Artigo
de Manuel Rivas sobre Álvaro Cunqueiro en El País:
“O primeiro que facía cun tolo era cambiarlle de nome. Despois inventáballe unha vida nova. Ese era o método curador de Borrallo da Lagoa, un dos personaxes máis inesquecíbeis de Escola de menciñeiros. E na breve e intensísima estampa, aparece a mellor loanza que se pode facer dun terapeuta popular: “Valía máis que Conxo!”. Aínda máis: “A Borrallo bótano moito en falla”. Álvaro Cunqueiro enxerta no texto un dato histórico, unha espiña dramática da realidade, que semella insólita neste retablo con primeira edición en 1960: “O Borrallo, polo verán de 1936, apareceu morto nunha cuneta cun tiro na cachola”.
Imos aló, sen medo ao que dirán: Álvaro Cunqueiro era un tolo e un menciñeiro a un tempo. Dito ao seu xeito, nun autorretrato preferido: “Un escritor da imaxinación”. O que non quere dicir desmemoriado. Un erro de lesa incompetencia crítica é esgazar na literatura o eido da imaxinación do da memoria. Do mellor e máis atinado que se escribiu sobre Cunqueiro está nesta frase de Francisco Fernández del Riego: “Ao cabo chegaba a noite e penduraba todo o seu feitizo nunha lámpada eterna, a memoria”.
A imaxinación fai levedar a memoria. A esa re-lembranza chamaba el “a memoria deformante”. Un tecido de reminiscencias, un urdido que enfía con visión exacta o coñecemento escuro, o visíbel co invisíbel. El dixo un día no Ribeiro d’Avia (Avia-Avon, como gustaba de xogar con Shakespeare!) que hai “viños que soltan segredos”. Así catamos os seus artigos, en prensa ou lidos na radio. A partir do pequeno detalle, ou dun asunto común, todos conteñen unha revelación. Como viños que soltan segredos.
Houbo varios Cunqueiro dentro dun. Tamén como xornalista, o mellor xornalista foi “o xornalista da imaxinación”. Mais esa foi unha segunda vida. E mesmo unha terceira. Como facía cos seus tolos Borrallo da Lagoa, o menciñeiro Álvaro Cunqueiro deulle unha nova vida ao doente Cunqueiro. (…)”.
María do Cebreiro: “Mapa e melancolía”
Artigo
de María do Cebreiro sobre Álvaro Cunqueiro en El País:
“Pensaban os antigos que a memoria era un mapa. Non unha facultade da intelixencia humana, senón un espazo onde procurar cousas útiles e valiosas. O traballo dos escritores non consistía en reinventar o mundo. Consistía en transportar o saber común da lingua para alén do coñecemento das persoas.
Nin tan sequera a modernidade foi quen de tronzar esta cadea. Non a crebou Bernardo de Chartres, remoto inspirador do buscador do Google: “Os modernos somos ananos que subimos ao lombo dos xigantes”. De aparencia humilde, a frase é un prodixio de soberbia. Somos pequenos en comparanza dos antigos. Pero teñen a obriga de nos levar ao lombo, por iso podemos ver mellor ca eles. Se a Álvaro Cunqueiro lle deixasen elixir, non querería ser o anano empoleirado, senón o xigante que non ve. A diferenza dos escritores pedantes, Cunqueiro nunca utilizou as fontes literarias no seu proveito, senón no común. Como dixera Borges de Quevedo, a súa obra equivale a unha literatura. De que nación? De todas.
Existe con frecuencia o prexuízo de que é imposible dedicarse con proveito a máis dun xénero literario, pero hai tres escritores galegos que foron, simultaneamente, poderosos novelistas e grandes poetas: Rosalía de Castro, Álvaro Cunqueiro e Xosé Luís Méndez Ferrín. A capacidade dos tres para atravesaren as fronteiras literarias é paralela ao seu interese por atravesar as fronteiras espaciais. Un movemento intelectual que, dalgún xeito, implica un regreso á concepción antiga da memoria como unha xeografía imaxinaria. (…)”.
Álvaro Cunqueiro: “O autor que esqueceu inxectarse ouro”
Reportaxe
de Santiago Jaureguízar en El Progreso:
“Álvaro Cunqueiro cumpriría hoxe 100 anos de seguir vivo, pois naceu o 22 de decembro de 1911. Ou tal vez estea cumpríndoos ao seu xeito, gozando das existencias e publicando as obras que el fachendeaba de ter vivido e publicado sen que haxa indicios.
Álvaro Cunqueiro aprendeu logo os límites da vida. O seu pai explicoulle que non debía apartarse das rúas máis céntricas e seguras do Mondoñedo no que naceu o 22 de decembro de 1911 porque os milleirais que ascendían sobre as mesmas lindes da cidade estaban inzados de comunistas sen afeitar e con chaquetas vellas que atoparían un bo agasallo de Nadal ateo facerse co fillo do boticario.
