O xoves 31 de marzo, ás 20:00 h., na Galería Sargadelos (Rúa Rubalcava, 30-32, esquina Rúa María) de Ferrol, preséntase o libro O cine na comarca de Ferrol. As súas xentes. Os seus recursos. 1897-2010, de Luís Calvo, Aurora Vázquez e María Xesús Arias. O acto será presentado por Siro López.
Exposición en Monforte e concerto na Sala Nasa de Santiago en homenaxe a Lois Pereiro
A Coruña: conferencia de Ana Paula Tavares: Ser Escritora e Ser Africana, nos IV Encontros Cidade da Coruña
O mércores
30 de marzo, ás 20:00 h., no Salón de Actos da Real Academia Galega (Rúa Tabernas, 11), na Coruña, e con entrada libre até completar capacidade, terá lugar a primeira conferencia dos IV Encontros Cidade da Coruña, baixo o lema Ser Escritor, Ser Escritora, organizados pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co patrocinio da Concellaría de Cultura do Concello da Coruña e a colaboración da Real Academia Galega. Ana Paula Tavares falará sobre Ser Escritora e Africana.
Víctor F. Freixanes obtén o premio Irmandade do Libro na categoría de mellor autor
Os
premios Irmandade do Libro, que entrega anualmente a Federación de Libreiros, teñen xa gañador na categoría de mellor autor. Víctor F. Freixanes alzouse con este galardón na vixésima edición do certame pola súa novela Cabalo de ouros, publicado en Galaxia. Os organizadores anuncian que o resto dos vencedores daranse a coñecer o vindeiro 2 de abril, día no que, a partir das 21:00 h. se celebrará a cerimonia de entrega. As categorías pendentes de se coñecer son as do Libro do Ano, Obra Editorial, Centro de Ensino, Libraría, Institución e Fomento da Lectura. Vía Cultura Galega. Tamén reseñado en Galaxia, Galicia Hoxe, Galiciaé, La Opinión e La Voz de Galicia.
Ramón Villares: “A lingua non pode depender só das accións institucionais”
Entrevista
a Ramón Villares en Galicia Hoxe:
“- Galicia Hoxe (GH): Pero como se restitúe a posición pública do idioma galego?
– Ramón Villares (RV): Mediante medidas de discriminación. E iso unicamente pode darse mediante unha gran mobilización da sociedade civil ou unha acción institucional decidida. A sociedade galega confiou en que os poderes autonómicos fixesen ese traballo, que se manifestou na colocación do galego no sistema educativo e na construción dun sistema cultural.
GH: E dunha industria cultural?
RV: Claro, claro. Hai trinta anos a industria cultural en galego era mínima. Non quero dicir que hoxe sexa boiante, pero hai teatro, cinema, produtoras de audiovisuais, actores e actrices, medios públicos de comunicación en galego. Todo isto forma parte do mellor da autonomía. Pero a lingua non pode depender só das accións institucionais, ha de depender tamén do pulso social. E é aí onde eu percibo unha certa despreocupación. Agora, hai unha minoría que cre que o galego é un problema e hai outra minoría que cre que o é por outra razón, e hai unha ampla franxa social que está instalada nunha especie de comodidade. O galego non ten un nivel de resistencia moi alto desde o punto de vista sintáctico e fonético -é unha lingua romance moi próxima ao castelán e ao portugués- e, ao propio tempo, no seu uso non ten un alto limiar de resistencia. Marca menos falar ou non falar galego que catalán en Cataluña ou éuscaro no País Vasco.
– GH: Esa falta de empuxe da sociedade civil afecta tamén á industria cultural?
– RV: É que o problema está no sistema cultural no seu conxunto. Galicia non é unha potencia económica, e se algo a define é poder presentar no mundo a súa identidade cultural. Nos cinco continentes temos galegos e galegas que non renuncian á súa condición de galegos e galegas. Son pingas no océano, pero pingas importantes que se definen como galegas estean onde estean. Esta é nosa gran potencia. Ás veces, non nos decatamos diso e encerellámonos en debates domésticos esterilizantes.”
Xabier Quiroga: “A democracia esta, como a maioría delas, é comenencia dos que manexan o cotarro”
Entrevista
a Xabier Quiroga en Galicia Hoxe:
“- Galicia Hoxe (GH): Na miña opinión, Xabier, a túa narrativa, con catro novelas, é xa obra de grande solidez e forza na narrativa galega, e mesmo coido que hai un nexo común en todas elas, que non é outro que o afondamento constante nas paixóns menos visíbeis dos seres humanos á procura dun futuro que sorprendentemente achamos no pasado, non é?
