Cultura de facto

“Supresión das axudas ás entidades locais, rebaixa nas subvencións as industrias culturais, anuncio da posibilidade de que non se conclúa a Cidade da Cultura, queixas continuada do sector das artes escénicas e audiovisual…. Se lle aplicaramos un balance contable ás políticas culturais do ano, teriamos unha ecuación chea de restas, apuntes e números vermellos. Canda as cifras, este ano 2011, tamén deixa nomes propios: os de Álvaro Cunqueiro e o de Lois Pereiro que catalizaron boa parte das actividades. Malia que o contexto de crise económica co que comezou o ano non apuntaba grandes alegrías para o sector cultural, co caer dos días no calendario, fóronse perfilando, corrixindo e mesmo definindo algunhas políticas culturais. Un ano que pode marcar un punto de inflexión e moitas das actividades que se consolidaron nos últimos lustros. (…)” Vía Cultura Galega.

Becerreá: presentación de Dramatículas, de Afonso Becerra

O martes 27 de decembro, ás 21:00 horas, na Casa da Cultura de Becerreá (Rúa Eulogio Rosón, s/n.) preséntase o libro Dramatículas, de Afonso Becerra de Becerreá, publicado en Laiovento. No acto, xunto ao autor, participan María do Cebreiro e Marta de Sinllán. Durante o mesmo, a artista e actriz María Roja realizará unha acción teatral cun dos textos do libro.

Radiofusión: ‘Homenaxe ao cine e denuncia social conviven na nova novela de Agustín Fernández Paz’

Entrevista a Agustín Fernández Paz en Radiofusión:
““Nunca poderán acabar con nós nin esmagarnos. Sempre sairemos adiante porque nós somos o pobo”. Do espírito co que John Ford impregnou a adaptación cinematográfica de As uvas da ira tira Agustín Fernández Paz na súa nova novela. A este e outros clásicos da sétima arte homenaxea o escritor vilalbés en Fantasmas de luz, unha obra que, ao igual que a devandita película, denuncia as consecuencias do capitalismo na vida dos traballadores. “Nun abrir e pechar de ollos, vanse polo sumidoiro as conquistas sociais e laborais que levaban décadas consolidadas”, reflexionou esta tarde o autor nos micrófonos de Radiofusión.
Agustín Fernández Paz atópase, ás veces, a si mesmo recitando frases de filmes que lle deixaron fonda pegada. Porén, non chega ao nivel do protagonista da súa nova novela, Damián, quen toma as súas decisións vitais en función do que aprendeu na gran pantalla. A través deste personaxe que tras quedar no paro comeza a volverse transparente, o autor pretende denunciar a invisibilidade que sofre unha parte da sociedade. Tomando exemplo das edicións en DVD, Fantasmas de luz inclúe “tomas extra”. Fernández Paz engadiu á novela principal seis relatos que, a modo de escenas adicionais, axudan a entender mellor determinados aspectos da historia. O lector conta asemade coa axuda das ilustracións de Miguelanxo Prado, ante cuxo traballo o escritor asegura “quitarse o sombreiro”. Das clasificacións do cinema tira tamén o autor chairego á hora de referirse aos destinatarios da súa nova obra. “Para todos os públicos” está pensada Fantasmas de luz xa que pode resultar de interese, asegura, tanto “para un adolescente como para unha señora de 80 anos”. A entrevista pódese escoitar aquí: 201211FERNANDEZ.mp3.

Alfredo Ferreiro: “A produción poética deberíase publicitar igual que o Camiño”

