Entrevista
a Ramón Nicolás en Faro de Vigo, desde Xerais:
“(…) – Faro de Vigo (FdV): Cando, como é o seu caso, se dedican tantas e tantas horas, meses e anos ao estudo dun personaxe determinado, non se corre o risco de obsesionarse con el e acabar por perder a perspectiva? Cal foi a súa “táctica” para manter a obxectividade no momento de abordar a figura de Celso Emilio Ferreiro [Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro]?
– Ramón Nicolás (RN): No meu caso, ese risco si cobrou forma, pois non podería dicir que non acabase obsesionado: sobre todo no seu proceso de confección técnica, talvez non tanto co biografado, senón coa conxuntura de darlle forma a unha enorme cantidade de información. Mesmo creo que, nalgunha medida,era algo natural. Eu partía do interese pola obra, pero a vida de C.E.F. era algo descoñecido para min, dado que nunca o tratei. “Vivir” o personaxe desde tan preto proxectaba algúns riscos que tentei solventar: por un lado, apoiándome no multiperspectivismo –isto é, cederlle espazo ás outras voces que me falaron de Celso Emilio, “escoitando” o que dicían, interpretando posteriormente os centos de documentos conservados, moitos deles inéditos,que se puxeron ao meu dispor desde a Fundación que leva o seu nome, para alén doutros textos que proviñan de colleita propia– e, doutra banda, procurei evitar tamén un ton que puidese resultar monocorde para os lectores. Vistas as dimensións que ía cobrando o traballo, tomei a licenza de construír máis literariamente algún capítulo; sempre, iso si, desde a instancia de ser máis ou menos fiel ao que foron algúns acontecementos na vida de Celso Emilio. (…)
– FdV: O seu libro contén un apartado dedicado ao epistolario de Celso Emilio. Quixera que me falase desa parte da “obra” de C.E.F. e tamén de se atopou Vde. algunha carta, ou cartas, que o sorprendesen ou que lle chamasen especialmente a atención.
– RN: Unha das miñas sorpresas ao asomarme á traxectoria vital de Celso Emilio, foi precisamente acceder ao epistolario conservado: fundamentalmente, o “recibido”, pois C.E.F. non adoitaba facer copia das cartas que enviaba. Este material que, para min, é un tesouro, foi clave para descubrir ángulos da súa vida persoal e literaria que, iso coido, deica hoxe non foran tratados e que mesmo poden axudar a reformular certos lugares comúns arredor de moitos asuntos de corte persoal, político ou literario da posguerra. No aspecto persoal, hai cartas, por exemplo, de Joaquín Marta Sosa ou Xosé María Álvarez Blázquez que son estremecedoras; outras con Luís González Blasco “Foz” ou Carlos Díaz son fundamentais para coñecer o seu paso pola UPG; as que subscriben Alonso Montero, Méndez Ferrín, Manuel María, Neira Vilas ou Basilio Losada… claves para entender a xestión ou recepción da súa obra literaria. (…)”.
Obradoiro Todo/nada poesía, impartido por Antía Otero
Todo/nada poesía é un
obradoiro literario/artístico orientado a aquelas persoas que queiran achegarse ao entramado poético dende unha visión lúdica, interdisciplinar e contemporánea como primeira toma de contacto. No proceso aportaranse chaves que axuden a escoitar e mirar dende o aquí e o agora da cotidianidade, do preciso, do inmediato… facendo fincapé na grandeza do poético. Os obxectivos son:
– Aportar chaves que axuden á elaboración e creación de textos partindo da mirada única de cada participante.
– Poñer en relación o poético co interdisciplinar: cinema, música, vídeo…
– Desmitificar conceptos tradicionalmente asociados a poesía como: o romanticismo, a rima, a puntuación clásica.
– Atopar os silencios no lenzo.
– Bucear nas propias creacións a redor da imaxinación, a escoita, o concreto, os diálogos, o eu e os personaxes, o tempo, o espazo, o silencio.
– Desmitificar a idea de que para escribir un debe ser experto ou grande entendido.
– Plantexar o feito artístico como algo accesible pero complexo, polo que se aconsella implicación presencial.
RESUMO
– Nivel: Iniciación.
– Duración: Trimestral. Prazas limitadas.
– Datas de inicio e finalización: 03/10/2012 ao 19/12/2012.
– Horario: mércores de 20:30 a 22:30 horas.
– Prezo: 60 €/mes socios. 80 €/mes non socios.
– Inscrición: aquí.
Obradoiro de poesía on-line impartido por Antía Otero
“¿Tiveches
algunha vez esta sensación?, ¿atopácheste con milleiros de frases bailando na cabeza e sentiches que poderían ser universos?, ¿ descubriches algunha vez que de tanto mirar o extraordinario poderías derreter os ollos?, ¿ pasaches semanas enteiras cunha imaxe cotiá e feble, áxil ou pesada na cabeza que loitaba por sair á luz?……se é así….habitas preto da poesía…. … mais xogar coas palabras, buscar a precisión, expoñer o que pensamos e o que vemos dende un código propio….é un bo xeito de materializala. Este taller on line está pensado para que poidas achegarte ao entramado poético e aprender recursos técnicos e estilísticos tomando a túa personalidade como punto de partida. Acompañándonos de exemplos, exercicios prácticos, lecturas, visionado de videos on line, imaxes… materializaremos ambientes, pensamentos e ideas ata chegar a construir textos que iremos correxindo e millorando dende a emoción, a consciencia e a constancia. Non deixes pasar esta oportunidade de achegarte ao mundo poético descubrindo as posibilidades da tua propia voz e daqueles que nos rodean.” Impartido por Antía Otero.
