Trinta obras finalistas compiten polos Premios AELG 2011

Os socios e socias da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega escolleron os finalistas da duodécima edición dos premios á mellor obra publicada no 2010 nas modalidades de ensaio, poesía, narrativa, tradución, teatro, blog literario, literatura infanto-xuvenil e traxectoria xornalística. Nestes dous últimos casos tamén participan na elección os asociados de Gálix e os membros do Colexio de Xornalistas respectivamente.
As obras gañadoras daranse a coñecer na Cea das Letras, un dos actos máis importantes na vida da Asociación de Escritores en Lingua Galega, que terá lugar o vindeiro 30 de abril no hotel Porta do Camiño de Santiago de Compostela. Así pois, da conxunción de votos emitidos nunha primeira quenda resultaron finalistas:

Blog Literario
1. Ferradura en tránsito, de Xosé Manuel Eyré.
2. O levantador de minas, de Alfredo Ferreiro.
3. Trafegando ronseis, de Gracia Santorum e Xosé Anxo Fernández Alonso.

Ensaio
1. A man que caligrafando pensa: do plástico-escritural e da manuscrita novoneyriana, de Carlos Paulo Martínez Pereiro.
2. Elucidacións na sombra. Análise e interpretación de dúas pezas de Carvalho Calero, de Manuel Castelao.
3. O clamor da rebeldía. Rosalía de Castro: ensaio e feminismo, de María Pilar García Negro.

Literatura Infanto-xuvenil (AELG-Gálix)
1. Contos para nenos que dormen deseguida, de Pinto & Chinto.
2. O pintor do sombreiro de malvas, de Marcos Calveiro.
3. O segredo de Marco Polo, de Francisco Castro.
4. Suso Espada. “Nota Roja”, de Francisco X. Fernández Naval.

Mellor traxectoria en xornalismo cultural 2010 (AELG-Colexio de Xornalistas)
1. Anxo Tarrío.
2. Daniel Salgado.
3. Fran P. Lorenzo.
4. Iago Martínez.
5. Ramón Nicolás.

Narrativa
1. O coitelo en novembro, de Marilar Aleixandre.
2. Obediencia, de Antón Lopo.
3. Periferia, de Iolanda Zúñiga.
4. Settecento, de Marcos Calveiro.
5. Todo é silencio, de Manuel Rivas.
6. Xuvia-Neda, de Vicente Araguas.

Poesía
1. Bater de sombras, de Francisco X. Fernández Naval.
2. Estremas, de Ana Romaní.
3. Retro(visor), de Antía Otero.

Teatro
1. Canibalismo, de Marcos Abalde Covelo.
2. Cínicas, de Teresa Moure.
3. Flores de Dunsiname, de Manuel Lourenzo.

Tradución
1. Bilbao-New York-Bilbao (Kirmen Uribe), na versión de Isaac Xubín.
2. Lóbrego Romance. Pálida Pantasma. As Lendas Espectrais de Malvadia (Jack Mircala), por Isabel Soto.
3. Randea do alento (Herta Müller), de Marga do Val.

Na segunda fase, xa en andamento, os asociados decidirán as obras gañadoras.

Alén destas categorías, os Premios AELG constan doutros dous galardóns outorgados pola Asemblea de Socios e Socias da AELG: o premio para a Institución que se caracterizase pola súa contribución á divulgación da literatura galega, que este ano será para a Fundación Penzol; e mais o Premio AELG 2011 Escritor Galego Universal, outorgado pola Asemblea ao escritor Antonio Gamoneda, galardón que o distingue como autor que combina a excelencia literaria co compromiso ético que o converte en referente na defensa da dignidade humana.

A nova recóllese en Cultura Galega, Xornal, Galicia Hoxe, A Nosa Terra, La Opinión, Xerais, Fervenzas Literarias, Galaxia.

