Pontevedra: presentación de 15.724, de Xesús Constela

O xoves 27 de setembro, ás 20:00 horas, no Salón de Actos do Edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra (Rúa Padre Sarmiento, 51), o Ateneo de Pontevedra e Edicións Xerais presentan o libro 15.724, de Xesús Constela. No acto, xunto ao autor, participan Adolfo Caamaño, Xaime Toxo, Ana Isabel Vázquez Reboredo e Manuel Bragado. Posteriormente terá lugar unha actuación musical do Grupo de Pandeireteiras A Buxaina de Coruxo.

Vídeo de Carapuchiña e o Pobo Feroz, curtametraxe baseada nun relato de Males de cabeza, de Fran Alonso

Desde Xerais:
“Xa se pode ver na rede o vídeo de Carapuchiña e o pobo feroz, curtametraxe producida por Que conto producións baseada nun relato co mesmo título de Males de cabeza, de Fran Alonso. A película, que logrou o Sacho de Ouro á mellor curta no Festival Curtello 2011, está dirixida por José Araújo e protagonizada por Toni Salgado (lobo) e María Roja (Carapuchiña), Gloria Sampedro (avoa), Nani Matos (pai), Graciela Riobó (bruxa), Antonio Barreiro e Alberto Ardid. Na páxina de Que conto producións en Vimeo poden verse tamén as versión dobradas ao italiano, ao inglés, ao francés e ao castelán. Trátase da segunda curtametraxe baseada nun relato de Fran Alonso que se pode visionar ao longo deste ano 2012, logo de que na pasada primavera Urban Pig Films ofrecesen na rede o vídeo de Luz verde, baseado en 01 AM do libro Cemiterio de elefantes.

Rosa Enríquez: “Vivimos nunha sociedade líquida onde as cousas non permanecen”

Entrevista a Rosa Enríquez en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Dedícalle o libro [Atlas de Chaguán] a súa nai e fala das relacións diferentes…
– Rosa Enríquez (RE): O libro tenta ser unha denuncia do patriarcado posto que estamos todos e todas educad@s nel. Afecta moitas veces ás relacións entre nais e fillas e entre nais e fillos. Eu falo da miña, posto que cando morreu meu pai o ano pasado puiden achegarme moito máis a miña nai e aceptar un pouco que eu, en moitas ocasións, estaba errada. Como tamén ela o estaba ao respecto de min. Véxome reflectida na protagonista de Brave, filla e nai cunha relación difícil até que se poñen unha no lugar da outra e decátanse ambas as dúas de que teñen prexuízos. (…)
– SG: No libro hai tamén unha forte crítica social…
– RE: Hai unha crítica á sobrevaloración dos obxectos na última parte do libro. Cousas que consumimos, a propiedade privada. Gústame o que dixo Alba Rico sobre as cousas necesarias, as cousas marabillosas como a arte e a literatura que acaban sendo unha forma máis de consumo: consumimos música, sexo, amor, amizade… Vivimos nunha sociedade líquida onde as cousas non permanecen e os obxectos tamén son así, como na obsolescencia programada. Igual que dura pouco un computador tamén acontece coas amizades entre as persoas, os amores… O sexo case non ten valor… Non sei… Paréceme duro. Convidei a Teresa Moure para a presentación porque me gustou moito o seu libro O natural é político, sobre todo cando fala da importancia das conversas tranquilas que se perden coas crianzas, no traballo… Por iso penso que vivimos nunha soidade multitudinaria. (…)”

A Coruña: tertulia con Manuel Rivas en Diálogos sen fronteiras

O xoves 27 de setembro, ás 20:00 horas, no Auditorio da Fundación Barrié (Cantón Grande, 9) da Coruña, terá lugar un diálogo entre o presidente de Médicos sen Fronteiras de España, José Antonio Bastos, Manuel Rivas e o público asistente sobre os retos que se asumen para levar a atención humanitaria ás vítimas en contextos de crises e conflitos actuais onde desempeña a súa acción Médicos sen Fronteiras. O acto terá entrada libre e gratuíta, e está enmarcado dentro dos Diálogos sen Fronteiras organizados por esta entidade.

