O
xoves 1 de marzo, ás 11:30 horas, no Centro Galego de Artes da Imaxe (Rúa Durán Loriga, 10) da Coruña, preséntase Febre, de Héctor Carré, publicado en Xerais. O acto, organizado para os alumnos e alumnas de Bacharelato Audiovisual do IES Adormideras, contará coa participación de Manuel Bragado e propio autor, quen falará cos estudantes da súa novela e sobre a relación da literatura co cine.
Santiago: presentación de Heroes de Galiza e de España
O
xoves 1 de marzo, ás 20:00 horas, na Libraria Pedreira (Rúa do Home Santo, 55) de Santiago de Compostela, preséntase o libro Heroes de Galiza e de España, publicado por Figurandorecuerdo(s)edicións. No acto intervirán Carlos Callón Torres, Xesús Redondo Abuín e Rosa Espiñeira Pan.
Santiago: presentación de Mortos de Ningures, de Pereledi (Pere Tobaruela e Ledicia Costas)
O
mércores
29 de febreiro, ás 15:15 horas, no Colexio Peleteiro de Santiago de Compostela, perante un auditorio constituído principalmente por rapaces de 11 anos, preséntase Mortos de Ningures, de Pereledi (Pere Tobaruela e Ledicia Costas), publicado por Everest Galicia. No acto participan os propios autores da obra.
Vigo: presentación de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, de Carlos Callón
A
cuarta feira 29 de febreiro, ás 20:15 horas, na Casa Galega da Cultura (Praza da Princesa) de Vigo, preséntase Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, de Carlos Callón, publicado en Xerais. No acto, organizado pola Mesa pola Normalización Lingüística, interveñen, xunto ao autor, Elsa Quintas, Pepe Carreiro e Manuel Bragado.
10 anos sen Carlos Casares
“O ABC dedicou
sete páxinas do seu suplemento literario do sábado, Artes & Letras Galicia, á lembranza de quen foi director de Galaxia, Carlos Casares, agora que se achegan os dez anos do seu pasamento. Podes descargarte esas páxinas do suplemento, en formato PDF, aquí.” Desde Galaxia.
Vigo: presentación de O morador da Fenda, de Roberto A. Rodrigues
O
mércores 29 de febreiro, ás 20:30 horas, no Centro Social Lume! (Avenida Alcalde Gregorio Espino, 55) de Vigo, preséntase a novela O morador da Fenda, de Roberto A. Rodrigues, publicado por Contos estraños, que inaugura a triloxía Os Abismos da Noite Eterna. No acto participa o propio autor.
Lugo: presentación do libro Emigrante dun país soñado. Luís Seoane entre Galicia e Arxentina
O
mércores 29 de febreiro, ás 20:00 horas, na Galería Sargadelos (Praza de Santo Domingo, 4) de Lugo, preséntase o libro Emigrante dun país soñado. Luís Seoane entre Galicia e Arxentina, editado polo Consello da Cultura Galega. Na presentación intervirán Ramón Villares, Benxamín Casal e Claudio Rodríguez Fer. Crónica posterior en El Progreso.
Henrique Monteagudo: “O PP e a Xunta dan ao galego menos apoio do que deberían”
Entrevista
a Henrique Monteagudo en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Do estado de saúde da lingua non fai unha diagnose moi positiva. ¿Tan mal anda a cousa?
– Henrique Monteagudo (HM): Atravesamos unha crise moi seria, non só polo que nos mostran os datos sobre a evolución do galego como lingua falada da poboación, senón tamén polos discursos sociais en expansión que cuestionan a lexitimidade, a conveniencia, a utilización… da normalización lingüística. (…)
– LVG: Afirma tamén que o idioma precisa apoio. ¿Préstallo a Xunta?
– HM: Home, creo que a Secretaría Xeral de Política Lingüística está dando un apoio que lle toca dar. O Partido Popular no seu conxunto e a Xunta no seu conxunto, menos do que deberían dar: con mensaxes contraditorias aquí e en Madrid, buscándolle sempre a volta a calquera cousa que sexa para favorecer o galego… e incluso tomando medidas que nalgúns casos restrinxen o alcance da oficialidade da lingua.
