Ourense: presentación de Galeguismo e liberdade, de Carlos Vázquez Padín

O mércores 30 de marzo ás 20:00 h., na Livraria Torga (Rúa da Paz, 12) de Ourense, preséntase o libro Galeguismo e liberdade. Propostas para o século XXI, de Carlos Vázquez Padín, publicado en 2.0 Editora.

Calros Solla gaña o XIV premio de poesía Johán Carballeira

O xurado da XIV edición do Premio de Poesía Johán Carballeira, convocado polo Concello de Bueu, e constituído por Lucía Novas, Antón Lopo, Olalla Cociña e Xabier Framil Barreiro, escolleu, por unanimidade, como gañador o libro presentado por Calros Solla, Koyi Kabuto. Lume de ollos en MazinGZ. O xurado xustificou a súa resolución alegando que a obra “aposta por crear un mundo propio a partir de elementos da cultura popular contemporánea (desde o anime á televisión, pasando por internet e os petroglifos de Mogor). Cuestións de actualidade (a celulosa de Pontevedra, a ampliación da ponte de Rande, o tren de proximidade…) vehiculízanse nunha poesía enxeñosa e lúdica, descarada, con sabor a licor café e algo de resaca”. Segundo explicou o autor, a obra foi construída a tres voces. Unha é do transcritor, pois utilízase a técnica do manuscrito atopado. Outra é a do robot MazinGZ -trasunto galego de Mazinger Z-, e outra a do seu piloto, KoyiKabuto: “Quería que se acabasen confundindo as voces. No libro hai historias de amor e desamor, e de loita contra o mal. Os superheroes pelexan, nunha loita desigual, contra o mal -o goberno-, que quere acabar coa nosa lingua, a nosa cultura e o noso medio natural. Escollín a superherores porque é o que lle fai falta ó noso pobo contra os ataques á lingua e a cultura”.

Vigo: presentación do Dicionario de surrealismo e surrealistas, de Xesús González Gómez

O martes 29 de marzo, ás 19:30 h., no Verbum – Casa das Palabras (Avenida de Samil, 17) de Vigo, preséntase o Dicionario de surrealismo e surrealistas, de Xesús González Gómez, publicado por A Nosa Terra e a Fundación Eugenio Granell. O acto, no que participará o seu autor, será de entrada libre e gratuíta até completar aforamento (40 persoas).

A Coruña: presentación de Loita de clases e represión franquista no mar (1864-1939), de Dionísio Pereira

O martes 29 de marzo, ás 20:00 h., na Casa Museo Casares Quiroga (Rúa Panadeiras, 12) da Coruña, preséntase o libro Loita de clases e represión franquista no mar (1864-1939), de Dionísio Pereira, publicado en Xerais. No acto, organizado pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña e a editorial, participan Antón Santamarina, Xurxo Souto, Xosé Manuel García Crego e o propio autor. Crónica posterior en Galicia Confidencial.

Santiago: presentación de as desfeitas do día, de Pedro P. Riobó

O martes 29 de marzo, ás 20:00 h., na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago, preséntase o libro de poesía as desfeitas do día, de Pedro P. Riobó, publicado en Edicións Morgante. No acto terá lugar un recital audiovisual realizado por Sara Riobó con pinturas de Nuria Pahino dunha duración aproximada de vinte minutos, no que intervirán, ademais do propio autor, Lucrecia Carril e Alberto Álvarez.

A Coruña: conferencia de Celso Álvarez Cáccamo: A hegemonia social do galego

O martes 29 de marzo, a partir das 20:00 h., na Fundación Caixa Galicia (Cantón Grande) da Coruña, terá lugar a conferencia de Celso Álvarez Cáccamo sobre A hegemonia social do galego: Uma necessidade histórica, dentro dentro do ciclo Lingua, Literatura e Nación da A. C. O Facho