A Coruña: Estíbaliz Espinosa e Yasuhiro Yotsumoto no ciclo Poetas Di(n)versos

O luns 6 de febreiro, ás 20:30 horas, na Sala Polivalente do Centro Ágora (Rúa Ágora, s/n., continuación da Rúa Mosteiro de Caaveiro) da Coruña, terá lugar unha nova edición de Poetas Di(n)versos, ciclo dirixido por Yolanda Castaño, no que participarán Estíbaliz Espinosa e o poeta xaponés Yasuhiro Yotsumoto (Osaka, 1959), quen ofrecerá distintas mostras de recitado clásico nipón seguidas de traducións ao galego.

Xuño, Porto do Son: presentación de Mulleres na guerrilla antifranquista galega, de Aurora Marco, e proxección de As silenciadas

O sábado 4 de febreiro, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura (Lugar da Agra, s/n, a carón do Centro de Saúde) de Xuño (Porto do Son), preséntase o libro Mulleres na guerrilla antifranquista galega, de Aurora Marco, publicado en Laiovento. No acto, en que se proxectará o documental As silenciadas, de Pablo Ces, e organizado pola A. C. Barbantia, participarán, xunto á autora do libro, Pablo Ces e Xesús Laíño.

Xerais acada dez millóns de exemplares vendidos

“Ao peche do exercicio 2011, Xerais acada os 10.103.409 exemplares vendidos dende a súa fundación en 1979.
Das 125 novidades publicadas por Xerais nas distintas coleccións destacaron, entre outras, a novela de Agustín Fernández Paz Non hai noite tan longa, con máis de 3.500 exemplares vendidos e a edición dos contos reunidos de Manuel Rivas no volume O máis estraño, con case 4.000 exemplares.
É de salientar o interese que espertou entre os lectores a figura de Lois Pereiro (Letras Galegas 2011). A súa Poesía completa foi un dos libros máis vendidos das novidades publicadas por Xerais. (…)”

Manuel Rivas: “O fondo da historia é o poder, a cobiza, querer dominalo todo”

Entrevista a Manuel Rivas en Galicia de Moda, desde Xerais:
“(…) – Galicia de Moda (GdM): Falamos con Manuel Rivas, autor da novela e guionista de Todo é silencio. A relación profesional entre Cuerda e vostede semella que parte tamén dunha amizade activa e creativa.
– Manuel Rivas (MR): José Luis Cuerda é destas persoas que axudan a ter unha mirada más ampla, das que cando falas con elas saes coa cabeza chea de novas ideas. Ten moito sentido do humor e, precisamente, a súa boa aclimatación a Galicia ven do seu carácter irónico. É unha persoa que escoita o latexo da terra e polo tanto sabe contar moi ben as paixóns humanas.
– GdM: No caso de A lingua das bolboretas e O lapis do carpinteiro non foi responsable da escritura do guión pero neste caso a responsabilidade é súa ó cen por cen. ¿Atópase cómodo neste papel?
– MR: Nun primeiro momento fun algo reticente cando mo propuxeron pois todo o proceso de facer unha película é realmente complexo. Pero ás veces é dabondo con que che digan algo novo para que estea aí a idea, coma co pan, levedando. Despois de dous anos chamaron de novo insistindo e decidín aceptar o desafío. Foi unha moi boa experiencia e, ademais, híbrida, por xuntar elementos literarios e audiovisuais. (…)
– GdM: É palpable o éxito cinematográfico e televisivo que ten o tema do narcotráfico, sen embargo, chama a atención o silencio informativo por parte dos medios convencionais. ¿Pensa que falar deste conflito é responsabilidade dos guionistas e escritores?
– MR: O xornalismo e a literatura son tempos diferentes e distantes. Penso que mesmo no título do filme, na idea do silencio, estamos a ver, non só en Galicia senón tamén en Latinoamérica, como a literatura ou o cinema van cun fósforo aí onde hai penumbra e escuridade. Kierkegaard dixera que canto máis profundo sexa o silencio más terrible é o demo que agocha. Nese sentido, o chamado narcotráfico é a metáfora doutras cousas que estamos a ver neste tempo coma a corrupción ou os poderes ocultos. O fondo da historia é o poder, a cobiza polas propiedades, diñeiro ata querelo dominar todo. O importante non é a mercadoría concreta porque cando vemos unha historia de gángsters non nos preocupa tanto o proceso de destilación de alcohol senón que pasa coa condición humana. A historia vai sorprender nese sentido.”

