“O
Dicionario Xurídico Galego, editado por Xerais, foi recoñecido este ano pola Fundación Lois Peña Novo co premio que leva o nome deste galeguista. Canda a este traballo, tamén levaron premios Luís Villares, maxistrado de Lugo, e o policía local de redondela Gonzalo Amoedo. Estes galardóns, que se entregarán o vindeiro 27 de xuño no castelo de Soutomaior, recoñecen o traballo a prol da normalización do galego “nas administracións públicas, na vida institucional de Galicia e na sociedade en xeral”.” Vía Cultura Galega.
Unha volta á poesía do “primeiro embaixador da cultura galega”
“O
Consello da Cultura Galega presentou a terceira edición de O pórtico poético dos Seis poemas galegos de F. García Lorca, editados por Luís F. Pérez. É unha obra imprescindible para adentrarse no proceso de confección e na vida posterior dos Seis poemas galegos que Federico García Lorca redactou na nosa lingua, así como no papel de Eduardo Blanco-Amor na difusión desta obra. Ramón Villares, presidente do CCG, definiu a obra de Lorca como un dos “monumentos da literatura galega”. A obra inclúe un CD cunha conferencia de Eduardo Blanco-Amor sobre os poemas galegos de F. García Lorca.”
Pontevedra acolle Sete falares, encontro de contadores de historias, entre o 8 e o 10 de xuño
“Rosana Mont’Alverne, de Brasil, Tim Bowley do Reino Unido, Clara Haddad de Portugal e os galegos Pavis-Pavós, Cándido Pazó, Fina Casalderrey, Charo Pita, Paula Carballeira e Andrea Bayer. Estes son os participantes en Sete falares, o encontro internacional de contadores de historias que se celebra en Pontevedra entre os días 8 e 10 de xuño. Os narradores participantes amosarán as súas habilidades en diferentes lugares da cidade como Centro de Interpretación das Torres Arcebispais, a Casa das Campás e mesmo nun barco durante un percurso pola Ría.” Vía Cultura Galega.
Culturgal celebrarase en Pontevedra do 30 de novembro ao 2 de decembro
“A
Feira Galega das Industrias Culturais terá unha nova edición endre os días 30 de novembro e 2 de decembro de 2012. Xulio Amigo, presidente da Asociación Culturgal, Sergio Lago, director do evento, e mais os tres principais patrocinadores do mesmo, Juan Carlos Fernández Fasero, director de Agadic; Anxos Riveiro, concelleira de Cultura de Pontevedra; e Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, presentaron en Pontevedra a nova edición do evento. Está xa aberto o prazo para a solicitude. Segundo sinalou Amigo, os ingresos propios da feira medraron un 70% en 2011 a respecto da anterior edición. Nese sentido, asegurou que o evento “camiña cara ao autofinanciamento, co apoio dos seus tres patrocinadores principais”, aínda que recoñece unha diminución nas achegas dos patrocinadores para a xeira deste ano. Do mesmo xeito, tamén serán menos as achegas públicas ao evento.” Vía Cultura Galega.
Pontevedra: conferencia O escritor náufrago (por que escribo?), por Francisco Castro
O
mércores 6 de xuño, ás 20:00 horas, na Librería Cronopios (Rúa Frei Juan de Navarrete, 5, baixo) de Pontevedra, Francisco Castro pronunciará a conferencia O escritor náufrago (por que escribo?). O acto será presentado por Carlos Fontes.
Lugo: coloquio sobre A arte das influencias. A literatura na pintura e viceversa
O
martes
5 de xuño, ás 20:00 horas, na Sala de Exposicións do Museo Provincial de Lugo (Praza da Soidade, s/n), terá lugar un coloquio arredor do tema A arte das influencias. A literatura na pintura e viceversa, coa intervención de Blas Lourés, Paco Martín, Camilo Gómez Torres e Antonio Reigosa, baixo a moderación de Aurelia Balseiro. Este coloquio forma parte do programa de actividades culturais complementarias da exposición Blas Lourés que pode ser visitada até o 17 de xuño de 2012, con entrada libre e gratuíta.
