Convocado o VI Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico
“Desde
a contemporaneidade e inscrito nunha tradición que fixo da radio canle de expresión artística, o Premio Diario Cultural de Teatro Radifónico pretende promover a creación actual dun corpus dramático no formato do teatro radiofónico. O Diario Cultural da Radio Galega e o Centro Dramático Galego, co patrocinio da AGADIC, Axencia Galega das Industrias Culturais, organizan a sexta edición dun premio que pretende fomentar a escrita de textos dramáticos para a radio e contribuír á recuperación do formato de teatro radiofónico. Non se trata tanto de recuperar as fórmulas convencionais do radioteatro como de estimular a creación de pezas dramáticas contemporáneas e facilitar unha plataforma de creación aberta ás novas linguaxes artísticas na radio.
As obras seleccionadas polo xurado emitiranse na Radio Galega e editarase un libro-cd cos textos finalistas. Outorgaranse os Premios do Xurado e da Audiencia, dotados cada un deles con 3.000 euros. As bases, que poden descargase neste ficheiro: Premio Diario Cultural Teatro Radiofónico 2012, son as seguintes:
1. Poderán participar todos os escritores e escritoras que o desexen sempre e cando non manteñan relación laboral coa CRTVG e calquera das Sociedades que comprende (TVG e RG).
2. Os traballos presentados deberán ser orixinais e inéditos, escritos en lingua galega e non poderán ser adaptacións. Deberán estar libres de todo compromiso anterior con emisoras de radio, televisións, editoriais ou entidades semellantes.
3. Os traballos adoptarán o formato de guión radiofónico dramático. Estarán calculados para que a súa duración en antena sexa de dez minutos como máximo. As obras terán un elenco de cinco personaxes como máximo. Os autores poderán utilizar, coas indicacións pertinentes, cantos recursos radiofónicos consideren necesarios para que o texto sexa realizado de maneira axeitada: música, planos sonoros, efectos, etc. O director ou directora das dramatizacións radiofónicas poderá facer as adaptacións necesarias para a súa realización e emisión.
4. Non se admitirán máis de dous guións por autor/a e de cada obra presentaranse o orixinal e cinco fotocopias. Os autores/as concursarán polo sistema de plica. Os traballos faranse chegar por correo ó seguinte enderezo:
Radio Galega, Diario Cultural
VI Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico
San Marcos 15820. Santiago de Compostela.
Conservaranse durante un mes a partir da data na que se faga pública a resolución do xurado e logo destruiranse os que non fosen solicitados polos seus autores/as. O prazo de admisión de orixinais comezará cando se faga pública esta convocatoria e rematará o día 15 de xaneiro de 2012.
5. Os argumentos das obras serán de temática libre.
6. O xurado estará integrado por profesionais de recoñecido prestixio do ámbito da escena galega e dous representantes do Diario Cultural da Radio Galega. O xurado valorará especialmente a calidade literaria e dramática das obras e a súa adaptación ó medio radiofónico.
7. Os autores/as comprométense a autorizar a dramatización e emisión pola Radio Galega das obras presentadas, de seren seleccionadas, así como a súa edición en libro e CD. A tal fin os autores/as premiados e finalistas entenderán cedidos a favor da Radio Galega os dereitos de comunicación pública, reprodución e distribución precisos para a posta en antena da obra e a súa primeira edición en libro e disco compacto. Os autores/as que o desexen poderán enviar co texto as gravacións das dramatizacións en soporte de CD. As gravacións non serán tidas en conta na valoración dos textos teatrais polo xurado, pero si serán emitidas, de seren finalistas os textos, pola Radio Galega para a votación da audiencia en lugar da dramatización realizada polo equipo artístico coordinado polo CDG.
8. O xurado escollerá entre as obras presentadas un premio único dotado con 3.000 euros e catro finalistas como máximo. As obras seleccionadas emitiranse pola Radio Galega e a audiencia escollerá por votación entre as emitidas a obra que obterá o Premio do Público, dotado con 3.000 euros. O xurado resérvase a facultade de declarar deserto o premio convocado.
9. Calquera incidencia non prevista nesta convocatoria será resolta polo xurado.
10. O feito de concursar supón a aceptación destas bases.”
O Incio: Homenaxe a Lois Pereiro
Agustín Fernández Paz: “Aínda que se me coñece como escritor, a miña principal vocación é a docencia”
Entrevista
a Agustín Fernández Paz en Atlántico Diario:
“(…) – Atlántico Diario (AD): Case toda a súa obra concéntrase na literatura xuvenil, que lle cautivou deste xénero?
– Agustín Fernández Paz (AFP): Sobre o 80% dos meus libros encaixan aí. Cando comecei a dar clase nos anos 70, en España desaparecía a censura e as editoriais publicaron tódolos títulos europeos agochados ata entón. Descubrín un xénero que me gustou e que lle gustaba os rapaces. Pensei que era unha boa maneira para empezar.
– AD: A súa última publicación, Fantasmas de luz, acaba de saír con Edicións Xerais. Dí sentirse dobremente orgulloso. Por que?
– AFP: Estou moi satisfeito polo texto, pero tamén pola temática. Xunto dúas realidades: a precariedade laboral e a paixón polo cine. É o que eu chamo libro de fronteira, que pode interesar tanto a rapaces como a público máis adulto.
