Positivas bota a andar unha campaña de subscrición á obra completa de Vidal Bolaño

Desde Sermos Galiza:
“Coa publicación dos dous primeiros volumes, Edicións Positivas inicia unha campaña de subscricións co fin de acadar implicación no proxecto que pola súa dimensión supón un “magno esforzo” para a editora. As persoas que se subscriban á obra completa de Roberto Vidal Bolaño gozarán dun desconto do 21% do prezo en libraría.
No primeiro volume, Agora recolleranse algunhas pezas das cales aínda queda memoria polo seu paso polo escenario. Integral, Animaliños, Anxeliños!, Criaturas, Rastros e Saxo Tenor, inclúense nesta primeira entrega que achegará o público lector a algunhas das pezas dramáticas de Roberto Vidal Bolaño. Canda el, ás librarías chegará Outrora, con outras seis pezas clave na dramaturxia contemporánea galega: Mar revolto, A burla do galo, Doentes, As actas escuras, Días de Gloria e Agasallo de Sombras, que será o volume máis amplo da colección, con 475 páxínas.
Sae do prelo un proxecto en que Edicións Positivas leva tempo traballando, mesmo antes de que a Academia decidise a designación de Roberto Vidal Bolaño como autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2013. A Obra Completa publicarase en seis volumes de máis de 2.000 páxinas na súa totalidade, en que se recollen non só a súa obra dramática senón tamén as adaptacións (A ópera de a patacón, Percival e Os papalagui) e os textos non dramáticos de pensamento e audiovisual. A editora que dirixe Paco Macías será o selo en que tamén sairá publicada a biografía de Roberto Vidal Bolaño en que está a traballar o seu fillo Roi Vidal.”

5º Concurso de Relatos Ciencia que conta

BASES

Ciencia que conta é un concurso de relatos curtos relacionados coa ciencia. En xeral trátase de relatar poñendo en valor a importancia da I+D+i no desenvolvemento económico e benestar dunha sociedade –nomeadamente a galega- e un maior recoñecemento social destas actividades, así como un achegamento ao traballo científico e ás profesións de científicos e tecnólogos.
1. Participantes. A convocatoria vai dirixida ao alunado de Educación Primaria, Institutos de Educación Secundaria e público en xeral. A participación neste concurso supón a aceptación de todas as súas bases. As obras serán de autoría individual ou cun máximo de dous autores, tendo en todo caso un único premio ao relato.
2. Presentación dos traballos. Os traballos presentados deben ser orixinais, inéditos e escritos en língua galega. A extensión máxima será de 1000 palabras (aproximadamente tres follas DIN A4). Os traballos enviaranse exclusivamente por correo electrónico ao seguinte enderezo: cienciaqueconta@uvigo.es. No correo indicarase título do relato, un pseudónimo e os datos persoais do autor ou autora (nome e apelidos, data de nacemento, estudos que cursa, enderezo e teléfono) e do seu centro de ensino centro escolar (nome, enderezo e teléfono), de ser o caso. Nun arquivo adxunto irá o relato, encabezado polo título e o pseudónimo, sen datos persoais. Desde a organización enviarase de volta un correo electrónico confirmando a recepción do relato.
3. Prazos. O prazo de recepción dos traballos remata o 16 de novembro de 2012. As resolucións do Xurado publicaranse na web. Comunicarase por correo electrónico aos gañadores ou a través do seu centro de ensino. A entrega de premios farase nun acto público.
4. Categorías.
a) Alumnado de Educación Primaria.
b) Alumnado de Educación Secundaria Obrigatoria.
c) Alumnado de Bacharelato e Ciclos de FP.
d) Público en xeral.
5. Tema dos traballos. Non pretenden ser relatos de ciencia ficción nin artigos sobre ciencia nin meras descricións. Procúrase que –en función da idade- se desenvolva un relato curto ou conto a partir dun aspecto científico puntual ou da observación dalgún fenómeno ou experimento simple. Valorarase sobre todo a calidade do traballo e o acerto no contido científico. Os temas a desenvolver nos relatos poderían ter como punto de partida:
– Historias de Ciencia: como se inventou algo, como se solucionou algún problema que había na sociedade utilizando a ciencia, un descubrimento, etc.
– Traballo no laboratorio ou científico: cousas que pasan nun laboratorio, no traballo dun científico ou científica, nas exploracións da natureza, etc.
– Experiencias: ficcións arredor de experiencias simples (ou caseiras), observacións da nosa vida cotiá (na rúa, na cociña, na praia, na festa, nas atraccións de feira, etc.).
– Científicos e científicas: baseado en algún persoeiro científico, algún detalle da súa vida, algunha anécdota, como fixo algún descubrimento, como se lle ocurriu ou elaborou algunha teoría ou lei. Non debe ser unha mera descrición da súa vida.
– Valoraranse relatos que inclúan mulleres como protagonistas ou arredor de historias de mulleres.
Na web pódense ler as publicacións resultantes dos concursos anteriores.
6. Comité Organizador e Xurado. O Comité Organizador está formado polos membros do Grupo DIVULGATIA, da Universidade de Vigo. O Xurado, nomeado polo Comité Organizador, estará formado por persoas relevantes no campo da divulgación científica, o xornalismo, a literatura ou o ensino das ciencias. As resolucións do Xurado serán inapelábeis. A presentación das candidaturas supón a conformidade dos participantes coas bases. Calquera cuestión non recollida nelas será resolta a discreción da organización. Os participantes comprométense a xustificar a veracidade dos datos que faciliten sobre as candidaturas presentadas.
7. Premios. Para cada categoría haberá tres premios:
– Primeiro Premio:
Diploma acreditativo.
Tablet.
– Segundo Premio:
Diploma acreditativo.
Lote de libros, xogos ou material relacionado coa ciencia adaptados á sua idade.
– Terceiro Premio:
Diploma acreditativo.
Lote de libros, xogos ou material relacionado coa ciencia adaptados á sua idade.
Nas categorías de Educación Primaria e Secundaria poderá haber ademais dous accésits. Os premios poderán declararse desertos. Os premiados menores de idade deberán acudir a recoller o premio acompañados do seu pai, nai ou titor legal ou cunha autorización expresa destes. A organización declina cualquer responsabilidade sobre conflitos de propiedade ou cesións de dereitos relativos as candidaturas.
8. Reprodución das obras. As obras seleccionadas serán publicadas na web: http://cienciaqueconta.wordpress.com/ a partir do 3 de decembro de 2012. Logo da resolución do concurso, procurarase, como en edicións anteriores, publicar un libro cunha selección dos mellores relatos presentados ao concurso. De conformidade co previsto na Lei de Propiedade Intelectual, todos os participantes cederán os dereitos en exclusiva de reprodución e difusión das obras presentadas sen necesidade de permiso expreso e sempre que se identifique o nome do autor ou autora. O Comité Organizador poderá publicar as obras presentadas co único requisito de facer referencia á autoría, e resérvase o dereito de exposición e distribución dos traballos presentados. Os autores ceden aos organizadores de xeito exclusivo e coa facultade de cesión a terceiros, os dereitos patrimoniais de explotación das obras obxecto do presente concurso. O Comité Organizador comprométese a exercitar os dereitos de explotación conforme aos bos usos e con rigoroso respecto aos dereitos morais do autor ou autora.
9. Aclaracións sobre estas bases. Calquera aclaración, puntualización ou rectificación destas bases farase pública na web.