Ourense: actos destacados do mércores 6 na Feira do Libro
Finaliza
a XXVIII Feira do Libro de Ourense (na Alameda, Rúa do Bispo Cesáreo), con horario de 11:00 a 14:00 h. e de 18:30 a 22:00 horas, coas seguintes actividades destacadas para o mércores 6 de xuño:
– 20:00 h. O escritor Miguel Anxo Fernández asinará exemplares das súas obras, publicadas por Editorial Galaxia.
– 21:00 h. Enogastrofonías Ferreirianas. Espectáculo deseñado por Arraianos. Percorrido pola obra de Celso Emilio Ferreiro a través da poesía, da música e o viño do Ribeiro, maridado con minigaleguesas. Presentación do monográfico da Revista Arraianos Celso Emilio Ferreiro fai 100 anos. Cociña en directo e degustación, previa inscrición. Participan Aser Álvarez (poesía), Alexandre Meire (música) e Mario Poti (cociña).
Anxo Angueira presidirá a Fundación Rosalía de Castro
“Anxo Angueira
é o novo presidente da Fundación Rosalía de Castro. O padroado da Fundación reuniuse o pasado venres 1 de xuño para escoller o novo presidente e a nova comisión executiva. Angueira chega á presidencia cunha listaxe de consenso. O escritor e poeta propuxo un programa de goberno para os próximos anos que salienta o fomento dos vínculos da entidade co Concello, con outras institucións e coa realidade do pobo de Padrón. (…) A nova comisión executiva, co escritor á cabeza, está integrada por Luz Pozo Garza, vicepresidenta da Fundación e académica de número; Xosé Carlos Beiró Piñeiro, secretario; Justo Cortizo Sóñora, tesoureiro e cinco vocais: Xesús Alonso Montero, presidente do Centro de Estudos Rosalianos e académico de número; Ana Blanco, presidenta en funcións ata a votación; María do Carme Kruckenberg, escritora e ensaísta; Xosé Luís Axeitos Agrelo, secretario da Real Academia Galega; e Dolores Vilavedra, profesora e crítica literaria.” Vía Fervenzas Literarias.
MicroQontos para ler entre tweet e tweet
“Daniel Landesa
creou hai un tempo un certame de microrrelatos no seu blogue. A iniciativa tivo éxito e nela participaron moitos internautas, e entre eles algúns escritores e escritoras recoñecidas, coma Mario Regueira, Rubén Ruibal ou Fran Castiñeira. O resultado do certame foi un pequeno blog que facía un compendio de todos eles e que, a día de hoxe, segue en liña para quen o visite. Ofrecémosvos un breve libro que compendia todos aqueles contos, exemplos dunha cultura cativa e orgullosa de selo, porque “como cultura cativa facemos moito e ben”. Iso é o que explica o propio Landesa no limiar do libro, que engade que “non termos unha British Academy permítenos certa liberdade de acción, innovación e orixinalidade. E, sobre todo, permítenos, como culturiña que somos, achegar moitas cousiñas fermosas, cativeces que supoñan pequenos proxectos. Porque todo suma. Así naceu este certame na rede. Como forma de demostrar a aqueles que din que esta nosa pequena cultura só sobrevive a golpe de talonario administrativo que están errados, moi errados”. O cerne do asunto consistía en convocar un certame sen gañador, sen premio en metálico, “sen xantares nin festas”. O resultado foi este conxunto de pequenas belezas a modo de microrelato que foron caendo pola rede en pingas salferidas ao longo dos últimos meses do ano 2009 e dos primeiros do 2010 como unha auga fresca e libre desa chamada “creación subvencionada”. (…)” Vía Praza.
Santiago: recital Picaversos, Luminosos
O
martes 5 de xuño, a partir das 21:00 horas, no Modus Vivendi (Praza de Feixoo) de Santiago de Compostela, chega outra edición do ciclo de lecturas poéticas Picaversos, baixo o título Luminosos, coa participación de Fran Pérez, Narf, Xiana López e Lorena Souto.
