O
martes 5 de xuño, ás 20:00 horas, na Biblioteca Ánxel Casal (Avenida Xoán XXIII) de Santiago de Compostela, preséntase a nova novela de Xosé Neira Vilas presenta a súa nova novela, Esperando o leiteiro, publicada en Galaxia. Participan, xunto ao autor, Víctor F. Freixanes, Valentín García Gómez e Dolores Vilavedra.
Xosé Neira Vilas: “Emigrei a Bos Aires para poder estudar e ter libros”
Entrevista
a Xosé Neira Vilas en Galiciaé:
“(…) – Galiciaé (G): ¿Que o levou a emigrar?
– Xosé Neira Vilas (XNV): Marchei a Bos Aires para estudar e ter libros. Alí, traballando, entre outras cousas, fixen a carreira de xornalismo e coñecín a Anisia, unha moza cubana que estudaba o mesmo, coa que casei e fundamos a editorial Follas Novas, onde publicamos algúns libros en galego, ademais dos primeiros escritos por nós.
– G: Tamén tiñan unha distribuidora…
– XNV: Si, ¡e abarcaba toda América! Fixemos tres mostras do libro, en Bos Aires, Montevideo e Caracas. Mandabamos catálogos de todo o que se publicaba en Europa relacionado con Galicia aos exiliados e sociedades galegas. E tamén libros galegos á Biblioteca Nacional. Financiabamos a actividade co 30% que nos daba o maiorista. ¡Non gañabamos nada!, máis ben perdiamos cartos. Seoane, no prólogo do meu libro Historias de emigrantes, lémbranos a Anisia e a min en conferencias e actos culturais, ”tratando de vender o invendible: libros…”, como dicía, que sempre levabamos nunha maleta. (…)
– G: ¿Como foi a volta a Galicia?
– XNV: Ao xubilarnos decidimos volver. Eu regalara a casa onde nacín á Xunta para que fixera unha biblioteca, e fixo moito máis. César Portela realizou un proxecto magnífico, restaurando a casa e creando a sede da Fundación, cunha biblioteca con 8.700 volumes. A casa natal ten hoxe museo etnográfico, biblioteca para nenos e para adultos e salón de actos. (…)”.
Chus Pato participa no Festival Internacional de Poesía de Rotterdam
“Nesta
43 edición, o Festival de Poesía de Rotterdam conta no seu programa coa presenza da galega Chus Pato, que participa canda poetas como Mauricio André de Brasil, Aurora Sascha de Pakistán, Dolores Dorante de México, B. Zwaal de Holanda ou Inuo Taguchi de Xapón. O Festival de Rotterdam recoñece en Chus Pato unha das voces máis orixinais e rompedoras da poesía galega contemporánea. No perfil que recolle na súa páxina oficial, destacan da traxectoria da escritora a publicación no ano 2000 do libro M-Talá, que, ao seu ver, supón unha ruptura dentro da literatura poética galega. Definen a autora como “feminista e independentista” e fan tamén referencia á situación da lingua galega que resistiu “as presións centralistas administrativas e sociais que aínda a ameazan hoxe en día”.” Vía Sermos Galiza.
Ourense: presentación de Calado testamento, de Xavier Rodríguez Barrio, na Feira do Libro
Dentro
da XXVIII Feira do Libro de Ourense (na Alameda, Rúa do Bispo Cesáreo), con horario de 11:00 a 14:00 h. e de 18:30 a 22:00 horas, o martes 5 de xuño preséntase, ás 21:00 horas, o libro gañador do XXVII Premio de Poesía Cidade de Ourense, Calado testamento, de Xavier Rodríguez Barrio, publicado por Edicións Espiral Maior. Participarán no acto, xunto ao autor, Isabel Pérez González e Miguel Anxo Fernán-Vello.
Finalistas dos Premios Xerais 2012
Os
xurados
dos Premios Xerais de Novela e Merlín de Literatura Infantil 2012, reunidos no Castelo de Soutomaior durante a tarde do 1 de xuño, declararon as obras finalistas.
O xurado da XXVII edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros, formado por Ledicia Costas (escritora e secretaria de GALIX), Anxo Fariña (escritor, ilustrador e gañador do Premio Merlín 2011), Cristina Fernández Ameal (profesora), Silvestre Gómez Xurxo (escritor e mestre), Ánxeles Saco López (profesora) e Helena Pérez Fernández (secretaria do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, entre as corenta e unha obras participantes, acordou declarar como finalistas as presentadas baixo os lemas Chaeira, Iris Hull e Palabras de auga.
O xurado da XXIX edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 15.000 euros, formado por Xaime da Pena Ceide (avogado), Ernesto Sánchez Pombo (xornalista), María Xosé Porteiro (xornalista), Begoña Rodríguez Outeiro (profesora), Xoán Cruz (profesor) e Fran Alonso (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, entre as trinta e dúas obras participantes, acordou declarar como finalistas as presentadas baixo os lemas Faneca brava, Ketos e Pouso da Arcai.
