A Estrada: presentación de A guerrilla antifranquista galega. Actas do Congreso e Perspectivas sobre Bóveda: Ensaios e poemas polo seu 75º cabodano

Convocadas as bases da XXV edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé, 2012

BASES

1) O premio convócase co obxectivo de colaborar na promoción de novas voces, polo que é requisito para participar non ter publicado ningún libro individual de poesía. Porén, admitiranse traballos presentados por persoas que publicasen previamente algún libro en edición de autor.
2) O xurado estará composto por tres persoas de recoñecida traxectoria no ámbito da escrita literaria, da edición ou da crítica.
3) Os autores e autoras participantes presentarán un libro de poesía en lingua galega. É res­ponsabilidade do xurado do premio determinar se algún dos traballos presentados posúe ou non as características para ser considerado “libro”. Porén, recoméndase que teñan unha extensión mínima de 300 versos.
4) Os textos serán presentados por triplicado, de­bi­da­men­te encadernados ou gram­pa­dos, identificados inequivocamente con pseudónimo ou lema e acompañados dun sobre pechado. Na parte externa deste sobre farase constar o pseudónimo, lema ou título da obra e no interior incluirase a seguinte información: nome completo do autor ou autora, DNI ou pasaporte, enderezo e datos de contacto (teléfono e enderezo electrónico). No caso da publicación previa dun libro individual, deixarase constancia na plica do título da obra, ano de pu­bli­cación e, no caso de telo, ISBN.
5) O prazo de presentación de orixinais remata o sábado 29 de setembro de 2012.
6) Os traballos deben enviarse ao enderezo do Círculo Mercantil e Industrial-Unidad de Fene:
Porto do Rio, 21
San Paio-Fene
(A Coruña)

7) O xurado escollerá de entre os traballos presentados un único libro. Ademais, poderá deixar constancia na acta de cantos outros títulos considere merecedores de ser publicados, non significando isto ningún compromiso por parte da entidade convocadora nin dos patrocinadores nin do editor. Non se fará referencia na acta ao nome dos autores ou autoras dos libros mencionados.
8) Os traballos non premiados poderán recollerse na sede da entidade convocadora en Fene até 60 días despois da resolución do certame.
9) A entrega do premio terá lugar o sábado 17 de novembro nas instalacións do Círculo Mercantil e Industrial-Unidad en Fene.
10) O premio consistirá na edición do libro na Colección de Poesía Espiral Maior no máis breve prazo posíbel. Terá tamén unha gratificación económica de 500 € (suxeitos ás retencións impositivas que marca a lei) e, como símbolo do premio, entregarase á persoa gañadora unha escultura obra de Francisco Pérez Porto, artista plástico, fillo de Xosemaría Pérez Parallé.
11) A edición do libro constará de 600 exemplares. O autor ou autora recibirá 25 exemplares da obra impresa. Unha vez esgotada a primeira edición, a entidade convocadora, os patrocinadores e o editor dispoñerán do prazo dun ano para reeditar o libro, debendo negociar previamente co autor ou autora a compensación económica desta e sucesivas edi­cións. Transcorrido este prazo, o autor ou autora poderá dispoñer libremente da obra coa única condición de que deberá dei­xar constancia do galardón en sucesivas edicións do libro.
12) Calquera detalle non previsto polas presentes bases deberá ser resolto polo xurado que ten, asemade, a atribución de interpretalas, nomeadamente no relativo aos puntos 1 e 3. A decisión do xurado é inapelábel.
14) Unha vez feita pública a resolución do premio nos medios de prensa (e agás no caso de indicación en contrario no exterior do sobre), a entidade convocadora poderá abrir as plicas dos traballos non premiados coa única finalidade de promocionar as seguintes convocatorias do premio. Os autores e autoras poderán modificar ou eliminar estes datos dos arquivos da entidade convocadora segundo se detalla na Lei de Protección de Datos de Carácter Persoal.