María Reimóndez: “Hai unha presenza permanente da temática lesbiana na literatura que unha e outra vez é relegada pola crítica”

Entrevista a María Reimóndez en Praza:
“(…) – Praza (P): En vías de extinción trata moitos temas. Se cadra o principal é o lixo que temos na cabeza e a posibilidade de limpalo, de rebelarnos contra os patróns de comportamento establecidos. O mesmo que fan as protagonistas de Pirata, ou as de O club da calceta. É así?
– María Reimóndez (MR): Cada libro é diferente na materialización da temática, pero si existe esa conexión. O personaxe de Gaia móstranos como as persoas que se sitúan nas marxes das estruturas hexemónicas teñen máis recursos para articular un contradiscurso con potencialidade de facerse realidade. Ser rara é o que lle permite a Gaia subverter o marco que nos queren impoñer. É o que di a teoría poscolonial: desde as marxes podes ter unha visión máis ampla. (…)
– P: Ás veces son os propios autores ou autoras os que temen que, de identificarse a súa obra coa homosexualidade ou o lesbianismo, sexa situada nas marxes, como literatura para minorías.
– MR: É que iso pasa. E para un escritor ou escritora é un problema grande, porque o que queres é comunicarte cos lectores. O que creo é que temos que tentar ser honestas. O libro de Teresa Moure Unha primavera para Aldara foi interpretado como unha historia de lesbianas. E na segunda edición ela aclara que non era o seu obxectivo, senón presentar unha historia de rebeldía… Eu creo que iso é como desautorizar a opción vital dos personaxes. Tamén hai autoras que, para evitar o voyeurismo do crítico, autocensúranse e renuncian a introducir escenas de sexo nos seus libros. Como se, ao final, as mulleres só puideramos ser amigas. O efecto é que, como di Beatriz Suárez, seguimos armarizadas… (…)”.

Casa Grande do Bachao: Talleres de escrita Redelibros, do 26 ao 28 de outubro

“Gústavos escribir? Queredes profundar no coñecemento das técnicas narrativas fundamentais para capturar a atención e o interese do lector: a creación de personaxes, o tempo e o ritmo da narración, os trucos do oficio, a consecución dun estilo propio?
Durante o fin de semana do 26 ao 28 de outubro, na Casa Grande do Bachao, preto de Santiago, organizamos o primeiro Taller de escrita Redelibros, dirixido por Pere Tobaruela e Fran Zabaleta. Durante dous días, nunha contorna ben fermosa, alternaremos a teoría narrativa co debate aberto, o fomento da creatividade e a imaxinación, a realización de exercicios narrativos e a análise individual e colectiva dos traballos dos participantes. Falaremos tamén da realidade editorial actual e trataremos de orientarvos nos camiños para acadar a publicación das vosas obras.
Dous días nunha fermosa casa rural, lonxe do balbordo diario, para mellorar as nosas técnicas narrativas, reflexionar sobre o estilo e o oficio de escribir e gozar da compaña e a conversa con outros escritores.
– Interésache? Descarga aquí o programa.
– Queres máis información? Escríbenos a: editorial@redelibros.com.
– Prazo de inscrición aberto ata o luns 15 de outubro.
– Inscricións: 666 841041 ou editorial@redelibros.com.”

Lugo: cea afrodisíaca complementaria á mostra Arte para gozar

Como complemento da mostra Arte para gozar. Sensualidade e erotismo nos Museos da Rede Museística da Deputación de Lugo e das Xornadas teórico-prácticas sobre sensualidade e erotismo que se están a desenvolver no Museo Provincial de Lugo, o vindeiro venres, día 28 de setembro, ás 22:00 horas, terá lugar a celebración dunha Cea Afrodisíaca na Taberna do España co seguinte menú. O prezo por cuberto é de 20 euros, e todas as persoas interesadas en asistir a esta orixinal e suxestivo ágape poden incribirse nos departamentos de Difusión e Comunicación do devandito museo. As prazas son limitadas e as reservas realizaranse por rigorosa orde de solicitude ata o xoves, 27 de setembro.
Máis información na páxina web da Rede Museística da Deputación de Lugo, no blog da exposición “Arte para gozar”, ou no teléfono 982.24.21.12.

