O
mércores 7 de novembro, ás 19:30 horas, na Normal (Paseo de Ronda, 47), Mario Regueira e Xesús Fraga proseguen co Espazo Escritorio desta entidade cunha conversa que versará sobre A música na literatura galega, coordinados polo xornalista Iago Martínez.
Rianxo: obradoiro literario O ambiente no proceso construtivo, por Nerea Pallares
Vigo: 2º aniversario de Redelibros
A Coruña: IX Xornadas sobre Lingua e Usos. Lingua e Tradución, do 28 ao 30 de novembro
Do
mércores 28 ao venres 30 de novembro, no Salón de Graos da Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña, o Servizo de Normalización Lingüística, en colaboración coa Real Academia Galega, organiza as Xornadas sobre Lingua e Usos que este ano alcanzan a súa novena edición. O tema escollido para esta edición é o de Lingua e Tradución.
O prazo de inscrición será até o 21 de novembro, e pódese realizar xa desde aquí. Está solicitado un crédito de libre configuración para o alumnado da UDC que asista a esta actividade. Para obter o diploma de asistencia será preciso acudir ás conferencias programadas.
O programa é o seguinte:
Mércores, 28 de novembro
09:00 h. Recepción e entrega da documentación.
09:30 h. Acto de inauguración.
10:00 h.-11:30 h. Conferencia inaugural: Traducir literaturas transculturais, por Dora Sales Salvador.
12:00 h.-12:30 h. A internacionalización da cultura galega, por Xosé Luís Méndez Ferrín.
12:30 h.-14:30 h. Políticas de tradución no caso galego, por Silvia Montero Küpper e M.ª Jesús Lorenzo Modia.
16:30 h.-18:30 h. Evolución das traducións publicadas en galego, por Gonzalo Constenla Bergueiro e Ana Luna.
19:00 h.-20:30 h. Tradución e interpretación profesional en diferentes linguas, por Lara Santos (AGPTI), un representante da APTIC (Catalunya) e Bego Montorio (EIZIE) (Euskal Herria).
Xoves, 29 de novembro
10:00 h.-11:30 h. Tradución e ideoloxía: os enfoques feministas e poscoloniais, por María Reimóndez.
12:00 h.-14:00 h. A tradución do galego ao portugués e do portugués ao galego a debate, con Carlos Paulo Martínez Pereiro, Carlos Quiroga e Áurea Fernández.
16:30 h.-18:30 h. Mesa redonda: Tradución e literatura galega, con Manuel Bragado (Xerais), Eva Mexuto (OQO) e Moisés Barcia (Rinoceronte Editora).
Venres, 30 de novembro
10:00 h.-11:30 h. Interpretación e normalización lingüística no caso das linguas
subordinadas, por Robert Neal Baxter.
12:00 h.-13:30 h. Conferencia de clausura: Para alén de Nós: a tradución dunha cultura emerxente, por Iolanda Galanes.
Santiago: entrega do V Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados
Santiago: presentación do número 5 da revista Roteiros. Arumes de pensamento crítico
O
mércores 7 de novembro, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase o número 5 da Revista-Anuario de Filosofía Roteiros. Arumes de pensamento crítico, editada por 3C3 Editores e a Asociación Cultural de Pensamento Filosófico. No acto intervirán os profesores e membros do Comité de Redacción Manuel Rivas García e Moisés Lozano Paz, Manuel Dios Diz e X. Amancio Liñares Giraut. O volume con artigos de Manuel Dios Diz, Miguel Á. Martínez Quintanar, Luís G. Soto, Moisés Lozano Paz, Manuel Rivas García, X. Luís Martínez Costas, Gonzalo Navaza e María Bascuas.
Xurxo Souto: “Dende o mar, A Coruña e Vigo son a mesma cidade. Dous pontóns dun mesmo océano”
Desde
Praza:
“A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) organiza a partir do vindeiro venres 9 de novembro un obradoiro sobre a relación entre o mar e a literatura, que estará coordinado por Xurxo Souto, e que se realizará até final de ano todos os venres no Club do Mar de Santo Amaro, na Coruña. Hai apenas 20 prazas, que se adxudicarán por orde de inscrición. Haberá charlas, debates e roteiros, nos que estarán moi presentes os contos mariñeiros, as lendas mitolóxicas, a toponimia e talasonimia do mar da Coruña, a importancia do gremio de mareantes ou a influencia da emigración maritima.
