O martes
8 de febreiro, a partir das 19:30 h., na Biblioteca do Fórum Metropolitano (Rúa Río Monelos, 1) da Coruña, e con entrada libre até completar capacidade, ofrécese o espectáculo poético-musical de Lucía Aldao e María Lado Moita poesía, pouca diversión. Reportaxe posterior en Galicia Confidencial.
Xavier Rodríguez Baixeras: “A poesía non mudou moito cos anos porque é pura, sen artificios e sen un propósito lucrativo”
Entrevista
a Xavier Rodríguez Baixeras en El Progreso:
“- El Progreso (EP): Como ve vostede a situación da poesía en xeral e da poesía galega en particular?
– Xavier Rodríguez Baixeras (XRB): Respecto á situación da poesía eu penso que non hai moita mudanza. A poesía sempre foi algo íntimo e desinteresado e, polo tanto, iso convírtese en algo puro e sen artificios. Os poetas non escriben cun propósito lucrativo, nin o fan pola fama. É curioso porque trátase dun fenómeno que se da en todo o mundo, non só en Galicia ou en España. Eu estiven vivindo en Brasil e o certo é que a situación foi exactamente a mesma ca que estou a contar. A poesía sempre foi, en parte, unha actividade oculta, que é como realmente funciona. Se fose doutro xeito deixaría de ter esa esencia. Respecto á poesía galega hai que dicir que vive momentos moi felices. Dende a época do Rexurdimento está a vivir unha etapa moi boa e está a ser moi importante. (…)
– EP: Ultimamente está a recibir moitos premios. Como leva tanto recoñecemento xunto?
– XRB: Pois con tranquilidade. Eu xa estou nunha época na que un recibe as noticias con tranquilidade, pero iso non significa que non estea moi contento e satisfeito.
– EP: Cal é a función da poesía na actualidade?
– XRB: A poesía ten un labor moi importante, aínda que realmente a tivo sempre. Na actualidade penso que é un xeito de coñecer o pasado. Fai que poidamos comprender mellor a realidade actual porque entendemos o que vai detrás.”
Dolores Vilavedra: “O establishment da cultura galega desconfía da xente moza, é suicida”
Entrevista
a Dolores Vilavedra no Xornal:
“- Xornal (X): O Estatuto está nunha vía morta e a LNL abertamente cuestionada pola Xunta. Mesmo reparece o debate sobre que é ou non é literatura galega. É o final da literatura postautonómica?
– Dolores Vilavedra (DV): Ese é un debate pechado. A literatura galega é a literatura en galego, non podemos entrar nese xogo. Temos unha literatura consolidada, así que podemos abandonar de vez as posicións defensivas, que tampouco nos favorecen. Os desafíos son o libro electrónico e os novos lectores, a gran materia pendente nunha literatura que vai sempre tan xusta. (…)
– X: Que cambiou nos repertorios a entrada da muller no sistema literario galego?
– DV: Quen escribe dende a conciencia de subalternidade non pode facelo doutra maneira que non sexa poñendo todo o protagonismo nos espazos da subalternidade, sexa de xénero, sexa social ou cultural ou lingüística, e estou a pensar por exemplo na última novela de Iolanda Zúñiga, que é un clamor por facer visíbel a subalternidade. A muller contribúe a renovar os repertorios dun xeito complexo, sutil e profundo, e por tanto revolucionario. (…)
– X: Nesa lóxica, tamén é banal hoxe a polémica arredor do ciclo O ceo das letras?
– DV: Si, é banal, e ademais é unha polémica montada por persoas que o que quererían é estar coordinando ese ciclo. E ten que ver tamén coas dificultades do establishment para confiar na xente nova. É suicida. Este país e esta cultura, se se salvan, é pola xente moza.
– X: Habería outro affaire Xurxo Borrazás, na medida en que Arte e parte ou incluso Prosa vertical parecen reivindicar a autonomía do escritor?
– DV: Máis ben vexo na súa actitude, nos seus artigos, na campaña que montou contra Freixanes, unha reclamación: que se lle devolva ao escritor esa función de salvagarda da ética. É un rol periclitado, e por moito que non lle guste, non é algo que teñamos que lamentar.