– AD: Ademais de escritor, desenvolveu un arduo labor a prol da normalización do galego. Como ve a saúde da lingua?
– AFP: O problema da lingua ten moitas facetas. En pouco tempo (trinta anos) avanzouse moito porque se viña de estar proscrita. Pero aínda queda moito para o seu uso normal en tódolos contextos. Co último cambio de goberno houbo un parón importante, un retroceso que espero se solvente. (…)”.
Vítor Vaqueiro: “O que hoxe é mitoloxía antes puido ser relixión”
“Así
se expresa Vítor Vaqueiro nunha longa entrevista que hoxe publica o Faro da Cultura co gallo da publicación da súa obra Mitoloxía de Galiza na Editorial Galaxia. Pódese descargar a conversa completa, en formato PDF aquí.“. Desde Galaxia.
Fervenzas Literarias: Os mellores libros do 2011
“Un ano máis, e xa van cinco edicións, abrimos esta fiestra para que valoredes literariamente este 2011 que está a piques de rematar. Escritor@s, ilustrador@s, novelas, poesía, literatura infantil e xuvenil, críticos literarios, editoriais, etc… Agora podedes facer valer a vosa opinión e votar polos vosos gustos e preferencias.
As votacións están abertas dende o 15 de decembro ata o 15 de xaneiro do 2012. De novo temos que agradecer a amabilidade da Federación de Libreiros de Galicia a xenerosidade de cedernos un lote de libros que sortearemos entre todos os participantes na enquisa.
Querémosvos agradecer a vosa colaboración e animarvos a que participedes nestes V premios Fervenzas Literarias. Moitas grazas a tod@s!”. Vía Fervenzas Literarias.
Mondoñedo: A noite de Merlín, en homenaxe a Álvaro Cunqueiro, o sábado 17 de decembro
Ourense: recital poético de Celsa Barja
O
domingo 18 de decembro, ás 16:00 horas, no Xeriátrico “Nuestra Señora de la Esperanza” (Rúa Laxas, 41), de Ourense, Celsa Barja dará un recital poético, baixo o título Espindo un bico para vestir lembranzas, para a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer de Ourense (AFAOR). Recitaránse poemas de Espindo un bico, así como outros compostos para a ocasión, inéditos, e colaborarán recitando residentes do devandito xeriátrico. O cantautor Israel Elíaz acompañará coa súa música.
Betanzos: presentación do nº 32 da revista A Xanela e concerto de Sés
Día Lugrís, 17 de decembro
“A
Coruña e Vigo son a mesma cidade. Así nolo di co seu talento a pintura de Urbano Lugrís. Dous pontóns de amarre no mesmo océano. Para significar unha vez máis esta revelación, o vindeiro sábado 17 de decembro celebrarase –simultaneamente- en Vigo e na Coruña a Acción Urbano. Xornada cívico-bohemia, en honra do gran mestre. O Orzán, o Berbés e un único manifesto en botella polos camiños do mar a prol da creatividade e da arte galega. Sábado 17 de decembro. Percalinópolys e Xouba City (isto é A Coruña e Vigo na terminoloxía do pintor) unidas outra vez pola vida, pola bohemia, polo talento abisal de Urbano Lugrís, profeta do atlantismo. O fato de enxarmantes da Coruña autedonimámonos IN NAVE CIVITAS (por suposto ti es membro de honra). Imaxinamos un acto en catro tempos:
1. Ás 20:00 horas: Obradoiro submarino. Xuntanza no palco da música de Méndez Núñez para decorar paraugas con debuxos de peixes. Así, se chove, facemos da necesidade virtude. Saída da manifestación atlántica presidida, con toda pompa e esplendor, polo son dos gaiteiros Os Vicentes de Elviña.
2. Camarote Lugrís. Intervención pictórica rápida na rúa Mantelería, diante do recanto que ocupaba o estudo de Lugrís.
3. Balada do Porto de Os. Estrea no Borrazás (Rúa Orzán, 165), café moi querido por Lugrís, dunha rapsodia inspirada no poema do mesmo nome, composta por Marcos Aboal e Lourenzo Castro.
4. Na Coiraza do Orzán, lectura e lanzamento -en botella- do manifesto, dirección ribeira do Berbés.” Texto de Xurxo Souto.
“Vento feliz o que de Norte a Sur enche as velas e move a olívica Nave das Ideas, con mascarón o símbolo de Venus, e tras si o ronsel labiríntico camiño desta nosa Ítaca negada. Atinado todo. Voltará Xerión.
Nesta Atlántida lugrisiana encantada (Hic habitat felicitas) que devolvedes, busco agora tabernas de poesía e Terra, ergo a cunca de louza como un Grial de Arturo e brindar por vós, por Nós polo Trasmundo estixio, eterno navegar o noso. Sempre torques áureo: do cabo do principio ó cabo do fin, busca da unión, da cosmogonía circular. Reclamaremos bardos e druidas, Pondal, Manuel Antonio, Cebreiro, Laxeiro, Seoane, Ramón de Trasalba, Manuel de Outeiro… Lugrís, memoria feita luz, estrelas no ceo do noso Oriente.
E mentres, neste mencer limpo pola Marola escoitaremos unha alborada senlleira de Emilio Corral. Aturuxo cravado no Ceo e no Mar.” Texto de Felipe-Senén.