A AELG avaliou coa Vicepresidencia primeira da Deputación de Lugo a actividade conxunta

O encontro entre Antón Bao, Vicepresidente primeiro da Deputación de Lugo e responsábel da Área de Cultura, e o presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez, acompañado do vogal da Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG, Antonio Reigosa, e do vogal por Lugo desta Asociación, Isidro Novo, tivo lugar o xoves 3 de marzo ás 18:30 h., co obxectivo de analizar a colaboración entre ambas entidades desde 2007 e avaliar o programa de actividades previstas para 2011, ano en que, malia a forte redución orzamentaria, mantén o seu apoio ao sistema literario en 2011 tamén a través da AELG.
A Asociación de Escritores entende que a decisión da Vicepresidencia de consolidar a colaboración na provincia de Lugo referenda a calidade das propostas e demostra a sensibilidade da institución na defensa, promoción e posta en valor do noso patrimonio de literatura oral e tamén lingüístico. Sempre desde un enfoque de cultura viva e participativa, ambas entidades colaboran na organización das Xornadas de Literatura de Tradición Oral, que este ano acadará a súa cuarta edición en outono baixo o lema Lendas urbanas. Mitos e ritos dos tempos modernos. Estes encontros teñen levado a Lugo especialistas de varios países, pero non se descoidou a transmisión dos contidos aos máis novos, para o que puntualmente se envían as actas, acompañadas dun DVD que permite a aproximación didáctica aos temas propostos, a todos os centros de ensino e bibliotecas da provincia.
Tamén coa premisa de convidar a sociedade a participar e gozar do seu patrimonio literario oral, continúase coa organización das Polafías, encontros nos que o elemento fundamental e imprescindíbel está constituído polos homes e mulleres, narradores, cantadores e romanceadores, da veciñanza onde teñen lugar. Sempre co obxectivo de recuperar usos de creación musical e literaria de carácter popular, por medio dunha adaptación das antigas xuntanzas tradicionais (fiadas, polavilas) aos tempos actuais, na que os recursos técnicos permiten darlle un carácter estábel axudándose das novas tecnoloxías, desde os aparellos de gravación, que favorecen o arquivo e estudo do recompilado, ata o uso de internet, para conseguir unha ampla difusión deste patrimonio a través da web da AELG.
Aprovéitase tamén esta plataforma, na súa sección Palabras con memoria, para recompilar e devolver ao sistema literario vocábulos que están na memoria dos nosos maiores e aínda non foron recollidas nos dicionarios. Esta iniciativa conxunta permitiu até o momento salvar do esquecemento máis de mil palabras ou expresións do noso patrimonio máis simbólico, o lingüístico.
Finalmente, acordouse colaborar tamén na homenaxe O Escritor na súa Terra, que en xuño recibirá o autor lugués Paco Martín, quen pasará así a ser socio de honra da Asociación de Escritores. O ente provincial participará así do sentido da homenaxe, que é facer que o escritor se sinta arroupado pola súa terra natal e as súas institucións.

A AELG adheriuse á convocatoria da manifestación Galiza ten dereito!

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega adheriuse á convocatoria da manifestación que, co lema Galiza ten dereito!, terá lugar en Santiago de Compostela o vindeiro domingo 13 de marzo. Pódese consultar aquí a listaxe de autobuses dispoñíbeis e os contactos para solicitar prazas.

