Parlamento das letras: Estíbaliz Espinosa

Entrevista de Armando Requeixo a Estíbaliz Espinosa no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Estíbaliz Espinosa (EE): Ás nosas letras fáltanlle —será por pouco tempo— traducións dos clásicos da ciencia —as Lecturas en Física de Feynman, obras de Sagan ou Koestler ou Pinker ou Dawkins…—, de ensaio, de cómic —Little Nemo, por exemplo—, de ciencia-ficción; esluír a identificación literatura = poesía/novela/conto; fáltalle confianza en si mesma por parte de todos os axentes sociais, dende lectores a autores. Fáltanlle mulleres metidas na fariña. E fáltalle o salto á literatura dixital que complemente —non tanto substitúa— a literatura en papel. O que lle sobra é capacidade de re-creación. Seica neste norte do sur do hemisferio norte lévase, en xeral, ese talento despreocupado e distraído que tanto alporiza a outros: sabemos que talento aquí hai, mais non lle concedemos moita importancia nin atragoamos de solemnidade. É a nosa forma de ser. Non somos ianquis. Uns gramiños de endogamia tamén lle sobran, pero iso está a cambiar ou tal espero. Caciques literarios e amiguismos, claro, pero iso sóbralle a todas as literaturas. Tamén en todas acho de máis a figura do ‘escritor burócrata’: alguén con ganas de fosilizarse nun lugar cómodo diso que se dá en chamar —non sen certa afectación— cultura, e non pretender outra cousa que o clasismo reseso e o exercicio da influencia e do poder. Un escritor naceu para se dar de fociños coa vida e non quedar só na súa cara subvencionada, de aí a necesidade de cambios periódicos naquilo que leve a etiqueta de ‘sistema’, de aceptarmos que toda estrutura social esclerosada no tempo tende á mafia. Sen menoscabo disto, percibo aínda tendencia xeral a desvalorizar o acto de escribir, como se non fose máis aló dunha ‘emanación astral’ que non entraña esforzo nin repercusión ningunha, e ás veces semella que habemos reverenciar a oportunidade de botar a nosa leria por aí, a 80 quilómetros da casa e de balde. De se converter nunha actividade frecuente, cómpre regulalo como o traballo que é: non todos somos a condesa de Pardo Bazán nin vivimos de pagar con hexámetros á peixeira. Debo engadir, no entanto, que se mudou bastante nese sentido e é moi de agradecer por exemplo o empeño da AELG nos últimos anos. Así a todo, segue a resultar complicado manter o equilibrio ético entre o/a escritor/a morto/a de fame e o/a subvencionado/a a inzar calquera libro de autocompracencias coa conivencia dun mercado editorial superpoboado. Acadar unha infraestrutura de lectores non só composta dos propios escritores destaca como materia pendente na que internet, a antártida na que polo de agora ‘somos o que escribimos e o que lemos’, está a fornecer novos depredadores e reconstrutores do literario.
Se cadra estou a falar dun xeito moi provinciano con todo isto, mais unha parte da literatura que me interesa nace do provincianismo e da sensación de periferia… A literatura galega, a priori, é como calquera outra (chinesa, rusa, venezolana, nixeriana ou suíza). Coido que asumir esa normalidade —mesmo que naturalmente se trate de algo aínda por acadar— constitúe un punto de partida para evitar redundar no mesmo ante os de sempre, os xa persuadidos e diría que aburridos da transcendencia e singular-idade da lingua, os que medramos cunha conciencia deste anaco de planeta desenraizado da oficialidade da historia… O contrario é procurar o aplauso fácil… unha droga de certo abuso nas letras. A nosa época vai moi escéptica coa literatura, a arte… haberán desculpar se me len dende o futuro. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– EE: Non me vexo na postura óptima para valoralo. Todo presente é unha sensación estática de algo mutante. Agora esa mutación semella obvia: asistimos a un transformismo total nas nosas armas de lectura e escritura, avalado pola dixitalización imparable, pero moitos dos rostros dese cambio resultan aínda impredicibles. Literariamente, achámonos á altura de calquera cultura veciña, con autores brillantes e non tanto, lectores formados, variedade e versatilidade… quizais sexa o mercado editorial ‘decimonónico’ baseado no pater familias o axente máis obsoleto. O noso sistema literario aínda é novo. Óese crecer. Así que se me deteño na expresión ‘presente literario’ imaxino un deses obxectos atravesados por unha bala e gravados con cámara de alta velocidade: a detonación é lenta, é fluída, case non é pero é. Intentamos penetrar no pasado ou no futuro literarios, enguedellámolos por completo e supoño que a filloa resultante é o que coñecemos como presente. Pasado e Futuro. Paturo e Fusado. Pasaturo e Futurado. Como dous amigos xaponeses. Indistinguibles. (…)”

