Gondomar: coloquio sobre Laura no deserto, de Antón Riveiro Coello

O martes 2 de outubro, ás 20:00 horas, na Biblioteca Municipal de Gondomar, o clube de narrativa Sete vidas comeza o mes de outubro cunha sesión na que se falará da novela Laura no deserto, publicada en Galaxia, coa asistencia do seu autor, Antón Riveiro Coello.

A tradución, ás claras

Reportaxe de Iago Martínez en El País:
“(…) Ana Luna, Áurea Fernández, Iolanda Galanes e Silvia Montero traballan dende 2004 na construción da Biblioteca da Tradución en Galicia (Bitraga), unha exhaustiva base de datos centrada polo de agora nas tres décadas transcorridas dende a aprobación do Estatuto de Autonomía (1981) e a posterior Lei de Normalización Lingüística (1983). É ese traballo de campo o que permite agora abordar unha análise cuantitativa e cualitativa. Das máis de 4.000 traducións contabilizadas, tanto cara ao galego como en sentido inverso, o 95% aparecen no marco do proceso autonómico.
A exportación literaria supón, de media, o 33,6% dos fluxos de tradución que atravesan a lingua galega. A narrativa segue a ser o xénero con maior peso, moi por enriba da poesía —o único no que se traduce cara a fóra máis do que se trae para o galego, iso si—, o teatro e o cómic. A que vai dirixida ao público infantil e xuvenil (LIX) confírmase neste contexto como a verdadeira punta de lanza, estimulada pola demanda do sistema educativo, os premios e as estratexias de coedición, nunha primeira etapa, con outros selos españois e europeos. A diferenza do que acontece no conxunto do sector, onde a internacionalización dos contidos nunca foi parella á das estruturas comerciais e editoriais, selos como Kalandraka ou OQO actúan xa como plataformas multilingües.
A literatura galega está hoxe presente en 37 idiomas e 47 espazos lingüísticos con sorte diversa, aínda que o marco preferente segue a ser o ibérico. As que máis traducen do galego son as comunidades do castelán, o catalán, o éuscaro e o portugués, seguidas das do italiano, o inglés, o asturiano, o francés, o alemán e o ruso. En sentido contrario, no galego as máis abondosas son as obras escritas orixinalmente en castelán, inglés, francés, catalán e alemán, por enriba do italiano, o portugués, o éuscaro o ruso e o asturiano. Grazas á profesionalización dos tradutores e á apertura de novos mercados, constátase que a mediación do castelán é cada vez menos necesaria. (…)”.

Santiago: exposición O libro das pontes invisibles / The book of invisible bridges, de Xelís de Toro

“Trinta textos en galego de Xelís de Toro traducidos ao inglés. Catorce artistas que crearon obras nas súas respectivas especialidades a partir dos mesmos. Un programa de radio de dúas horas. Un libro bilingüe cun DVD que o recolle todo. A galería Metro achega a Compostela ata o vindeiro 3 de outubro o proxecto O libro das pontes invisibles / The book of invisible bridges, cunha selección das obras que naceron no marco desta iniciativa que pretende explorar os límites da creación poética e do libro como artefacto artístico. A mostra xa se puido ver entre o 14 de xullo e o 12 de agosto na galería Phoenix, de Brighton, e o libro está en distribución por Galicia da man de Edicións Positivas. Aínda que a maior parte dos creadores que participan na iniciativa son de orixe inglesa, O libro das pontes invisibles / The book of invisible bridges contou tamén coa participación de galegos como Narf, o grupo de teatro Chévere ou a fotógrafa Dolores Sánchez Calvo.” Desde Cultura Galega.

A Rosalía que vén

“A imaxe de Rosalía de Castro está a mudar. Novas perspectivas de investigación sobre esta autora fundamental das nosas letras coinciden ca remuda na fundación que leva o seu nome. Proxectos de divulgación, a celebración dos 250 anos de Cantares Gallegos e outras iniciativas amosan unha imaxe da poeta que difire en boa medida da icona popular. No marco do X Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos, celebrado en Cardiff hai dúas semanas, convocouse un Seminario Rosaliano, no que diferentes investigadores amosaron as últimas achegas arredor da poeta. Entre os relatores estaba Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía desde o pasado mes de xuño. “Este encontro demostra que Rosalía está moi viva e que se están a dar avances na investigación rosalianista”. Para el, estes avances cífranse sobre todo “nas relecturas que se fan” da autora. “Ten unha grande importancia o traballo no ámbito feminista, pero eu entendo que o grande avance é a concepción global e sistémica que está a ter sobre Rosalía”. É dicir, o feito de considerar a autora atendendo tanto á súa obra en galego como a escrita en castelán, á prosa ou á poesía. Este perspectiva permite unha aproximación “ao pensamento global dunha escritora global. Non se poden ler os Cantares Gallegos sen ter en conta o que xa fixera en La Flor ou o que faría logo en Follas novas. Agora tendemos a coller unha perspectiva global que tamén nos pode axudar a avanzar na análise da súa figura, do seu pensamento e estratexias e mais ver o que representa”. (…)
Nese sentido, Angueira recoñece que as mudanzas están a se multiplicar nos últimos anos. “En xeral hai un activismo pro rosalianista, tanto no mundo social como a nivel político, artístico ou literario. E o mundo académico non é alleo a este activismo”. Encol das razóns polas que se están a dar nestes ultimos anos estas novas aproximacións, o presidente da Fundación Rosalía recoñece que existía un respecto pola figura que puido dificultar a aposta por novas interpretacións do seu traballo. “Xa desde finais do século XIX e da man do propio Murguía produciuse unha canonización de Rosalía que logo deu nunha certa sacralización, ténselle moito respecto”. Malia a isto, apunta que “o rosalianismo estivo sempre vivo”, e cita as achegas que se fixeron desde o grupo de Ramón Piñeiro, Lois Pimentel, as análises sociolóxicas de Francisco Rodríguez ou as lecturas desde óptica feminista que se suceden desde os anos 90. A esta “Autores tan extraordinarios como ela non se esgotan nin se esgotarán xamais”. (…)” Desde Cultura Galega.

Entrevista a Ramón Nicolás no Diario Cultural

“O Diario Cultural da Radio Galega convidou a Ramón Nicolás a dialogar arredor de Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro, nunha entrevista feita pola directora do programa, Ana Romaní. A conversa pódese escoitar premendo aquí.” Desde Caderno da crítica.

Ramón Nicolás: “Sorprendeume a monumentalidade do quefacer intelectual, literario e político de Celso Emilio Ferreiro e o seu optimismo”

Radiofusión publica unha entrevista en audio con Ramón Nicolás polo seu libro Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro. Esta biografía, en palabras do seu autor, é o resultado de moitos anos de investigación da vida e obra de Celso Emilio Ferreiro, botando man das fontes máis importantes. Ramón Nicolás declárase sorprendido pola «monumentalidade do quefacer intelectual, literario e político de Celso Emilio Ferreiro e o seu optimismo». A entrevista completa pode escoitarse ou descargarse aquí.” Desde Xerais.