A Sociedade Liceo de Noia convoca o IX Certame de Relatos

O IX Certame de Relatos da Sociedade Liceo de Noia ten un premio de 1000 euros para o relato gañador e a publicación na revista Alameda que edita esta entidade. O prazo de presentación remata o 1 de abril de 2012, coñecéndose o fallo do xurado o Día das Letras Galegas.
As bases completas pódense consultar aquí.

Convocado o Certame de cartas de amor de Radio Fene

“Das variadas e múltiples perspectivas de abordar o asunto poden falar os convocantes do Certame de cartas de amor de Radio Fene. A iniciativa cumpre 13 anos e xira dende o día da Candeloria -2 de febreiro, cando casan os paxariños- e o San Valentín, 14 de febreiro, dia dos namorados. A persoa que resulte gañadora do certame recibirá como premio unha cea para 2 persoas e a estancia dunha noite no Hotel Pazo Libunca de Narón. Poderá gozar do galardón nun cuarto dobre ou en dous individuais. Faise esa precisión porque en varios dos certames preséntaronse cartas de desamor, algunha moi desgarrada pero cunha indubidable calidade literaria. As persoas que desexen participar poden enviar unha carta de amor en lingua galega antes do 11 de febreiro, e baixo plica, ao enderezo: Radio Fene. Casa do Concello. 15500 Fene (A Coruña). Tamén se poden enviar por correo electrónico a direccion@radiofusion.eu O próximo 14 de febreiro, Dia de San Valentín, patrono dos namorados, saberase o gañador desta cita.” Desde Certo.

Convocado o I Certame Infantil e Xuvenil de Relatos Letras na brétema

Desde Certo:
“Veñen de convocar o I Certame Infantil e Xuvenil de Relatos Letras na brétema, co fin de promover a creación literaria e darlle pulo ás lendas de Barbanza entre os máis mozos. A teima dos relatos serán os mitos e lendas galegas, que poden ser reais ou ficticias pero deberán estar baseadas en feitos, personaxes populares ou tradicionais, ambientados -personaxes e lendas- na bisbarra da Barbanza. O prazo para a presentación de orixinais remata o 5 de marzo de 2012.
As bases completas pódense consultar aquí“.

Gondomar: Marica Campo no Clube de Lectura Sete Vidas

O martes 7 de febreiro na Biblioteca Municipal de Gondomar ten lugar a cita mensual co Clube de lectura Sete Vidas. Nesta ocasión, os lectores e lectoras que queiran achegarse á biblioteca poderán falar arredor do libro de relatos Confusión e morte de María Balteira, de Marica Campo, publicado en Baía Edicións, ás 20:00 horas. A partir das 21:00 horas, a propia escritora achegarase á Biblioteca para conversar sobre a súa obra coas persoas que acudan ao club.

Dolores Vilavedra: Darlle a volta á identidade

Artigo de Dolores Vilavedra en El País:
“Visto o acontecido, se cadra temos que pensar que non é casualidade a aparición de Á beira de Beiras, unha homenaxe ao político co gallo do seu 75 aniversario, e X un común denominador. A esquerda da nación, de Martiño Noriega, libro este de aparencia moito máis modesta pero tamén de maior interese para o común da cidadanía. Sen ousar concluír que os libros formen parte dunha estratexia de proxección mediática (absolutamente lexítima, por outra banda), e estando disposta a aceptar que os andeis das librerías sexan espello dos intereses da sociedade, esa sintonía entre actualidade editorial e política é unha boa nova, síntoma do dinamismo do mundo do libro galego.
Ás veces teño a sensación, e o temor, de que a crise exerza tamén un efecto paralizante na creatividade, que a falta de expectativas de publicación inhiba as ansias escriturais. Só así se pode entender a relativa abundancia de colectáneas de artigos de prensa que, perdido o vencello coa actualidade que os inspirou, teñen un interese relativo. E empeza a enxurrada de obras sobre Paz Andrade e Celso Emilio Ferreiro, con achegas desiguais. Polo de agora, congratulámonos da recuperación de Valentín Paz Andrade. A memoria do século XX, un extenso libro de conversas entre o empresario e Tucho Calvo publicado en 1998 por Ediciós do Castro e felizmente recuperado por Biblos. (…)”

