A Coruña: presentación de Suite Dublín, de Francisco X. Fernández Naval e Na véspera do silencio, de Soledad Pite

O martes 26 de xuño, ás 20:15 horas, no local da Asociación Cultural Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º) da Coruña, preséntanse os libros Suite Dublín e outros poemas, de Francisco X. Fernández Naval, e Na véspera do silencio, de Soledad Pite, publicados en Follas Novas Edicións. No acto, xunto aos autores, participan Luís Alonso Girgado e Luís Cochón.

Futuro imperfecto, de Xulia Alonso, premio Frei Martín Sarmiento

Fallouse, na súa categoría máis alta, Adultos, o Premio Frei Martín Sarmiento, un galardón que recoñece as mellores obras publicadas durante os dous anos anteriores a xuízo dos escolares galegos. A obra de Xulia Alonso, Futuro imperfecto foi elixida gañadora deste prestixioso premio. No acto de entrega no Colexio Miraflores de Ourense a escritora amosábase emocioanda e entusiasmada con este recoñecemento máis que merecido.

Vigo: concerto en homenaxe a Celso Emilio Ferreiro

O martes 26 de xuño, ás 20:00 horas, no Teatro do Centro Cultural Novacaixagalicia (Rúa Policarpo Sanz, 13) de Vigo, e con entrada de balde, a Consellería de Cultura e Educación organiza un concerto en homenaxe a Celso Emilio Ferreiro dentro do programa de actividades para conmemorar o centenario do nacemento do escritor. Yolanda Castaño presenta o acto, no que se alternarán recitados de textos do escritor e poemas musicados, nas voces de Iolanda Zúñiga, Inma López Silva, Rexina Vega, Ataque Escampe, Coke Céspedes, Patricia Moon, Frans Banfield ou Davide. Tamén participará o catedrático Xesús Alonso Montero.

Meteorito Polaroid

“As augas baixaban tranquilas polo río da narrativa galega en 1986. Poetas de tendencia veneciana arriscaban armas na prosa e as novelas sucedíanse sen maiores sobresaltos. Sobrevivían o epigonalismo cunqueirián e a épica poscéltica. O ruralismo esmorecía. Ese era, a trazo groso, o mundo que recibiu a Polaroid (Xerais), de Suso de Toro (Compostela, 1956), o espello en cachizos dunha realidade en descomposición. Sete escritores contemporáneos falan do impacto do libro. (…)” Vía El País.

Agustín Fernández Paz, proposto para doutor Honoris Causa en Filoloxía Galega pola Universidade de Vigo

Agustín Fernández Paz vén de ser proposto pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega -AELG- para o nomeamento como Doutor Honores Causa en Filoloxía Galega pola Universidade de Vigo, nunha carta asinada por Cesáreo Sánchez e Mercedes Queixas. Tal e como informa o colectivo de autor@s, é este o primeiro paso nun camiño cuxo final se coñecerá nos vindeiros meses. “Agardamos que remate co xusto e merecido recoñecemento”.
Segundo o texto, “o motivo da nosa proposta vén xustificado pola voluminosa obra de recoñecido prestixio do autor, premiado mesmo a nivel internacional cos recoñecementos de maior importancia e proxección, sobranceando nel a figura dun escritor que desde as últimas décadas elevou e segue a elevar a literatura infantil e xuvenil en galego á categoría de obra mestra, con amplísima incidencia social, asentada nunha incuestionábel calidade estética e nuns valores éticos imprescindíbeis para unha sociedade verdadeiramente democrática como a que queremos construír.”
A Plataforma para a defensa e promoción da lingua galega –Prolingua-, da que Fernández Paz fai parte, fíxose eco xa da proposta da AELG. “É unha excelente nova”, que vén sumarse aos méritos “literarios, científicos, lingüísticos e patrióticos” que do autor destacaron algúns membros do Departamento de Filoloxía Galega. Prolingua lembrou que o vindeiro 30 de xuño terá lugar na cidade olívica a Homenaxe Nacional a Fernández Paz.” Desde Sermos Galiza.

Camilo Nogueira: “Sen o Antigo Reino de Galicia non se entende nada do que pasou na península”

Entrevista a Camilo Nogueira en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): ¿Cal é a tese do primeiro dos libros [Para unha crítica do españolismo]?
– Camilo Nogueira (CN): Trato de facer ver que sen o Antigo Reino de Galicia non se entende nada do que pasou na península. Todo o que se atribúe a Castela durante moitos séculos, non lles pertence. Foi do Reino de Galicia, que durante sete séculos, dende os suevos ata 1230 (unión de León e Castela), foi un reino independente aínda que cunha maior extensión á Galicia actual.
– LVG: ¿Ten algunha relación co A memoria da nación?
– CN: Responde á mesma idea, o que pasa é que hai cousas novas. O libro empeza cun ensaio onde se fala da constitución os estados europeos. A inmensa maioría foron creados nos séculos XIX e XX, tal como hoxe son. É moi necesario, neste momento, en que estamos na Unión Europea, poñer de manifesto que, da mesma maneira que se formaron estados, algúns moi recentes, coma os que veñen da desaparición da URSS, podería haber outros que se constitúan en estados ou, polo menos, se lles recoñeza o estatuto de nación.
– LVG: ¿E que quere transmitir en A rota do sol?
– CN: É un conxunto de ensaios que parten dun cambio no escenario internacional co fin da Guerra Fría, unha circunstancia que hai xente que aínda non se decatou delo. Dende a perspectiva galega trato cuestións tan diversas como a Constitución e a economía española, a irrupción de Obama, os países emerxentes ou Palestina.
– LVG: O galeguismo histórico tiña esa intención internacionalista.
– CN: Si, é o de Galicia célula de universalidade, que quere dicir que Galicia é unha parte do universo e contribúe nel. De feito, o galego é máis falado que o francés no mundo.”

