Foz: homenaxe literario-musical a Xavier Rodríguez Baixeras

O venres 4 de febreiro, a partir das 20:30 h., na Casa da Cultura Poeta Manuel María de Foz, a Asociación Cultural A Pomba do Arco organiza unha homenaxe literario-musical ao escritor mariñao Xavier Rodríguez Baixeras no que participarán, a máis da Banda Municipal de Foz, Juan Soto, xornalista e Cronista Oficial da Provincia, Suso Fernández, Cronista Oficial de Foz, Xosé María Alvárez Caccamo, escritor, e o propio homenaxeado, Xavier Rodríguez Baixeras. O acto será introducido polo presidente da entidade organizadora, o historiador Xoán Ramón Fernández Pacios.

Xavier Rodríguez Baixeras: “Concordo con Valente, a poesía é unha sondaxe na escuridade”

Entrevista a Xavier Rodríguez Baixeras en El País:
“- El País (EP): No prefacio do libro Deserto Diamantino alude ao “viaxeiro-poeta que, mais unha vez, se adentra no descoñecido”. Percibe a poesía como unha función vital?
– Xavier Rodríguez Baixeras (XRB): Cando non a teño, necesítoa. Non é doado atopar o momento para recollela, porque non valen todos e ela non sempre se deixa. Tamén son consciente de que a poesía é un acto de abandono… cousa que depende dos poetas. Dada a natureza da linguaxe, a poesía é algo insondábel, polo que para poder escribir preciso abandonarme, cómpre estar predisposto para a chegada da voz, do contrario sería falso. A autenticidade é fundamental, senón nótase. Concordo con Valente, que dicía que a poesía é unha sondaxe na escuridade. (…)
– EP: Que lle interesa do panorama actual das letras?
– XRB: A poesía galega é a expresión da orixe, o que me parece moi bonito, sobre todo nas poetas mulleres, claro que a estética é diferente. Interésame, sobre todo, a cuestión das orixes, de como o aborda unha rapaza que vén do rural, e non a orixe literaria ou libresca. É algo que ten que ver coa voz primixenia. O poeta ten que saber escoitarse, eliminar o que distorsiona a súa voz, como a ideoloxía. Dito así parece algo reaccionario, pero non o digo desde o punto de vista político, senón poético. O poema ten que ser espontáneo, cómpre procurar que non haxa interferencias e despois saber comunicar. (…)
– EP: Ser galego tende pontes no Brasil?
– XRB: Galicia está moi presente na realidade bahiana, o país ten aló fillos que xa son brasileiros e por calquera razón aparece a pegada. Mais non existe a relación literaria que debía haber, nin moito menos, e hai unha grande ignorancia por ambas partes. Con todo, un poeta brasileiro amigo meu sempre relata a inmensa emoción que sentiu cando visitou o leito de morte de Rosalía, na Casa da Matanza.”

A Coruña: presentación de Todo é silencio, de Manuel Rivas

O sábado 5 de febreiro, a partir das 18:30 h., na Biblioteca Municipal do Fórum Metropolitano (Rúa Río Monelos, 1) da Coruña, e con entrada libre até completar capacidade, preséntase a novela “Todo é silencio“, de Manuel Rivas, publicada en Xerais, coa participación de Rómulo Sanjurjo.

A Coruña: acto de homenaxe a Castelao de Galiza Cultura

O sábado 5 de febreiro, a partir das 12:00 h., no Kiosco Alfonso (Xardíns de Méndez Núñez) da Coruña, terá lugar o acto de homenaxe a Castelao, no 125 aniversario do seu nacemento, que forma parte das celebracións organizadas pola Federación de Asociacións Culturais de Galiza, Galiza Cultura, que, desde o 30 de xaneiro, está a se desenvolver polas principais vilas e cidades do país. Na Coruña, constará das seguintes intervencións:
– Colocación da lona conmemorativa do 125 aniversario do nacemento de Castelao.
– Intervencion de María Xosé Bravo, concelleira de Cultura da Coruña.
– Intervención, no nome de Galiza Cultura, de Roberto Catoira, presidente da entidade promotora da homenaxe na cidade, a A. C. Alexandre Bóveda.
– Lectura de textos de Castelao referidos á lingua galega a cargo de Xoán Carlos Mexuto.

Miguel Mato: Señardade da luz

Entrevista a Miguel Mato sobre o seu libro Señardade da luz en Galicia Hoxe:
“- Galicia Hoxe (GH): Xa ó principio do libro afirmas que tanto a visión labrega, como a etnográfica ou a política da obra de Manuel María, son reducionistas, pois o poeta era todo a un tempo e moito máis…
– Miguel Mato (MM): Na literatura galega houbo moitas veces opinións moi mediatizadas politicamente. E tamén hai unha tendencia a explicar a obra de Manuel María, como lle pasou a Ánxel Fole, desde unha perspectiva etnográfica, ruralista… Toda definición vai ser reducionista. É poeta da terra, si, pero tamén amosa unha elevación estética, unha vontade de estilo. Tamén é político, non só ruralista… Pero eu non creo no tópico do poeta da patria: era un bo poeta, e iso é o máis importante. (…)
– GH: O pesimismo era nel unha actitude vital e estética, apuntas. A angustia do mundo, o desacougo… Pero por outro lado celebraba a natureza, as pequenas cousas… e niso amosaba un vitalismo contraditorio con ese fatalismo…
– MM: Todos somos contraditorios. O pesimismo de Manuel María ten que ver coa súa biografía: perdeu a seu pai de novo… Despois foi o desacougo ante o que estaba a pasar en Galicia… Manuel María pertence a unha xeración que agardaba uns cambios que non se produciron. Por iso o sentimento de desencanto… Tamén miraba a espiritualidade das cousas, dos obxectos pequenos, contemplaba a marabilla dos pequenos obxectos… A súa era unha visión cósmica, panteísta. (…)
– GH: Creo que non o agradaba moito o culturalismo dos 80, aínda que este é un tópico que se está aínda a revisar. Que cres ti?
– MM: A verdade é que eu nunca lle escoitei diatribas sobre iso. Si, claro, el era un poeta comprometido, que cría na función social da literatura. E tamén era unha persoa culta… Dixo Cáccamo que o culturalismo só pode molestar os incultos. Ademais, eu creo que todo vai unido, o culturalismo é unha visión do mundo…”