O
venres 3 de febreiro, ás 20:00 horas, no salón de actos da Casa Galega da Cultura de Vigo (Praza da Princesa, 2), co gallo da entrega á Fundación Penzol dos fondos da colección arquivística de Xosé María Álvarez Blázquez, terá lugar unha conferencia de Xosé María Álvarez Cáccamo titulada Os papeis de Xosé María Álvarez Blázquez. O acto de entrega será no mesmo lugar ás 12:00 horas.
As Pontes: concerto comentado de Haberá primavera, por César Morán
O
venres 3 de febreiro, ás 20:30 horas, na Casa Dopeso (Rosalía de Castro, 28), As Pontes, terá lugar un concerto comentado do libro-disco Haberá primavera, de César Morán, publicado en Galaxia, baseado en poemas de Álvaro Cunqueiro. No acto o autor estará acompañado por Afonso Morán (contrabaixo) e Roberto Somoza (saxo).
Betanzos: presentación de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, de Carlos Callón
A
sexta feira 3 de febreiro, ás 20:30 horas, no Liceo de Betanzos, preséntase Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, de Carlos Callón, publicado en Xerais. No acto, organizado pola Mesa pola Normalización Lingüística, e as asociacións Roxín Roxal e Eira Vella, en colaboración coa Deputación da Coruña, participará o propio autor.
Ourense: conferencia Contando a Historia, por Antón Riveiro Coello
O
venres 3 de febreiro, ás 20:15 horas, na Aula de Cultura (Rúa Lamas Carvajal, 5) do Liceo de Ourense, dentro dos Encontros Literarios: Contando historias desta entidade, Antón Riveiro Coello pronunciará a conferencia Contando a Historia. As invencións de Clío.
Lugo: presentación de Fornelos & Fornelos, de Xerardo Quintiá
O
venres 3 de febreiro, ás 20:00 horas, na Libraría Trama (Avenida da Coruña, 21) de Lugo, preséntase o libro gañador do XI Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño, Fornelos & Fornelos, de Xerardo Quintiá, publicado en Espiral Maior. No acto, organizado pola Agrupación Cultural Ergueitos, participan, xunto ao autor, María Casar, Baldo Ramos e Miguel Anxo Fernán-Vello.
A Coruña: presentación de 101 Falares com jeito, de Fernando Corredoira
A
sexta-feira 3 de febreiro, ás 20:00 horas, na Asociación Cultural Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º) da Coruña, preséntase o libro 101 Falares com jeito, de Fernando Corredoira, publicado por Através Editora.
Tomar a literatura por Asalto
Reportaxe en Praza pública:
“A literatura non só serve para chamar ao sono antes de durmir. A palabra pode mobilizar, retar, falar do cotián e poñelo en cuestión. Asalto é un proceso de creación colectiva, un experimento de escrita colectiva “que actúe como punto de apoio ou panca na organización do descontento”. Polo momento, o texto colectivo de Asalto contén achegas de Xiana Arias, Elena Cabrera, Natalia Carrero, Colectivo Todoazen, Roberto Enríquez, Belén Gopegui, Alberto Lema, Antonio Martín, Guillem Martínez, Elvira Navarro, Eider Rodríguez, Daniel Salgado, Gonzalo Torné ou Nacho Vegas. (…)
– Praza: A literatura constrúe espazos de resistencia. É iso abondo?
– Alberto Lema: A literatura como resistencia é un placebo coa que algúns escritores tratamos de aliviar a nosa irrelevancia. A literatura, nalgúns casos, pode apostar pola utopía, unha ficción na que se consolar do inferno realmente existente.
– Xiana Arias: Abondo para que? Para resistir ao fascismo? Para soster a educación pública, a sanidade pública, o dereito á vivenda…? Para conversar coa traballadora do Inem cando che comenta que o mellor que podes facer é marchar da Galiza? Para parar a incineradora do Irixo? A literatura é literatura.
– Daniel Salgado: Non sei exactamente que significa “construír espazos de resistencia”. A literatura tropeza coas ideas de quen a le. E non, non é abondo. Abondo, ou polo menos o comezo do abondo, sería unha folga xeral indefinida en toda Europa. Iso tamén é literatura. (…)”.
Unha homenaxe a Rafael Dieste
Desde Cultura Galega:
“Presentamos unha escolma de gravacións do escritor rianxeiro Rafael Dieste. O Arquivo Sonoro de Galicia publicou esta nova entrega da colección As nosas voces -a número 6 en 1995. O Consello da Cultura Galega contribuía, deste xeito, a conmemorar a Dieste, a quen se lle dedicaba ese ano o Día das Letras Galegas.”
Muxía: María Reimóndez na Galería de Mulleres no mes de febreiro
O
Concello de Muxía continúa coa iniciativa da Galería de Mulleres, onde se destaca cada mes o labor dunha muller no mundo das artes, as letras, a ciencia, etc…., repartíndose cartazes e indicacións para informarse sobre ela ou acceder á súa obra. Con cada muller reséñanse os libros a disposición do/a usuario/a na Biblioteca da Muller, integrado dentro da Biblioteca Municipal do Concello de Muxía, escritos por ela ou que fagan referencia á mesma. Este mes de febreiro centrarase en María Reimóndez.
Abre Praza
“Un
novo medio abre hoxe en Galicia. Praza Pública salta á rede buscando dar unha nova voz informativa na nosa lingua e centrada na nosa realidade. Para alén da aposta editorial, o proxecto busca, nestes tempos de crise, un novo modelo de funcionamento, baseado no compromiso cos lectores. Novagalicia Banco, a incineradora do Irixo ou as últimas entrevistas a Díaz Pardo abren o pano no primeiro día do medio.
(…) Sae co nivel de contidos co que contará a edición dun día calquera, segundo asegura o director do medio, Marcos Pérez Pena. “O groso do proxecto máis estritamente xornalístico está en marcha. Saímos cun nivel de publicación como o que teremos nun día normal”. Faltan unicamente por implementar as partes máis sociais do proxecto. Unha redacción fixa de dimensións reducidas, composta na actualidade por tres persoas, o propio Pérez Pena, Lara Graña e mais David Lomba apoiado por aproximadamente unha decea de colaboradores estables a nivel informativo, entre os que apuntan os nomes de Rosabel Candal, Marga Tojo, Alberto Ramos, Montse Dopico, Miguel Pardo, Belén Puñal, Laura Ruíz, Rebeca Fernández, Marcos Sueiro ou Roberto Noguerol. A eles sumaranse aínda colaboracións concretas “Contactamos cunha rede bastante ampla, porque hai moitísimos xornalistas que non teñen traballo ou están a a traballar como freelance para medios onde non poden elaborar a información que quererían. Saímos con xente que, non por casualidade, participou en proxectos como Vieiros, A Nosa Terra, Galicia Hoxe ou Xornal“, lembra o director. Canda a isto, o medio aposta por un nutrido cadro de colaboradores de opinión, no que se atopan un bo feixe de nomes de peso canda a plumas novas. (…)”. Desde Cultura Galega.