“Vivimos como terrícolas e terrícolos cando o mar está aí sempre bourando”, láiase Xurxo Souto que imos aos poucos perdendo a nosa relación co mar, mesmo téndoo sempre diante, poñendo unha fronteira na liña de costa: “queremos salientar a idea de que o mar non é algo gremial, non é algo que pertenza só aos mariñeiros, nin ás mariscadoras, nin aos armadores nin aos ecoloxistas. O mar non é que sexa de todos senón que todos somos do mar”, di. “É coma cando lle preguntaron a Steffan Mörling por que viñera vivir a esta fin da Terra. O sueco respondeu rotundo: Un momentiño, Galiza non é un fin da Terra, é un centro do mar”, conclúe. E lembra: “Cando remata o boureo dos homes xa só se escoita o ruido do mar dicindo a palabra máxica: Orzán, Orzán, Orzán…”
O obradoiro quere recuperar “todas as historias náuticas que conforman as nosas cidades”. Trátase de recoller todos eses estimulos atlánticos para dar forma a literatura a pequenas historias. Historias coma as de Breogán ou as que rodean a Torre de Hércules. “Tan fecunda é a tradición evocadora que mesmo dispomos duns seres mitolóxicos propios: Os homes mariños, eses que choutan polo mar do Orzán, tal como describiu no século XVII o cardeal Gerónimo del Hoyo”, di Souto. (…)”.
Santiago: roteiro literario con Euloxio R. Ruibal, o sábado 10 de novembro
Froito
dun convenio de colaboración entre o Concello de Santiago e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), desenvólvese o sábado, 10 de novembro, ás 12:00 da mañá, o primeiro dos Roteiros Literarios por Compostela co dramaturgo Euloxio R. Ruibal como protagonista, tendo como lugar de reunión para comezar a ruta é ao pé da escultura de Chillida no Parque de Bonaval. Para participar destes itinerarios non é necesario inscribirse previamente.
Gondomar: María Xosé Queizán falará sobre o seu libro Meu pai vaite matar
O
martes 6 de novembro, na Biblioteca Municipal de Gondomar, ten lugar a cita mensual co club de lectura Sete Vidas que mantén a asociación Espazo Lectura. Nesta ocasión, os lectores e lectoras que queiran achegarse á biblioteca poderán falar arredor do libro de relatos Meu pai vaite matar, de María Xosé Queizán, publicado en Xerais. A actividade comeza ás 20:00 horas. A partir das 21:00 horas, a propia autora achegarase á biblioteca de Gondomar para conversar sobre a súa obra coas persoas que acudan ao club.
Bases do VI Certame Literario Terras de Chamoso
BASES DO VI CERTAME LITERARIO TERRAS DE CHAMOSO
1.
Temática e idioma: A organización do certame non quere limitar a imaxinación dos autores. A única norma é que a obra se redacte en LINGUA GALEGA.
2. Categorías:
– CATEGORÍA INFANTIL (dos 10 aos 14 anos).
– CATEGORÍA XUVENIL (dos 14 aos 18 anos).
– CATEGORÍA ADULTOS (maiores de 18 anos).
3. Modalidades:
– POESÍA (de 30 a 60 versos).
– RELATO CURTO (de 3 a 6 folios escritos a dobre espazo).
NOTA: A categoría infantil non ten límite de espazo inferior, pero si superior.
4. Presentación: cada participante poderá presentar varios traballos (non premiados noutros certames literarios). Entregaranse mecanografados (non é necesario na categoría infantil) indicando a categoría, modalidade, título e pseudónimo e achegando nun sobre pechado a información persoal: nome, apelidos, data de nacemento, enderezo e teléfono de contacto. Remitiranse ao seguinte enderezo: A. C. Arumes do Corgo. Antigas escolas do Corgo s/n, 27.163 O Corgo (Lugo).
5. Prazo: o prazo de entrega rematará o día 15 de novembro de 2012.
6. Premios: para cadansúa CATEGORÍA establécense 1º e 2º premio de poesía, e tamén 1º e 2º premio de relato. Cada premio consiste nunha figuriña de cerámica do país, un lote de libros e o correspondente diploma.
7. Xurado: estará composto por membros da Xunta Directiva da Asociación, profesores de lingua galega e por profesionais de recoñecido prestixio do mundo das letras.
8. Entrega de premios: a cerimonia de entrega de premios realizarase o sábado, día 22 de decembro de 2012 no centro sociocultural do concello do Corgo acompañada de actuacións e de varias sorpresas.
9. Non premiados: Os traballos non premiados e as súas correspondentes plicas serán destruídas no prazo dun mes despois do fallo, se os/as autores/as non o solicitan.
10. Outros: A presentación ao premio supón a conformidade coas presentes bases por parte dos/as concursantes. A Asociación Cultural Arumes resérvase todos os dereitos de publicación das obras premiadas (en papel, CD ou mediante internet).


