Betanzos: presentación de Letras de amor e guerra, de Ramiro Vidal Alvarinho

O sábado 15 de setembro, ás 20:30 horas, no Salón Azul do Liceo de Betanzos, en colaboración coa A. C. Eira Vella, preséntase o libro Letras de amor e guerra, de Ramiro Vidal Alvarinho, publicado nos Cadernos Q de Vian.

Búscanse autores para o cuarto volume de Contos Estraños

Contos Estraños, selo especializado en literatura fantástica e de terror en Galicia, segue na procura de novos escritores e ilustradores para o seu cuarto volume recompilatorio. Se en números anteriores descubrimos a autores como Xosé Duncan, Manuel Gayoso ou David Botana -entre outros moitos-, dende a editoria animan á xente a enviar os seus orixinais relacionados co mundo do estraño, o fantástico e o grotesco, incluso relacionado co Nadal, xa que o número aparece por esas datas. Dende Contos Estraños indican que os textos deben estar preferentemente escritos en galego, aínda que tamén admitiranse en castelán. Xunto co orixinal debe entregarse unha breve sinopse e unha pequena recensión biográfica. Enviaranse en formato .doc ao correo electrónico: contosestranhos@gmail.com O prazo para enviar os orixinais remata o vindeiro 30 de setembro.

Presentación do nº 3 de Contos Estraños. Santiago de Compostela acollerá o sábado 29 de setembro a presentación do nº 3 de Contos Estraños, adicado desta volta a Ci-Fi e en especial a Ray Bradbury. O programa de actos é o seguinte:
14:00-15:00 h.: Sesión vermut no J de Joker.
15:00-17:00 h.: Comida e sobremesa.
17:30-19:30 h.: Proxección en pantalla grande de Blade Runner – Final Cut no pub Tatooine.
19:30-21:00 h.: Presentación oficial do Nº 3 de Contos Estraños.
21:00-23:00 h.: Bocatas no bar A Taquilla.
23:00 h.… o que Deus queira… ou o que o corpo aguante.
Comida: Será no J de Joker. O menú será de 10 €. Os interesados teñen que reservar praza a través do email: contosestranhos@gmail.com O prazo da reserva finaliza o luns 24 de setembro.
Enderezos:
J de Joker: Rúa Nova de Abaixo, 4 Baixo – 15706 Santiago de Compostela.
Tatooine: Rúa República Argentina 50 – Santiago de Compostela.
La Taquilla: Rúa Fernando III el Santo 14 – Santiago de Compostela.

Desde Fervenzas Literarias.

Santiago: paseo ilustrado por Compostela con David Pintor

O vindeiro sábado 15 de setembro é o último día para visitar, na Galería Sargadelos de Santiago, a exposición de ilustracións de David Pintor para o caderno de viaxe Compostela, editado por Kalandraka. Con motivo da clausura da mostra, David Pintor será o guía dun roteiro a pé por algúns dos espazos emblemáticos representados nesta obra, na zona monumental da cidade. Un paseo ilustrado por Compostela con David Pintor comezará ás 12:00 na Galería Sargadelos, onde o ilustrador comentará os aspectos máis salientables das 15 imaxes que compoñen a exposición para, posteriormente, iniciar un percorrido no que o público poderá comparar os referentes urbanos reais coas representacións gráficas.

Parlamento das letras: Eva Moreda

Entrevista de Armando Requeixo a Eva Moreda no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Eva Moreda (EM): Creo que lle sobra lercheo, seguidismo e, sobre todo, complexos. Ás veces dá a impresión de que queremos modelar a nosa literatura seguindo os modelos predominantes de fóra: seica temos que publicar un número determinado de obras de tal ou cal xénero ao ano, temos que ter non sei cantos best-sellers e temos que escribir de non sei que outros temas para sermos unha literatura de verdade, para sermos “normais”. Non vou negar que, sendo a literatura galega unha literatura minorizada, a tentación de sermos normais, de deixar de ser os raros, sexa moi forte. Pero, por outra parte, creo que a vantaxe de ter unha literatura a medio facer, un país a medio facer, é que non temos por que caer nas inercias que lastran os sistemas literarios supostamente “normais”. Por isto mesmo, tampouco creo que á literatura galega lle falte nada en concreto: fáltalle en comparación con que? En todo caso fáltalle máis valentía para atreverse a crear os seus modelos sen copiar outros. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– EM: Eu vexo que hai cada vez máis unha separación entre o mainstream e o “alternativo”. Se cadra isto é o desexable e o normal, aínda que, como dixen antes, a normalidade non me convence moito.”