Mercedes Queixas: “Reducíronnos o orzamento en máis dun 60 %, tamén por razóns de índole política”

Entrevista de Diego Pardo Amado a Mercedes Queixas en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Canto á súa extensa obra ¿qué libro lle devolveu máis?
– Mercedes Queixas (MQ): O primeiro e o último [responde con determinación]. Os trobadores do Reino de Galiza foi acordar a unha experiencia nova e moi bonita, con moitísimas viaxes por centros de ensino e do que se chegaron a vender vinte mil exemplares.
– LVG: ¿E o último, por que?
– MQ: Vivir, unha aventura irrepetíbel foi o libro en que traballei máis tempo e con maior intensidade. Todos os sábados durante dous anos viaxei a Vigo para entrevistar a María do Carme Kruckenberg, que ten moita vida que contar. Ademais, ao ser unha biografía acerca dunha escritora viva, foi diferente ao que fixera ata o momento. (…)
– LVG: ¿Coñécese suficientemente o labor da AELG?
– MQ: Probablemente non todo o necesario, mais nos últimos anos entrou algo máis na sociedade, sobre todo como instrumento do colectivo de escritores e escritoras. Era necesario unha páxina web que contase con honorarios orientativos para os profesionais da literatura.
– LVG: ¿Entón teñen claro que hai que estar na redes sociais ou non se está no mundo?
– MQ: A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega debe estar onde está a sociedade. Esa foi a razón pola que puxemos tanto empeño na páxina web e nas redes sociais. A min abráiame o número de visitas que recibimos, moitas delas de países ben afastados da nosa realidade. (…)”

Santiago: presentación de Ellis Island, de Georges Perec

O xoves 7 de xuño, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase a edición galega de Ellis Island, de Georges Perec, traducido por Eduardo Estévez, publicado por Franouren. No acto, xunto ao tradutor, participa Mario Regueira.

Begoña Paz: “Hai literatura que non ole”

Entrevista a Begoña Paz en Galicia Confidencial:
“(…) – Galicia Confidencial (GC): Que botas en falta na literatura galega?
– Begoña Paz (BP): Pois máis sangue, suor e seme. Que se ula. A literatura galega, agás excepcións, é moi aséptica. Non ole, mesmo contando cousas dramáticas. Non ole a nada. (…)
– BP: Hai algo que quero deixar moi clariño sobre a “literatura de mulleres” ou “feminina”, sobre esa teima en crear caixóns. Somos persoas, basicamente. Eu non penso no meu sexo cando escribo. Póñome na pel de homes e mulleres. Un home ponse na pel dunha muller e non fai literatura feminina. Se eu o fago, si. é unha etiqueta que lle interesa a moitos editores, porque pensan que hai un mercado aí, pero realmente nos exclúe. Ti te achegarías a un libro con esa literatura?. Eu non quero vender, eu quero que me lean, e quero que me lean homes e mulleres. (…)
– GC: Na literatura galega fíxose un grandísimo esforzo por chegar aos cativos que comezan a ler, e así ata os dez-doce anos. Que pasa entre os trece e os trinta anos na literatura galega hoxe?
– BP: Con trece anos un/unha xa é lector adulto. O que dicía antes, hai que entrar por cousas atractivas. Outra cousa é o mundo do cómic, da que me declaro grande admiradora. Marvel non existe en galego. O Watchmen non está en galego. Non sei se eses superherois son hoxe antiguallas…
– GC: “Antigualla” é o Tintín, que si que está en galego… Watchmen leva desde 2007 traducido ao catalán…
– BP: Non o soporto. Diario dunha adolescente, obra que non recomendaría nun Instituto, é tremenda e non está en galego. Fun Home non está en galego. Ambas as dúas falan de mocidades problemáticas. Hai desconcerto, sexo, dor… Ollo, si metería Diario dunha adolescente nunhas aulas de Educación Afectivo-sexual. (…)”