Dese xeito comprendeu que Mondoñedo era o mundo, ao xeito de Celso Emilio, e superou o cativo mapa local a base de transmutar cada obxecto das poucas rúas nas que corría ceibo e alleo ao medo en obxectos que representaban o máis acendrado de Occidente e o máis fascinante de Oriente. O desenvolvemento desta fantasía empezou polo que lle quedaba enfronte dos ollos: un almanaque ilustrado cunha Natividade de Fiemalle. «Botei horas mortas contemplando aquela pintura», confesa o escritor, que descubriu naquela representación «o meu país natal, a colina da Camba e a montaña de San Pedro de la Torre, a paisaxe cara a Viloalle e Masma… O mestre Fiemalle, dicíame eu, viu este Nacemento en Mondoñedo».
Unha mostra da fantasía como complemento da realidade é, por exemplo, a anécdota que contaba sobre o bedel do casino de Mondoñedo, sobre o que aseguraba que tiña unha melomanía de tales dimensións que sintonizaba a BBC para escoitar os concertos de Yehudi Menuhin dirixindo á London Simphony Orchestra. «Nun momento dado, o conserxe, enfurecido, soltou unha puñada sobre unha mesa ao tempo que berraba: Do sostido, animal!. (…)”.
Francisco Carballo premiado co Facho de Ouro 2012
“A
Directiva da Agrupaçom Cultural O Facho decidiu entregar o Facho de Ouro do 2012 ao homem de bem, teólogo e historiador, Francisco Carballo Carballo, como mostra de reconhecimento a toda umha vida dedicada à cultura do País e ao povo galego. Francisco Carballo é hoje um facho referente, tanto no eido da investigaçom histórica como pola sua entrega à dinamizaçom cultural da Galiza. No ano 1973 assenta-se em Vigo como professor da Escola Universitária de Magistério. Foi assim mesmo um dos fundadores do semanário A Nosa Terra em 1977 e um colaborador constante na mesma. Actualmente os seus trabalhos podem-se ler n’A Trabe de Ouro e em Encrucillada. À sua vez, participou na dinamizaçom cultural levada a cabo pola desaparecida Associaçom Cultural de Vigo da qual foi o seu presidente. Igualmente tomou parte mui activa do movimento vizinhal dessa cidade. Como já é tradicional na entrega dos Fachos de Ouro, o derradeiro sábado do mês de Janeiro celebrara-se n’A Corunha a ceia-homenagem a sua pessoa.”
Vídeo da conversa de Manuel Rivas José Luis Cuerda co xornalista Manuel Jabois, no Culturgal 2011
“O escritor Manuel Rivas e o cineasta José Luis Cuerda falan co xornalista pontevedrés Manuel Jabois dos camiños de ida e volta que unen a literatura e o cine, a partir das súas experiencias con A lingua das bolboretas e Todo é silencio, a última novela de Rivas que Cuerda está rodando en Galicia. Rivas falará tamén da antoloxía de relatos O máis estraño, que ven de presentar con Xerais.” No Culturgal 2011. Vía Redelibros.
Cee: sinatura de exemplares de O Crebanoces, por María Canosa
O
sábado 24 de decembro, entre as 12:00 e as 13:00 horas, María Canosa estará na librería Trazos (Rúa A Pena, s/n.) de Cee para asinar exemplares da súa adaptación da obra O Crebanoces, ilustrado por David Pintor e editado por Pablo Zaera.
O noso estraño Nadal
“O
Nadal xa se celebraba antes do nacemento de Cristo. San Nicolás andaba a repartir agasallos no noso país antes do que os Reis Magos. A orixe da Feira do Capón de Vilalba está no século IX. O solsticio de inverno coincidiu no seu día en Santa Lucía e non era raro que en datas de Nadal se visen máscaras de Entroido. Estas son algunhas das sorprendentes cuestións que amosa Antonio Reigosa en Trece noites, Trece lúas, un libro que quere darlle explicación a que celebramos exactamente nestas datas, e que amosa tradicións de noso que, nesta altura, han resultar estrañas a moitos. (…)” Vía Cultura Galega.
Convocado o V Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados
O
Departamento de Educación do Concello de Santiago e Kalandraka convocan o V Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados, cunha dotación económica única de 9.000 euros en concepto de adianto polos dereitos de autor. O prazo de presentación dos traballos rematará o 2 de marzo de 2012 e o fallo do xurado darase a coñecer en torno ao 2 de abril, no marco do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil e das actividades da XII Campaña de Animación á Lectura do Concello de Santiago. As bases completas pódense descargar aquí: V Premio Internacional Compostela Álbumes Ilustrados.
Santiago: presentación da reedición de Muller pra lonxe, de Uxío Novoneyra
O
xoves 22 de decembro, ás 20:30 horas, no Modus Vivendi (Praza de Feixoo) de Santiago de Compostela preséntase Muller pra lonxe, de Uxío Novoneyra, unha reedición do Servizo de Publicacións da Excma. Deputación de Lugo, con Luís Cochón e Olga Novo. Este poemario recolle unha autoescolma da súa poesía amorosa entre os anos 1955 e 1985 ilustrada polo pintor Carlos Pardo Teijeiro.
Álvaro Cunqueiro na prensa galega
“Hoxe
a presenza de Álvaro Cunqueiro é importantísima na prensa do país. Deixámosvos aquí algunhas mostras, como son o suplemento completo, en PDF, que lle dedica o Faro de Vigo a quen fora durante tantos anos o seu director. Á súa vez, La Voz de Galicia centra practicamente toda a sección de Cultura no autor de Mondoñedo.” Vía Galaxia.