Vidal Bolaño, alma do teatro galego. A longa sombra do sombreiro

Reportaxe en La Opinión:
“(…) “É un autor moi respectado e moi representado en España e tamén fóra. É, como Rosalía de Castro, unha figura da nosa diplomacia cultural, cunha enorme capacidade de creación en todos os rexistros teatrais e que traballou sempre pola lingua galega e para crear un público para o teatro galego”, defende a catedrática de Comunicación Audiovisual Margarita Ledo, un dos nomes que avalou esta proposta. (…)
Pola súa banda, o dramaturgo Gustavo Pernas sostén que a “gran dimensión e trascendencia” da obra do escritor compostelán faino merecedor deste gran recoñecemento, e máis nestes momentos, nos que o teatro “está a quedar á marxe”. “Era algo que o sector viña pedindo dende hai meses por activa e por pasiva”, comenta. Para Pernas, esta será ademais unha excelente ocasión para que se edite a obra de Vidal Bolaño. “O teatro non só é para que se represente, tamén é literatura. Se non se tivesen editado, as obras de Shakespeare e Chekhov non terían chegado ata nós”, recorda. (…)”

Vigo: café literario arredor de A semellanza, de María Xosé Queizán

O mércores 27 de xuño, ás 18:00 horas, terá lugar unha nova edición do Café literario do Centro de Documentación e Recursos Feministas (Biblioteca Pública Central. Rúa Joaquín Yáñez, 6 – 2º) de Vigo, onde se falará sobre a obra de María Xosé Queizán A semellanza, publicada por Sotelo Blanco. Como relatora estará Elisabet Pérez, vicepresidenta da asociación Nós mesmas.

Ferrol: presentación de A saúde como negocio

O martes 26 de xuño, ás 19:00 horas, na Galería Sargadelos de Ferrol (Rúa Rubalcava, 30-32, esquina Rúa María), preséntase o libro A saúde como negocio, coordinado por Pablo Vaamonde García e Manuel Martín, publicado en Laiovento. No acto, xunto a estes autores, participa Francico Pillado.

Xosé Ramón Barreiro: “Murguía foi o primeiro nacionalista galego”

Entrevista a Xosé Ramón Barreiro no Faro de Vigo:
“(…) – Faro de Vigo: ¿Cantos anos tardou en materializarse en libro esta biografía [Murguía], que quizais fora unha débeda pendente cun dos fundadores da RAG?
– Xosé Ramón Barreiro: É unha obra pensada hai moito tempo e sobre todo, elaborada moi lentamente. Murguía foi un home que escribiu moitísimo. A primeira dificultade foi atopar a información. Escribiu nun xornal de New York que tiven que conseguir e en xornais de Portugal e toda España. O primeiro labor foi o de recompilación. Enfronteime con esa gran figura que foi Murguía porque como historiador coincidín con el moitas veces. Cando facías algún traballo, moitas veces aparecía aí Murguía, adiantándose no tempo. Produciuse unha especie de chamada de historiador a historiador. E cando fun presidente da Real Academia Galega dinme conta que Murguía estaba moi presente en toda a historia da Academia. E eses elementos dan o resultado de máis de seis anos para preparar esta biografía. (…)”

Cartas de inverno ten algo especial, e eu síntome privilexiado por levalo a imaxes”

Entrevista a Antonio Seijas en Dioivo:
Cartas de inverno, o coñecido libro de Agustín Fernández Paz, terá unha versión en banda deseñada, editada por Xerais, que sairá do prelo o próximo outono. Falamos con Antonio Seijas, o ilustrador que se está a encargar deste proxecto.
– Dioivo: Primeiro, como xorde o proxecto de pasar a banda deseñada Cartas de inverno. Foi un encargo da editora?
– Antonio Seijas: Escribín unha introdución no album para explicar como foi xurdindo todo. En líneas xerais podo dicir que foi cousa miña. Anos atrás Xerais encargoume a cuberta para unha nova edición do libro, e desde entón levaba dándolle voltas á idea de facer unha adaptación a banda deseñada. A partir de aí foi cuestión de comentarllo a Xerais e máis a Agustín, que sempre estiveron a favor da idea, e ir atopando tempo para facelo. (…)”

Ribeira: presentación de A nena levantadora de pedras sagradas, de Cipriano Fernández

O martes 26 de xuño, ás 21:00 horas, no Museo Municipal de Ribeira, preséntase o libro A nena levantadora de pedras sagradas. Seis pezas de teatro para nenos, de Cipriano Fernández Fernández, publicado por 3C3 Editores. No acto, xunto ao autor, intervirán Elvira Pisos Arnoso, Segundo Durán Chiki e Xosé Amancio Liñares Giraut. Farase ademais unha representación teatral dun fragmento de A raíña lambona, a cargo de Inés Olveira Míguez e Celia Rosselló Sánchez.