Conversa con Marta Dacosta en Fervenzas Literarias

Entrevista a Marta Dacosta en Fervenzas Literarias:
“(…) – Fervenzas Literarias (FL): Encádrase na Xeración dos 90, á beira de autores como Fran Alonso, Rafa e Miro Villar, Paco Souto… Poderiamos atopar un fío que una e caracterice esa promoción poética?
– Marta Dacosta (MD): Os nomes que acabas de citar traballamos con poéticas radicalmente distintas. É certo que cadramos nun tempo común e que entre nós hai pouca diferencia de idade. Eu coincido primeiramente con Fran Alonso e outra xente no Colexio Universitario de Vigo. Nese escenario comezamos falar sobre a nosa preocupación por facer visíbel o que estabamos escribindo e dá lugar a un recital en Vigo no ano 1987 titulado A cidade espida, promovido por Xurxo Rodríguez de Radio Ecca, onde participamos cinco poetas. Ese recital hai que contextualizalo por unha banda na necesidade de visibilización e por outra banda como contestación ás últimas rabexadas da chamada Movida viguesa.
Logo chegamos a Compostela e na Faculdade de Filoloxía os estudantes publicaban a revista Olisbos. Na Facultade de Filoloxía entro en contacto con Rafa Villar e co grupo de teatro. A través de Rafa coñezo a un grupo literario, procedente da Costa da Morte, que facían máis ou menos o mesmo que nós en Vigo. Era un grupo anterior ao Batallón Literario chamado Un e medio, creo, que sacaran un pequeno folleto de poesía. Velaí estaban, se lembro ben, Rafa e Miro Villar, Estevo Creus, Modesto Fraga e Artur Trillo, quen sempre foi o motor teatral. Cos anos o grupo que xa formabamos entramos en relación con máis xente e iso deu lugar, no curso 87-88, ás Carpetas do Dragón e logo, máis tarde, a Letras de Cal. Que cousas tiñamos en común esa xeración? Eu creo que a vontade de levar a poesía a todos os lugares, de feito facíamos moitísimos recitais polos bares de Santiago. Todos partillabamos a necesidade de facer pública a nosa poesía, de escribir en galego, de agrandar a expresión da nosa lingua. Houbo tamén unha diferenza coa poesía anterior -aínda que nisto non estou moi segura de que fora unha cousa consciente-, con textos menos culturalistas e apostando pola sinceridade. Simplificamos e espimos o texto, desbotando a barroquización das formas. Nós quitamos a carga retórica, sacamos as referencias, minguamos a extensión, todo en prol dunha (impresión de) sinceridade. Outra característica desa xeración é a presenza das mulleres. Nótase a nosa presenza e será un elemento valorado nesta xeración.
– FL: Para xente nova que comeza a escribir cales son os problemas principais cos que se atopa? Poderíamos referirnos principalmente a ese problema de visibilización?
– MD: O problema fundamental sempre é a publicación. Onte, hoxe e mañá. Iso fai que a imaxinación funcione e que xurdan iniciativas como Edicións do Dragón ou Letras de Cal. Publicábamos en revistas, presentabámonos a premios… Buscabámonos a vida, como se di. Mira, o primeiro libro de Letras de Cal pagámolo entre dezaoito persoas, co único obxectivo de recuperar os cartos para sacar o seguinte libro. Daquela procurabamos libros que foran económicos de facer, que se venderan ben e moviámolos moito. (…)”

Canto (dixital) do pobo disperso

“En 1955, Valentín Paz Andrade escribiu en Bogotá o poemario Canto do pobo disperso, que o Consello da Cultura Galega editou como facsímile para conmemorar o Día das Letras Galegas dedicado a este autor. Co Canto do pobo disperso, o Consello inicia tamén a súa colección de libros electrónicos. As novas publicacións que o CCG está a preparar incluirán tamén unha versión en ePUB, co obxectivo de facilitar a lectura en tablets, móbiles e outros dispositivos de lectura electrónica. A edición estivo ao coidado de María Xesús Lama, profesora da Universidade de Barcelona, e autora do estudo introdutorio.” Vía Cultura Galega.