Santiago: presentación de Sobre las fugas de Cunqueiro, de Xosé Landeira Yrago
O
xoves 9 de febreiro, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase o libro Sobre las fugas de Cunqueiro. Otra vida de Álvaro entre el periodismo y la literatura, de Xosé Landeira Yrago, en edición de Renato Landeira, publicado por Auga Editora. No acto participan Xosé María Palmeiro, Renato Landeira e Xosé Antonio Perozo.
Convocado o VIII Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo
“O
Concello de Carballo convoca dende 2005 o Premio a Artigos Xornalísticos Normalizadores cos obxectivos de incentivar a reflexión sobre a situación social da lingua galega, crear espazos nos xornais para analizar e fomentar o noso idioma e promover o uso do galego na prensa escrita. Nesta edición son 11 os medios colaboradores, tanto en papel como dixitais, e algúns de ámbito comarcal ou de incidencia directa na comarca, como A Nosa Costa, Diario de Bergantiños, El Periódico de Carballo, La Opinión da Coruña, a edición de Carballo de La Voz de Galicia ou Que pasa na Costa, e outros medios en galego e de ámbito galego, como De Luns a Venres, Galicia Confidencial, Tempos Novos, o diario dixital que acaba de nacer Praza Pública e o dixital e semanario en papel que nacerá nas próximas semanas Sermos Galiza. Os artigos presentados ao premio deberán ser inéditos, ter entre 2.000 e 3.500 caracteres e neles deberase tratar algún tema concreto relacionado coa situación sociolingüística do noso país, co fomento da lingua galega, co argumentario a prol do uso do galego, con experiencias útiles ou favorábeis para a normalización lingüística, etc. O prazo de presentación está aberto até o 9 de abril de 2012. Tamén se pode obter máis información no Servizo de Normalización Lingüística, no teléfono 981 704 304 ou no enderezo electrónico normalizador@carballo.org”
As bases completas pódense descargar aquí: Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo 2012.
Marcos Calveiro: “Os personaxes mandan”
Entrevista
de Ramón Nicolás a Marcos Calveiro en Qué leer, desde o seu blogue, Caderno da crítica:
“(…) – Ramón Nicolás (RN): O seu O pintor do sombreiro de malvas, co que conseguiu numerosos premios, segue reeditándose. Cal cre que foi clave do seu éxito?
– Marcos Calveiro (MC): Supoño que a emoción. Unha historia emotiva e emocionante polo que me comentan os lectores. Unha historia na que tiven un guía extraordinario que nunca volverei ter: o propio Van Gogh coas súas palabras e os seus cadros. Gran parte do éxito débolla a el, á súa sensibilidade como artista e como persoa.
– RN: Centauros do norte foi a súa última publicación. Que pesa máis nela: a revisión histórica, o cinema, a acción?
– MC: O pasado, a miña propia memoria de infancia: a dun neno que quedaba pasmado diante do televisor vendo un western tras outro. O Sétimo de Cabalaría, Xerónimo, O xeneral Custer, O derradeiro mohicano, Shane, o Mississipi, as dilixencias, Grupo Salvaxe, A febre do ouro, Liberty Valance…
– RN: Reclamou con frecuencia a relevancia da literatura infantil e xuvenil galega, por que?
– MC: As cifras e os datos, ás veces fríos, avalan neste caso a miña reclamación: a LIX é o máis traducido, exitoso, e premiado da literatura galega, pero aínda non se lle dá a importancia que debería ter. Só hai que ver a repercusión nos medios de calquera premio ou publicación de LIX para decatarse da súa escasa relevancia social en moitos casos. Cando publiquei a miña primeira novela para público adulto houbo moitos que descubriron que era escritor, cando xa levaba varias obras de LIX publicadas e premiadas.
A LIX é o primeiro elo na formación lectora, sen ela non habería futuro, os lectores, como os dinosauros, extinguiríanse. (…)”
A Academia colgará na Rede o novo dicionario, con 50.000 entradas
Artigo
en La Voz de Galicia:
“«O novo dicionario estará na Rede dentro duns días». Isto anunciou onte Xosé Luís Méndez Ferrín. O presidente da Real Academia Galega falaba do novo dicionario da RAG diante do conselleiro de Cultura, Xesús Vázquez, que fixo a súa primeira visita oficial á Academia. «Son máis de 50.000 entradas, o dobre que no anterior», detallou Manuel González, académico que encabeza o Seminario de Lexicografía da RAG que foi o encargado de elaborar este traballo. González indicou que «o texto definitivo está entregado para colgar na Rede», aínda que se está traballando na parte máis técnica para facilitar o acceso. Foron nove especialistas os que desde hai oito anos estiveron traballando neste novo dicionario. É un volume normativo, en canto ortografía ou pronuncia e tamén no semántico e en canto a significado. A obra incorpora a información sobre a procedencia das palabras e datos sobre a que rexistro oral pertencen, desde o culto ao familiar. Para os autores, hai solucións e definicións que poden ser consideradas como definitivas. O anterior dicionario da RAG fora publicado en 1997 e foi editado conxuntamente por Xerais e Galaxia. O novo volume publicarase en papel «máis adiante, dentro de oito meses o así», apuntou Manuel González. «Estamos facendo unha Gramática, ¡despois de cen anos!; estase traballando tamén nun dicionario de apelidos galegos, evacuando consultas e nomes de persoas e apelidos para que sexan usados correctamente. A nosa vocación é de traballo, temos que velar pola lingua e pedimos respaldo económico e respaldo moral, que o temos», engadiu Xosé Luís Méndez Ferrín antes do encontro co novo conselleiro de Cultura.”