Ambos os dous xurados determinarán as obras gañadoras, na segunda reunión, a celebrar o sábado 9 de xuño. A festa de fallo dos premios terá lugar no serán dese día na illa de San Simón. No acto literario participarán como mantedora a escritora Marilar Aleixandre e como músico convidado Xurxo Souto.
Carlos L. Bernárdez: “A obra de Castelao foi básica na ruptura coa arte rexionalista”
Entrevista
a Carlos L. Bernárdez en Faro de Vigo:
“(…) – Faro de Vigo (FdV): O seu libro títulase Do idilio á diáspora. O da diáspora está claro, pero… a que se refire Vde. con “idilio”?
– Carlos López Bernárdez (CLB): Con “idilio” quero facer fincapé nun dos factores que definen as procuras da arte rexionalista nos primeiros anos do s. XX -en artistas como Soutomaior ou Sobrino-, creadores que traballan no contexto dunha Galiza en plena crise, cun activo movemento agrarista que loita contra o foro. Estes pintores responden a esta situación cunha arte que idealiza e enfeita o popular, evitando os trazos máis conflitivos e tensos. En certo senso, funcionan como sedantes ideolóxicos no canto de asumiren o conflito. Galiza nesta arte é un locus amoenus, cheo de festas e fermosas raparigas aldeás. Evítase calquera temática que poida presentar a modernidade, creando un país ideal e inmaculado.
– FdV: Por que elixiu concretamente as figuras de Castelao e Seoane como un a xeito de “principio e fin” deste percorrido artístico que leva a cabo?
– CLB: Porque Castelao supón un punto de inflexión fundamental, a ruptura con este modelo rexionalista; en concreto, desde a elaboración do album Nós (1916), no que insire a temática social desde unha perspectiva crítica. Seoane, punto final do traballo, conleva a reformulación, desde o exilio, do que fora o movemento renovador d’Os Novos (Maside, Torres, Souto, Colmeiro, Laxeiro…) -fundamental na evolución da nosa arte- desde perspectivas que dialogan coa modernidade internacional. Coido que con el se completa e supera todo un vieiro polo que camiñou a nosa arte durante décadas. (…)”.
Alberto Lema: “A cultura da normalidade rematou”
Entrevista
a Alberto Lema en El País:
“O real é racional, relacional e viral, no proxecto narrativo de Alberto Lema. Na súa terceira novela, Da Máquina (Galaxia, en castelán Caballo de Troya), o computador que xogou ao xadrez con Kasparov (Deep Blue) adquire conciencia e infecta a organización do mundo. Instruíndo, pola vía da sedución, a un exército de ultraesquerdistas afeitos ao chat. Hai operarios da CIA, policía galega, precarios que nunca poderán aburguesarse e acaban morrendo millonarios do téxtil. Entre o policíaco, a novela de pensamento e retallos da sci-fi, pero nun presente adicto ás profecías ominosas. “Interésame transmitir a idea ou posibilidade dunha acción política”, di Lema (Vimianzo, 1975), que non afirma nada. Na boca dun personaxe: “Desta vez parece que o temporal non escampa”. (…)”.
Xosé Luís Regueira defende a achega do galego á identidade social ao ingresar na RAG
“O
novo membro da Real Academia Galega (RAG), Xosé Luís Regueira, defendeu “a influencia” do galego no proceso de creación da “identidade social” de Galicia afirmou que a lingua “é o repositorio de coñecemento” e “a cifra da historia dun pobo”. O encargado de abrir a sesión plenaria foi o presidente da RAG, Xosé Luís Méndez Ferrín, quen deu a palabra ao secretario, Xosé Luís Axeitos, para que dese lectura á certificación do acordo no que se determinou a celebración da sesión.
No seu discurso de ingreso, titulado Oralidades: reflexións sobre a lingua falada non século XXI, o novo académico recoñeceu a lingua galega como “algo máis que un código de comunicación ou que un instrumento” e defendeu que o galego “configura de xeito decisivo a identidade social” dos galegos e “mesmo a súa identidade como individuos”. “A lingua é o repositorio de coñecemento e a cifra da historia dun pobo, e nela quedaron gravadas a lume as vicisitudes maiores da nosa historia, dende a romanización ás pegadas dos habitantes dos castros”, asegurou Regueira. Así mesmo, desexou que a Real Academia Galega “non perda os fíos” coa “oralidade primeira”. “Esa é a lingua que nos fai existir, que nos constrúe como pobo e como nación con voz propia no mundo”, argumentou.” Vía Galicia Hoxe.
Xavier Rodríguez Baixeras: “O bonito da homenaxe que me vai render a AELG é que os compañeiros estarán comigo”
Entrevista
a Xavier Rodríguez Baixeras en Galiciaé:
“(…) – Galiciaé (G): Como acolle a homenaxe que vai recibir en Ribadeo mañá da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)?