Lugo: obradoiro de narración oral impartido por Antonio Reigosa e Isidro Novo

O martes 25 de setembro inícianse as actividades da Escola de Narración Oral da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co Obradoiro 1º ciclo: Iniciación á narración oral. Os datos son os seguintes:
OrganizaSección de Literatura de Tradición Oral da AELG.
Patrocina: Concellaría de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo.
Lugar: Centro Social Uxío Novoneyra (Rúa Quiroga Ballesteros).
Duración: 26 horas.
Sesións: 13 sesións semanais de 2 horas cada unha.
Imparten: Isidro Novo (6 sesións), Antonio Reigosa (6 sesións) e Celso Fernández Sanmartín (1 sesión).
Participantes: 18 (maiores de 15 anos).
Calendario: os martes 25 de setembro, 2, 9, 16, 23 e 30 de outubro, 6, 13, 20, 27 de novembro, 4, 11 e 18 de decembro de 2012.
Horario: de 18:00 a 20:00 horas.

Contidos
– A comunicación oral.
– Linguaxes non verbais.
– A lingua oral.
– Xéneros orais.
– A cultura tradicional e a oralidade.
– As novas formas de cultura e a comunicación oral:

  • Oralidade e TIC.
  • Repenteismo, rap e outros xéneros de improvisación.

– Discurso oral.
– Memoria, historia e fonte oral.
– As historias de vida.
– Destreza oral.
– A literatura oral: Xéneros.
– A lectura en voz alta.
– As lecturas colectivas.
– Palabras con memoria.

Fene: ciclo de faladoiros cos gañadores/as do Premio Blanco Amor de Narrativa

A Concellaría de Cultura e Deportes do Concello de Fene, que organiza este ano a XXX edición do Premio de Novela Longa Blanco Amor, promove, en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, un ciclo de faladoiros con algúns dos gañadores/as de anteriores edicións. Na escolma de autores/as procurouse garantir a presenza daqueles escritores que gañaron nas edicións do Premio organizadas por concellos da comarca.
Nestes faladoiros, sempre ás 19:00 h. e na Casa da Cultura do Concello de Fene, tanto o condutor/a como o público participante dialogarán co/coa autor/a gañador/a do Premio Blanco Amor sobre a obra do autor/a e nomeadamente da obra coa que gañou o Premio.
O primeiro destes faladoiros, conducido por Mercedes Queixas, terá lugar o vindeiro xoves, 20 de setembro ás 19:00 h. na Casa da Cultura de Fene e contará coa participación de Víctor F. Freixanes, gañador do Blanco Amor organizado polo concello de Mugardos en 1982, coa novela O triángulo inscrito na circunferencia.

O ciclo, que se desenvolverá entre o 20 de setembro e o 22 de novembro, desenvolverase consonte o seguinte calendario:
Xoves, 20 de setembro, tertulia con Víctor F. Freixanes, conducida por Mercedes Queixas.
Xoves, 4 de outubro, tertulia con Xesús Rábade Paredes, conducida por Verónica Martínez Delgado. Anulada, pendente de reprogramación.
Xoves, 11 de outubro, tertulia con Xavier Alcalá, conducida por Alfredo Ferreiro.
Xoves, 25 de outubro, tertulia con Valentín Carrera, conducida por Tati Mancebo.
Xoves, 8 de novembro, tertulia con Francisco Castro, conducida por Carlos Negro.
Xoves, 22 de novembro, tertulia con Inma López Silva, conducida por Mercedes Queixas.
Vexa aquí a listaxe completa de obras gañadoras do Blanco Amor. O conxunto dos concellos organizadores foi merecente en 2010 da Homenaxe Os Bos e Xenerosos, promovida pola AELG.

Vilalba: Celebrando a obra de Margarita Ledo Andión

O sábado 15 de setembro terá lugar unha homenaxe á obra de Margarita Ledo Andión. O programa de actos é o seguinte:
12:00 h. No Muíño do Rañego en Vilalba. Táboa redonda coa participación de María do Carme García Negro, Xosé López García, Xosé Ramón Pousa, Eva Veiga e David Otero.
Posteriormente, no Paseo dos Soños, inaugurarase o 7º Hectómetro literario, obra de Valdi.
14:30 h. Xantar de irmandade na Nova Ruta de Vilalba.
Posteriormente, intervención musical de Mini e Mero.

Para máis información ou apuntarse ó xantar, o público interesado pode chamar ao número de teléfono 646413890.

Vigo: VII Ciclo de mesas redondas Escritoras/es na Universidade

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co patrocinio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e a colaboración da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, organiza o VII Ciclo de mesas redondas Escritoras/es na Universidade, co lema Por que(n) escribir / Para que(n) escribir. Os actos celebraranse no Salón de Actos da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, ás 12:00 horas. O programa é o seguinte:

– Xoves 20 de setembro. Mesa redonda de poesía. Con María Lado e Olga Novo.

– Xoves 4 de outubro. Mesa redonda de narrativa. Con Xosé Neira Vilas e Antón Riveiro Coello.

– Xoves 18 de outubro. Mesa redonda de teatro e ensaio. Con Quico Cadaval e Carlos Callón.