Lugo: presentación da nova editorial Hugin e Munin

O sábado 17 de decembro, ás 20:00 horas, na Galería Sargadelos de Lugo (Praza de San Domingos, 4), terá lugar a presentación da editorial Hugin e Munin, orientada á tradución a galego de obras narrativas de ficción. No acto será posible adquirir as dúas primeiras obras publicadas (Servizo de Correos de Charles Bukowski e O forasteiro misterioso de Mark Twain) ademais de informarse polo miúdo sobre o seu sistema de subscrición.

Gondomar: presentación de Galego de lei. Don Diego Sarmiento de Acuña, de Francisco Maseda

O sábado 17 de decembro, ás 20:00 horas, na Aula de Cultura Ponte de Rosas (Avenida da Feira, 10, baixo) de Gondomar, preséntase o libro Galego de lei. Don Diego Sarmiento de Acuña. I Conde de Gondomar, de Francisco Maseda, publicado en Biblos. No acto de presentación participan, ademais do autor, Tucho Calvo e Carlos Méixome. O acto contará tamén coa presenza e intervención do XIII Conde Gondomar, Gonzalo Fernández de Córdoba y Narváez e será clausurado por Fernando Guitián Guitián.

Santiago: charla-coloquio sobre O mundo secreto de Basilius Hoffman

O sábado 17 de decembro, ás 18:30 horas, na Libraría Aenea (Rúa Irmáns Rei Alvite, 5) de Santiago de Compostela, Fernando M. Cimadevila e Iván Valladares, autores de O mundo secreto de Basilius Hoffman, publicado en Urco Editora, manterán unha charla coloquio onde analizarán o proceso creativo da novela, xunto as ilustracións orixinais que estarán en exclusiva para o evento. Firmaranse exemplares e descubrirán o que depara o proxecto nun futuro.

Xosé Daniel Costas Currás gaña o X Premio de Poesía Novacaixagalicia, coa obra Monicreques

“A X edición do Premio de Poesía Novacaixagalicia, que organiza a Fundación Novacaixagalicia en colaboración co Centro PEN de Galicia, foi para Xosé Daniel Costas Currás. O poeta, nado en Moaña en 1981, impúxose entre os 71 participantes coa obra Monicreques. O xurado destacou “a aposta arriscada por unha estrutura autenticamente novidosa, a teatralidade da mesma, un ritmo e unha musicalidade singulares e unha plasticidade que vai máis alá das imaxes e cromías para construír un mundo poético e pletórico de modernidade, que non por iso deixa de lado a tradición”. Costas levará 12.000 euros e verá publicado o seu traballo na colección Arte de trobar. O presidente do Centro PEN, Luís González Tosar, Emma Pedreira, Ana Salgado, Edelmiro Vázquez Naval, Antón Pulido e Xabier Castro Martínez foron os compoñentes do xurado.” Vía Cultura Galega e Fundación Novacaixagalicia. Recollido tamén en La Voz de Galicia.

Fundación Novacaixagalicia: presentación de Valentín Paz-Andrade, a memoria do século XX, de Tucho Calvo

O xoves 15 de decembro, ás 20:00 horas, na Fundación Novacaixagalicia (Cantón Grande, 21-24) da Coruña, preséntase o libro Valentín Paz-Andrade, a memoria do século XX, de Tucho Calvo, publicado en Biblos. Participarán no acto, xunto ao seu autor, Xosé Díaz e Xulio L. Valcárcel.

María Xosé Queizán: “Un libro especial é a miña biografía, que estou escribindo por imperativo moral”

Entrevista a María Xosé Queizán en De Luns a Venres:
“De Luns a Venres (DLV) ¿Un sinónimo de Galicia?
María Xosé Queizán (MXQ): É única.
DLV: ¿Que quería ser de pequena?
MXQ: Non me lembro.
DLV: ¿Un lema a seguir na vida?
MXQ: A honradez.
DLV: ¿Un defecto?
MXQ: Varios. Un deles é ser desobediente e contestataria.
DLV: ¿E unha virtude?
MXQ: Para min, a mesma que o defecto.
DLV: ¿Un lugar especial?
MXQ: A ría de Vigo.
DLV: ¿Unha paixón?
MXQ: O feminismo.
DLV: ¿Un autor/a?
MXQ: Son moit@s @s que me abriron fiestras mentais. Leo moito ensaio.
DLV: ¿E un libro especial?
MXQ: O vindeiro que teño en proxecto.
DLV: ¿Pode adiantarnos que é logo o que ten entre mans?
MXQ: Estou escribindo a miña biografía por imperativo moral. Pero teño varios proxectos pedindo espazo e tempo.
DLV: ¿Como está de saúde a literatura galega?
MXQ: Mellor ca nunca.”

A Coruña: presentación de Versos fatídicos (1994-2010), de Alfredo Ferreiro

O venres Alfredo Ferreiro16 de decembro, ás 21:00 horas, no Taller de Litografía Milpedras (Rúa Brasil, nº 3, baixo) da Coruña, e con entrada libre até completar capacidade, preséntase o poemario Versos fatídicos (1994-2010), de Alfredo Ferreiro, publicado en Edicións Positivas. No contexto deste acto terá lugar unha intervención do Grupo Surrealista Galego.

Ferrol: presentación de Prisciliano na cultura galega, de Victorino Pérez Prieto

O venres 16 de decembro, ás 20:00 horas, na Fundación Caixa Galicia (Praza da Constitución, s/n.) de Ferrol, preséntase o libro Prisciliano na cultura galega. Un símbolo necesario, de Victorino Pérez Prieto, publicado en Galaxia. No acto participan, xunto ao autor, Elia Rico, presidenta da Asociación Cultural Medulio, Xaime Bello e Pilar García Negro.