– LVG: Tras a súa incorporación á Academia, a porcentaxe masculina de membros da corporación sobe ao 85,2 %. ¿Que ocorre?
– HM: Creo que a Academia debera pensar niso. Son claramente partidario de que tome nota de que é imprescindible recoñecer a importantísima achega das mulleres á cultura galega. Non por promocionar ou darlle unha cota especial; simplemente, recoñecerlles ese papel.”
Henrique Monteagudo ingresou na Real Academia Galega
Desde
Galaxia:
“Solemnemente, rodeado de familiares e amigos, cunha ampla representacion da vida cultural, política e académica, Henrique Monteagudo Romero, filólogo, especialista en sociolingüística, autor de Galaxia e codirector da revista Grial ingresou con todos os honores na primeira institución da nosa cultura, fundada por Manuel Murguía en 1905, cun discurso sobre o presente e o futuro do idioma, ao que respondeu a académica Rosario Álvarez Blanco.
“O futuro do idioma galego está profundamente vencellado ao proxecto de futuro que sexamos quen de darlle ao noso país. Unha responsabilidade de todos, non só dos especialistas, non só dos intelectuais, non só dos partidos políticos, senón do conxunto da sociedade, homes e mulleres conscientes da significación dun activo tan importante para un pobo como é dispoñer de idioma de seu”, apuntou o novo académico.
“O futuro do idioma está nas mans dos homes e mulleres de Galicia, dos que o falan e mesmo dos que, aínda sen falalo, o consideran patrimonio fundamental da nosa identidade e da nosa historia”, engadiu. “Os pais e as nais han saber transmitilo aos fillos e aos netos. Os políticos teñen a responsabilidade de dotalo de recursos para a súa recuperación. A escola debe incorporalo de xeito activo e inequívoco, para facelo normal, como lingua de uso e vehículo de coñecemento. Pero é a sociedade no seu conxunto, a través das súas institucións públicas e das súas institucións civís, quen debe garantir ese futuro, que nos afecta como pobo, moito máis nestes tempos difíciles de discurso neoliberal, ideoloxía darwinista e globalizacion”. (…)”
O discurso completo pódese descargar aquí.
Henrique Monteagudo: “Nos conflitos lingüísticos, sempre ten vantaxe a lingua que se asocia á innovación social”
Entrevista
a Henrique Monteagudo en Praza:
“(…) – Praza (P): O modelo que nace nos oitenta entrou en crise?
– Henrique Monteagudo (HM): Entre 2005 e 2010 o proceso autonómico pechou un ciclo e non sei como vai continuar. Por un lado, debido ao propio esgotamento do modelo, e polo outro pola non implicación de axentes que poderían terlle dado contido real dinamismo a ese proceso, falo dunha parte do nacionalismo. En Catalunya e Euskadi a autonomía foi para adiante e foi un elemento de construción nacional porque son as forzas nacionalistas as que asumen a autonomía como un reto propio, e como un reto que non é do nacionalismo, senón que é do país. (…)
– P: Dis que a normalización non é ‘recuperación’ senón ‘innovación’. Poderías explicalo?
– HM: A min estas ideas de presentar as políticas de normalización como un proceso de recuperación dun ben perdido, esa mitificación da Idade Media, mesmo nalgún libro que se di serio afírmase que na idade media o galego era unha lingua normal, cando na Idade Media a inmensa maioría da poboación era analfabeta e a lingua de cultura era o latín. Ese é o modelo que queremos recuperar? A normalización lingüística é unha innovación social, é unha sociedade que quere modernizarse coa súa lingua, levándoa a aqueles ámbitos nos que non está presente.
– P: Que estratexias se deben seguir para mudar as tendencias negativas sobre o uso do idioma, que se perciben sobe todo nas cidades e na mocidade?
– HM: Os cambios lingüísticos van asociados aos cambios sociais. Nos conflitos lingüísticos, sempre ten vantaxe a lingua que se asocia á innovación social. Aquí tempo que abandonar esta retórica ‘pasadista’ e tentar conectar con aqueles sectores da sociedade máis innovadores; hai que presentarlles o galego non como algo do pasado, senón como un desafío de futuro. A xente segue identificando cultura galega con cultura tradicional, e iso ten que ver coa mensaxe que trasladamos nós. (…)”