Parlamento das letras: Rexina Vega

Entrevista de Armando Requeixo a Rexina Vega no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Rexina Vega (RV): Vivimos nun tempo raro, un tempo de crise, de esgotamento definitivo de estruturas. Agora mesmo, tal e como eu o vexo, conviven nas nosas letras dous xeitos de facer, de estar no mundo radicalmente diferentes. Coido que é preciso revisar a maneira de promocionar, as estratexias de comercialización, os criterios de selección. O mesmo discurso que serve de esteo á nosa cultura ten xa, coido, algo de caduco. Ademais de ser máis áxiles e contemporáneos na produción e difusión considero preciso afianzar por medio de políticas institucionais e iniciativas privadas o valor simbólico da obra literaria. Precisamos, desesperadamente, insistir na importancia do libro (dixital ou analóxico) e para que iso cale a fondo na sociedade deberiamos tamén apostar por certa “mitomanía”. Dotar de glamour a escritores senlleiros supón un pacto coa sociedade do espectáculo si, pero nese pacto temos moito que gañar. Cómpre respectar, salientar, gabar, poñer en valor mediático os moitos grandes escritores cos que contamos. Sobre nós, como cultura, paira sempre un certo cainismo. Deberiamos desfacernos de vez deste andazo que nos couta. A crítica tamén xoga un papel importante. Precisamos máis e mellores críticos, máis lecturas “serias”, fundamentadas; máis foros de participación cidadá; e unha estratexia de difusión alén das nosas fronteiras, a implementación daquelas liñas que o bipartito debuxara e que hoxe en día seguen sendo posibles e necesarias. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– RV: Vivimos nunha cultura pequena, asfixiante, coreña, perennemente ameazada, pero tamén poderosa, viva, chea de voces singulares dunha calidade extraordinaria. Vivimos nunha cultura á marxe das grandes vías, dos grandes poderes, e iso dános tamén ás. Heterodoxos, radicais, multilingües, cun lectorado entregue, cunha interacción non pequena coa sociedade, iso tamén somos nós. Razóns hai para o optimismo (e para a loita).”

Marcos Calveiro: “Palabras de auga achega aos nenos outra realidade que non existe nos videoxogos”

Entrevista a Marcos Calveiro en Atlántico Diario, desde Xerais:
“Marcos Calveiro é xa un nome ben coñecido dentro da literatora xuvenil e tamén de adultos. “Eu non distingo cando fago unha novela a que público vai dirixida”, confesa este autor vilagarciano, aínda que afincado dende a súa infancia en Vigo. Gañador de numerosos premios (entre outros, foi Premio da Crítica 2008) só lle faltaba nos seus andeis o Premio Merlin, que outorga Xerais, o máximo galardón para un señor galego de literatura xuvenil, e que lle foi entregado o pasado sábado en San Simón. A obra premiada, Palabras de auga, traslada ao lector cara ao interior da África máis profunda. O escritor confía en vela publicada, como libro ilustrado, o vindeiro mes de setembro.
– Atlántico Diario: Que é Palabras de auga?
– Marcos Calveiro: O título é unha pequena imaxe poética, unba metáfora, porque trata dunha tribo nun lugar indeterminado de África que está no medio da sabana, no medio das secas, esfameada, fuxindo das guerillas, da violencia e da fame. Palabras de auga alude a iso, a que non teñen auga. Alude a unha situación desesperada na que teñen que buscar o alimento mentres agardan a que o chamán reciba a inspiración dos deuses e decida sobre o seu futuro. A historia narra, en capítulos alternos e a través de flashbacks, como chegaron ata ese momento, todo visto polos ollos de un neno de once anos que se chama Amadou.”

Xosé Manuel Lema gaña o XII Certame de Poesía Anduriña Voandeira

Xosé Manuel Lema ven de gañar o XII Certame de Poesía Anduriña Voandeira que organiza a Irmandade de Centros Galegos en Euskadi, polo seu traballo Os salaios dos náufragos, inspirado, segundo o autor, “na costa de Camariñas e Corme” e que é unha “homenaxe os mortos no mar que cada noite rememoran as súas singladuras”. O segundo premio do certame foi para a ceense Rocío Leira.” Vía Fervenzas Literarias.