O
mércores 3 de outubro, ás 20:00 horas, no Refectorio do Museo Provincial de Lugo (Praza da Soidade, s/n), inaugúrase a exposición Ela en plural, promovida polo Colectivo Argazo, e patrocinada pola Área de Cultura e Turismo, Rede Museística da Deputación de Lugo, e que permanecerá aberta até o sábado 3 de novembro, cos seguintes horarios: de luns a venres, de 9:00 a 21:00 horas; sábados: de 10:30 a 14:00 e de 16:30 a 20:00 horas; e domingos e festivos de 11:00 a 14:00 horas.
Os artistas que participan na mostra son:
– Pintura: Man, Arza Pardo Barbeito e Marta Paz.
– Fotografía: Carolina Miraz e Ernesto Gómez.
– Poesía: Concha Blanco Montecelos, Lino García Salgado, Verónica Martínez Delgado, Alberte Momán e Gabriela Rodríguez.
– Música: Richard Dowling e Carlos Santos.
Tabela dos Libros de outubro, por Armando Requeixo
Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Velaquí a primeira Tabela dos Libros. Nela figuran seleccionados os títulos que, ao ver d@s crític@s participantes, son estimados como os máis recomendables de entre os publicados nas últimas semanas.
Nota bene: Os máis recomendados obtivéronse a partir da suma dos votos de cada crític@ aplicando o seguinte baremo: 1º posto = 5 puntos, 2º posto = 4 puntos, 3º posto = 3 puntos e así sucesivamente.”
Coñécense os finalistas da 9ª edición do Premio Literario Martín Sarmiento
Déronse a coñecer os finalistas da novena edición do Premio Literario Martín Sarmiento:
1ª categoría: 1º e 2º de Educación Primaria:
– María Solar: Vou ter un irmán!!!, Galaxia.
– Pinto & Chinto: A maceira que daba calquera cousa menos mazás, Everest.
– Manuel Guisande: Rodribico e a noite, Baía.
2ª categoría: 3º e 4º de Educación Primaria:
– Silvestre Gómez Xurxo: Ti non xogas!, Xerais.
– Antón Cortizas: Rosalía e os equinodermos, Tambre.
3ª categoría: 5º e 6º de Educación Primaria:
– Anxo Fariña: A chave da Atlántida, Xerais.
– Abraham Carreiro: Xoeliki, Sotelo Blanco.
4ª categoría: 1º e 2º de ESO:
– Ledicia Costas e Pere Tobaruela: Mortos de ningures, Everest.
– Agustín Fernández Paz: Fantasmas de luz, Xerais.
5ª categoría: 3º e 4º de ESO e Bacharelato:
– Carlos Laredo Verdejo: Lena e o lobishome, Tambre.
– Xosé Henrique Rivadulla Corcón: O noso amor será eterno, Xerais.
6ª categoría: adultos:
– Manuel Rivas: Todo é silencio, Xerais.
– Antón Riveiro Coello: Laura no deserto, Galaxia.
Santiago: presentación de Alguén así é o Deus en quen eu creo, de Andrés Torres Queiruga
O
mércores 3 de outubro, ás 20:00 h., na Biblioteca Ánxel Casal (Avenida Xoán XXIII, s/n.) de Santiago de Compostela, Andrés Torres Queiruga presenta o seu novo libro, Alguén así é o Deus en quen eu creo, publicado en Galaxia. No acto, xunto ao autor, participan Víctor F. Freixanes, Xavier Martínez Cobas e Xan López Facal.
Querido Balbino
“Memorias dun neno labrego é,
xunto con O lapis do carpinteiro, o libro máis traducido da literatura galega. Con 600.000 exemplares en 17 idiomas (estase a preparar unha tradución ao xaponés) é un referente da cultura galega. Agora, cando se cumpren cincuenta anos da súa publicación, unha exposición achégase á traxectoria do libro e da vida do seu autor. Paco Lareo, Chema Pazos, Rofer, Siro López, Damián Paio, Esperanza Lema, Antón Pulido, Xoán Domato, Xaquín Marín ou Sabela Arias inspíranse en Balbino para ofrecer trece retratos do rapaz da aldea máis popular do campo galego na exposicion titulada Querido Balbino. Canda isto, cóntase cun catálogo explicativo ilustrado que documenta os comentarios que xerou esta obra na súa traxectoria así como a Carta a Balbino que Xosé Neira Vilas lle dedicou ao seu “fillo” literario. A exposición, que leva itinerando desde abril, abandona hoxe o concello da Laracha para continuar o seu percorrido.” Desde Cultura Galega.