O cullarapo Croque, de Miguel Ángel Alonso Diz e Luz Beloso

Entrevista en Fervenzas Literarias:
“(…) – Fervenzas Literarias (FL): O cullarapo Croque ten unha orixe moi particular. Amais de ser o seu primeiro libro a nivel individual, tamén pasa por ser o primeiro que se edita en galego baixo iniciativa crowfunding.
– Miguel Ángel Alonso Diz (MAAD): No 2009 nace miña filla e ata esa data eu non escribira nada para o público infantil. O cullarapo Croque xurde da necesidade de comunicarme con ela, de trasladarlle certos valores e de facelo no noso idioma. Tamén xurde froito dun proceso de reflexión sobre o noso momento e as nosas circunstancias sociais. E por que crowfunding? Foi sinxelamente por unha cuestión económica. Creo que O cullarapo Croque é un libro moi ben editado, dunha calidade máis que aceptable, e iso para A Porta Verde do Sétimo Andar supuña un gran custo económico. (…)
– FL: Os nenos están máis habituados a escoitar contos que poesía. É doado escribir versos para un público sumo esixente?
– MAAD: Alfonso Láuzara preguntoume nunha ocasión se eu era consciente da miña predisposición natural cara a poesía infantil. Non sei se é doado ou non escribir versos para nenos; eu pódoche dicir que no meu caso a poesía flúe dun xeito moi natural. Eu comecei a escribir poesía para nenos cando naceu a miña filla, e da necesidade de lle explicar determinadas cousas xurde todo. Logo chegamos ao proceso da escrita, de ourive, de pulir os versos e traballar as palabras. E iso é unha tarefa moi esixente que aprendín de Mª do Carme Kruckenberg. Hai que ser respectuoso e honesto co oficio e cos nenos. Son máis intelixentes do que a xente pensa. Eu non gusto desa poesía infantil que se queda no superficial, con rimas doadas e versos sen fondo. Non ten sentido. Eu busco atrapar o neno, engaiolalo a través desa musicalidade que el ten tan ben aprendida a través das cancións de berce e as cantigas. Eu son moi partidario de vincular música e poesía, aspecto fundamental para achegar certas cousas aos rapaces. (…)”.

Marcos Calveiro: “Palabras de auga transcorre nun non lugar, no medio dunha sabana erma e seca”

Entrevista a Marcos Calveiro en Diario de Pontevedra, desde Xerais:
“(…) – Diario de Pontevedra (DP): E grazas a literatura hoxe é todo o que non puido ser…
– Marcos Calveiro (MC): Todo. Sendo escritor podes ser calquera cousa que non fuches quen de ser.
– DP: Tamén lle permite viaxar: á Venecia do século XVIII, ao México de Pancho Villa, a Irak… e, no último, Palabras de auga, a África.
– MC: Si, para min escribir unha novela non deixa de ser unha viaxe. Mentres escribes tamén es lector, documéntaste, les un montón de información, etc. Ese proceso é do que máis me gusta da novela e normalmente é moito máis longo que o proceso de escrita. E logo eu, ademais, son dos que non tomo notas. Leo todo o que cae nas miñas mans, métoo aí no disco duro da miña cabeza e logo vouno soltando. Eu non puxen un pé en Venecia, non coñezo o medio oeste americano onde está ambientado Rinocerontes e quimeras e México, cando escribín Centauros do Norte, non o coñecía. Tampouco África, onde transcorre Palabras de auga. Se tivera que escribir unha novela ambientada nun instituto de aquí, resultaríame moi complexo imaxinar ou fabular, incluso enganar ó lector, porque a ficción non deixa de ser un engano, xogar un pouco co lector e facerlle trampas. (…)
– DP: Moitas das súas novelas céntranse no tránsito da adolescencia á vida adulta e levan mensaxe…
– MC: Si, pero iso non é intencionado. Hai quen di que a literatura infantil e xuvenil ten que educar en valores e mesmo quen di, erroneamente, que non é literatura. Eu fago literatura. Cando comezo unha novela non teño nin a máis remota idea de se vai ser para adultos, para nenos máis pequenos ou unha novela para adolescentes. Escribo a historia como me pide o corpo e logo ó final decido. (…)”.