Cúmprense
10 anos da sorpresiva morte de Carlos Casares, o escritor e Presidente do Consello da Cultura Galega. Máis alá do simbolismo do número, a década do pasamento obriga a pensar en como Carlos Casares debe ser dado a coñecer ás novas xeracións de escolares ou que xa se cumpren as condicións para que o escritor poida ser designado como homenaxeado no Día das Letras Galegas na Academia. En culturagalega.org queremos homenaxear ao escritor facendo visibles os contidos dixitais que temos xa publicados sobre o escritor.” Vía Cultura Galega.
Vinte e seis obras finalistas compiten polos Premios AELG 2012, que chegan á súa XIII edición
Os 417 socios e socias da AELG xa escolleron os finalistas aos premios á mellor obra publicada no 2011 nas modalidades de ensaio, poesía, narrativa, tradución, teatro, blog literario, literatura infanto-xuvenil e traxectoria xornalística. Nestes dous últimos casos tamén participan na elección os asociados de Gálix e os membros do Colexio de Xornalistas respectivamente.
As obras gañadoras daranse a coñecer na Cea das Letras, un dos actos máis importantes na vida da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, que terá lugar o vindeiro 5 de maio en Santiago de Compostela.
Así pois, da conxunción de votos emitidos nunha primeira quenda resultaron finalistas:
Narrativa:
– Extramunde, Xavier Queipo, Xerais.
– Laura no deserto, Antón Riveiro Coello, Galaxia.
– Non hai noite tan longa, Agustín Fernández Paz, Xerais.
Ensaio:
– Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, Carlos Callón, Xerais.
– Rosalía de Castro. Estranxeira na súa patria (a persoa e a obra de onte a hoxe), Francisco Rodríguez, Asociación Socio-Pedagóxica Galega.
– Vivir, unha aventura irrepetíbel. Biografía de Mª do Carme Kruckenberg, Mercedes Queixas Zas, Galaxia.
Poesía:
– balea2, Estevo Creus, Positivas.
– Leopardo son, Pilar Pallarés, Espiral Maior.
– Todas as mulleres que fun, Andrea Nunes Brións, Corsárias.
Teatro:
– A función do tequila, Manuel Guede, Deputación da Coruña.
– Chegamos despois a unha terra gris, Raúl Dans, Xerais.
– Fábula galénica, Inácio Vilariño, Baía.
Mellor traxectoria de Xornalismo Cultural en 2011:
– Anxo Tarrío.
– Bieito Iglesias.
– Iago Martínez.
– Ramón Chao Rego.
– Santiago Jaureguizar.
Literatura Infanto-Xuvenil:
– Fantasmas de luz, Agustín Fernández Paz, Xerais.
– Noutra dimensión, Marica Campo, Galaxia.
– O meu gato é un poeta, Fran Alonso, Xerais.
Tradución:
– Os trobadores de Occitania, Darío Xohán Cabana, Edicións da Curuxa.
– Sonetos de Shakespeare, Ramón Gutiérrez Izquierdo, Xerais.
– Versos escollidos (de Wisława Szymborska), Lucía Caeiro, Positivas.
Mellor Blog Literario:
– As crebas, Miro Villar.
– Caderno da crítica, Ramón Nicolás.
– Criticalia, Armando Requeixo.
Na segunda fase, xa en andamento, os asociados e asociadas decidirán as obras gañadoras.
Alén destas categorías, os Premios AELG constan doutros dous galardóns outorgados pola Asemblea de Socios e Socias da AELG: o premio para a Institución que se caracterizase pola súa contribución á divulgación da literatura galega, que este ano será para os Equipos de Normalización Lingüística dos centros de ensino e Servizos de Normalización Lingüística dos concellos; e mais o Premio AELG 2012 Escritor Galego Universal, outorgado pola Asemblea ao escritor José Luis Sampedro, galardón que o distingue como autor que combina a excelencia literaria co compromiso ético que o converte en referente na defensa da dignidade humana; a AELG agarda contar coa súa presenza na Cea das Letras.
María Reimóndez: “Experimento co estilo”
Entrevista
de Ramón Nicolás a María Reimóndez no blogue Caderno da crítica:
“(…) – Ramón Nicolás (RN): Coincide en que O club da calceta e Pirata únense por unha común preocupación pola identidade e polo papel da muller?
– María Reimóndez (MR): Creo máis ben que ambas as dúas se ocupan do poder. O club da calceta achégase ao poder no cotián e sobre todo ás formas de violencia sutil ás que nos enfrontamos as mulleres cada día dende un punto de vista optimista onde a unión na diversidade supera as dificultades. Pirata intérnase como ben di na identidade de xénero, de clase e de orientación sexual nunha viaxe pola Idade de Ouro da pirataría, pero nela hai tamén un cuestionamento da historia patriarcal e do papel que deixou, silandeiro, ás mulleres en xeral e ás lesbianas/bisexuais en particular.
– RN: E onde radicarían as diferenzas destas novelas?
– MR: As diferenzas destas dúas novelas creo que falan bastante das miñas inquedanzas como autora. Son unha persoa moi curiosa e gústame moito experimentar co estilo narrativo. Á parte das diferenzas obvias (unha é contemporánea, outra traslada un tema contemporáneo a outro tempo e lugar) creo que a diferenza central é a forma na que están escritas.
