‘Manuel Rivas reúne no libro O máis estraño relatos coñecidos e outros inéditos’

Manuel Rivas reúne en O máis estraño (Xerais), o seu novo libro, unha colección de contos nos que inclúen algúns dos relatos que acadaron identidade fóra dos libros, como A lingua das bolboretas, e outros textos que aínda non viran a luz dos lectores. Rivas presentou onte en Madrid a tradución ao castelán deste mesmo volume (Lo más extraño, publicado por Alfaguara) e presentará o vindeiro mércores en Santiago a súa edición en galego. Segundo o autor, os contos incorporados a esta recompilación de textos non están “reescritos”, pero si que se presentan aos lectores “cunha revisión estilística” para que vaian cos tempos. En calquera caso, Rivas, segundo explica, non quixo volver escribilos. “Tamén resistín a tentación de deixar de lado aqueles que xa non me gustan como cando os escribín”, afirmou o escritor. (…) O escritor, nomeado recentemente doutor honoris causa pola Universidade da Coruña, acaba de regresar de Serbia, onde presentou a versión para ese idioma da súa premiada novela O lapis do carpinteiro, sinalou en Madrid que os relatos “son a sombra dos soños e por iso o último dos relatos que inclúe este novo libro leva ese título”. É un dos tres inéditos que ofrece o volume, xunto co O espertar da criada e O misterio de Uz. (…).” Vía La Voz de Galicia.

Os Diálogos Galiza-Brasil rematan solicitando novas estratexias de cooperación

“O presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, e o representante da embaixada de Brasil en Madrid, Márcio Catunda, fechaban onte o encontro Conexões IV. Diálogos Galicia-Brasil que se desenvolveu estes días no Consello da Cultura en Compostela. Como conclusión do evento, salientaron a necesidade de procurar novas estratexias de cooperación mútua en materia cultural entre Galicia e Brasil. No encontro incidiuse nas posibilidades que abren os puntos comúns entre as dúas comunidades, especialmente a nivel lingüístico. Na súa intervención, Villares lembrou que para a institución que preside é unha aposta fundamental establecemento de conexións cos países de lingua portuguesa e nomeadamente co Brasil.” Vía Cultura Galega.

Ramón Villares recibe a medalla da Universidade de Lisboa como “investigador honorario”

“O catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela e presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares Paz, recibirá este xoves 20 de outubro a medalla do Instituto de Ciências Sociais da Universidade de Lisboa como “investigador honorario”. Segundo informou a USC nun comunicado de prensa, o profesor Villares, que será presentado por José Sobral, recibirá a mención da institución no acto de apertura do ano académico. Doutor en Historia (1980) e catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela dende 1987, foi tamén investigador principal de cinco proxectos de investigación (CYCIT e Xunta de Galicia), así como de varios convenios de asistencia técnica.” Vía Galicia Hoxe.

Revista Atenea, nº 42: Especial Poesía Visual

“A Revista Atenea, publicada polo Ateneo Ferrolán procura ofrecer, en cada número, unha miscelánea de colaboracións rigorosas e atentas aos temas do noso tempo, para elo conta coa colaboración de autores e autoras de Galicia e do resto da península, cunha especial atención a todo o concernente á cultura en galego, que sempre estivo presente na tribuna do Ateneo onde, por riba de todo, se divulgan todas as inquietudes intelectuais do noso país e danse a coñecer as primicias de novas correntes artísticas e literarias. Neste nº 42 da revista trimestral Atenea abordamos a poesía visual, unha forma experimental na que a imaxe, o elemento plástico, en todas as súas facetas, técnicas e soportes, predomina sobre o resto dos compoñentes. Esta forma de poesía no verbal, constitúe un xénero propio, e no campo da experimentación, os seus creadores móvense na fronteira entre os xéneros e as artes, como a pintura, acción poética, o teatro, a música e a mesma lírica discursiva, dando lugar a diversas formas de poética”. Neste novo número colaboran Agustín Calvo Galán, Alfonso Rodríguez, Ana González Moro, Ángels Jornet Sagués, Artemio Lándoas, Baldo Ramos , Bartolomé Ferrando, Corporación Semiótica, Cristina Ferreiro, Jesús García Eiroá, Jorge Chamorro, José Francisco Varela Rial, Eliso, Marisol Gándara, Miguel Ángel Alonso Diz, Paulo Pardo Carrera, Rosanegra e Sergi Quiñonero.