Entrevista a Alfredo Ferreiro en Galicia Confidencial:
“- Galicia Confidencial (GC): Versos fatídicos, é o nome do teu último poemario… E, por que “fatídicos”?
– Alfredo Ferreiro (AF): “Fatídico” é esencialmente unha referencia explícita ao destino, e nese sentido entendo o traballo poético como un proceso gnóstico, como procura persoal de coñecemento; na mesma liña, asumo a poesía e a lingua secular da miña familia como descubertas coas que debo manter o meu compromiso, porque me tocan tan de perto que me definen e axudan a camiñar. Ao tempo, no plano social “fatídico” implica unha predición ou un vaticinio negativo: é o estigma, por un lado, que sofre esta cultura milenaria que foi o faro de media Europa no medievo e que agora, moribunda, non é recoñecida nen polos fillos que amamentou; por outro, a cruz que habemos de portar os escritores comprometidos co país… Non, mellor quero rectificar isto: a actitude dos escritores en galego non é unha cruz senón un facho que portamos desde hai moito con dignidade, e que vai indisolubelmente unida a outras reivindicacións conducentes á liberdade do individuo e da sociedade, tanto no sexual canto no social ou no nacional. Deste modo o esforzo persoal alimenta o compromiso social, e viceversa.
– GC: Que tratas de expresar con este novo libro?
– AF: No sentido do argumentado acima, no libro tento xogar un solitario literario a partir das cartas que a vida me deu, mais como é evidente é un xogo á vista do público o que convida tamén a participar. En que sentido? Primeiro, eu boto as cartas á vista de todos e resitúo e interpreto as imaxes conforme o meu criterio; segundo, ofrezo a configuración das imaxes e dos sons ao lector, que fará as súas valorizacións. Cada man de cartas é un poema, se cadra por iso aparecen tanto no meu texto o destino, o amor, o ceu, a terra, etc. Entendo que todas as autoras e autores fan o mesmo: partir do persoal para tentar atinxir o universal, sen esquecer a sanción do lector, porque ao final a publicación implica un acto comunicativo. (…)
– GC: Que supón, logo, escribir poesía en galego hoxendía?
– AF: Non coñezo as razóns que todas as autoras e os autores teñen para escribir poesía en galego. Para min, despois do xa explicitado, é simplemente algo necesario. Desde o punto de vista do país aínda me parece un recurso pouco explotado. Moitos outros países terían aproveitado comercialmente esta característica, felizmente coincidente con outros países do atlántico europeo, como Portugal e Irlanda. Non hai dúbida de que temos unha produción poética impresionante na Galiza que se debería publicitar, igual que o Camiño de Santiago, o potencial turístico das rías ou do monte atlántico. E por favor, que ninguén argumente que a cantidade é contraria á calidade, porque a pouca cantidade non asegura a calidade. Ao contrario, cando hai escola, no mellor sentido da palabra, é cando o xenio mellor pode florecer, como é evidente. (…)”.

Armando Requeixo: “No centenario de Cunqueiro”

Artigo de Armando Requeixo no seu blogue, Criticalia:
“Con motivo da conmemoración do nacemento de don Álvaro Cunqueiro, fixo onte un século, inseríronse en varios medios colaboracións nas que me ocupei de diferentes cuestións referidas á súa vida e obra. Nos vindeiros días ireinas incorporando ao blog. Velaquí a primeira entrega, aparecida onte no xornal Faro de Vigo, onde exhumei un poema do autor ata hoxe descoñecido e que nunca antes fora impreso.
No meridiano do pasado século Álvaro Cunqueiro atopábase en Mondoñedo, a cidade natalicia á que regresara tras o seu periplo madrileño logo de perder o favor das autoridades que ata entón o uparan como a case ninguén.
Son tempos de desconcerto e infinda soidade para o xenial escritor. Aos amigos escríbelles dende a cidade da Paula confesándolles que se sente “canso, soio, triste” e que mal atura o grisallo daqueles días nos que “chove, chove e venta o vendaval, ese vendaval mouro que muxe como unha vaca: estou vello e canso”.
Recluído naquela illa de incomunicación cultural, sen apenas ninguén con quen departir á súa altura no día a día das rúas da vella cidade episcopal, Cunqueiro sobrevive, soña esperto e, sobre todo, imaxina, febril, páxinas e máis páxinas. Daquel fervedoiro de fantasías ían nacer pouco despois os personaxes do Merlín e familia (1955) e As crónicas do sochantre (1956) e, non moito máis tarde, O incerto señor don Hamlet (1958). Mais en 1950 o escritor segue a procurar, devecidamente, a súa voz, o vieiro a seguir tras da ruína vital e autorial que vén de padecer.
Nese particularísimo contexto, non debe estrañar que Cunqueiro volva ás raíces, que indague na tradición e o alento dos devanceiros para ver iluminado o camiño. E, ¿que mellor guieiro para un mindoniense que a alba de gloria dos escritores que no pasado da cidade foron? Máxime se un foi amigo de boa parte deles, se sempre amosou por estes admiración e respecto. (…)”.
Posteriormente publicou a segunda e terceira parte deste artigo: No centenario de Cunqueiro (II) e No centenario de Cunqueiro (III).

O Consello da Cultura centrará en Paz Andrade a súa acción no 2012

“O homenaxeado no Día das Letras Galegas de 2012, Valentín Paz Andrade (1898-1987), é tamén o protagonista da actividade do Consello da Cultura Galega para o vindeiro ano. O plenario da institución aprobou onte Plan de Actividades de 2012 nos que destaca unha exposición sobre o intelectual. A mostra exhibirase no Brasil, país co que Paz Andrade mantivo unha fonda relación e que permitirá ao consello continuar co seu traballo de acción exterior. Malia o recorte orzamentario, o Consello seguirá coa súa liña de actividades de asesoramento e xornadas de reflexión no eido da cultura. (…)”. Vía Cultura Galega.

