
