Ramón Nicolás: Textos: «Problemas da crítica literaria», por Carlos Casares

Texto de Carlos Casares recollido por Ramón Nicolás no seu blogue, Caderno da crítica:
“Estrea o caderno da crítica unha subsección titulada Textos, que achegará referencias de variada índole vinculadas co exercicio ou a práctica da crítica literaria, e cuestións máis ou menos próximas. A desculpa para comezar ofrécema o web da Fundación Casares que, hai uns días, recuperou un texto do autor de Vento ferido publicado orixinalmente na sección A ledicia de ler que mantivo en La Voz de Galicia durante algúns anos. O artigo, titulado Problemas da crítica literaria, viu a luz o 12 de febreiro de 1978, isto é, hai case trinta e catro anos e resulta, ao meu ver, moi útil tanto para trazar a historia da crítica literaria galega como para realizar un exercicio comparativo do camiño andado desde aquela até hoxe. É un tanto impensable para hoxe o comezo, que Casares emprega como pretexto, no que se dá conta dun comunicado subscrito por cinco asociacións no que se pon en dúbida a honestidade e independencia da crítica literaria ao non se ocupar dun determinado autor ou libro; asemade o artigo é, sen dúbida, fillo do seu tempo, pois a vinculación que se establece entre o exercicio da crítica e a súa filiación con agrupacións e partidos políticos resulta, hoxe en día, igualmente sorprendente, como o son  as propostas que fai da «eliminación do analfabetismo literario»  e mais a demanda «dun tratamento libre da realidade». Un texto, reitero, moi interesante que se pode ler  integramente premendo aquí e que  axuda, como dixen arriba, a avaliar os avances nestas angueiras, se os houbo, de onte a hoxe. Grazas á Fundación Carlos Casares por esta achega.”

A Coruña: conferencia Johán Manuel Pintos, a súa obra poética dispersa, por Carme Ríos Panisse

O martes 7 de febreiro, ás 20:00 horas, na Real Academia Galega (Rúa Tabernas, 11) da Coruña, Carme Ríos Panisse falará, dentro do ciclo Língua, Literatura e Naçom da Agrupaçom Cultural O Facho sobre Johán Manuel Pintos, a súa obra poética dispersa.

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega celebra este sábado, 4 de febreiro, a súa Asemblea Xeral de Socios/as

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) celebrará mañá sábado día 4 de febreiro a súa Asemblea Xeral de socios/as, ás 11:00 h. en primeira convocatoria e 11:15 h. en segunda convocatoria, no Salón de Actos do compostelán Museo do Pobo Galego (San Domingos de Bonaval).

Ao final da Asemblea, previsto para as 12:30 h., e no mesmo salón de actos, o Presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, e a Secretaria xeral, Mercedes Queixas Zas, ofrecerán unha ROLDA DE PRENSA para dar conta de:
• Os pronunciamentos da Asemblea sobre as vindeiras actividades da entidade.
• O apoio da AELG á asignación do nome “Curros Enríquez” á nova estación de tren de Ourense.

Parlamento das letras: Agustín Fernández Paz

Entrevista de Armando Requeixo a Agustín Fernández Paz, publicada no seu blogue Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Agustín Fernández Paz (AFP): Faltan dous elementos esenciais: máis lectores e unha industria cultural máis potente.
Fannos falta máis lectores, porque os libros en galego non chegan a unha boa parte dos seus potenciais destinatarios. Porque os libros están invisibilizados (en cantas librarías non os hai ou andan amoreados no curruncho del gallego!), porque existen prexuízos arredor da lectura en galego, porque unha parte deses potenciais lectores non ten (ou teme non ter) a competencia necesaria para ler en galego, porque nos medios de comunicación non se trata co coidado que merece a literatura feita na lingua de noso, porque o número de bibliotecas e a súa dotación é moito menor do que debería ser, porque é case inexistente a promoción da lectura como unha política pública imprescindible…
Coa petición dunha industria cultural máis potente, refírome a un tecido editorial que non estea exposto a situacións difíciles como a actual, cun goberno que dá a sensación de querer afogar todo o que signifique un pulo das manifestacións culturais en galego. Unha industria cultural que conte cun tecido que permita proxectos ambiciosos, a promoción interior e exterior, a tradución do máis relevante que se publique polo mundo, etc. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– AFP: Creo que non leo tanto como para dar unha opinión cunha certa base, son moitos os libros que van quedando fóra do meu alcance. Con todo, non dubido en valorar de xeito positivo o panorama literario actual. Cada ano aparecen uns poucos libros de alta calidade (no ensaio, na poesía, na narración, no escaso teatro que se publica) e aparecen tamén outros títulos que, en circunstancias normais, poderían ter ampla difusión social. Creo que non desmerecemos en relación con outras literaturas europeas, nin moito menos.
A nosa eiva está nas facetas que non son propiamente a creación, mais que inflúen nela, comezando pola existencia dunhas elites político-sociais-económicas alleas á riqueza literaria. Non termos un estado detrás, como lle ocorre a outras literaturas pequenas en tamaño, é unha carencia que se constata cada día.”