– Xavier Rodríguez Baixeras (XRB): Moi ben. Esta é unha homenaxe que se organiza anualmente chamada O/a escritor/a na súa terra e este ano tocoume a min. Escollín Ribadeo porque vivo aquí e é a vila das primeiras vivencias poéticas e as máis intensas; da miña infancia e da miña adolescencia. Porque aquí tamén veraneei moitos anos.
– G: Será unha homenaxe moi próxima.
– XRB: O bonito deste día é que os teus compañeiros están contigo. Hai un acto no Concello no que ao mellor un colega escritor fala de ti, e ti contéstaslle. É un acto de solidariedade e de amizade. Eu teño asistido a varias celebracións deste tipo. Hai uns dez anos estiven en Ribadeo no que se lle adicou a Luz Pozo.
– G: Como é a súa relación coa AELG?
– XRB: Esta é unha asociación fundada a principios dos 80 e que nunca deixou de funcionar. Recordo que o primeiro congreso foi no mosteiro de Poio, ao que asistiu moita xente, entre eles moi importantes escritores. Sobre todo tiven contacto coa asociación nas chamadas ‘galeuscas’, unhas viaxes que sirven de encontro con outras literaturas do territorio estatal, como a éuscara, valenciana, mallorquina ou catalá. Nunca perdín o contacto con eles, aínda que co tempo vai a menos.
– G: E como valora o seu labor?
– XRB: Desenvolven a importante función de crear lazos entre os escritores e de defensa dos seus intereses.
– G: Tivo a experiencia iniciática coa cultura galega en Madrid nun curso impartido por Ben-Cho-Shey.
– XRB: Si. En 1970 asistín a aquelas clases do Centro de Amigos da Unesco co meu amigo Juan Soto. Alí impartíanse clases de galego en anos moi difíciles; aquilo case tiña un toque clandestino. Pero foi algo importante, porque entón en Madrid deixara a súa esteira a xeración de Brais Pinto, que trouxo a modernidade á literatura e cultura galegas contemporáneas de Ferrín, Bernardino Graña, Raimundo Patiño, etc. Así que puidemos entrar en contacto con xente desta xeración.
– G: Hai uns anos descubriu Salvador de Baía, lugar onde reside parte do ano.
– XRB: Salvador de Baía é unha cidade moi peculiar dentro do seu país porque ten unha cultura moi diferente á do resto de Brasil; é de cultura africana. Preséntase atractiva e ao mesmo tempo estraña a un mesmo, que pode observala como espectador. Ademais, ten un compoñente importante de poboación galega, xa que houbo unha emigración que xurdiu dunha zona moi concreta de Pontevedra que se pode situar aproximadamente entre Ponte Candelas e Mondariz.
– G: Como definiría a poesía un poeta experimentado coma vostede?
– XRB: A poesía é unha arte que expresa ideas e sentimentos dun xeito orixinal e a través dunha forma proporcionada pola tradición. Expresa o mundo interior de cada un mediante unha lingua que se procura orixinal obtida da tradición cultural; porque o poeta non inventa nada, só se mergulla nun río de tradición e cultura.
– G: En que está a traballar nestes momentos?
– XRB: Un sempre ten algo na cabeza. Eu sigo escribindo libros, poemas, algo en prosa -que tamén pode ser poesía-. Todo o que un escribe vai madurando e converténdose en libro. Aínda que ultimamente hai que ter un pouco de calma con todo isto, porque a partir de certa idade hai que tomar as cousas con outro ritmo.”
Vigo: actividades do fin de semana no éMundial
O
sábado 2 de xuño bota a andar unha nova edición do éMundial, organizado pola AGAL. Dentro do amplo programa de actividades, destacamos as seguintes:
Sábado, 2 de xuño:
– 11:00-12:00 h. Abertura do éMundial no Hotel Bahía (Rúa Cánovas del Castillo, 24). Presenta Xurxo Souto. Recibimento dos convidados/as, do público e dos participantes no Encontro de Escritores: Ondjaki (Angola), Fernanda Angius (Portugal), Amílcar Bettega (Brasil), Carlos Quiroga, Séchu Sende, María Lado, Carlos Taibo, Iolanda Gomis, Ledicia Costas e Raquel Miragaia (Galiza).
– 12:30-14:00 h. Abertura do Encontro de Escritores da Lusofonia, que decorrerá na Casa Galega da Cultura e estará aberto ao público. Presenta: Xurxo Nóvoa Martins. Temática: Lusofonías – cores, sons e sabores das literaturas escritas nas marxes. Con Fernanda Angius, Séchu Sende e Ledicia Costas.
– 17:00-19:30 h. Encontro de Escritores da Lusofonia. Con Ondjaki e Carlos Quiroga.
Domingo, 3 de xuño:
– 12:00-14:00 h. Encontro de Escritores da Lusofonia. Temática: As literaturas, as crises, as oportunidades. Con Amílcar Bettega, María Lado e Raquel Miragaia.
– 17:00-18:30 h. Encontro de Escritores da Lusofonia. Con Carlos Taibo e Iolanda Gomis.
– 19:00-20:00 h. Clausura do Encontro de Escritores da Lusofonia.