Santiago: presentación de A verdadeira historia da mosca da tele, de María Solar

O martes 6 de novembro, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, María Solar presenta o seu novo libro, A verdadeira historia da mosca da tele, publicado en Galaxia. No acto estará acompañada polo seu editor, Francisco Castro.

Santiago: recital Picaversos, Do amor

O martes 6 de novembro, a partir das 21:00 horas, no Modus Vivendi (Praza de Feixoo) de Santiago de Compostela, chega outra edición do ciclo de lecturas poéticas Picaversos, baixo o título Do amor, coa participación de Pablo Fidalgo, Renata Otero e Claudio Rodríguez Fer. A entrada custa 2 euros.

A Coruña: recital de Xabier Cordal e Marko Pogačar no Ciclo Poetas Di(n)versos

O luns 5 de novembro, ás 20:30 horas, no Auditorio do Centro Ágora (Rúa Ágora, s/n) da Coruña, terá lugar unha nova edición do Ciclo Poetas Di(n)versos, coordinado por Yolanda Castaño e promovido pola Concellaría de Cultura do Concello da Coruña, cun recital de obra propia nun man a man de Xabier Cordal e a figura revelación da literatura croata, Marko Pogačar. Máis información neste arquivo: Di(n)versos novembro 2012.

As voces de Celanova e Baixa Limia

Artigo de Mario Regueira en Sermos Galiza:
“Como sabemos a literatura galega é inseparábel do seu contexto socio-político, ao que van ligadas as súas loitas pola visibilidade e unha boa parte da noción de conxunto que temos os seus escritores. Nese sentido, e na comparación odiosa con outras literaturas que tiveron mellor sorte histórica, queda sempre un paso por detrás o tratamento que lle damos á literatura local, a que está fixada a un territorio aínda máis reducido que o que loitamos a diario por visibilizar. Estas literaturas rexionais, tomadas ás veces cun certo escepticismo por parte dos axentes que se moven no campo nacional, poderían corresponder a un dos eidos máis marxinalizados da nosa cultura. E porén, a pesar diso, as realidades locais móvense profusamente e maniféstanse en iniciativas como o Día das letras chairegas ou en traballos editoriais de interese local específico como os que abundan en Ferrolterra. Na súa maioría corresponden a movementos artellados ao redor de asociacións, librarías ou pequenas editoras, e que aglutinan ademais a unha miríade de autores diversos. A última achega deste fenómeno é a antoloxía Vieiros de palabra. Terra de Celanova-Baixa Limia en letras de autor, coordinado por Xoán Carlos Domínguez Alberte e que serve para conmemorar o cuarto de século da libraría Conde de Celanova cunha colección de voces vivas, tanto de autores consagrados, como de persoas relevantes do punto de vista cultural que achegan a súa particular visión destas terras e da súa ligazón con elas. Sen un tema nin un xénero específico, as distintas achegas van da creación literaria, aos apuntamentos de historia ou lingüística, pequenas anécdotas ou lembranzas asociadas a aquela terra. (…)”

Guitiriz: presentación de Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria, de Francisco Rodríguez

O sábado 3 de novembro, ás 20:00 horas, na Escola Habanera de Guitiriz, preséntase Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria, de Francisco Rodríguez, publicado pola AS-PG, nun acto organizado pola A. C. Xermolos e a A. C. Rosalía de Castro de Barakaldo, e no que intervirá o propio autor.