Fernando M. Cimadevila: ”A nosa literatura non só sabe navegar polos xéneros convencionais”

Entrevista a Fernando M. Cimadevila en Galiciaé:
“Fernando M. Cimadevila (Santiago, 1977) é un dos responsables da nova editorial de fantasía e ciencia ficción Contos estraños, unha aposta polo formato pulp e polo produto da terra que anda en busca de autores. (…)
– Galiciaé (G): Hai bos autores de fantasía en Galicia?
– Fernando M. Cimadevila (FMC): Bastantes máis dos que un imaxina, pero iso é algo que a xente ten que comprobar por si mesma, deixando a un lado os prexuízos de que a nosa literatura só sabe navegar polos xéneros convencionais. (…)
– G: Retoman o formato pulp, ¿por que pensaron nesta fórmula?
– FMC: É unha aposta persoal nosa, porque cremos que pode axudar o panorama literario do país. Queremos coller o mellor do formato e eliminar o peor. Queremos un papel de boa calidade, non de pulp –que é de onde se deriva a palabra–, e queremos un bo nivel literario. O mellor do formato de relatos curtos é que dá a coñecer moitos novos autores e que eles mesmos se alimentan das obras dos demais, creando deste xeito o seu propio movemento literario.”

Unha fita sobre Paz Andrade recollerá unha das últimas entrevistas de Díaz Pardo

Fragmento dunha das últimas entrevistas a Isaac Díaz Pardo desde Praza:
“(…) Deste xeito, a fita de Veloso incluirá unha das últimas entrevistas que concedeu o insigne galeguista. “A miña idea con Isaac era facerlle unha entrevista concreta sobre Valentín Paz Andrade, pero despois facerlle outra máis ampla sobre el mesmo. Ese día, o día que o entrevistamos, estaba xa tocado. Despois de media hora de conversa paramos, non nos queríamos exceder”, lembra o propio Veloso. Esa conversa con Isaac será unha das moitas voces que se recollen neste proxecto, no que anda a traballar o realizador dende o pasado verán. O seu testemuño estará acompañadas por outros como o do xornalista Tucho Calvo, o escritor Neira Vilas ou Xosé Díaz, fillo de Díaz Pardo. “O documental será un retrato coral, un puzle xeral sobre Valentín. Pero a min paréceme tan importante neste proxecto o autor que se trata como as persoas que van falar. As voces son tan importantes, quizais máis, que o propio Valentín. O documental é realmente deles. Sobre todo no caso de Díaz Pardo, que xa non está”, explica o director.
Nesa entrevista, Díaz Pardo ofreceulle a Veloso moitas lembranzas sobre Paz Andrade. Contoulle, con voz pausada e a memoria lúcida, unha serie de anécdotas que retrataban a súa relación con Valentín e o momento histórico no que se moveron. Díaz Pardo rememorou como chegara as súas mans a obra máis lembrada do impulsor da revista Industrias Pesqueras. “Galicia como tarea, o primeiro que a leu fun eu. Luís Seoane recibiu os folios. El tiña moito que facer e entregoumos a min. Eu corrixín os folios”, explica Isaac, que tamén lembrou como a versión inicial axustábase ao momento histórico e aos límites da censura. “Corrixino eu. E claro, a obra tiña que ir co estilo do franquismo… El Ferrol del Caudillo, esas cousas… Saquei esas cousas. Luís Estaba totalmente de acordo”, sinala. Noutro dos fragmentos da entrevista, que Veloso cedeu a Praza, Isaac Díaz Pardo eloxiaba o esforzo de Paz Andrade pola cidade na que viviu case toda a súa vida. “Vigo débelle todo a Valentín Paz Andrade, aínda que haxa quen queira quitarlle o posto”, sentencia. (…)”.

Vigo: presentación de Desobediencia, de Rosa Enríquez

O venres 3 de febreiro, ás 20:30 horas, na A. C. Bou Eva (Rúa Tercio de Fóra, 11) de Vigo, preséntase Desobediencia, de Rosa Enríquez, publicado por A porta verde do sétimo andar. No acto, acompañando á autora, participa Anxo Angueira, autor do limiar.