A inscrición realízase aquí.
Débora Campos, nova presidenta da Asociación Internacional de Estudos Galegos
“A
xornalista e profesora da Universidade de Bos Aires, Débora Campos, é a nova presidenta da Asociación internacional de estudos galegos (AIEG) despois de que fose elixida na asemblea da entidade celebrada en Cardiff (Gales). Na nova dirección desta institución figura, entre outr@s, a tamén xornalista, tradutora e profesora da Universidade de Aston (Birmingham), Olga Castro. Estes días a institución que coordina os centros de estudo galegos no mundo celebrou o seu X Congreso Internacional ao redor do tema da Galiza alén do Arco Atlántico: unha visión multidisciplinar dos estudos galegos. Débora Campos foi membro da executiva da Asociación internacional de estudos galegos de 2009 a 2012 e en 2011 foi elixida académica correspondente da Real Academia Galega. Ademais leva o blog Fios invisibles.” Vía Sermos Galiza.
Manuscritos: Diego Ameixeiras
Desde o blogue Caderno da crítica, de Ramón Nicolás:
Manuscritos: Pedro Feijoo (I)
Desde o blogue Caderno da crítica, de Ramón Nicolás:
Agustín Fernández Paz leva o XI Premio Ramón Piñeiro Facer País
“O
XI Premio Ramón Piñeiro Facer País, que convocan catorce asociacións e entidades da comarca de Sarria, Láncara e o Corgo, foi para Agustín Fernández Paz. Segundo sinalaron os representantes do galardón, Fernández Paz foi escolleito por sucesivas votacións das asociacións convocantes entre 45 candidatos. Para alén dos seus amplos méritos literarios, entre os que a organización destaca a súa recoñecida contribución á literatura infantil e xuvenil, o xurado tivo en conta “o seu decidido compromiso con Galicia e a lingua galega” e apuntou “a sinxeleza do seu carácter, sempre alleo a xestos e actitudes personalistas e de autocompracenza” eu o fan “merecedor de ser considerado un dos bos e xenerosos”. Na presentación do galardón, Carlos López Sierra, secretario da Asociación Val de Láncara lembrou a Isaac Díaz Pardo e Avelino Pousa Antelo, que levaran cadanseu galardón e que faleceron no último ano. O acto de entrega celebrarase o vindeiro outono, en data aínda por determinar, en Láncara.” Desde Cultura Galega.
María López Sández gaña o VI Premio de Narrativa Breve Repsol
“María López Sández
(profesora no IES Xulián Magariños de Negreira e na Facultade de Ciencias da Educación da USC) é a gañadora da sexta edición do Premio de Narrativa Breve Repsol, que se deu a coñecer onte nun acto na refinería coruñesa. A forma das nubes é a obra que resultou gañadora no que foi a edición máis participativa, xa que o xurado tivo que escoller entre 41 orixinais. Xavier Alcalá, como portavoz do xurado gabou a calidade da novela, e indicou sobre ela que: «É unha novela que gaña ritmo, forza e calidade segundo avanza a historia, é moi suxestiva e está chea de referencia ao cine e á literatura». A obra será editada por Galaxia en novembro. María López Sandez xa conta no seu currículo con outro galardón, o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio do 2007 pola obra Paisaxe e nación: a creación discursiva do territorio. (…) Ao acto tamén asistiron César Gallo Erena, vicepresidente da Fundación Repsol, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, que se referiu ao Premio de Narrativa Breve Repsol como «unha mostra de responsabilidade social co ámbito territorial no que a empresa está radicada que conta cunha importante acollida tanto por parte de escritores noveis como dos xa consolidados dentro do sistema literario galego».” Desde Galaxia.
Xabier Cordal, Antón Lopo, Anxo Rei Ballesteros e Manuel Rivas serán traducidos na revista norteamericana Absinthe
“Catro
autores galegos publicarán textos da súa autoría no próximo número da revista norteamericana Absinthe, que o anuncia na súa web. A obra de Xabier Cordal, Antón Lopo, Anxo Rei Ballesteros e Manuel Rivas terá presenza nos Estados Unidos a través da vontade da revista de facer unha incursión na literatura galega.” Desde Xerais.
Antonio Gamoneda publica Estética e temporalización do Camiño Xacobeo
“Editorial Trifolium
publica o ensaio Estética e temporalización do Camiño Xacobeo, unha obra do poeta Antonio Gamoneda, quen en 2011 foi nomeado Escritor Galego Universal pola AELG, traducida ao galego por María Fe González Fernández. Trátase dunha obra inédita que ve a luz en galego, antes que en calquera outra lingua, por expreso desexo do autor, que elixiu a colección Musa pedestris, de Trifolium, para a súa publicación. O ensaio, relativo á obra de creación de e verbo do Camiño de Santiago, toca aspectos formais e iconográficos ligados, uns e outros, á arquitectura, á escultura, á pintura e á escrita en función estética.” Vía Trifolium. Recollido tamén, posteriormente, en Cultura Galega.