Roberto Vidal Bolaño será o autor homenaxeado no Día das Letras 2013

“O plenario da Real Academia Galega escolleu por maioría o dramaturgo como autor homenaxeado no Día das Letras 2013, polo seu papel “na creación dun público para o teatro galego” e porque “por enriba de todo, foi un extraordinario escritor”. Vidal Bolaño contou con numerosos apoios entre os académicos, comezando por Francisco Fernández Rei, ou Margarita Ledo e Euloxio Ruibal, que ao remate do plenario explicaron os motivos da escolla do dramaturgo, unha vez que Méndez Ferrín fixo público o nomeamento. Ruibal salientou por exemplo a súa loita “non só pola creación artística, senón polas melloras nas condicións sociais e políticas” e afirmou que “foi un home que dende a esquerda defendeu uns valores que temos que ter moi presentes, porque as obras de todo tipo teñen que servir para a dignidade”. (…) A RAG, na súa declaración oficial, salientou que Vidal Bolaño é unha “figura imprescindible para comprender a dimensión do Teatro Galego e, xa que logo, do noso sistema literario”. O texto difundido afirma que “é indiscutible a importancia da figura de Roberto Vidal Bolaño para o teatro nacional galego. Aínda que morreu novo (52 anos), Vidal Bolaño é, sen dúbida, o dramaturgo máis prolixo da historia da nosa literatura; mais non é só a cantidade da súa obra a razón da súa importancia, senón as múltiples calidades que os seus textos achegan durante toda a súa actividade”. (…)
O Plenario da Real Academia Galega acordou así mesmo nomear académico de honra electo a Arcadio López Casanova e académicos correspondentes a Xosé Manuel González Herrán, Luz Méndez, Fernando Ramallo Fernández, Olivia Rodríguez González, Goretti Sanmartín Rei e Xavier Vence Deza.” Vía Praza.

Cangas: presentación de Dragal III. A fraternidade do dragón, de Elena Gallego

O martes 26 de xuño, ás 20:00 horas, na sede da Federación de Comerciantes do Morrazo (FECIMO), na Avenida de Vigo, 91, baixo, de Cangas do Morrazo, preséntase o libro Dragal III. A fraternidade do dragón, de Elena Gallego, publicado en Xerais. No acto, xunto á autora, participan Xosé Bangueses e Manuel Bragado.

Xabier Cordal: “Non hai nada externo á poesía”

Entrevista a Xabier Cordal en El País:
“(…) – El País (EP): transmuta tende a certo hermetismo. Ten que ver co desafío de expresar a dor?
– Xabier Cordal (XC): Sobre o hermetismo sempre tiven moitas dúbidas.
– EP: Talvez non é o termo acaído.
– XC: Si, está ben. O que pasa é que neste tempo temos moita sorte porque a xente sabe que o hermético de verdade son as hipotecas. O hermético é o capital. O que nos ocorre aos que escribimos é que, ás veces, non damos co termo axeitado. Si teño claro é que canto máis ampla é a expresión, mellor. Pero hai discursos poéticos no século XX que empezaron sendo incomprensibles para os seus contemporáneos e agora son os únicos cos que podemos dialogar. Manuel Antonio, por exemplo. Cando se fala de poesía, case sempre con boa intención, fanse paráfrases. É moi difícil estabelecer leis. (…)
– EP: A poesía ten obrigas?
– XC: Non. Desconfío moitísimo da xente que di que si. Supoño que, como mínimo, serán poetas. E mesmo se son poetas, preocúpame que veña un poeta e poña un menú do que teño que falar. Non sei de onde vén a súa autoridade. Non hai xerarquías no poema nin nada externo que poida condicionalo. Xa sei que ten os seus riscos, pero debemos correlos, porque un non sabe nunca onde está a palabra que move. As persoas que nos dedicamos a isto somos traballadores, pero con condicións un pouco particulares que deben incluír a liberdade total. (…)”