Cangas anuncia a creación do Museo do Mar Bernardino Graña

Museo do Mar Bernardino Graña é o nome do proxecto que anunciaron esta fin de semana representantes de Costas do Estado e mais do Concello de Cangas. As naves de Ojea, en Cangas, recentemente destruídas por un incendio é a localización seleccionada para este novo equipamento, carente aínda de proxecto museográfico e de fondos económicos. O alcalde, Enrique Sotelo, sinalou que o centro acollerá o material existente na vila sobre a industria conserveira, a caza da balea, as confrarías relixiosas e outros contidos. A figura do poeta Bernardino Graña e a súa obra vencellada ao mar completarán a orientación do proxecto.” Vía Cultura Galega.

Bieito Iglesias: “Quizais vou un pouco contra a moda de escribir actual”

Entrevista a Bieito Iglesias en La Voz de Galicia:
“(…) “Quizais si vou un pouco contra a moda actual de escribir, por exemplo, novela histórica ou outros xéneros que son formas de evasión do mundo actual -confesa o escritor-, aínda que iso é lexítimo igual que escribir literatura fantástica. Pero creo que tamén convén que exista literatura en conexión coa vida. Esta é a idea que teño e que me leva a introducir nos relatos o mundo cotián”.
Bieito ten escrito relato fantástico, pero na súa obra predomina o realismo, “un realismo non decimonónico” impregnado de elementos do seu “mundo histórico”. En Contos da terra da tarde hai características dos seus libros anteriores como “certas doses de humorismo, sátira e erotismo” que, aclara, “son marcas da casa, que é o que sae cando me poño a escribir”.
Non obstante, o escritor aclara que todos os problemas que están nestes contos “están vinculados á nosa realidade inmediata”. “Eu son fillo de netos de emigrantes, aínda que agora vivo a emigración doutra maneira, como inmigración”, remarca o narrador, para quen eses problemas que están en Contos da terra da tarde “son problemas contemporáneos pero non sacados dos periódicos senón tamén da miña intimidade”. Nese sentido, o tema da eutanasia presente nun dos contos, tamén pertence un pouco ao seu máis profundo. “Aínda que non sufrín un problema como Ramón Sampedro, sufrín unha poliomelite de neno e creo que podo aportar algo á análise de que sinte e vive unha persoa con limitacións físicas”. (…)”.

Daniel Salgado: Cunqueiro para ben e para mal

Reportaxe de Daniel Salgado sobre Álvaro Cunqueiro en El País:
“(…) “A narrativa de Cunqueiro revalorizouse, sobre todo, nos noventa, grazas ao labor teórico de Xoán González-Millán”, considera a profesora Dolores Vilavedra, que recentemente publicou un mapa da cuestión, A narrativa galega na fin de século (Galaxia, 2010). E engade: “Esa revalorización tardou en producirse en parte por prexuízos ideolóxicos, en parte porque non había ferramentas teóricas para enxergar unha obra así, deuse unha incapacidade hermenéutica”. O paradigma dividíase, na atoutiñante prosa de posguerra, entre o existencialismo rebelde de Blanco Amor -non conceptualizado dese xeito- e o relato de fonte popular e tendencia fantástica de Ánxel Fole. Cunqueiro non cadraba en ningures. “O seu programa está fóra do tempo, tampouco ten relación coa literatura española”, explica Vilavedra, para quen o achegamento ao escritor dende a dicotomía realismo / fantástico “encorsetou a súa obra”.
Na súa gran triloxía en galego, esa que vai de Merlín e familia, pasa por As crónicas do sochantre e desemboca en Se o vello Sinbad volvese ás illas, non existe o eixo temporal, a mestura indiscriminada de tradicións culturais avanza estratexias melting pot, un pouso melancólico percorre todo o seu espiñazo e nas ansias por ser outras vidas e explorar outros mundos sedimenta o edificio narrativo. “O Sinbad é un libro para montar a vida nel, é para namorarse e é unha cabronada para un escritor”, sentencia Darío Xohán Cabana, aínda sinceramente abraiado, moitos anos logo do seu contacto cos repertorios do mindoniense, “pola capacidade de evocación da súa linguaxe”.
Mais o propio Cabana, que asegura volver unha vez e outra aos poemas de Herba aquí ou acolá, é consciente dos riscos de Cunqueiro. “A súa narrativa ten unha influencia enorme na literatura posterior”, di, “pero posúe uns xeitos que, se te achegas demasiado a el, podes acabar sendo unha caricatura”. O perigo do manierismo, do que tamén alerta a crítica Dolores Vilavedra e no que sitúa o menos produtivo da herdanza cunqueiriá. Non dubida en poñer exemplos: “O Xentiario (Galaxia, 2009) de Carlos Reigosa ten unha vontade de homenaxe explícita aos libros de semblanzas, pero se cadra aí se atope o menos interesante”. Pero tampouco detecta alternativas a esa liña, pegadas sutís, asimilacións fértiles: “Non as vexo”. (…)”.

No mesmo medio, pódense ver artigos de Quico Cadaval, Suso de Toro, Daniel Salgado e Iago Martínez.