Convocado o II Premio Rosalía de Castro de Lingua 2011 da Deputación da Coruña

“Para darlle continuidade ao premio creado o ano pasado en memoria de Rosalía de Castro, coa fin de recoñecer a promoción e dignificación do noso patrimonio lingüístico de forma desinteresada, a Deputación da Coruña convoca a II edición do premio de acordo coas seguintes bases:
Primeira. Obxectivos:
* Darlle continuidade á convocatoria do Premio Rosalía de Castro iniciada o ano pasado, destinado a recoñecer iniciativas, traballos recentes, traxectorias, de persoas individualmente, colectivos ou entidades comprometidas coa promoción e dignificación social do noso patrimonio lingüístico, ben no ámbito da provincia, autonómico, exterior ou global, que apostan decididamente de forma desinteresada ou cun apoio insignificante.
* Manter viva a memoria de Rosalía de Castro.
Segunda. Destinatarios:
Calquera persoa individualmente, colectivo, asociación ou entidade asentada en Galicia, coa súa residencia ou sede social no territorio da comunidade autónoma e aquelas que teñan unha especial incidencia ou desenvolvan a súa actividade na provincia da Coruña.
Terceira. Méritos que se valoran. Para conceder os premios o xurado terá en conta os seguintes criterios:
* Tarefa continuada desenvolvida en favor da normalización lingüística do galego.
* Actuacións concretas en favor da dignificación social da lingua galega.
* Uso habitual e digno do galego nas súas actividades e nos seus servizos.
* Campañas de información e/ou publicitarias en galego.
* Contribución á galeguización de sectores de especial relevancia económica, social e cultural.
O xurado poderá valorar outros méritos, que dará a coñecer, das persoas ou entidades que se propoñan.
Cuarta. Premio:
O premio concederáselle á persoa, colectivo, asociación ou entidade de ámbito galego en xeral e na provincia da Coruña en particular, que destaque pola súa traxectoria na promoción e dignificación da lingua galega ou que saliente por actividades que impliquen o espallamento da lingua galega no ano en curso. O Premio Rosalía de Castro de Lingua 2011 non ten dotación económica. O galardón consistirá nun recoñecemento honorífico acreditativo desta distinción.
Quinta. Prazo:
O prazo de presentación das candidaturas comezará o día seguinte da publicación desta convocatoria no Boletín Oficial da Provincia e rematará o 31 de marzo de 2011, a proposta de candidaturas será libre e non se poderá autocandidatar. As solicitudes presentaranse no Rexistro Xeral da Deputación da Coruña, Avda. Alférez Provisional 2, 15006 A Coruña, tomando como modelo o que figura como anexo a estas bases. Indicarase no sobre II Premio Rosalía de Castro de Lingua 2011, ou no enderezo electrónico normalizacion.linguistica@dicoruna.es. O xurado poderá propor candidaturas no transcurso da súa reunión.
Sexta. Xurado:
O xurado estará presidido polo presidente da Deputación, e formarán parte del: o deputado presidente da Comisión de Benestar Social, Políticas de Igualdade de Xénero e Normalización Lingüística, unha persoa representante de:
* Secretaría Xeral de Política Lingüística,
* Movemento asociativo da provincia da Coruña,
* Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística dos centros de ensino da provincia da Coruña,
* Universidade da Coruña ou Santiago de Compostela,
* Medios de comunicación, nomeado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia,
* Unha persoa de recoñecido prestixio pola súa contribución a prol da lingua galega.
Será nomeado polo presidente da Deputación, e actuará como secretario o da corporación ou o funcionario no que delegue. A composición farase pública, con anterioridade á súa reunión, no taboleiro e na páxina web da Deputación, co fin de que se poidan interpor, se é o caso, os recursos legais pertinentes. O xurado reunirase en sesión a ser posible única, sendo necesaria a asistencia da maioría simple dos seus membros. Para os efectos da validez da súa constitución aplicarase o disposto no art. 26.1 da Lei 30/1992 do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. As deliberacións serán secretas e delas redactarase a acta correspondente. O xurado poderá declarar deserto o premio. A decisión do xurado terá lugar no mes de abril de 2011 e darase a coñecer no taboleiro de anuncios e na páxina web da Deputación, e a través dos distintos medios de comunicación. O xurado queda facultado para interpretar estas bases.
Sétima. Entrega do premio:
A entrega do premio realizarase o 7 de maio na IV Festa da Lingua que esta Deputación prevé realizar na Casa de Cultura de Carballo.
Oitava. Candidaturas non seleccionadas:
Poderanas recoller ata finais de maio logo da presentación dun escrito asinado por algunha das persoas que formalmente presentaron a proposta no Servizo de Fomento-Unidade Técnica de Normalización Lingüística. Pasado este tempo entenderase que renuncian á súa propiedade.
Novena. A participación nesta convocatoria supón a total aceptación destas bases.”

Indignádevos!, de Stéphane Hessel, traducida ao galego

Indignádevos!, o opúsculo de Stéphane Hessel do que se venderon preto de dous millóns de exemplares en Francia e que está publicado nunha vintena de linguas, pódese ler en galego coa edición que Faktoría K deu a luz nos primeiros días de marzo. Manuel Rivas asina o prólogo desta obra directa, reivindicativa e axitadora cuxo autor, un veterán supervivente da barbarie nazi, se dirixe -aos seus rexos 93 anos- á sociedade en xeral, e á mocidade en particular, para que reaccione ante a inxusta realidade social, económica, política e medioambiental. A tradución de foi feita por Fernando Moreiras.