Cangas: homenaxe da Asociación de Tradutores Galegos a Henrique Harguindey

O sábado 29 de setembro, ás 20:00 horas, na Libraría-Café Rinoceronte (Avenida de Bueu, 15) de Cangas do Morrazo, a Asociación de Tradutores Galegos homenaxea a Henrique Harguindey, con motivo do Día Internacional da Tradución. Intervirán Francisco Pillado, Salvador Castro, Juan Carballo e Ramón Núñez.

VII Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas

BASES DO VII CERTAME DE POESÍA ERÓTICA ILLAS SISARGAS

Dando continuidade no que se está a convertir nunha tradición na convocatoria poética en lingua galega, a Asociación Cultural Caldeirón coa colaboración do Concello de Malpica de Bergantiños convoca o VII Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas, dacordo coas seguintes bases:
1. Poderán optar ao premio todos os autores de calquera nacionalidade, que presenten obras inéditas de temática erótica e non premiadas con anterioridade, escritas en lingua galega.
2. Os convocantes establecen un premio único dotado con 1.000 euros e a publicación da obra premiada na colección Caldeirón, reservándose durante un prazo de dezaoito meses os dereitos de editala, e entregarán ao gañador trinta exemplares.
3. As obras, que serán de temática erótica, terán unha extensión inferior a seiscentos versos, e presentaranse por triplicado, en exemplares separados, en tamaño DIN A4, por unha soa cara, numerados, grampados ou encadernados.
As obras presentaranse baixo un título e/ou lema, achegados de plica na que conste o título e/ou lema no seu exterior e contendo no seu interior o nome e apelidos do autor, o seu enderezo, nacionalidade e número de teléfono.
4. O prazo de admisión de orixinais remata o 24 de outubro de dous mil doce, e deberán enviarse ao Concello de Malpica de Bergantiños (Avenida Emilio González López, 1, 15113, Malpica de Bergantiños, indicando no sobre VII Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas.
5. O xurado estará composto por un representante do Concello de Malpica proposto polo Alcalde-Presidente do Concello de Malpica de Bergantiños, un representante da Asociación Cultural Caldeirón proposto polo Presidente desta entidade e o/a gañador/a do certame inmediatamente anterior a esta convocatoria, quen poderá ser substituído por outra persoa de relevancia nas letras no caso de que non lle fose posible acepta-la súa participación. Actuará como secretario o membro do xurado proposto polo Concello de Malpica, e no seu defecto, poderá ser nomeado polo Presidente da A. C. Caldeirón.
6. Os participantes terán a obriga de comunicar á organización a concesión de calquera premio que obteña a obra presentada, no momento en que esta situación se produza, o que dará lugar á súa exclusión do concurso.
O xurado actuará en pleno, en sesión a ser posíbel única, sendo necesaria a asistencia dos dous tercios dos seus membros.
As deliberacións serán secretas e delas redactarase a acta correspondente.
O premio poderá ser declarado deserto ou compartido ex aequo por varios/as autores/as se o xurado o estima conveniente.
A decisión do xurado terá lugar no mes de novembro de 2012 e darase a coñecer nos distintos medios de comunicación, no marco da Cea das Letras, na cal deberá estar presente o/a gañador/a do certame.
7. Non se manterá correspondencia sobre as obras presentadas. Agora ben, os interesados poderán retirar das oficinas do Concello de Malpica, Departamento de Educación e Cultura, as obras non premiadas no mes seguinte ó fallo do xurado. A partir do día seguinte, serán destruídas.
8. A participación nesta convocatoria suporá a total aceptación destas bases.