Nace A Cuarta Parede, a primeira revista de cine en galego na rede
María Xosé Queizán: “A Real Academia é, en si mesma, machista e patriarcal”
Laiovento: “Se aguantamos 20 anos, seguiremos”
Longa
reportaxe sobre Laiovento en Galicia Hoxe:
“(…) O director de Laiovento [Francisco Pillado] insiste, por outra banda, en desbotar o tópico do mundo editorial galego como un sector subvencionado por cartos públicos. “O que fai a Xunta é mercar libros para dotar o sistema de bibliotecas galego. Vendémoslles libros, cun desconto importante. Niso consiste a axuda, non hai subvencións”, remarca.
Respecto disto, Suso Couceiro opina que o papel da Xunta debería ser, máis ben, “crear as condicións para que as empresas puidesen funcionar sen axudas. Favorecer, por exemplo, a comercialización dos libros, promocionar os libros. Se as editoras venden directamente nas bibliotecas e nos centros de ensino, nin os profesores nin os alumnos van ás librarías. Hai 20 anos era moito máis limitado o campo das editoras. E eu creo que as editoras aínda deben aumentar moito: ten que haber máis, e máis grandes, e teñen que publicar máis. Eu hai moito que digo que me gustaría que houbese tantas librarías como tabernas, en vez de ir pechando editoras e librarías”, comentou.
Para Pillado, a promoción do libro é tamén unha das eivas que aínda se manteñen. “Tería que haber festas da cultura galega que chegasen a todos os recantos do país. Festas que levasen o libro, a música, o teatro, a todos lados. E non só un Día das Letras Galegas. Moitos libreiros non contrubúen, tampouco, a visibilizar o libro galego, pois non poñen os libros galegos nos escaparates. Non é o caso de Suso, claro, unha das persoas que máis saben de libro galego, e que nos presta o seu almacén para os nosos libros, o seu local para o que precisemos…”, subliñou. (…)”
Manuel Rivas participa no Día Mundial das Linguas Maternas na UNESCO, e comeza a publicación da súa obra en Brasil
Os
escritores Manuel Rivas e Kirmen Uribe foron convidados a participar, os días 7 e 8 de febreiro, nos actos de celebración do Día Mundial das Linguas Maternas da UNESCO na sala dos Dereitos Humanos en Bruxelas, onde impartirán cadanseu recital poético nas súas respectivas linguas maternas, galego e eúscaro, con acompañamento musical. Ademais, ambos os dous escritores participarán en diversos actos, encontros e conferencias. Por outra banda, a editorial brasileira Tinta Negra (São Paulo) publica este mes de febreiro Que me queres, amor?, de Manuel Rivas, o primeiro chanzo para a publicación da obra completa de Rivas, responsabilidade que asume esa editora para todo o Brasil. A nova ven a través de Xerais. Aparece recollida tamén en Galicia Hoxe.
Fran Alonso: “[Trailer] Non lle gustaba á vella garda da literatura galega”
Entrevista a Fran Alonso en Xornal.
Santiago: presentación de Domingos de calcetíns brancos, de Manuel Pérez Rúa
O luns 7 de febreiro, ás 12:30 h., no Centro Ramón Piñeiro de Santiago de Compostela, preséntase o libro Domingos de calcetíns brancos, de Manuel Pérez Rúa, publicado en Galaxia, que gañou o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2009. O acto contará coas intervencións Anxo Lorenzo, Secretario Xeral de Política Lingüística; Luís Díaz, delegado xeral en Galicia de Gas Natural Fenosa; Víctor F. Freixanes, director xeral de Galaxia e Manuel Pérez Rúa, autor. Crónica posterior en Galicia Hoxe.
Santiago: Asemblea Xeral de socios/as da Asociación de Escritores en Lingua Galega
A
Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) celebra este sábado día 5 de febreiro a súa Asemblea Xeral de socios/as, ás 11:00 h. en primeira convocatoria e 11:15 h. en segunda convocatoria, no Salón de Actos do compostelán Museo do Pobo Galego, asemblea da que sairá o consello directivo que rexerá a AELG nos vindeiros dous anos e na que se desenvolverá a exposición do conxunto de actividades do bienio 2009-10. Ao final da Asemblea, previsto para as 12:45 no mesmo salón de actos, o Presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias e a Secretaria Xeral, Mercedes Queixas Zas, ofrecerán unha rolda de prensa para dar conta dos pronunciamentos da Asemblea sobre:
• As vindeiras actividades da entidade.
• Análise dos últimos acontecementos na cultura galega, concretamente no sector dos escritores/as.
• Sobre a Cidade da Cultura.