– Xabier Quiroga (XQ): Atinas. Resulta que moitos dos meus personaxes miran conscientemente para o pasado coa finalidade de atopar o seu presente e mesmo para procurar o futuro. É como se nese pouso que se vai acumulando ao cabo dos anos por dentro de nós estivese a verdadeira esencia do ser humano. De aí esa procura, constante e esencial. Afóndase no que se coñece, no que pasou, no que sentimos, para asentar o que descoñecemos e será. (…)
– GH: Vivimos unha época de esplendor das letras galegas?
– XQ: Certamente. E agora matizo: esplendor de creación, de autores dispostos a entregar obras cando menos interesantes, e esplendor incluso de edición. Pero desfeita ou quebra do outro plano, o da base lectora. E o primeiro non pode subsistir sen o segundo. Se non hai lectores adultos e formados, por moito que nos institutos se programen lecturas obrigatorias, por moito que o abano para realizar unha escolla da creación literaria sexa moi amplo, se non se potencia o que tantos chaman a visibilidade das nosas letras, que non é outra cousa que ofertar, aínda que só sexa ao mesmo nivel que a literatura en castelán, os libros en galego nos andeis, nas librarías, nos centros comerciais, na edición dixital, se non se fai algo polo noso, ese esplendor irá esmorecendo. Isto que che digo podes relacionalo coa primeira pregunta, a da lingua. Se sabemos ou intuímos onde vai a lingua, a literatura vai detrás ou con ela.”
Paco Martín: ”Terra Chá é a bisbarra do mundo que dá máis escritores por ferrado”
Entrevista
a Paco Martín en El Progreso:
“- El Progreso (EP): Como respiran os libros para nenos en galego? Poden competir con calquera outro idioma?
– Paco Martín (PM): Estou orgulloso de compartir espazo con Xabier, Agustín, Manuel María e Darío, polo de agora, nomes aos que podemos engadir unha chea deles o que dá idea clara de que os libros en galego, tamén os que son para nenos, respiran con idénticos folgos que os de calquera outra fala e non precisan de competicións para demostralo.
– EP: Como valora a literatura galega? Costa saltar fronteiras? Ten o recoñecemento que merece?
– PM: Non é doado facer valoracións de algo que case sempre xoga en campo alleo e moitas veces co árbitro en contra, pero a literatura galega, a que nace en galego, cos altos e baixos normais en toda actividade, mantén un moi digno nivel aínda que, por ser este noso un idioma minorizado por razóns ben coñecidas, en determinados estamentos móvese con moita máis dificultade da que debera. (…)
– EP: Que opina das novas tecnoloxías? Publicaría en dixital ou prefire manter as súas letras nos libros?
– PM: Están aí e é bo que estean. De feito xa asinei algún contrato editorial por se fose o caso. De momento os dous soportes son compatibles…, claro que o meu segue a ser o papel.
– EP: Preoucupado polo galego, que opina da súa situación nas aulas?
– PM: Como ben di Eduardo Galeano, as cousas están tan desastrosamente mal que non nos podemos permitir ser pesimistas. E a ese optimismo forzoso é ao que nos debemos agarrar. A descarada falla de sensibilidade e de respecto que as autoridades académicas, e moitas das outras, están a demostrar agachando a súa pobreza de miras con desculpas nada convincentes por incertas, unidas á teimuda ignorancia dunha parte da sociedade, dificultan en moita medida a boa marcha de algo que debera ser, como noutros lugares é, do máis natural. As novas xeracións teñen a obriga de se facer oír, e con forza… Oxalá!”
O proxecto Tinta de Lura busca novos xeito de se achegar á poesía
Xosé Luís Regueira: “O uso de Internet abre moitas posibilidades para o galego”
Vigo: presentación de Noites, amenceres… e algo máis, de Asun Estévez
O
mércores 30 de marzo, a partir das 20:00 h., na Casa do Libro (Rúa Velázquez Moreno, 17) de Vigo, preséntase o libro Noites, amenceres… e algo máis, de Asun Estévez, publicado en Ir Indo. No acto intervirán Xesús Alonso Montero e Bieito Ledo, tendo lugar posteriormente un recital poético a cargo da propia autora, acompañada á guitarra por Estela Martínez Martínez e Alejandro Lorenzo Díaz.