Malpica de Bergantiños, 24 de setembro de 2012,
O Presidente da Asociación Cultural Caldeirón
Francisco Quiroga López”

Santiago: presentación de A máquina do tempo, libro-disco de Juan Carballo e Ramón Núñez

O venres 28 de setembro, ás 20:30 horas, na Librería Aenea (Rúa Irmáns Rei Alvite, 5) de Santiago de Compostela, preséntase o disco-libro A máquina do tempo, onde Juan Carballo e Ramón Núñez protagonizan unha viaxe íntima e persoal na que mesturan poemas musicados e cancións. Once composicións que contan coa colaboración de artistas como Alejandro Martínez, Guadi Galego, Guillerme Fernández, José A. Vilas, Maite Dono, Paco Cifuentes, Quim Farinha, Sito Suárez, xunto ás ilustracións e deseños de Nuria Díaz.

Cultura e Educación institúe a través do Centro Dramático Galego o Premio Roberto Vidal Bolaño ao Espectador

“A Consellería de Cultura e Educación instituíu a través do Centro Dramático Galego (CDG) o Premio Roberto Vidal Bolaño ao Espectador como iniciativa destinada a fomentar a actitude participativa entre o público teatral. O novo galardón, de carácter anual e vinculado á temporada de exhibición do Salón Teatro, publicou a súa primeira convocatoria. O seu obxectivo é recoñecer as achegas dos asistentes aos espectáculos programados no espazo escénico compostelán sede do CDG. Un xurado integrado polos propios traballadores da compañía pública valorará o interese, de todas as suxestións, opinións ou comentarios que os espectadores fagan chegar a través das fichas que poderán cubrir e depositar na caixa que para tal fin se situará á saída de cada unha das representacións. Deste xeito, e segundo o texto da convocatoria, ao final de cada temporada teatral xulgarase “a suxestión máis atinada, a máis brillante, a máis audaz, a máis reflexiva, a máis construtiva…” Ademais do obxectivo de estimular a participación activa do público, a Consellería de Cultura e Educación presenta o Premio Roberto Vidal Bolaño como instrumento que contribúa a afondar o diálogo entre xestores e públicos destinatarios finais do traballo escénico, de maneira que as apreciacións destes últimos incidan favorablemente no traballo desenvolvido polos responsables culturais e en beneficio da cultura galega en xeral.
O espectador ou espectadora que reciba o galardón conseguirá un abono anual para asistir de balde a todas as funcións do Salón Teatro da seguinte temporada, así como un lote das obras completas de Roberto Vidal Bolaño. As suxestións poderán comezar a depositarse por escrito a partir do inicio da temporada de representacións 2012-2013, que se abre o próximo venres 5 de outubro coa estrea de O Profesional de Dusan Kovacevic baixo a dirección de Manuel Guede Oliva e con Ernesto Chao, Miguel Pernas, Rebeca Montero e Rodrigo Roel nos catro papeis do reparto. De feito, na mesma ficha que se utiliza para optar ao Premio Roberto Vidal Bolaño, os espectadores poderán emitir tamén a súa propia valoración concreta deste ou de calquera outro espectáculo dos programados, estimando nunha escala do 1 ao 5 aspectos como Valoración global, Son, Iluminación, Posta en escena, Elenco e Orixinalidade.”

Publicado O romance da urca de Santo Antón, poema en galego con partes en castelán escrito en 1777

O romance da urca de Santo Antón é un poema en galego con partes en castelán que se escribiu en 1777 e que ten como tema central as viaxes comerciais entre Europa e América. A obra, de 668 versos, conservábase no Códice 1052 do Archivo Histórico Nacional de Madrid, e ve agora a luz da man da Fundación Barrié. O volume inclúe a edición crítica e un estudo histórico-lingüístico da obra da man Ramón Mariño, Margarita Sánchez e Damián Suárez. Este supón un dos escasos textos en galego deste período.
O libro, que retrata a sociedade ferrolá do seu tempo e achega un coñecemento inédito da lingua do século XVIII, narra en ton satírico a viaxe real entre a Habana ata Ferrol da urca San Antonio, así como unha celebración relixiosa que se realizou á chegada do barco. Suponse que o texto era de carácter privado ou ben que tivo unha circulación moi restrinxida na súa época.” Desde Cultura Galega.