Descende a edición en galego en 2011
“O 2011 foi un mal ano para a edición en Galicia e en Galego. Así o sinalan os informes Comercio Interior del libro en España 2011, da Federación de Gremios de Editores e máis El sector del libro en España 2010-2012 do Observatorio da Lectura e do Libro. O director de Xerais, Manuel Bragado, recolle no seu blog unha análise dos datos presentados, que revelan que a edición na nosa lingua minguou un 16,3% (de 2.544 a 2.130 títulos) segundo o informe de comercio interior, mentres o do Observatorio cifra o descenso nun 5,22% con 1.922 títulos editados o pasado ano. O nivel de produción editorial, independentemente da lingua, no noso país a edición diminuiu un 28,8% no último ano, pasando de 4.754 títulos en 2010 a 3.384 en 2011.” Desde Cultura Galega.
Mudar o xeito no que pensamos a cultura
“Un
ambicioso proxecto que ao longo de catro anos achegou ao noso país pensadores de renome internacional. Debates a múltiplas bandas, autores traducidos por vez primeira ao galego e a tentativa de modificar o xeito no que se concibe a idea de cultura no noso país. O Consello da Cultura presentaba o pasado venres un volume de 700 páxinas que fecha a primeira etapa do ciclo O(s) sentido(s) da(s) cultura(s), pero o proxecto continúa. Unha intervención de Félix Duque, a falar sobre O neohumanismo da non cidade abría en febreiro de 2007 este ciclo. Desde entón, un bo feixe de pensadores pasaron pola sede do Consello da Cultura Galega, deixando os seus relatorios e que agora ven a luz nun só volume. Ramón Máiz coordinou este ciclo, que pretende “abordar o concepto de cultura desde a pluralidade no mundo de hoxe. Hai debates moi recentes en Antropoloxía, Socioloxía, a relación de cultura e cidade, a cultura e a nación ou o multiculturalismo”, sinala a resumir algunhas das propostas que se recolleron no encontro. En palabras de Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura, a actividade “reflicte un estilo intelectual e un modo de actuar institucional”. (…)” Desde Cultura Galega.
O Centro PEN de Galicia entrega os premios Rosalía de Castro
“O
Centro PEN de Galicia entregou este venres 28 de setembro os premios literarios Rosalía de Castro, que se celebran de modo bienal. A entrega tivo lugar no marco dunha velada literaria que se celebrou no Pazo de Fonseca, en Santiago. Esta é a novena edición dunhas distincións pensadas para honrar tanto a lingua e a literatura galegas como as de países ou linguas próximos. Esa característica reflíctese nos premios deste ano, que o xurado outorgou ao portugués Jose Viale Moutinho, á vasca Miren Agur Meabe, á bonaerense María Esther Vázquez e ao barcelonés Enric Casasses. O acto foi presidido polo conselleiro de Educación, Jesús Vázquez Abad; o reitor da Universidade de Santiago, Juan Casares Long, e o presidente do PEN-Galicia, Luís González Tosar, ademais do alcalde de Santiago, Ángel Currás Fernández, entre outras autoridades.O conselleiro destacou que a literatura galega actual conta con diversas “obras sólidas e imaxinativas, sempre na vangarda e frecuentando o mellor que se fai fóra, sen mimetismos nin servidumes impostos pola moda”, pero fixo fincapé na obriga que ten a Administración de apoiar “todo o que signifique unha maior presenza exterior dos nosos autores e dos seus libros”.” Desde Galiciaé.
I Certame de relatos curtos Muller e empoderada!
A
Asociación Nós Mesmas convoca o I Certame de relatos curtos Muller e empoderada!. Poderán participar persoas residentes en España. Cada participante podrá presentar ata dous relatos que deberán ser orixinais e inéditos. Os relatos valerá en cualquera modalidade: Drama, comedia, monólogos, musicais, etc. O relato deberá ser realizado en ordenador, os formatos válidos son .doc, .odt ou .pdf; terá unha lonxitude máxima de 4 caras de Din A4, a dobre espazo en tamaño 12 puntos e en tipografía Times New Roman. O prazo remata o 7 de outubro. As bases completas pódense descargar aquí.
Santiago: presentación de En vías de extinción, de María Reimóndez
O
martes 2 de outubro, ás 20:30 horas, na Libraría Lila de Lilith (Rúa Travesa, 7), de Santiago de Compostela, preséntase En vías de extinción, de María Reimóndez, publicado en Xerais. No acto, xunto á autora, participan María do Cebreiro e Manuel Bragado.