Publicado Valentín Paz Andrade. Biografía e antoloxía, de Charo Portela
Desde
Xerais:
“Valentín Paz Andrade. Biografía e antoloxía, de Charo Portela, ilustrado por Jaime Asensi, é unha das novidades da colección Merlín do mes de febreiro. Este libro relata de forma amena e detallada a vida de Valentín Paz Andrade. As súas actividades como avogado, empresario, especialista en temas pesqueiros, político, poeta ou xornalista son presentadas por medio de documentos, fotografías e unha completa cronoloxía Unha aventura biográfica apaixonante dun home clave na historia do século XX, que concebiu Galicia como a súa tarefa. Completa o volume unha antoloxía de poemas e artigos do autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2012″.
Programa sobre Celso Emilio Ferreiro en Eirado, da TVG
Desde Xerais:
“O programa Eirado, que dirixe o xornalista e escritor Pemón Bouzas, dedicou un interesantísimo programa monográfico a Celso Emilio Ferreiro. Amais dunha magnífica reportaxe de Luís Méndez e de entrevistas sobre o poeta de Celanova co seu fillo Luís Ferreiro, co seu biógrafo Ramón Nicolás e coa responsable da edición da súa narrativa Mónica Góñez, o programa recupera do arquivo a actuación de tres músicos que cantaron os seus poemas: Amancio Prada, Luís Emilio Batallán e Suso Vaamonde.
A Coruña: exposición Valentín Paz-Andrade. Galiza como tarefa
Entre
o martes 7 de febreiro e o domingo 6 de maio, na Fundación Luís Seoane, poderase visitar a exposición Valentín Paz-Andrade. Galiza como tarefa.
“Coincidindo coa homenaxe da que será obxecto o escritor e economista Valentín Paz-Andrade (Lérez, Pontevedra 1898-Vigo 1987) o Día das Letras Galegas do presente ano, a Fundación Luís Seoane dedícalle á súa obra e á súa traxectoria vital unha exposición comisariada por Xosé Díaz Arias de Castro coa que pretende ofrecer unha visión ampla dun personaxe polifacético: poeta, ensaísta, activista político, empresario (…) Valentín Paz-Andrade. Galiza como tarefa divídese en 25 seccións, ordenadas na súa maior parte cronoloxicamente, nas que o espectador atopará documentos orixinais, fotografías da época, mapas, debuxos, maquetas, diferentes obras de arte e documentos audiovisuais: un percorrido exhaustivo pola biografía, a creación, o compromiso e o inmenso esforzo de Valentín Paz-Andrade por reivindicar Galicia como nación, cultural e económica, e dotala dos medios e instrumentos necesarios para superar un atraso de séculos que impedía o seu desenvolvemento completo e o seu posicionamiento como enclave estratéxico dentro do espectro económico do século XX.”
Arturo Casas: “Co blog volvín experimentar o pracer da escrita”
Entrevista
a Arturo Casas en Protexta, desde Galaxia:
“Así titulan no último Protexta a entrevista que Marta Pérez Pereiro lle fixo a Arturo Casas con motivo da publicación do libro Alusión, que escolma unha parte do seu blog Lándoas. Velaquí podedes ler a entrevista completa.”
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega celebrou a súa Asemblea Xeral de 2012
A
Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) celebrou o pasado sábado día 4 de febreiro a súa Asemblea Xeral de socios/as.
A Asemblea aprobou dedicar a Homenaxe Os Bos e Xenerosos a Francisco Carballo, historiador e mestre de historiadores, promotor de empresas editoras en galego, quen ao longo de máis de corenta anos participou coa súa escrita e co seu activismo en dotar de contidos vertebradores á realidade social e cultural de Galicia, o que o converte nunha figura referencial para a cultura e a sociedade galega no seu conxunto; Francisco Carballo súmase así á lista dos Bos e Xenerosos da AELG. Esta homenaxe terá lugar o vindeiro 3 de marzo no Museo do Pobo Galego.
Decidiuse entregar o Premio AELG para institucións aos Equipos de Normalización Lingüística dos centros de ensino e mais aos Servizos de Normalización Lingüística dos concellos, galardón que se entregará na Cea das Letras que terá lugar o 5 de maio.
A distinción Escritor Galego Universal será para José Luis Sampedro.
Tamén se aprobou que o vindeiro Escritor na súa Terra sexa Xavier Rodríguez Baixeras, a quen se homenaxeará no mes de xuño en Ribadeo.
A Asociación de Escritores en Lingua Galega tamén acordou realizar unha recollida de sinaturas para reivindicar o nome de Curros Enríquez para a futura estación de ferrocarril de Ourense.
A Asemblea manifestou o seu apoio ás pequenas e medianas editoriais galegas, que se atopan nun momento no que a distribución dos seus libros en galego encontra serias dificultades.
Aproveita para felicitar a editorial Espiral Maior pola celebración do 20 aniversario da súa fundación e á editorial Xerais por alcanzar a venda de 10 millóns de exemplares.
E a seguir o avance da programación para o primeiro semestre de 2012 que se presentou á Asemblea e na que a AELG está traballando, programación que se pode consultar en detalle na web da Asociación:
1. Día de Rosalía. Lectura dun manifesto e textos literarios nas principais cidades (24 de febreiro).
2. Obradoiro da Escola de Escritores/as no Concello de Oleiros.
3. Os Bos e Xenerosos.
4. Premios AELG 2012.
5. V Encontros Cidade da Coruña.
6. Letra E. O Escritor na súa Terra.
7. Continuación das sesións de gravacións a Socios/as.
8. Continuación da dixitalización de documentación de Socios/as.
9. Mantemento das entradas dos Socios/as na Wikipedia.