Rianxo convoca o primeiro Slam Arousa, certame de poesía recitada

“O vindeiro 5 de outubro terá lugar un curioso certame poético, o primeiro galego deste tipo, chamado Slam.Arousa (poesía recitada dende a ría). É un tipo de torneo entre poetas que xa se fai por todo o mundo adiante e que agora se fará tamén na nosa terra. Slam.Arousa será o primeiro torneo Slam que se celebre en Galicia, e o gañador absoluto das seis xornadas das que consta poderá competir na final estatal española.
A iniciativa está dirixida a todos os públicos, con especial atención a novos poetas, novos creadores, pero tamén aos xa consagrados, se se animan a participar.
O primeiro combate de poetas terá lugar no Curral do Marqués, en Taragoña, Rianxo, o vindeiro 5 de outubro. O gañador, ademais de pasar á final, levará un pequeno agasallo do propio local que organiza. A partires daí cada mes haberá un novo torneo polas vilas da Ría de Arousa, dende Vilagarcía ata Boiro, ata o mes de marzo aproximadamente. Os e as interesadas deberán poñerse en contacto co seguinte correo, tanto para as dúbidas que xurdan como para anotarse no torneo que máis lles conveña: slam.arousa@gmail.com
Pódese recitar calquera texto sempre que sexa da autoría do que recita e non dure máis de 3 minutos. Non se poden empregar nin música, nin disfraces nin accesorios.” Desde Tendencias Galicia Confidencial.

Vigo: presentación de Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro, de Ramón Nicolás

O venres 28 de setembro, ás 20:00 horas, en JT PhotoGallery (Rúa Abeleira Menéndez 13, baixo esquerda) de Vigo, preséntase o libro Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro, de Ramón Nicolás, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Manuel Bragado, Luís Ferreiro e Isabel Ferreiro. Ao final do mesmo terá lugar unha actuación musical de Labregos do tempo dos Sputniks.

Noia: presentación de Trampa de luz, de Agustín Agra

O venres 28 de setembro, ás 20:30 horas, na Casa da Cultural Avilés de Taramancos de Noia (Rúa Luís Cadarso, s/n), a Asociación Cultural Barbantia, La Voz de Galicia, Edicións Xerais, e o Concello de Noia presentan o número 77 do suplemento cultural A Voz de Barbantia, e a obra Trampa de luz, de Agustín Agra. No acto, xunto ao autor, participan Xesús Laíño, Milagros Torrado e Rafael García Guerrero.

A Coruña: Poesía+Poesía. De misterio e fórmulas, obradoiro dirixido por Dores Tembrás

O obradoiro Poesía+Poesía. De misterio e fórmulas, dirixido por Dores Tembrás, seguirá revisitando algúns escritores e escritoras que servirán de modelos para entender técnica e a construción das distintas poéticas. A dinámica será moi semellante ao curso Poesía + Poesía I. Unha parte das sesións adicaranse á análise dos conceptos nos que se sosteñen ditas poéticas, profundizando nas técnicas e adentrándonos no misterio do poético. Outra parte das sesións adicaranse á escrita creativa dos asistentes, tendo en conta o visto nas horas de análise. Afondaremos máis nas técnicas, na construcción do mecanismo do poema. Pero tamén merodearemos o misterio, o que non se pode analizar, pero que está. Asi mesmo continuaremos abordando a exéxese dos textos, atendendo aos desvíos polos que a palabra nos conduza. A análise permitirá atender á arquitectura do texto, á construción, pero tamén á súa relación coa emoción.
Todo isto reverterá directamente no traballo de creación que cada un dos asistentes enfrontará ao longo das sesións. Seguiremos procurando puntos fortes, poñendo de relevo as cualidades que caracterizan cada estilo. Entre os autores e autoras seleccionados: Olga Novo, Luisa Villalta, Lois Pereiro, Anxo Angueira, Alfonso Pexegueiro, Xohana Torres, Eva Veiga, Eusebio Lorenzo Baleirón.

RESUMO
Nivel: Iniciación.
Duración: Anual. Prazas limitadas.
Datas de inicio e finalización: 02/10/2012 ao 25/06/2013.
Horario: martes de 18:00 a 20:00 horas.
Prezo: 60 €/mes socios. 80 €/mes non socios.
Inscrición: aquí.