‘Cultura convocará en novembro as axudas para asociacións’

“A Consellería de Cultura volverá convocar en novembro as axudas para asociacións e fundacións desconvocadas esta mesma semana. A nova convocatoria terá a mesma contía, 300.000 euros, e as mesmas características, aínda que con cargo ao exercicio 2012. Segundo Cultura, as asociacións poderán presentar as súas peticións neste mesmo ano, en canto apareza publicada a convocatoria. Segundo o titular do departamento, Roberto Varela Fariña, “a suspensión da convocatoria debeuse máis a problemas técnicos polo fin do exercicio contable que a un recorte económico”. O conselleiro admitiu un retraso na resolución das axudas entre maio e outubro que impediu a execución da convocatoria no prazo, polo que “era máis sinxelo desconvocalas e convocalas de novo”. Asegura Varela Fariña que non houbo intención de “deixar desprotexidas as asociacións” e descartou que esta decisión favorecese outro tipo de actividades programas pola consellería. “Hai que manter un equilibrio entre a cultura que chamamos de base e a outra, pero quero lembrar que o 80 % da programación cultural da Cidade da Cultura faise con fondos privados e con artistas galegos”.” Vía La Voz de Galicia.

Muxía: presentación do poemario inédito Bretemada, de Gonzalo López Abente

O sábado 22 de outubro, ás 20:00 horas, na Casa do Voluntariado (Rúa Camposa, s/n.) de Muxía, preséntase o poemario inédito Bretemada, de Gonzalo López Abente, publicado conxuntamente pola Fundación López Abente e a Editorial Alvarellos na Colección Rescate. No acto participan Félix Porto, Xosé Luís Méndez Ferrín, Miro Villar, Olivia Rodríguez e Henrique Alvarellos. Reseña posterior en La Voz de Galicia.

Xavier Queipo: “Extramunde é unha novela política”

“A novela Extramunde (…) é foco desta entrevista con Xavier Queipo que se pode consultar na web do Diario CulturalExtramunde é unha novela política, declarou Xavier Queipo na entrevista de Ana Romaní e Anxo Quintela. A entrevista pode escoitarse aquí.” Vía Xerais.

Xavier Queipo: “A inquisición agora é o capital”

Entrevista a Xavier Queipo en La Voz de Galicia:
“- La Voz de Galicia (LVG): -Dúas palabras que definen á novela [Extramunde] segundo a presentación son polifónica e posmoderna.
– Xavier Queipo (XQ): Creo que nos dous casos queren explicar características que ten e que quizais se saian do convencional. Por unha parte, a polifonía pode ter que ver con que non hai un protagonista claro que leve o peso da historia. Vai cambiando en función do argumento e do escenario. Posmoderno igual ten que ver con que a estrutura non é a habitual. Tamén porque na novela van aparecendo moitas historias diferentes.
– LVG: Extramunde fala do poder da inquisición. Ese poder absoluto desapareceu, ¿ou cre que agora está noutras institucións?
– XQ: A novela fala da negación da diferenza. E a negación do diferente segue hoxe. Quizais en países sen ditadura pareza que non é así, pero dáse unha dobre moral porque en teoría todo está aceptado, pero na práctica as indemnizacións van para os directivos de NCG. Sempre hai unha clase dirixente e sempre gañan os mesmos, os que prefiren a inxustiza á desorde. A inquisición agora é o capital, que é quen está definindo as normas.
– LVG: Na convocatoria do libro propón acabar coa perspectiva periférica.
– XQ: Resúltame desagradable que me digan que son periférico. Eu crecín en Galicia e o central en Galicia é ser galego. Quería explicar tamén que non se trata de que me pareza mal ser español, nin que estea en contra. É que para min o central é ser galego e penso que o sistema de pensamento hai que construílo desde a reafirmación disto.”

Malpica: Cea das Letras, coa presentación de Amantes, de María Lado e As crebas, de Miro Villar, o 12 de novembro

O sábado 12 de novembro, ás 22:00 horas, na casa de turismo rural Casa Arpón (A Pontella, Malpica), terá lugar a Cea das Letras, na que se fallará o VI Certame de poesía erótica Illas Sisargas, e presentar o libro gañador da V edición, Amantes, de María Lado. O prezo da cea é de 25 euros, e é preciso anotarse previamente chamando ao número 675-607127. Os asistentes serán agasallados cun exemplar do libro.
Previamente, no salón de actos da Confraría de Malpica (Praza Anselmo Vilar Amigo, s/n.), ás 20:00 horas, preséntase o libro As crebas, de Miro Villar, publicado en Espiral Maior.