– RN: Igualmente escribe para xente máis nova, cal é súa experiencia neste ámbito?
– MR: Sen dúbida marabillosa. A literatura infantil é un espazo para falar de cousas importantes pero dun xeito diferente onde a imaxinación non ten fronteiras. Ademais, divírteme moito escribir para un colectivo tan esixente como entusiasta! (…)”.
Parlamento das Letras. Antonio Reigosa
Entrevista
de Armando Requeixo a Antonio Reigosa, no blogue Criticalia:
“(…) – Criticalia (C): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Antonio Reigosa (AR): Sóbrannos prexuízos e fáltanos orgullo. Sóbrannos inimigos e fáltannos lectores e lectoras. Sóbranos marxinalidade e fáltanos visibilidade nos medios de comunicación, nas librerías e nas feiras do libro. Sóbrannos guetos e fáltanos recoñecemento social. Sóbrannos xestores culturais que militan no autoodio e fáltannos políticos cultos e orgullosos de xestionar a cultura do gran país que somos. (…)
– C: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– AR: Máis alá do obviedade de que nunca antes a literatura galega tivo tantos e tan bos creadores e creadoras, cun sistema e cunha industria tan desenvolvida, tamén percibo que a calidade da lingua literaria perde comba. Seguramente é consecuencia da perda de calidade do galego como lingua de comunicación oral, tamén pode ser debido a certas présas por encher mercado… Preocúpame esa rebaixa de nivel do galego literario. (…)”.
María Xosé Queizán: “Meu pai vaite matar xurdiu dunha viaxe a Tierra de Fuego”
“A
edición compostelana de La Voz de Galicia publica unha declaracións de María Xosé Queizán sobre a súa última novela, Meu pai vaite matar. A escritora aclara que «esta novela xorde dunha viaxe –da que poñerei imaxes na presentación– que fixen hai máis dun ano a Tierra de Fuego». Alí coñeceu un penal militar onde levaban aos criminais máis terribles, convertido agora en museo, que a deixou fascinada. María Xosé explica que a novela transita entre Galicia e a Arxentina, «reflectindo a través dos personaxes e acontecementos cousas, frases e pensamentos moi serios». A autora di que non ten nada de biográfica. «Eu –engade– quero divertirme ao mesmo tempo que escribo e sacar seres relucentes que non teñen nada que ver comigo».” Vía Xerais.
Entrevista con Rexina Vega no Diario Cultural
“O
Diario Cultural da Radio Galega emitiu unha entrevista con Rexina Vega sobre a súa última novela, Dark butterfly. «Interésame o feito de que o enfermo mental se agarre á linguaxe para non perderse», asegura Rexina Vega. A entrevista, en mp3, pode escoitarse ou descargarse aquí.” Vía Xerais.
Vigo: Poxa de Poetas
“Os
creadores dos famosos recitais-combate da Hostia en Verso teñen “un estado na cabesa” e están xa imprimindo a súa propia moeda: os poetrodólares. Con ela poderedes mercar este sábado as almas das poetas Ledicia Costas, Lucía Aldao e Nolim González, nunha poxa que dirixirá María Lado e que se celebrará no Bar Hipólito (Avda. de de Castrelos, 26) de Vigo ás 22:00 horas. A entrada non só é de balde, senón que aínda os asistentes recibirán un sobre con pasta (os tales poetrodólares) para poder mercar a/o poeta que máis encha o ollo. E aqueles máis afoutos que consigan gañar a subasta levarán a almiña metida nun precioso obxecto poético deseñado por unha artista de excelencia. Todo isto estará amenizado polo desalmado músico Mig Seoane e conta coas mellores calificacións de Lehman Brothers e o Banco Europeo de Inversións. Todo un choio, vaia.”
Cee: María Lado e Lucía Aldao presentan Imbéciles e escuras
Pontevedra: Salón do Libro Infantil e Xuvenil 2012, coloquio sobre Lugares Máxicos
Do
domingo 4 ao sábado 31 de marzo, no Pazo de Cultura de Pontevedra, regresa o Salón do Libro Infantil e Xuvenil para achegarnos ao mundo da literatura. Este ano o Salón, que ten a Paco Martín como autor homenaxeado, indagará nas supersticións; de onde veñen estas crenzas, na importancia dos números nos contos, na boa e mala sorte e nas historias dos nosos maiores e como se trasladan á literatura infantil. Temos preparado un amplo programa de actividades no que toda a familia pode participar porque, no Salón, rapaces e maiores percorren xuntos e descobren o universo dos libros. O horario de apertura será de luns a venres de 9:30 a 13:30 h., e de 16:30 a 20:00 h., e os sábados de 10:00 a 13:30 horas. O programa completo pódese descargar aquí: programa_salon_libro_2012.
– O luns 12 de marzo, ás 19:30 horas, no Salón de Actos do Pazo, terá lugar un coloquio sobre o tema Lugares Máxicos. Participan Vítor Vaqueiro e Antonio Reigosa, coa moderación de Calros Solla.
Ribadeo: tertulia sobre Lume de cobiza, con Miguel Anxo Fernández
O
luns 12 de marzo, ás 12:45 horas, no IES Dionisio Gamallo Fierros de Ribadeo, Miguel Anxo Fernández visita este centro de Ribadeo para ter un encontro co alumnado de bacharelato e falar da súa última novela Lume de cobiza, publicada en Galaxia.

